Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 5 de novembro de 2020 Páx. 44028

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se fai pública a Resolución do 2 de outubro de 2020 pola que se fixa a contía das subvencións non condicionadas para gastos de funcionamento das formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e as entidades vinculadas ou dependentes delas, faise público coa súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2020

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Resolución do 2 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións
Institucionais e Parlamentarias, pola que se fixa a contía das subvencións
non condicionadas para gastos de funcionamento das formacións políticas
con representación no Parlamento de Galicia

I. En virtude do establecido na Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos seus orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgará ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia, e que en cada exercicio presenten declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos para seren beneficiarias, subvencións anuais non condicionadas para gastos de funcionamento en que incorran as ditas formacións no territorio da comunidade autónoma.

En cumprimento do artigo 35.1 da Lei 9/2015, e de acordo co artigo 14.2.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as declaracións responsables referidas no parágrafo anterior deberanse formalizar e asinar electronicamente no modelo establecido no procedemento PR004A, regulado na Orde do 4 de maio de 2017, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado.

Nos anos en que se celebren eleccións ao Parlamento de Galicia, as formacións políticas que obtivesen representación parlamentaria deberán presentar a declaración responsable, na sede electrónica da Xunta de Galicia, no prazo dos dez (10) días seguintes ao acto de proclamación de persoas electas, de acordo co previsto no artigo 35.5.c) da Lei 9/2015, na seguinte ligazón:

https://sede.xunta.gal/formularios/cumplimentacion/novo/PR004A

De acordo coa Lei 9/2015, estas subvencións recóllense expresamente no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, dentro da relación de recursos económicos das formacións políticas, e están expresamente excluídas da normativa xeral en materia de subvencións, consonte o previsto no artigo 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

II. Na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, consígnase un crédito de 2.000.000 € na aplicación orzamentaria 05.24.161A.481.0. para todo o ano 2020.

Celebradas as eleccións ao Parlamento de Galicia o día 12 de xullo de 2020, e de acordo co artigo 35.8 da Lei 9/2015, a cantidade global que se repartirá entre as formacións políticas que obtivesen representación parlamentaria será a resultante de descontar ao importe da partida consignada na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia o total aboado en concepto de subvencións para gastos de funcionamento, ata a data das eleccións, ás formacións políticas presentes no Parlamento de Galicia na súa anterior composición.

Unha vez realizados todos os libramentos ata o día das eleccións, e restado o seu importe ao crédito anual de 2.000.000 €, figura un remanente de 935.483,79 € con destino aos partidos resultantes das novas eleccións

III. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias é o órgano a que se atopa adscrito o crédito orzamentario indicado, de acordo coa clasificación orgánica que deriva da Lei de orzamentos, polo que resulta competente para ditar a resolución na cal se fixe a contía da subvención correspondente a cada formación política, de conformidade co disposto no artigo 35.2 da Lei 9/2015.

IV. Os criterios obxectivos que cómpre ter en conta para fixar a contía da subvención correspondente a cada formación política son aplicación das regras de repartición establecidas no artigo 33.2 da Lei 9/2015.

V. Á vista do Acordo do 27 de xullo de 2020 polo que se fan públicos os resultados xerais e por circunscricións e a relación de deputados e deputadas proclamados electos nas eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o día 12 de xullo de 2020, procede realizar a repartición da cantidade que se lles aboará ás formacións políticas que obtiveron representación parlamentaria, correspondente ao período comprendido entre o día 13 de xullo e o 31 de decembro de 2020.

De conformidade cos criterios establecidos no artigo 33.2 da Lei 9/2015, da cantidade pendente de aboar (935.483,79 €), un 40 % (374.193,52 €) deberá repartirse entre os 75 escanos totais do Parlamento de Galicia e o 60 % restante (561.290,27 €) en atención ao número total de votos obtidos polas candidaturas que obtiveron representación no Parlamento.

O coeficiente de repartición correspondente aos votos obtidos polas formacións políticas que obtiveron representación no Parlamento de Galicia (1.192.852 votos en total), calculado sobre o 60 % do crédito orzamentario previsto (561.290,27 €), é de 0,47054477 € por voto.

O coeficiente de repartición en atención aos 75 escanos existentes no Parlamento de Galicia, calculado sobre o 40 % do crédito orzamentario previsto (374.193,52 €) é de 4.989,246933 € por escano.

VI. Vistos os resultados oficiais das eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, e de acordo con todo o exposto anteriormente,

RESOLVO:

Fixar a contía das subvencións para gastos de funcionamento en que incorran as formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia no territorio da comunidade autónoma, durante o período comprendido entre o 13 de xullo e o 31 de decembro no exercicio 2020, que, de acordo coa aplicación dos anteriores coeficientes, queda establecida do seguinte xeito:

Asignación de contías en cómputo anual

Formacións políticas

Votos obtidos

Coeficiente multiplicador

Contía por número de votos (€)

Escanos

obtidos

Coeficiente multiplicador

Contía por número de escanos (€)

Importe total anual (€)

PP

627.762

0,47054477

295.390,13

42

4.989,246933

209.548,37

504.938,50

PSdeG-PSOE

253.750

119.400,73

14

69.849,46

189.250,19

BNG-NÓS

311.340

146.499,41

19

94.795,69

241.295,10

Formacións políticas

Importe asignado xullo

tras as eleccións

(desde o día 13 ao día 31)

Importe mensual asignado

correspondente a cada un dos 5 meses restantes do ano 2020 (de agosto a decembro)

PP

55.778,10

89.832,08

PSdeG-PSOE

20.905,54

33.668,93

BNG-NÓS

26.654,70

42.928,08

O aboamento efectuarase por meses naturais, na conta bancaria indicada polas formacións políticas na declaración responsable presentada, e ratearanse por días os períodos inferiores a un mes, salvo o primeiro pagamento, que poderá comprender máis dunha mensualidade.

De conformidade co previsto no artigo 3.catro da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, e no artigo 34 da Lei 9/2015, as subvencións previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra axuda económica ou financeira incluída nos orzamentos xerais do Estado ou nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinada ao funcionamento das formacións políticas, agás as sinaladas no artigo 2.un da dita lei orgánica.

Procederá a suspensión do pagamento das subvencións nos supostos previstos nos puntos cinco, sete e oito do artigo 3 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, e no artigo 36.2 da Lei 9/2015.

Para a fiscalización das subvencións para gastos de funcionamento, de acordo co disposto no artigo 37 da Lei 9/2015, haberá que aterse ao establecido na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, sen prexuízo das normas concretas sobre gastos subvencionais e procedemento de xustificación que a Xunta de Galicia poida ditar en desenvolvemento da Lei 9/2015.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020. Blanca García-Señoráns Álvarez, directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias