Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 30 de outubro de 2020 Páx. 43163

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos. A materia de espectáculos públicos abrangue as actividades recreativas, tal e como sinalou o Tribunal Constitucional no Auto 46/2001, do 27 de febreiro.

Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado a Galicia en materia de espectáculos públicos, regulou o dito traspaso e, mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, de asunción e asignación de funcións e servizos transferidos, asumíronse as ditas funcións e servizos.

Con base na devandita atribución competencial, promulgouse a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. O artigo 4.c) desta norma legal establece que lle corresponde á consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas determinar o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas. Así mesmo, o artigo 5.f) dispón que lles corresponde aos concellos autorizar as ampliacións ou reducións sobre o horario xeral, atendendo aos criterios, os supostos e as circunstancias que, de ser o caso, figuren na orde de horarios prevista no artigo 17.

O artigo 17 do texto legal citado establece, no seu número 1, que mediante orde da persoa titular da consellería competente na materia, e logo do informe da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, determinarase o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e as actividades recreativas. E engade, no seu número 2, que a orde que determine os horarios de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos ou das actividades recreativas poderá establecer os criterios, os supostos e as circunstancias que permitan aos concellos autorizar, de xeito motivado, ampliacións ou reducións sobre o horario xeral.

A clasificación, denominación e numeración dos espectáculos públicos, das actividades recreativas e dos establecementos abertos ao público axústase ao disposto no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os que cabe destacar a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e goberno aberto, así como o trámite de audiencia aos sectores afectados.

De conformidade co artigo 10.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, en relación co artigo 4.1.e) do Decreto 82/2018, do 2 de agosto, polo que se regula a Comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, a dita comisión emitiu por unanimidade dos seus membros o seu informe favorable, na reunión do 9 de decembro do 2019.

Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente cómpre destacar que, coa aprobación desta orde, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, visto o que antecede e de acordo co Consello Consultivo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a determinación do horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

2. Constitúe, así mesmo, obxecto desta orde establecer os criterios, os supostos e as circunstancias que permitan aos concellos autorizar, de xeito motivado, ampliacións ou reducións sobre o horario xeral.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación a todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e aos establecementos e espazos abertos ao público en que se celebren, de conformidade coas tipoloxías establecidas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia.

Artigo 3. Normas xerais

1. Entenderase por horario de apertura o momento a partir do cal se permitirá o acceso ás persoas usuarias do establecemento aberto ao público ou ás persoas asistentes ao espectáculo público ou actividade recreativa.

2. A partir da hora de peche non se permitirá o acceso de ningunha persoa como usuaria ou asistente, respectivamente, ao establecemento ou ao espectáculo público ou actividade recreativa, e non se ofrecerá ou servirá consumición ningunha. Sen prexuízo das disposicións que ao respecto poidan ser adoptadas, consonte a normativa especial en materia de protección ambiental, deberán, de ser o caso, quedar fóra de funcionamento, a partir do devandito momento, a ambientación musical, as máquinas e demais aparellos de xogo, vídeo ou semellantes, os sinais luminosos, localizados no exterior do establecemento ou do espectáculo público ou actividade recreativa, e cesar as actuacións que se celebren, con independencia das tarefas propias de recollida e limpeza que desenvolva o persoal.

3. Será de aplicación ás instalacións eventuais, portátiles ou desmontables o mesmo réxime de horario que o fixado para as instalacións permanentes, en función do espectáculo público ou actividade recreativa que se estea a desenvolver.

4. En todo caso e para todos os establecementos regulados nesta orde, entre o seu peche e a apertura seguinte deberá transcorrer un período mínimo de 4 horas.

Cando coincidan o horario especial de peche e mais o tempo máximo de desaloxo xunto cunha ampliación de 2 horas autorizada polo concello e non sexa posible compatibilizar o peche e a apertura seguinte co disposto neste número, o establecemento en que concorran as devanditas circunstancias deberá, en todo caso, atrasar o horario xeral de apertura que lle corresponda durante o tempo necesario para que transcorra un período mínimo de 4 horas.

Artigo 4. Horario de apertura dos establecementos abertos ao público e de inicio dos espectáculos públicos e actividades recreativas

1. Os establecementos abertos ao público incluídos no número III.2.7. Establecementos de ocio e entretemento, do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, non poderán abrir antes das 12.00 horas da mañá.

2. O resto de establecementos abertos ao público, así como os espectáculos públicos e as actividades recreativas, non poderán abrir antes das 6.00 horas da mañá.

Artigo 5. Horario de peche dos establecementos abertos ao público e de finalización dos espectáculos públicos e actividades recreativas

O horario xeral de peche dos establecementos abertos ao público e o horario xeral de finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas é o seguinte:

I. Espectáculos públicos.

I.1. Espectáculos cinematográficos: 2.00 horas.

I.2. Espectáculos teatrais e musicais: 4.00 horas.

I.3. Espectáculos taurinos: 22.00 horas.

I.4. Espectáculos circenses: 1.00 horas.

I.5. Espectáculos deportivos: 2.00 horas.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición: 1.00 horas.

I.7. Espectáculos pirotécnicos: 1.00 horas.

II. Actividades recreativas.

II.1. Actividades culturais e sociais: 3.00 horas.

II.2. Actividades deportivas: 2.00 horas.

II.3. Actividades de ocio e entretemento: 2.00 horas.

II.4. Atraccións recreativas: 2.00 horas.

II.5. Festas e verbenas populares: 4.00 horas.

II.6. Xogos de sorte, envite ou azar: 4.00 horas.

II.7. Actividades de restauración: 3.30 horas.

II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas: 00.00 horas.

III. Establecementos abertos ao público.

III.1. Establecementos de espectáculos públicos.

III.1.1. Cines: 2.00 horas.

III.1.2. Teatros: 2.00 horas.

III.1.3. Auditorios: 2.00 horas.

III.1.4. Circos: 1.00 horas.

III.1.5. Prazas de touros: 22.00 horas.

III.1.6. Establecementos de espectáculos deportivos: 2.00 horas.

III.1.7. Recintos feirais: 1.00 horas.

III.2. Establecementos de actividades recreativas.

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos: 4.00 horas.

III.2.1.2. Bingos: 4.00 horas.

III.2.1.3. Salóns de xogo: 2.30 horas.

III.2.1.4. Tendas de apostas: 2.30 horas.

III.2.2. Establecementos para actividades deportivas.

III.2.2.1. Estadios deportivos: 2.00 horas.

III.2.2.2. Pavillóns deportivos: 2.00 horas.

III.2.2.3. Recintos deportivos: 2.00 horas.

III.2.2.4. Pistas de patinaxe:: 2.00 horas.

III.2.2.5. Ximnasios: 2.00 horas.

III.2.2.6. Piscinas de competición: 2.00 horas.

III.2.2.7. Piscinas recreativas de uso colectivo: 2.00 horas.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos.

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos: 2.00 horas.

III.2.3.2. Parques acuáticos: 2.00 horas.

III.2.3.3. Salóns recreativos: 00.00 horas.

III.2.3.4. Parques multiocio: 00.00 horas.

III.2.4. Establecementos para actividades culturais e sociais.

III.2.4.1. Museos: 00.00 horas.

III.2.4.2. Bibliotecas: 4.00 horas.

III.2.4.3. Salas de conferencias: 1.00 horas.

III.2.4.4. Salas polivalentes: 2.00 horas.

III.2.4.5. Salas de concertos: 4.30 horas.

III.2.5. Establecementos de restauración.

III.2.5.1. Restaurantes: 2.00 horas.

III.2.5.1.1. Salóns de banquetes: 3.30 horas.

III.2.5.2. Cafetarías: 2.30 horas.

III.2.5.3. Bares: 2.30 horas.

III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas: 00.00 horas.

III.2.7. Establecementos de ocio e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas: 6.00 horas.

III.2.7.2. Discotecas: 6.00 horas.

III.2.7.3. Pubs: 4.00 horas.

III.2.7.4. Cafés-espectáculo: 4.30 horas.

III.2.7.5. Furanchos: 2.00 horas.

III.2.8. Centros de ocio infantil: 22.00 horas.

Artigo 6. Tempo de desaloxo

Á hora de peche establecida acenderanse as luces xerais do establecemento e as portas de entrada e saída quedarán expeditas e abertas para que se poida producir o completo e ordenado desaloxo. Sen prexuízo dos límites que veñan impostos pola normativa sectorial ou de seguridade e orde pública, o desaloxo dos establecementos practicarase nos seguintes períodos de tempo, atendendo á súa capacidade:

a) Ata 500 persoas: no tempo máximo de 30 minutos, desde a hora de peche.

b) Desde 501 ata 2.999 persoas: no tempo máximo de 45 minutos, desde a hora de peche.

c) Desde 3.000 persoas ou máis: no tempo máximo de 1 hora, desde a hora de peche.

Artigo 7. Ampliación de horario máximo

O horario de peche dos establecementos abertos ao público e de finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas a que se refire esta orde ampliarase con carácter xeral:

– Media hora as noites que van do venres ao sábado, do sábado ao domingo e do domingo ao luns, así como as noites das vésperas dos días festivos e as propias noites dos días festivos.

Artigo 8. Modificacións de horarios

1. De acordo co artigo 17.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, os horarios xerais poderán ser ampliados ou reducidos nos supostos que se establecen nos artigos 9 e 10 desta orde.

2. Corresponderalles aos respectivos concellos, segundo o disposto no artigo 5.f) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, a ampliación ou redución dos horarios xerais.

Artigo 9. Ampliacións de horarios

1. Ao abeiro do disposto no artigo 5.f) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, os concellos poderán ampliar para todo o seu termo municipal ou para zonas concretas deste os horarios xerais de peche dos establecementos abertos ao público, así como de finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, durante a celebración das festas e verbenas populares, do Entroido, da Semana Santa e do Nadal, facendo compatible, en todo caso, o seu desenvolvemento coa aplicación das normas vixentes en materia de contaminación acústica.

2. Os concellos, mediante acordo do órgano competente, establecerán o número máximo de días naturais ao ano en que poderán ampliar os horarios de peche dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por Entroido o período comprendido entre o Xoves de Entroido e o Mércores de Cinza, ambos incluídos, por Semana Santa o período comprendido entre o Domingo de Ramos e o Domingo de Resurrección, ambos incluídos, e por Nadal o período comprendido entre o 22 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos incluídos.

4. En todos os supostos anteriores, as ampliacións de horario non poderán superar, en ningún caso, en 2 horas os horarios xerais de peche dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

5. Os concellos tamén poderán ampliar o horario xeral de determinados espectáculos públicos musicais de características específicas ou excepcionais ata un máximo de 2 horas.

Artigo 10. Reducións de horarios

1. Ao abeiro do disposto no artigo 5.f) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, os concellos poderán reducir para todo o seu termo municipal ou para zonas concretas deste, o horario xeral dos establecementos abertos ao público ou dos espectáculos públicos e das actividades recreativas regulados nesta orde polas causas que a seguir se relacionan e de conformidade co procedemento que se determine.

2. Serán causas de redución do horario a localización dos establecementos ou dos espectáculos públicos e actividades recreativas en áreas ou zonas de alta concentración destes ou as que se atopen cualificadas e delimitadas como residenciais, ambientais protexidas ou saturadas e cando a actividade que neles se desenvolva impida o dereito ao descanso da veciñanza.

3. Nas zonas ou áreas previstas no número 2 deste artigo e cando concorran as circunstancias mencionadas nel, poderase reducir o horario xeral de peche dos establecementos abertos ao público ou dos espectáculos públicos e das actividades recreativas en 2 horas.

Artigo 11. Apertura de portas dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas

Todos os establecementos abertos ao públicos, os espectáculos públicos e as actividades recreativas comezarán á hora anunciada e durarán o tempo previsto nos carteis ou, de ser o caso, na correspondente autorización.

Artigo 12. Réxime especial de horarios para determinadas actividades de restauración

1. Poderán acollerse a un réxime especial de horarios as actividades de restauración situadas nos seguintes lugares:

a) Áreas de servizo de estradas, aeroportos, portos, estacións de ferrocarril e estacións de autobuses.

b) Establecementos de hospedaxe.

c) Polígonos industriais.

d) Centros sanitarios e tanatorios.

2. Nestes supostos, poderán ter, como máximo, o horario fixado para o propio establecemento onde se desenvolva a actividade, sempre que as devanditas actividades de restauración vaian destinadas a satisfacer as necesidades das persoas profesionais e usuarias do establecemento e que neles se ofrezan exclusivamente bebidas e alimentos para o consumo inmediato, sen que, en ningún caso, poidan dispoñer de espazos específicos para a celebración de bailes ou medios de reprodución de música de ningún tipo.

Artigo 13. Réxime especial de horarios de peche de determinados establecementos abertos ao público

1. Os concellos que teñan obtido a declaración de zona de grande afluencia turística para os efectos de horarios comerciais, de acordo coa vixente normativa de comercio interior de Galicia, nos termos e cos límites temporais establecidos na correspondente declaración, poderán autorizar, logo da petición das persoas titulares das actividades de restauración, ocio e entretemento, horarios especiais, que supoñan unha ampliación dos horarios xerais de peche, para os devanditos establecementos.

Nestes supostos, as ampliacións de horario non poderán superar, en ningún caso, en 2 horas os horarios xerais de peche dos establecementos abertos ao público.

2. Os concellos poderán autorizar, logo da petición dos organismos ou entidades titulares da actividade, a ampliación dos horarios xerais de peche dos museos e das bibliotecas en máis de 2 horas, cando concorran circunstancias excepcionais que resulten acreditadas.

O concello resolverá o expediente de xeito motivado, facendo constar de forma expresa o período de vixencia da ampliación acordada. Transcorrido este, rexerá de novo o horario xeral.

3. Así mesmo, os concellos poderán autorizar, logo da petición dos organismos ou entidades titulares da actividade, a ampliación dos horarios xerais de peche dos establecementos para actividades deportivas en máis de 2 horas, cando concorran circunstancias excepcionais que resulten acreditadas.

O concello resolverá o expediente de xeito motivado, facendo constar de forma expresa o período de vixencia da ampliación acordada. Transcorrido este, rexerá de novo o horario xeral.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 16 de xuño de 2005 pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo