Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 6 de novembro de 2020 Páx. 44289

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 4 de novembro de 2020 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C).

BDNS (Identif.): 530826.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:

a) As persoas físicas que sexan propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, para a anualidade 2021, con carácter plurianual (código de procedemento VI406C).

A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 16.2 do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do citado esgotamento de crédito darase publicidade no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras deste programa son as contidas no Real decreto 737/2020, do 4 de agosto, polo que se regula o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla, publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 212, do 6 de agosto.

En todo o non recollido nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 5.500.000 euros para a anualidade 2021, 9.499.999 euros para a anualidade 2022 e 1.938.443 euros para a anualidade 2023.

2. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida nos anexos I e IV do Real decreto 737/2020, do 4 de agosto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día 2 de xaneiro ata o 31 de xullo de 2021, salvo que, con anterioridade, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo