Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 6 de novembro de 2020 Páx. 44378

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade da Resolución do 2 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Oroso (A Cañiza, Pontevedra).

O 2 de outubro de 2020 a directora xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do Acordo de concentración parcelaria da zona de Oroso (A Cañiza-Pontevedra), que se transcribe a seguir:

«O Acordo da zona de concentración parcelaria da zona de Oroso (A Cañiza-Pontevedra) aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 6 de agosto de 2001, encontrándose na actualidade pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello da Cañiza solicitou a cesión da titularidade dos seguintes predios:

• Predio nº 1537 para destinala a parque infantil.

• Predio nº 1577, para a mellora das instalacións e equipamentos da Casa da Cultura O Pateiro.

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dados os destinos para os que se solicitan os referidos predios respecto dos que se entende que son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o Acordo de concentración parcelaria da zona de Oroso (A Cañiza-Pontevedra), e adxudicar ao Concello da Cañiza a titularidade dos predios nº 1537 e 1577 -que causan baixa no Fondo de Terras da zona- para ser destinados aos seguintes fins:

• Predio núm. 1537 para destinala a parque infantil.

• Predio núm. 1577 para mellora das instalacións e equipamentos da Casa de Cultura O Pateiro.

Transcorridos cinco anos dende a cesión das propiedades, sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o Fondo de Terras da zona, o Patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

Á presente resolución daráselle a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello da Cañiza».

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural nun prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 23 de outubro de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra