Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 6 de novembro de 2020 Páx. 44252

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2020 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C).

O 6 de agosto de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, polo que se regula o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla.

No seu artigo 1 sinálase que o seu obxecto é regular a concesión directa, con carácter extraordinario e por razóns de interese público, social e económico, de axudas ás comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla, así como a súa distribución e entrega, nas contías e termos que figuran no seu anexo II. Así mesmo, o real decreto establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións do Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes.

A finalidade deste programa é contribuír a acadar os obxectivos ambientais e enerxéticos establecidos na normativa da Unión Europea, mediante a realización de actuacións de reforma de edificios existentes, con independencia do seu uso e da natureza xurídica dos seus titulares, que favorezan a redución do consumo de enerxía final e das emisións de dióxido de carbono, mediante o aforro enerxético, a mellora da eficiencia enerxética e o aproveitamento das enerxías renovables, contribuíndo a acadar así os obxectivos de redución do consumo de enerxía final que establece o artigo 7 da Directiva 2012/27/UE, do 25 de outubro de 2012, conforme as condicións establecidas neste real decreto e o que se dispoña polas respectivas convocatorias que efectúen as comunidades autónomas.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que é o organismo encargado da xestión deste programa nesta comunidade, solicitou e aceptou expresamente, ao abeiro do artigo 6.2 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, a axuda concedida correspondente a este programa.

Do mesmo xeito, en cumprimento da obriga establecida no artigo 7.2 do citado real decreto, no que se indica que as comunidades autónomas deben efectuar a convocatoria deste programa nun prazo de tres meses, contados desde a súa data de entrada en vigor, a cal tivo lugar o pasado 7 de agosto, tramítase esta resolución.

De conformidade coas facultades atribuídas nos artigos 11 e 13.7, para a configuración de determinados elementos deste programa, a Comunidade Autónoma de Galicia considera, por razóns de eficacia e axilidade na súa xestión, limitar, por unha banda, as persoas e entidades beneficiarias destas axudas e, por outra, o seu destino só para os edificios de vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, descartando os edificios destinados a outros usos.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado, o cal, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

Tendo en conta que este programa será cofinanciado con fondos europeos no marco do Programa operativo plurirrexional de España 2014-2020 (POPE), serán de aplicación os mecanismos de xestión, control, información e publicidade dos ditos fondos.

A tramitación desta convocatoria axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 habilítanse os créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime de adxudicación

1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, para a anualidade 2021, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 16.2 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Segundo. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras deste programa contidas no Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, polo que se regula o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla, publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 212, do 6 de agosto.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. Crédito orzamentario e contía das axudas

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 5.500.000 euros para a anualidade 2021, 9.499.999 euros para a anualidade 2022 e 1.938.443 euros para a anualidade 2023.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nestas convocatorias poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida nos anexos I e IV do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto.

Cuarto. Actuacións subvencionables

1. De conformidade co establecido no artigo 13.6 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, as actuacións subvencionables deben encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías e cumprir cos requisitos específicos que se establecen para cada unha delas no anexo IV do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto:

a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria (tipoloxía 2).

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).

Mediante estas actuacións terase que conseguir e xustificar unha redución do consumo de enerxía final e das emisións de dióxido de carbono con respecto á súa situación de partida e cumprir coas condicións establecidas nas bases reguladoras.

En concreto, no serán elixibles aquelas actuacións que non alcancen e xustifiquen unha redución do consumo de enerxía final dun 10 % con respecto á súa situación de partida e que non melloren a cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano), con respecto á cualificación enerxética inicial do edificio. Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A e se propoñan medidas de mellora.

Esta mellora da súa cualificación enerxética poderá obterse mediante a realización dunha tipoloxía de actuación, dunha combinación de varias ou mediante a realización de medidas parciais dunha ou de varias actuacións diferentes.

2. As actuacións subvencionables deberán realizarse:

– En edificios completos que teñan os usos de vivenda unifamiliar ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda (opción A).

– Nunha ou varias vivendas o locais do edificio, consideradas individualmente ou sobre partes dun edificio (opción B).

3. Só se admitirán actuacións iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude da axuda, non considerándose subvencionable ningún custo relativo á execución da actuación que teña sido facturado con anterioridade, sen prexuízo dos custos correspondentes a actuacións preparatorias que sexan necesarios para presentar a solicitude, como poden ser proxecto, memorias técnicas, certificados etc., que si poderán ser considerados subvencionables, aínda cando tivesen sido facturados con anterioridade e sempre que, en todo caso, estas actuacións preparatorias se tivesen iniciado con posterioridade ao 7 de agosto de 2020, data de entrada en vigor do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto.

No suposto de que a axuda se solicite para obras que combinen simultaneamente dúas ou máis das tipoloxías das sinaladas no anexo IV do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, os custos das actuacións preparatorias deberán repercutirse porcentualmente entre cada unha delas para o cálculo total da axuda solicitada, o que se reflectirá no Informe xustificativo sinalado na letra c) do ordinal noveno.

4. As actuacións obxecto da axuda deberán cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estás as requiran.

5. Para o outorgamento das axudas deben cumprirse, ademais, os seguintes requisitos:

a) Que o edificio fose construído con anterioridade a 2007.

b) Que polo menos un 70 % da superficie construída sobre rasante do edificio estea destinada a uso residencial. Neste caso, a contía da axuda aplicarase como uso vivenda a toda a superficie sobre a que se actúe, con independencia de que o uso non sexa na súa totalidade como vivenda.

6. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As realizadas en edificios de nova construción.

b) As intervencións en edificios existentes que supoñan unha ampliación, en que se incremente a superficie ou o volume construído.

c) As intervencións en edificios existentes que supoñan un cambio de uso do edificio.

7. De conformidade co artigo 16.6 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, o prazo máximo para a conclusión das actuacións será de 18 meses, contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda. Só poderá autorizarse unha ampliación dos prazos fixados para a execución das actuacións cando obedeza a circunstancias imprevisibles, debidamente xustificadas, que fagan imposible o seu cumprimento, pese a terse adoptado polas persoas ou entidades beneficiarias as medidas técnicas e de planificación mínimas que lles resultaban exixibles. En ningún caso se poderán autorizar ampliacións de prazos para a execución da actuación que superen no seu cómputo total os vinte e catro meses, contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda.

Quinto. Custo elixible

1. Os custos elixibles das actuacións son os establecidos no punto 2 do anexo IV do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto.

2. Tamén serán custos elixibles os gastos de xestión da solicitude que o solicitante puidese satisfacer a unha empresa ou profesional por levar a cabo a xestión administrativa e documental da súa solicitude. En ningún caso estes gastos de xestión superan o 4 % do importe da axuda solicitada, cun límite de 3.000 euros por expediente.

3. Igualmente, serán custos elixibles os gastos de xestión da xustificación da realización das actuacións que a persoa ou entidade beneficiaria puidese satisfacer a empresas ou profesionais por levar a cabo a xestión técnica, administrativa e documental da xustificación ante o órgano instrutor da realización das actuacións. En ningún caso estes gastos de xestión poderán superar o 7 % do importe da axuda solicitada, cun límite de 7.000 euros por expediente.

4. Non se consideran elixibles os custos de licenzas, taxas, impostos ou tributos, salvo o imposto do valor engadido (IVE), que será elixible sempre e cando non poidan ser susceptibles de recuperación ou compensación total o parcial.

Sexto. Persoas ou entidades beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, poderán ser beneficiarias destas axudas, sempre que teñan residencia fiscal en España:

a) As persoas físicas que sexan propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias o as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias, ben a titulo individual, o ben, en canto pertencentes a unha comunidade ou agrupación de persoas propietarias das previstas nas letras b) ou c) do punto anterior, deberán posuír a nacionalidade española ou a de algún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán ter residencia legal en España.

3. Para que as entidades que carezan de personalidade xurídica propia sexan beneficiarias, coa excepción das comunidades de persoas propietarias, deberán constituírse en agrupación legalmente constituída e con estatutos vixentes, de acordo a calquera das formas que admita a lexislación en vigor, debendo constar expresamente na solicitude a composición e porcentaxes de participación de cada un dos membros. Nestes casos, a responsabilidade da execución total do proxecto e do investimento recaerá sobre o conxunto da agrupación, quen debe designar e facultar unha persoa representante para tramitar a solicitude de axuda, realizar a xustificación do investimento, recibir a axuda que se puidese outorgar e proceder á repartición a cada un dos seus membros.

4. As persoas e entidades beneficiarias deberán atoparse ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, así como do resto de obrigacións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

6. As persoas e as entidades beneficiarias deberán destinar o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate dunha comunidade, dunha agrupación de comunidades de persoas propietarias ou dunha agrupación de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe desta como o custo das obras, deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, ou do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á devandita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día 2 de xaneiro ata o 31 de xullo de 2021, salvo que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Oitavo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora á presente resolución como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: a opción da actuación, os datos do edificio ou vivenda que se vai rehabilitar, o consumo de enerxía final e a cualificación enerxética actuais e as previstas tras a rehabilitación, o investimento total, o gasto subvencionable, o importe total da axuda solicitada, así como as anualidades de execución, a porcentaxe de orzamento que se vai executar e a axuda que se vai xustificar en cada unha delas. No caso de solicitar dúas ou máis tipoloxías de actuacións e optar, ademais, pola axuda adicional, deberán indicar a porcentaxe de mellora da demanda global de enerxía de calefacción e refrixeración resultante despois da rehabilitación.

No momento da presentación da solicitude, o certificado de eficiencia enerxética do edificio ou vivenda existente deberá constar inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

3. No modelo de solicitude deberán realizarán as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que solicite ou lle sexa concedida para esa mesma finalidade, con indicación da súa contía.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria deste programa.

g) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa física ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do inmoble, no caso de que a solicitante sexa unha persoa física ou unha agrupación de persoas propietarias que non consten como titulares catastrais.

c) Informe xustificativo asinado pola persoa solicitante, que no caso dunha comunidade de persoas propietarias será o/a presidente/a, en que se indicarán as tipoloxías de actuación en que se encadra a axuda solicitada, a descrición das actuacións subvencionables, a xustificación do custo elixible e a contía máxima da axuda solicitada.

d) Certificado da eficiencia enerxética do edificio alcanzado tras a reforma proposta para a que se solicita a axuda, segundo o Real decreto 235/2013, do 5 de abril, demostrando que o proxecto permite dar un salto en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano), con respecto á cualificación enerxética inicial do edificio e unha redución do consumo de enerxía final dun 10 % con respecto á súa situación de partida, exclusivamente coas medidas para as que solicita axuda. O certificado deberá estar asinado por un/unha técnico/a competente, non será necesario que este certificado de eficiencia enerxética estea inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

e) Proxecto ou memoria técnica, no caso de que non se requira proxecto, onde se describan adecuadamente as actuacións que se van realizar e a situación de partida, subscrita por técnico/a competente ou instalador, de ser o caso. No proxecto ou memoria técnica xustificarase o cumprimento das exixencias básicas do Documento Básico do Aforro de Enerxía DB-HE do Código técnico da edificación que sexa de aplicación á tipoloxía para a que se solicita a axuda.

f) Orzamento da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado, de data posterior ao 7 de agosto de 2020.

g) Documento ou oferta vinculante contractual formalizada coa empresa ou profesional correspondente para a xestión técnica, administrativa e documental da solicitude, de ser o caso.

h) Anexo II, de comprobación de datos das persoas partícipes nas obras e interesadas na subvención (deben presentarse tantos anexos II como vivendas participes e interesadas na subvención se sinalen nos anexos I, III e IV).

i) Anexo III, de certificado do/s acordo/s da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de nomeamento do presidente, do administrador e/ou secretario da comunidade de propietarios, de aprobación da realización das obras necesarias para a rehabilitación enerxética de edificio existente, de solicitar a axuda deste programa e de facultar o presidente como representante para realizar a tramitación da axuda, e da relación das persoas propietarias partícipes nas obras, con indicación das súas correspondentes cotas de participación nelas e o número total de vivendas que integran o edificio.

j) Anexo IV, de certificado do acordo da agrupación de persoas físicas propietarias no seu conxunto do edificio obxecto da actuación, que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título de constitutivo de propiedade horizontal, onde se aprobou a creación da agrupación, se acordou a execución das obras, se nomeou un representante para a presentación, seguimento da solicitude das axudas e cumprimento das obrigas que como persoas copropietarias lles puidese corresponder e que constará como solicitante da axuda, debendo especificar a relación das persoas propietarias participes nas obras, con indicación das súas correspondentes cotas de participación.

2. As solicitudes que no momento da súa presentación non veñan acompañadas, de ser o caso, dos documentos sinalados nas letras c), d), e), h), i) e j) do punto 1 deste ordinal serán automaticamente inadmitidas.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.

4. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas e as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante, así como das persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio, partícipes nas obras e interesadas na subvención.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado acreditativo de non ter débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención.

f) Certificado catastral de titularidade correspondentes á persoa solicitante ou, de ser o caso, ás persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso e o ano de construción, para as actuacións promovidas por comunidades ou por agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias ou pola persoa física propietaria.

h) Consulta de bens inmobles.

i) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

j) Certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual, co contido que establece o artigo 6 do Procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios do Real decreto 235/2013, do 5 de abril, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

k) Consulta da inclusión dunha edificación no ámbito dunha Área de Rexeneración e Renovación Urbana, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

l) Consulta de que o edificio ou vivenda foi cualificado definitivamente baixo algún réxime de protección pública, no caso de que fagan constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

m) Consulta de subvencións e axudas.

n) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Órganos administrativos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Decimo cuarto. Procedemento de concesión

1. Sen prexuízo do establecido no punto 2 do ordinal noveno desta resolución, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriráselle á persoa ou entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa ou a entidade solicitante non poderá modificar a súa solicitude, aumentando o importe do custo das actuacións, variando os tipos de actuacións que se van realizar, nin incrementando o importe da axuda solicitada.

3. O órgano instrutor poderá requirir a persoa ou a entidade solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.

4. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo o dereito proceda.

5. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes do 31 de xullo de 2021, data de perda de vixencia deste programa, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas, de conformidade co establecido no artigo 17 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto.

6. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS www.igvs.xunta.gal, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para resolver e notificar resolución deste procedemento será de seis (6) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará á persoa ou entidade beneficiaria as actuacións subvencionables, o custo elixible, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, o seu prazo de finalización e de xustificación e, de ser o caso, a procedencia do financiamento da axuda con cargo a fondos europeos

Para o caso de que a solicitude configurase a subvención con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada no ordinal décimo oitavo desta resolución.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

Décimo sexto. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Ademais das recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e as entidades beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución da actuación presentando os documentos sinalados nas bases reguladoras e no ordinal décimo oitavo desta resolución.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución e ás que se deriven da normativa aplicable á xestión de axudas cofinanciadas con Fondos Comunitarios Feder.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Comunicar ao IGVS a alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas deste programa.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

h) Dar a axeitada publicidade e información de que as actuacións están subvencionadas no marco do Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética de edificios existentes, de conformidade co establecido no artigo 21 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, e no artigo 115 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro.

i) Cumprir as demais obrigas que derivan das bases reguladoras contidas no Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, e desta resolución de convocatoria.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo oitavo. Xustificación da subvención

1. As persoas e as entidades beneficiarias deberán comunicar ao órgano instrutor o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. A comunicación da execución parcial das actuacións deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días, contado desde o seguinte ao da finalización das obras desa anualidade. A comunicación da execución final das actuacións deberá realizarse nun prazo máximo de tres (3) meses, contado desde o seguinte ao da finalización das obras ou do prazo máximo de concedido para a súa execución na resolución de concesión. A comunicación realizarase mediante a presentación do anexo V que se acompaña a esta resolución.

2. A comunicación de execución parcial das actuacións deberá ir acompañada, tanto para a opción A como para a opción B, da seguinte documentación:

a) No caso de ter iniciado as obras, licenza de obras ou comunicación previa, para o suposto de que a actuación non requira licenza, e acta de inicio das obras ou certificado emitido polo/a técnico/a responsable da súa execución.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

c) Memoria explicativa das obras realizadas asinada por persoa técnica competente.

d) De ser o caso, fotografías que amosen as obras realizadas.

e) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) De conformidade co sinalado no punto 2 do ordinal décimo noveno, documento acreditativo da constitución das correspondentes garantías, cando estas sexan obrigatorias.

3. De conformidade co sinalado no anexo III, letra B, do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, a comunicación de execución final das actuacións e a súa xustificación para a opción A deberá vir acompañada, ademais da documentación sinalada nas letras a) e e) do punto anterior, no caso de que non se presentase con anterioridade, coa documentación que proceda, da sinalada a continuación:

a) Certificado final da obra subscrito pola dirección facultativa, no suposto de actuacións de mellora da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Certificado da instalación térmica, subscrito polo/a director/a da instalación ou instalador autorizado, rexistrado no órgano competente da comunidade autónoma de acordo co RITE, no caso das actuacións sobre instalacións térmicas (tipoloxía 2).

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, conforme o exixido polas bases reguladoras e pola resolución de concesión da axuda, con indicación das actividades realizadas, dos resultados obtidos e a data de conclusión das actuacións. Esta memoria será realizada e subscrita por un/unha técnico/a titulado/a competente autor/a do proxecto ou da dirección facultativa da obra.

d) Relación certificada e copia dos pedidos e/ou contratos relativos ás actuacións realizadas.

e) Relación certificada e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, relativos ao investimento elixible realizado e que respondan ao orzamento e contratos presentados. No caso da cesión dos dereitos de cobramento da subvención previstas no ordinal vixésimo, considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

f) Reportaxe fotográfica das actuacións realizadas, que inclúa fotografías da situación do edificio despois das actuacións e, de ser o caso, dos equipamentos e instalacións principais finais obxecto da axuda, e onde se amose o cartel publicitario da actuación. Información e enlace ao sitio da Internet da beneficiaria, no caso de que dispoña dun, onde o dito destinatario último das axudas informará ao público do posible apoio obtido dos Fondos Europeos Feder e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, facendo unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

g) Documentación xustificativa sobre o proceso de contratación das actuacións por parte do destinatario último das axudas.

h) Declaración responsable, previa á xustificación por parte da beneficiaria, garantindo o proceso de contratación das actuacións, o cumprimento das normas nacionais e comunitarias sobre requisitos de igualdade de oportunidades e non discriminación aplicables a este tipo de actuacións o cumprimento das normas ambientais nacionais e comunitarias, e sobre desenvolvemento sostible e a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no ámbito de xestión do proxecto obxecto de axuda (segundo o modelo que estará dispoñible na web do IDAE ou do IGVS).

4. Para os proxectos da opción A, cunha axuda concedida inferior a 50.000 euros e de maneira opcional, poderá entregarse unha conta xustificativa coa achega de xustificantes de gasto, segundo o previsto nos números 1 e 2. a), b), e), e f) do artigo 72 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Neste suposto non será obrigatorio achegar a documentación que se indica nas letras c) e e) do punto anterior.

Da mesma maneira e en todos os casos, opcionalmente, poderá entregarse a conta xustificativa coa achega dun informe de auditor, segundo o previsto no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, caso en que non será obrigatorio achegar a documentación sinalada nas letras c), d), e), f), g) e h) do punto anterior, sempre que o alcance do informe do auditor conteña a comprobación das epígrafes sinaladas na letra B, apartado j), do anexo III do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto.

5. De conformidade co sinalado no anexo III, letra B, in fine do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, a comunicación de execución final das actuacións e a súa xustificación para a opción B deberá vir acompañada, ademais da documentación sinalada nas letras a) e e) do punto 2 deste ordinal, se non se presentou con anterioridade, coa documentación sinalada nas letras a), b), c), e), f) e g) do punto 3 deste ordinal.

6. Será requisito necesario para a presentación da comunicación final das obras que o certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións, subscrito polo/a técnico/a competente, en que se acredite a mellora mínima dunha (1) letra na súa cualificación enerxética, medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 año), así como a redución mínima do consumo de enerxía final dun 10 % respecto á situación de partida, conste inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), para a comprobación de que se cumpren as condicións exixidas para a concesión tanto das axudas básicas como das adicionais.

7. A documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

8. Transcorridos os prazos indicados no punto 1º deste ordinal, sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días. En ningún caso se admitirá a presentación da documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o antedito requirimento se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

9. No caso de que o ritmo de execución das obras for diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa ou da entidade beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

10. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin se tivese concedido un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou á entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

11. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o órgano instrutor emitirá un certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Décimo noveno. Pagamento da subvención. Pagos á conta

1. O pagamento, total ou parcial da subvención, requirirá que a persoa ou entidade beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I de solicitude.

2. De conformidade co artigo 62 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, que non poderán exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. De conformidade co artigo 64.i) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se o importe das subvencións concedida excede os 18.000 euros, será necesario constituír garantías para os pagamentos á conta, sinaladas no punto seguinte.

Segundo o artigo 67 do citado regulamento, as garantías constituídas polas persoas ou entidades beneficiarias obrigadas deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Vixésimo. Cesión de dereito de cobramento

1. As persoas e as entidades beneficiarias poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda. Neste caso, deberán presentar, xunto coa comunicación de remate parcial ou total da actuación prevista no ordinal décimo oitavo, o anexo VI, debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias como consecuencia da concesión da axuda, incluídas as de xustificación da subvención, nin as facultades do IGVS, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

3. No caso de cesión do dereito de cobramento da subvención ao contratista das obras, as persoas e as entidades beneficiarias estarán exentas de presentar os xustificantes de pagamento previstos no ordinal décimo oitavo, do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

Vixésimo primeiro. Perda e reintegro da subvención. Criterios de gradación de posibles incumprimentos

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no ordinal décimo quinto desta resolución. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. A perda do dereito á percepción da axuda outorgada levará consigo, de ser o caso, o reintegro das cantidades aboadas ata ese momento, incrementadas cos xuros de demora desde a data do seu pagamento.

3. Conforme o artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de persoas propietarias e as persoas propietarias de edificios formalmente agrupadas que non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal responderán solidariamente da obrigación de reintegro, en proporción á súa respectiva participación na actuación.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. O cumprimento parcial das condicións establecidas ou a realización en prazo de só unha parte da actuación comprometida, sempre que se acredite a mellora da cualificación enerxética total del edificio existente en, polo menos, unha letra, medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2) con respecto á cualificación enerxética inicial do edificio, así como a redución mínima do consumo de enerxía final dun 10 % respecto á situación de partida, poderá dar lugar ao axuste da axuda concedida, sempre que non se procedese á revogación da axuda polo incumprimento doutras obrigacións esenciais ou requisitos establecidos nas bases reguladoras, e sen prexuízo da obriga de reintegro proporcional que corresponda, de ser o caso.

Vixésimo segundo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas e as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo terceiro. Transparencia e bo goberno

1. Na tramitación do procedemento deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e as entidades beneficiarias están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por este das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo cuarto. Habilitación para desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Vixésimo quinto. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sexto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file