Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 30 de outubro de 2020 Páx. 43271

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2020 pola que se amplía o prazo de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento da Resolución do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Mediante a Resolución do 13 de abril de 2020 publicouse o Acordo do Consello de Dirección do Igape que aprobaba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 72, do 15 de abril de 2020).

Nesta resolución establecíase que o prazo de execución dos proxectos remataría o 30 de outubro de 2020 e que os beneficiarios deberían presentar a solicitude de cobramento, como máximo, o 15 de novembro de 2020.

Así mesmo, establecíase como condición para os proxectos aprobados que, ao rematar o prazo de execución, os produtos deberían estar certificados ou, cando menos, xustificar a presentación da solicitude de certificación oficial, e que, no caso de que o produto non obtivese a certificación ou homologación téndoa solicitado, se consideraría un incumprimento parcial, reducíndose a subvención ao 40 % do importe subvencionable.

A realidade amosa que algúns dos produtos sanitarios para loita contra o COVID exixen más dunha certificación, que son competencia de distintas administracións e que requiren dun tempo para a súa emisión, e prevese que moitas delas se emitan despois do 30 de outubro, o que provocaría que moitos dos proxectos aprobados estean en risco de perder unha porcentaxe da subvención concedida por causas alleas á súa vontade e a pesar de actuar dilixentemente.

Neste contexto, o Igape considera que se deben estender os prazos de execución para permitir a obtención da certificación dentro do novo prazo.

Por todo o anterior, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Fixar no 30 de novembro de 2020 a data límite tanto para finalizar a execución dos proxectos como para presentar a xustificación da súa execución establecida nos parágrafos segundo e terceiro do resolvo cuarto da Resolución do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica