Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Mércores, 11 de novembro de 2020 Páx. 44702

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 3 de novembro de 2020 pola que se ordena a publicación dos estatutos provisionais do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponderon á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia, e o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Polo Decreto 172/2019, do 19 de decembro, créase o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra, por fusión dos colexios territoriais da Coruña e de Pontevedra. A disposición transitoria primeira do dito decreto atribúe funcións de comisión xestora á Xunta de Goberno do Colexio da Coruña, con competencias para presentar os estatutos provisionais do Colexio resultantes da fusión, nos cales se regulará o proceso electoral, composición e o funcionamento da asemblea constituínte e a designación dos órganos de goberno do novo colexio. Establece o antedito decreto que os estatutos provisionais se remitirán á consellería da Xunta de Galicia competente para efectos de verificar a súa adecuación á legalidade e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Dando cumprimento a esta disposición, a Comisión Xestora acordou, en reunión do 8 de setembro de 2020, aprobar e dar traslado do texto do estatutos provisionais do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa cualificación de legalidade e publicación.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Ordenar a publicación dos estatutos provisionais do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Estatutos provisionais do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores
e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra

Exposición de motivos.

Tras ser publicado no DOG núm. 10, do 16 de xaneiro de 2020, o Decreto 172/2019, do 19 de decembro, polo que se crea o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra, o proceso de creación do novo colexio único entra nun período transitorio durante o cal a xunta de goberno do Cosital A Coruña asumirá as funcións de comisión xestora da fusión e corresponderalle presentar uns estatutos provisionais nos cales se regule o proceso electoral, a composición e o funcionamento da asemblea colexial constituínte e a forma de designación dos órganos de goberno, así como as funcións destes.

Os estatutos provisionais remitiranse á consellería da Xunta de Galicia competente para os efectos de verificar a súa adecuación á legalidade e ordenar, de ser o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, logo do informe preceptivo do Consello Xeral.

O colexio territorial resultante quedará formalmente constituído e adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar no momento en que se constitúan os seus respectivos órganos de goberno, momento en que quedarán disoltos os colexios promotores da fusión.

Co fin de dar cumprimento ao mandato recibido, a solución máis axeitada pasa por empregar como norma de referencia os estatutos do Cosital A Coruña, efectuando sobre eles as adaptacións imprescindibles para permitir o funcionamento de ambas as organizacións durante o breve período transitorio. Tales adaptacións concéntranse na inclusión dun novo título VII, integrado por un total de 7 artigos, que regula o proceso electoral constituínte que desembocará no nacemento efectivo do novo colexio único, e na desaparición dos colexios fusionados.

TÍTULO I

Disposicións xerais da organización colexial

CAPÍTULO I

Definición, ámbito territorial e domicilio

Artigo 1. Definición e réxime xurídico

1. O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra é unha corporación de dereito público constituída ao abeiro da lei, con estrutura interna e funcionamento democráticos, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. A organización colexial que se crea e regula polos presentes estatutos agrupa as persoas funcionarias que integran a escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, sempre que exerzan ou teñan exercido as funcións de secretaría, intervención ou tesouraría no ámbito territorial das provincias da Coruña ou Pontevedra, equiparándose a realización do curso selectivo na provincia da Coruña e Pontevedra ao exercicio das funcións reservadas aos funcionarios da Administración local con habilitación nacional.

3. No exercicio das súas funcións, este colexio territorial ten que someterse plenamente á Constitución, ao Estatuto de autonomía de Galicia, aos estatutos xerais da organización colexial aprobados polo Real decreto 353/2011, do 11 de marzo, e á Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia, así como á restante normativa autonómica que resulte de aplicación.

Artigo 2. Domicilio e outras delegacións no ámbito territorial

1. O domicilio do Colexio Territorial queda fixado na rúa Cantón Grande, nº 6, 10º A, da Coruña, sen prexuízo de que poidan ter lugar reunións dos seus órganos colexiados en calquera outro lugar do seu ámbito territorial.

2. Mediante acordo da Asemblea Xeral, o Colexio Territorial poderá constituír seccións ou delegacións, e no acordo constitutivo determinarase o seu ámbito funcional ou territorial.

Artigo 3. Posible fusión con outros colexios territoriais e integración no Consello Autonómico

1. Segundo o previsto no artigo 4 dos estatutos xerais da organización colexial, mediante acordo maioritario da Asemblea e logo de coñecemento do Consello Xeral de Colexios, o Colexio Territorial da Coruña e Pontevedra poderá fusionarse cos colexios territoriais existentes no ámbito da nosa comunidade autónoma para a constitución doutro colexio cun ámbito territorial que exceda os límites provinciais. Mesmo se poderá acordar a integración nun colexio territorial único para a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén por acordo maioritario da Asemblea este colexio territorial poderá integrarse no Consello Autonómico de Galicia. Unha vez creado o Consello Autonómico, poderase delegar na dita corporación o exercicio das funcións que se consideren oportunas.

CAPÍTULO II

Réxime xurídico dos actos e resolucións corporativos

Artigo 4. Réxime xurídico dos actos e resolucións corporativos

1. No exercicio das súas funcións públicas, os órganos desta corporación axustarán as súas actuacións ás normas de dereito administrativo e, en especial, á normativa que en cada momento estea vixente sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Nas restantes relacións xurídicas, o Colexio quedará sometido ao réxime xurídico correspondente, civil ou laboral.

Artigo 5. Execución e impugnación dos actos e resolucións corporativos

1. Os actos e resolucións dos órganos deste colexio serán inmediatamente executivos cando estean suxeitos ao dereito administrativo.

2. Os ditos actos e resolucións, cando estean suxeitos ao dereito administrativo, serán impugnables ante os órganos da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa súa lei reguladora, unha vez esgotados os recursos contra eles, no caso de que se interpuxesen.

3. Con carácter previo á súa impugnación ante a xurisdición contencioso-administrativa, contra os actos dos órganos deste colexio territorial poderase recorrer en alzada no prazo dun mes ante o Consello Autonómico de Galicia e, no caso de que non se ter constituído este, ante o Consello Xeral.

Artigo 6. Portelo único

1. A organización colexial disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, as persoas que integran a profesión poidan, a través dun único punto, por vía electrónica, a distancia e gratuitamente, realizar todos os trámites necesarios para a súa colexiación, o seu exercicio e a baixa no Colexio Territorial, presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesados, recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución dos expedientes, incluída a notificación dos disciplinarios cando non for posible por outros medios, ser convocado ás asembleas xerais e pór no seu coñecemento a actividade da organización colexial.

2. O portelo único deberá conter toda a información a que se refire a lexislación básica sobre colexios profesionais para a mellor defensa dos dereitos da cidadanía destinataria da actividade dos profesionais que agrupa a organización colexial, especialmente o acceso ao rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado, e no cal constarán, como mínimo, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, Administración pública de destino e situación administrativa, e as solicitudes e os recursos que se poidan presentar.

CAPÍTULO III

As funcións do Colexio Territorial

Artigo 7. Funcións do Colexio

Compete ao Colexio, no seu ámbito territorial, o exercicio das funcións consignadas na lexislación básica nacional e autonómica sobre colexios profesionais e, en particular, as seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir ás persoas colexiadas as leis xerais e especiais, os estatutos e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiados.

b) Velar polo exacto cumprimento dos deberes profesionais das persoas colexiadas, pola súa ética e dignidade profesional.

c) Tutelar e defender os dereitos e intereses que afectan á escala e ás subescalas e os dos funcionarios pertencentes a elas, desempeñar a representación e exercer a defensa, no seu ámbito, duns e doutros ante a Administración, institucións, tribunais e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais.

d) Apoiar as administracións públicas competentes para que o exercicio da profesión o efectúen as persoas colexiadas conforme a normativa aplicable e o código ético existente para ela.

e) Coñecer os recursos que se interpoñan contra os acordos dos seus órganos de goberno.

f) Manter e mellorar a unión e boa relación entre as persoas colexiadas.

g) Estimular e facilitar o perfeccionamento profesional das persoas colexiadas, ben sexa directamente ou colaborando con outros centros de investigación e formación, organizar actividades e servizos comúns de interese para as persoas colexiadas, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e análogos.

h) Fomentar o desenvolvemento profesional dos secretarios, interventores e tesoureiros a través do mantemento do diálogo e a negociación cos poderes públicos, partidos políticos, sindicatos, federacións de municipios e provincias e calquera outra organización municipalista ou de empregados públicos, xa sexan nacionais ou internacionais, cos cales poderá establecer convenios de colaboración e, de ser o caso, integrarse neles.

i) Divulgar as disposicións legais e as instrucións e ordes das autoridades para o mellor coñecemento e cumprimento por parte do persoal colexiado e informar este de cantas cuestións o poidan afectar no ámbito profesional.

j) Impulsar, a través de publicacións, conferencias e cantos medios procedan, o estudo do dereito e técnicas de administración que afecten os profesionais colexiados, así como colaborar, cando sexan requiridos, na formación das autoridades e cargos representativos en relación coas materias propias das funcións que exercen.

k) Colaborar coas administracións públicas, universidades e centros de investigación na elaboración e difusión de estudos que se refiran ou afecten a Administración local.

l) Asesorar as autoridades e corporacións nas cuestións relacionadas coa escala e subescalas, emitindo informes, ditames e contestacións ás consultas que sexan formuladas.

m) Manter relacións permanentes de información e comunicación co Consello Xeral e, no caso de que se constitúa, co Consello Autonómico, facilitando información sobre altas, baixas e calquera outra incidencia que se produza no rexistro de persoas colexiadas.

n) Atender as solicitudes de información sobre as persoas colexiadas e sobre as sancións firmes que se lles impoñan.

o) Dispor dun servizo de atención aos usuarios que necesariamente tramitará e resolverá calquera solicitude, suxestión ou queixa referidas á actividade colexial ou que afecte calquera persoa colexiada, presentada por calquera persoa usuaria ou profesional colexiada, así como organizacións de consumidores e usuarios na súa representación e na defensa de intereses colectivos nos termos da lexislación básica sobre colexios profesionais.

p) Aprobar os seus estatutos, con pleno respecto á normativa nacional e autonómica.

q) Elaborar unha memoria anual que conteña os aspectos a que fai referencia a lexislación básica de colexios profesionais.

TÍTULO II

Os membros do Colexio Territorial

CAPÍTULO I

A colexiación, os membros e as súas clases

Artigo 8. Colexiación

1. Consonte a doutrina establecida polo Tribunal Constitucional e de conformidade co disposto no artigo 15.2 dos estatutos xerais, a colexiación ten carácter voluntario. Para causar alta como persoa colexiada só se exixirán os dous requisitos que se enumeran a seguir, sen prexuízo do réxime singular dos membros de honra:

a) Pertencer a unha das subescalas que conforman a escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) Tomar posesión nun posto de traballo con funcións públicas reservadas a algunha das subescalas pertencentes a unha corporación ou Administración do ámbito territorial do Colexio.

2. Unha vez adquirida a condición de colexiado, só se deixará de pertencer ao Colexio por baixa voluntaria ou pola imposición da pena ou sanción disciplinaria colexial ou perda da condición de funcionario público.

Artigo 9. Clases de persoas colexiadas

1. Os membros do Colexio poden ser persoas en exercicio dalgunha función pública reservada, persoas non exercentes e membros de honra, en atención aos méritos contraídos a prol do Colexio.

2. As persoas colexiadas son exercentes cando, na súa condición de persoal funcionario, estean na situación de servizo activo en calquera das administracións públicas.

3. Co fin de manter o vínculo profesional e a relación de compañeirismo entre todas as persoas integrantes da escala de habilitación nacional que exercesen as funcións de secretaría, intervención ou tesouraría nalgunha corporación local, poderán pertencer ao Colexio Territorial, na condición de non exercentes, as persoas xubiladas ou en situación de excedencia.

4. Poderán ser nomeados membros de honra as persoas físicas ou xurídicas que contraesen méritos especiais respecto do Colexio, da organización colexial ou que prestasen servizos relevantes nalgunha Administración pública dentro do ámbito territorial desta corporación. Para tal efecto, a proposta para o nomeamento de membro de honra poderá ser presentada perante a Asemblea Xeral por calquera persoa colexiada, achegando unha memoria en que se expoñan os méritos contraídos. Logo da correspondente deliberación, a decisión de incorporar algún membro co carácter de honra corresponderá unicamente á Asemblea, por maioría simple.

CAPÍTULO II

Dereitos, deberes e obrigas dos membros do Colexio

Artigo 10. Dereitos dos membros do Colexio

Son dereitos dos membros do Colexio:

1. Concorrer, con voz e voto, ás asembleas.

2. Dirixirse aos órganos de goberno formulando solicitudes, suxestións ou queixas, solicitando información sobre a actividade colexial ou sobre as actuacións dos órganos de goberno do Colexio.

3. Elixir e ser elixido para cargos directivos. Este dereito non poderá ser exercido polos membros de honra.

4. Requirir a intervención do Colexio, ou o seu informe, cando proceda.

5. Ser amparado polo Colexio en canto afecte a súa condición de funcionario público.

6. Desfrutar das concesións, beneficios e dereitos que se lles outorguen ás persoas colexiadas, para el ou para as súas familias.

Artigo 11. Deberes e obrigas dos membros do Colexio

1. Son deberes xerais dos membros do Colexio:

a) Someterse á normativa legal e estatutaria, ás normas e usos propios da deontoloxía profesional e ao réxime disciplinario colexial.

b) Observar unha conduta digna da súa condición e do cargo que exerza, e desenvolver as súas funcións con honradez, celo e competencia.

c) Establecer, manter e estreitar as relacións de unión e compañeirismo que deben existir entre todas as persoas que forman a escala, exercen ou exerceron funcións públicas.

2. Son obrigas especiais dos membros do Colexio:

a) Contribuír puntualmente ao sostemento económico do Colexio.

b) Declarar en debida forma a súa situación administrativa e os demais actos que lles sexan requiridos na súa condición de persoal funcionario.

c) Acatar e cumprir os acordos que adopten os órganos corporativos na esfera da súa competencia.

d) Comunicar ao Colexio as circunstancias de orde profesional que lles sexan requiridas para o exercicio das funcións colexiais.

TÍTULO III

A organización interna

CAPÍTULO I

Organización básica e complementaria

Artigo 12. Organización básica e complementaria

1. A organización básica de goberno e administración do Colexio Territorial está formada pola Presidencia, a Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral.

2. Co carácter de organización complementaria poderanse crear comisións especiais, formadas por un mínimo de tres membros, que teñan como función o estudo e informe sobre os asuntos que lles encomende a Presidencia ou a Xunta de Goberno. Os membros das comisións especiais poderán ser nomeados pola Presidencia ou pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO II

A Asemblea Xeral: composición, réxime de funcionamento e atribucións

Artigo 13. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade do Colexio Territorial e réxese polos principios de participación igual e democrática de todas as persoas colexiadas.

2. A participación na Asemblea será persoal ou por representación. Para acreditar a dita representación deberá enviarse unha comunicación previa á sede do Colexio cunha antelación mínima de 24 horas ao inicio da correspondente sesión. Exclúese a posibilidade de acudir mediante representación nas asembleas electorais e nas extraordinarias en que se debata unha moción de censura, nas cales si estará permitido o voto por correo.

Artigo 14. Das sesións da Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria no primeiro semestre de cada ano natural, mediante convocatoria pública realizada pola Presidencia con 15 días hábiles de antelación ao día en que teña lugar. A convocatoria pública será realizada a través do Boletín Oficial da provincia, sen prexuízo de que se remita unha comunicación a cada persoa colexiada. A convocatoria deberá fixar o día, a hora e o lugar en que se desenvolverá a sesión e os asuntos que se van tratar na orde do día.

2. A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria nos seguintes casos:

a) Cando o considere conveniente a Presidencia, para debater e decidir calquera asunto de interese colectivo que non se poida demorar ata a seguinte sesión ordinaria.

b) Por petición do vinte por cento, como mínimo, dos membros da Asemblea. Neste caso, unha vez recibida a correspondente solicitude na sede do Colexio, referendada polas sinaturas das persoas solicitantes e coa exposición dos motivos nos cales se funda a petición, a Presidencia deberá convocar a sesión no prazo máximo de dous meses, seguindo o procedemento previsto para as sesións ordinarias.

c) Cando se presente unha moción de censura contra a persoa titular da Presidencia ou contra os membros da Xunta de Goberno, de acordo co previsto no capítulo III deste título.

3. Para a válida constitución da sesión en primeira convocatoria, requírese a asistencia de, como mínimo, un terzo dos membros do Colexio.

Se en primeira convocatoria non existe o quórum necesario, segundo o disposto no parágrafo anterior, entenderase convocada automaticamente para media hora despois da fixada para a primeira. Neste caso, será válida a sesión calquera que sexa o número de asistentes, aínda que, en todo caso, deberá contar coa presenza do presidente e do secretario, ou de quen legalmente os substitúa.

Artigo 15. Dos debates e da adopción de acordos

1. Os puntos que se tratarán serán os establecidos na orde do día, conforme a numeración con que aparezan. Nas sesións ordinarias poderán incluírse puntos na orde do día, por petición de calquera membro da Asemblea, e serán tratados sempre que se conte co voto afirmativo da maioría absoluta das persoas asistentes.

2. Cada punto iniciarase mediante lectura da proposta pola persoa que exerza a Secretaría da Xunta de Goberno, e a continuación abrirase un debate moderado pola Presidencia. Cando a Presidencia considere que xa se achegaron todos os puntos de vista, ordenará que se proceda á votación coa seguinte orde: aceptación ou rexeitamento das emendas á totalidade, aceptación ou rexeitamento das emendas parciais e aceptación ou rexeitamento da proposta de acordo.

3. Todos os membros da Asemblea terán voz e voto, agás as persoas que estean suspendidas como consecuencia dunha sanción disciplinaria.

4. Con carácter xeral, os acordos adóptanse por maioría simple e dirimirá os empates o voto de calidade da Presidencia. Pero, como excepción, requírese maioría cualificada para a adopción dos seguintes acordos:

a) Para autorizar os actos de disposición ou de gravame sobre bens inmobles propiedade do Colexio exixirase o voto favorable de 2/3 dos asistentes á sesión, que supoña, pola súa vez, a maioría absoluta dos membros da Asemblea.

b) Para que prospere unha moción de censura contra a Presidencia ou algún dos membros da Xunta de Goberno requírese o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes á sesión.

Artigo 16. Atribucións da Asemblea Xeral

1. Son atribucións propias e exclusivas da Asemblea Xeral:

a) Elixir os membros da Xunta de Goberno.

b) Aprobar os estatutos do Colexio e, de ser o caso, o regulamento de réxime interior do Colexio, sen prexuízo das facultades da Xunta de Goberno para aprobar as correspondentes normativas de desenvolvemento.

c) Autorizar os actos de disposición e gravame sobre os bens inmobles propiedade do Colexio.

d) Acordar a fusión con outros colexios territoriais de Galicia ou a integración no Consello Autonómico.

e) Controlar a xestión da Presidencia e da Xunta de Goberno, solicitando informes e adoptando, de ser o caso, as oportunas mocións.

f) Aprobar a moción de censura contra a persoa titular da Presidencia, dalgún ou de todos os membros da Xunta de Goberno.

g) Impor cotas extraordinarias que excedan o importe dunha mensualidade.

h) Acordar o nomeamento de membros de honra, conceder distincións e facer mencións honoríficas.

i) Todas aquelas outras que pola súa especial transcendencia para a actividade do Colexio e exercicio profesional deban ser debatidas e decididas por este órgano.

CAPÍTULO IV

Da Presidencia e a Vicepresidencia

Artigo 17. A Presidencia

1. A persoa que ocupe a Presidencia exerce a representación legal do Colexio Territorial e preside a Asemblea e a Xunta de Goberno, velando pola debida execución dos seus acordos.

2. Á Presidencia correspóndenlle as seguintes atribucións:

a) Convocar e presidir as sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, e decidir os empates con voto de calidade.

b) Executar os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

c) Adoptar, en caso de urxencia, as resolucións necesarias, dando conta ao órgano competente na primeira sesión que celebre.

d) Exercer a representación do Colexio e dos seus órganos e realizar xestións ante autoridades, entidades e particulares.

e) Designar representantes do Colexio nos tribunais de oposicións, comisións de traballo e organismos públicos, de conformidade coas normas vixentes e tendo en conta como criterio a antigüidade das peticións realizadas.

f) Exercer a xefatura superior do persoal ao servizo do Colexio Territorial.

g) Formar o proxecto de orzamento anual e render as contas unha vez liquidado cada exercicio.

h) Autorizar e dispor todos os gastos que estean previstos no orzamento anual.

i) Recoñecer todas as obrigas contra a entidade, agás o recoñecemento extraxudicial de créditos.

j) Ordenar todos os pagamentos e asinar os cheques e ordes de transferencia bancaria.

k) Exercer as accións xudiciais e interpor os recursos administrativos que procedan.

l) Todas as que lle delegue a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno.

Artigo 18. A Vicepresidencia

1. A persoa que ocupe a Vicepresidencia ten como función substituír o titular da Presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

2. A Presidencia e a Xunta de Goberno poderán delegar na Vicepresidencia todas as atribucións que consideren necesarias para o mellor goberno e administración do Colexio Territorial.

CAPÍTULO V

Da Xunta de Goberno

Artigo 19. Atribucións da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é un órgano colexiado composto por Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Intervención, Tesouraría e sete vogais, que ten as seguintes atribucións:

a) Velar para que as persoas colexiadas observen boa conduta no desenvolvemento das súas tarefas profesionais, na relación coa Administración en que prestan servizos, cos colexiados e coa cidadanía en xeral.

b) Levar a cabo as xestións oportunas para impedir e perseguir a intrusión profesional.

c) Exercer as potestades disciplinarias respecto ás persoas colexiadas.

d) Propor á Asemblea Xeral os regulamentos de orde interior que xulguen convenientes.

e) Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio propias do persoal funcionario con habilitación nacional, así como propiciar a harmonía e a colaboración entre todas as persoas colexiadas.

f) Defender as persoas colexiadas no desenvolvemento das súas funcións e realizar as xestións necesarias para facilitar a cobertura efectiva de todos os postos de traballo por persoal da subescala e categoría que corresponda.

g) Acordar o exercicio das accións e dereitos que correspondan ao Colexio Territorial.

h) Emitir consultas e ditames en materias propias das funcións públicas necesarias e reservadas a persoal con habilitación de carácter nacional.

i) Proceder á contratación do persoal necesario para o bo funcionamento do Colexio.

j) Aprobar o orzamento anual e render ante a Asemblea Xeral as contas anuais.

2. No seo da Xunta de Goberno poderanse crear comisións delegadas, formadas polo menos por tres dos seus membros, para o estudo e a proposta dos asuntos encomendados a este órgano.

Artigo 20. As sesións da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno celebrará sesión ordinaria cada dous meses e extraordinaria cando así o acorde a Presidencia.

2. Para a válida celebración das sesións requirirase a asistencia de, polo menos, sete dos seus membros, entre os cales deberán estar as persoas que exerzan a presidencia e a secretaría ou os que legalmente os substitúan. Se non se acada este quórum, a sesión celebrarase en segunda convocatoria, unha hora despois da sinalada para a primeira, e será suficiente para a súa constitución unicamente a asistencia da terceira parte dos seus membros.

CAPÍTULO VI

Da Secretaría, Intervención e Tesouraría

Artigo 21. Da Secretaría

1. Á Secretaría correspóndelle a función de fe pública de todos os actos e acordos emanados dos órganos do Colexio Territorial, expide as certificacións que sexan oportunas e levan e custodia os libros de actas e resolucións da Presidencia.

2. Son funcións da Secretaría:

a) Elaborar as actas das sesións dos órganos colexiados e a súa correspondente transcrición ao libro de actas.

b) Levar e custodiar o rexistro de entrada e saída de documentos, dando conta á Presidencia.

c) Autorizar, co visto e prace da Presidencia, as credenciais dos cargos directivos e do persoal do Colexio Territorial.

d) Expedir, co visto e prace da Presidencia, certificación de todos os acordos e resolucións.

e) Realizar unha memoria anual sobre a actividade colexial, para xeral coñecemento.

3. Entre as persoas vogais da Xunta de Goberno designarase unha para que exerza a fe pública nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante da persoa titular.

Artigo 22. Da Intervención

1. A Intervención será exercida por un membro da Xunta de Goberno que non teña ningún outro cargo e corresponderalle o control interno da xestión económico-financeira e orzamentaria do Colexio Territorial.

2. Son funcións da Intervención:

a) Redactar o proxecto de orzamentos.

b) Propor á Presidencia os expedientes de modificacións orzamentarias.

c) Levar a contabilidade e preparar as contas anuais.

d) Realizar a fiscalización de todos os actos e acordos que orixinen o recoñecemento de dereitos e obrigas, os ingresos e pagamentos que deriven deles e a recadación, o investimento e a aplicación, en xeral, dos fondos administrados, co fin de que a xestión respecte plenamente as disposicións aplicables en cada caso.

Artigo 23. Da Tesouraría

1. A tesouraría é a función consistente no manexo e custodia dos fondos e valores pertencentes ao Colexio Territorial.

2. Corresponden a Tesouraría as seguintes atribucións:

a) Custodiar os fondos que lle estean encomendados.

b) Efectuar os pagamentos e cobramentos.

c) Realizar os arqueos mensuais e os que a Presidencia ou a Xunta de Goberno xulguen necesarios.

d) Levar cantos libros permitan o seguimento e control das súas funcións.

TÍTULO IV

O réxime económico e orzamentario

CAPÍTULO I

Os recursos económicos do Colexio Territorial

Artigo 24. Ingresos en xeral

O Colexio Territorial financiarase cos seguintes ingresos:

a) Os produtos e rendementos do seu patrimonio.

b) As doazóns e legados que poida recibir.

c) As subvencións concedidas polas administracións públicas.

d) Os rendementos derivados de contratos de patrocinios para as súas actividades e proxectos.

e) As contraprestacións por servizos que se presten a terceiros ou, no caso de que proceda, ás persoas colexiadas.

f) O importe das cotas que se exixan ás persoas colexiadas.

g) Calquera outro ingreso que se produza legalmente.

Artigo 25. As cotas exixibles ás persoas colexiadas

1. As cotas exixibles ás persoas colexiadas poderán ser de dúas clases: ordinarias e extraordinarias.

2. As cotas ordinarias determinaranse de conformidade coas seguintes regras:

a) Para as persoas colexiadas exercentes serán as fixadas pola Asemblea Xeral para cada exercicio económico e non poderán ser de importe inferior ao un por cento das retribucións básicas do persoal funcionario do grupo A1.

b) Para as persoas colexiadas non exercentes, a cota anual será do 50 por cento da cota establecida para as persoas exercentes.

c) As persoas colexiadas en expectativa de nomeamento e os membros de honra non pagarán cota ningunha.

3. As cotas extraordinarias, que deberán ter como finalidade afrontar gastos non corren- tes que teña que afrontar o Colexio Territorial, deberán ser aprobadas pola Asemblea Xeral e no acordo fixaranse o seu importe e o prazo de pagamento.

Artigo 26. O cobramento e a recadación das cotas

1. O cobramento e a recadación das cotas ordinarias terá lugar por trimestres vencidos, mediante a correspondente domiciliación bancaria.

2. As cotas extraordinarias adicionaranse ás cotas ordinarias, agás que a Asemblea acorde outros prazos de cobramento.

3. Se algunha persoa colexiada devolve o recibo domiciliado, a Presidencia remitiralle un requirimento para que satisfaga a súa débeda no prazo máximo dun mes. De non satisfacerse a cota correspondente no prazo establecido, a persoa en mora quedará automaticamente suspendida dos dereitos que lle outorgan estes estatutos.

CAPÍTULO II

Orzamentos e contas anuais

Artigo 27. O orzamento anual

1. Durante o último trimestre de cada ano natural, a Xunta de Goberno aprobará o orzamento para o exercicio seguinte, co informe previo da Intervención.

2. O orzamento do Colexio Territorial seguirá as normas propias do dereito orzamentario das entidades locais.

3. Unha copia certificada do orzamento seralle remitida ao Consello Xeral e, no caso de que se cree, ao Consello Autonómico.

Artigo 28. Contabilidade e contas anuais

1. O Colexio Territorial levará un sistema de contabilidade que permita o seguimento e control de todas as súas operacións, así como determinar a composición e situación do seu patrimonio.

2. Para o seguimento das operacións contables, o Colexio rexerase polas normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades non lucrativas, aprobado polo Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro.

3. Anualmente formarase a conta xeral da entidade, de conformidade co modelo abreviado previsto para as entidades non lucrativas.

TÍTULO V

Réxime disciplinario e recursos

CAPÍTULO I

Réxime disciplinario

Artigo 29. Potestade sancionadora

1. O Colexio Territorial exercerá a potestade sancionadora para corrixir as accións ou omisións que realicen as persoas colexiadas no ámbito profesional e colexial que se definen nestes estatutos.

2. As persoas sancionadas disciplinariamente por unha Administración pública quedarán inhabilitadas para desempeñaren cargos colexiais mentres a súa responsabilidade non se extinga. Tamén estarán inhabilitadas as persoas condenadas pola comisión dun delito contra a Administración pública.

Artigo 30. Tipificación das infraccións

1. As faltas clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Son faltas leves:

a) A desconsideración respecto aos compañeiros, tanto na relación coa actividade de carácter colexial como profesional.

b) Os actos de desconsideración respecto aos membros da Xunta de Goberno, Consello Autonómico ou Consello Xeral.

3. Son faltas graves:

a) A desconsideración grave respecto aos compañeiros, tanto en relación coa actividade de carácter colexial como profesional.

b) Os actos graves de desconsideración respecto aos membros da Xunta de Goberno, Consello Autonómico ou Consello Xeral.

c) A desatención aos cargos colexiais como consecuencia da falta de asistencia non xustificada.

d) A obstaculización ao exercicio do dereito de acceso aos cargos e aos postos reservados ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional.

e) Realizar actuacións encamiñadas a favorecer, amparar ou tolerar a intrusión.

f) A realización de actividades ilegais que poidan prexudicar gravemente a imaxe, a consideración social ou profesional ou o prestixio das persoas colexiadas ou da organización colexial.

g) A infracción dos deberes xerais e obrigas especiais regulados nos presentes estatutos.

4. Son faltas moi graves:

a) A desatención grave aos cargos colexiais como consecuencia da falta de asistencia non xustificada.

b) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio deba coñecer para exercer as súas funcións ou para a repartición equitativa dos cargos colexiais.

c) Confeccionar baremos a medida propia e imposibilitar o acceso a un posto de traballo que se desenvolva en réxime de acumulación.

d) A conivencia cos órganos competentes da corporación local no mantemento ilegal da categoría ou a reclasificación do posto de traballo para intereses particulares, cando a dita ilegalidade fose declarada por sentenza xudicial firme.

e) Toda actuación profesional que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 31. Tipificación das sancións

1. Poderanse impor as seguintes sancións:

a) Apercibimento privado.

b) Suspensión da condición de membro do Colexio ata seis meses.

c) Separación do cargo colexial dun mes a un ano.

d) Separación do cargo colexial durante o período de mandato en curso.

e) Separación do cargo colexial durante o período de mandato en curso e declaración de inelixibilidade para o seguinte.

f) Suspensión da condición de membro do Colexio desde seis meses e un día ata dous anos.

2. Para as faltas leves aplicarase a sanción prevista na alínea a) anterior. Para as faltas graves, as sancións previstas nas alíneas b) e c); para as infraccións moi graves, as sancións previstas nas alíneas d) a f).

3. Na imposición destas sancións deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, e considéranse especialmente os seguintes criterios para a graduación da sanción que se vai aplicar:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, por comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así se declarase por resolución firme.

d) Neglixencia profesional inescusable.

e) Obtención de lucro ilexítimo derivado da actuación ilícita.

Artigo 32. Prescrición

1. As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves ao ano e as moi graves aos dous anos.

2. As sancións leves prescriben aos seis meses, as graves ao ano e as moi graves aos dous anos.

3. Unha vez cumpridas as sancións, cancelaranse os antecedentes para todos os efectos.

Artigo 33. Competencia sancionadora

1. As infraccións serán sancionadas pola Xunta de Goberno.

2. As infraccións dos deberes profesionais e colexiais dos membros da Xunta de Goberno serán sancionadas polo Consello Xeral.

Artigo 34. Procedemento sancionador

1. Para o exercicio da potestade sancionadora, a Xunta de Goberno nomeará un instrutor do procedemento, cargo que deberá recaer nunha persoa colexiada que non sexa membro dela.

2. Unha vez obtidas todas as probas e alegacións, o órgano instrutor do procedemento realizará unha proposta de resolución. A dita proposta seralle notificada á persoa interesada para os efectos de trámite de audiencia. Á vista de todo o actuado, a Xunta de Goberno resolverá a sanción que cómpre imponer.

CAPÍTULO II

Réxime de recursos

Artigo 35. Recurso corporativo e xurisdición contencioso-administrativa

1. As resolucións sancionadoras do Colexio Territorial poderán ser impugnables en alzada ante o Consello Xeral, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez rematada a vía administrativa, as resolucións sancionadoras do Colexio serán impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta orde xurisdicional.

TÍTULO VI

Do persoal ao servizo do Colexio

CAPÍTULO I

Do persoal

Artigo 36. Réxime xurídico do persoal

1. Para o exercicio das súas funcións e actividades, o Colexio Territorial poderá seleccionar persoal suficientemente cualificado, seguindo os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. O persoal seleccionado someterase ao Estatuto dos traballadores e demais normativa laboral que resulte de aplicación.

2. A selección e o nomeamento do persoal ao servizo do Colexio serán competencia da Xunta de Goberno.

TÍTULO VII

Do proceso de fusión entre os colexios da Coruña e Pontevedra

Artigo 37. Ámbito obxectivo

1. O presente título ten por obxecto establecer as condicións en que se producirá a fusión dos colexios territoriais da Coruña e Pontevedra, nos termos establecidos polos acordos adoptados polas asembleas dos colexios respectivos.

2. Todos os prazos indicados neste título enténdese referidos a días hábiles.

Artigo 38. Comisión xestora

A Xunta de Goberno de Cosital A Coruña, elixida no proceso electoral celebrado na data do 17.12.16, actuará como comisión xestora do proceso de fusión, no período transitorio que media entre a publicación do Decreto 172/2019, do 19 de decembro, e a culminación do proceso electoral constituínte regulado no presente título, e correspóndelle impulsar os trámites precisos para a correcta culminación do proceso.

Artigo 39. Sistema electoral para a elección dos órganos de goberno do novo colexio fusionado

1. Os membros da Xunta de Goberno do novo colexio fusionado serán elixidos pola Asemblea, reunida en sesión electoral constituínte, en votación persoal e secreta, na cal poderán participar como electores todas as persoas colexiadas nos colexios territoriais da Coruña e de Pontevedra, agás as que estean sancionadas con suspensión e os membros de honra.

2. Terán a condición de elixibles todas as persoas colexiadas nos colexios territoriais da Coruña e de Pontevedra, agás as que estean sancionadas con suspensión e os membros de honra.

3. Para a elección dos cargos directivos do Colexio Territorial as candidaturas conxuntas estarán integradas por doce membros, e terán que garantir a representación das tres subescalas.

Cada elector só poderá dar o seu voto a unha candidatura.

A Asemblea Constituínte aprobará os novos estatutos e a designación da nova Xunta de Goberno por maioría simple.

A elección das persoas que ocupan a Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Intervención e Tesouraría será efectuada pola Xunta de Goberno.

Artigo 40. Convocatoria da Asemblea Electoral Constituínte e aprobación do censo electoral

1. A convocatoria de Asemblea Electoral Constituínte será acordada pola Comisión Xestora e efectuada pola Presidencia, mediante anuncio nos boletíns oficiais das provincias de Pontevedra e A Coruña, como mínimo, con quince días de antelación á súa celebración.

Na convocatoria fixarase o calendario electoral, establecendo os períodos correspondentes ás reclamacións contra o censo electoral, datas de presentación de candidaturas e posibles reclamacións contra estas.

2. Na mesma sesión en que se acorde a convocatoria de Asemblea Electoral Constituínte, a comisión xestora aprobará con carácter provisional o censo electoral e disporá a súa exposición pública no taboleiro de anuncios da sede do Colexio, sita na rúa Cantón Grande, nº 6, 10º, da Coruña, para que todas as persoas interesadas poidan examinalo e presentar reclamacións durante un prazo de dez días.

3. Transcorrido o período de exposición ao público do censo electoral, a comisión xestora resolverá as reclamacións formuladas contra este e acordará a súa aprobación definitiva, que será obxecto de publicación nos boletíns oficiais das provincias de Pontevedra e A Coruña, para efectos informativos.

Artigo 41. Presentación e proclamación de candidaturas

1. Unha vez aprobado definitivamente o censo electoral, poderanse presentar candidaturas ata quince días antes daquel en que estea prevista a celebración da asemblea electoral. Estas candidaturas deberán estar asinadas por todas as persoas que as integren ou ben aceptadas persoalmente mediante escrito dirixido á Secretaría da Xunta de Goberno do Cosital, A Coruña.

2. Antes do décimo día anterior ao da celebración da Asemblea Electoral, a Secretaría da Xunta de Goberno comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos anteriormente e proclamará provisionalmente as candidaturas presentadas. Contra a resolución da Secretaría poderase interpor recurso nos tres días hábiles seguintes ao da proclamación provisional de candidaturas, que deberá ser resolto no prazo dos tres días hábiles seguintes ao da súa presentación e comunicado ás persoas interesadas.

A proclamación definitiva das candidaturas será publicada no taboleiro de edictos da sede do Colexio Territorial sita na Coruña.

Cada candidatura presentará unha proposta de estatutos definitivos, co fin de seren aprobados na mesma sesión da asemblea constituínte encargada da elección dos órgano/s de goberno. Os estatutos presentados por cada candidatura serán sometidos a informe do Consello Xeral con carácter previo á súa proclamación provisional.

A elección dunha candidatura implicará a aprobación dos estatutos presentados por ela.

Os estatutos presentados axustaranse ao disposto no Real decreto 353/2011, do 11 de marzo, polo que se aproban os Estatutos xerais da Organización Colexial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local, cos contidos previstos na normativa vixente en materia de colexios profesionais (Lei 2/1974, do 13 de febreiro, estatal de colexios profesionais, e Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia).

A estrutura orgánica do novo colexio estará integrada pola Asemblea Xeral, integrada por todos os seus membros, unha Xunta de Goberno, composta por 12 membros, de entre os cales se designarán os cargos de Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Intervención e Tesouraría.

Artigo 42. Celebración da Asemblea Electoral para a elección de cargos directivos

1. No día e na hora fixados constituirase a Asemblea Electoral Constituínte, baixo a dirección dunha mesa de idade integrada por cada persoa de maior idade das subescalas de Secretaría, Intervención-Tesouraría e Secretaría-Intervención, sempre e cando non formen parte de ningunha candidatura, pois, en tal caso, serán substituídas polas persoas seguintes en idade da subescala correspondente.

Requirirase un quórum de asistencia de polo menos un terzo dos seus membros en primeira convocatoria. Na segunda convocatoria, media hora despois da determinada para a primeira, non se exixe un quórum mínimo para a válida constitución, sendo precisa en todo caso a asistencia dos presidentes e secretario dos colexios territoriais fusionados.

Non será posible a asistencia mediante delegación.

2. As persoas electoras que queiran exercer o dereito ao voto por correo poderán facelo desde a data de proclamación de candidaturas ata 48 horas antes do día en que teña lugar a asemblea electoral. Computaranse como válidos os votos que sexan recibidos na sede do Colexio na Coruña ata a hora de comezo da Asemblea Electoral. Entenderanse como nulos os votos que sexan recibidos con posterioridade ao inicio da Asemblea.

3. Os votos emitidos por correo deberán emitirse nun sobre pechado en que se inclúa a papeleta oficial que será remitida ás persoas electoras que o soliciten con antelación suficiente á Secretaría da Xunta de Goberno. O sobre en que se insira o voto deberá achegarse con outro no cal se incorpore a fotocopia do DNI, e remitirse os dous á Secretaría da Xunta de Goberno facendo constar no exterior que se trata dun voto por correo.

4. Para proceder á votación chamarase cada unha das persoas presentes para que deposite o seu voto na urna habilitada para o efecto, nun sobre debidamente pechado, no cal introducirá a papeleta da candidatura á cal lle outorga o seu voto.

5. Rematada a votación presencial, a Presidencia da mesa introducirá os votos recibidos por correo. A seguir procederase ao reconto e á proclamación das persoas electas, de acordo co disposto no artigo seguinte.

Artigo 43. Proclamación de membros electos e toma de posesión dos cargos directivos

1. Unha vez realizado o escrutinio, procederase á proclamación dos integrantes da candidatura que obtivese maior número de votos e concederáselle un prazo de 10 días seguintes á celebración da asemblea constituínte para que, en reunión extraordinaria, elixan entre os seus membros os cargos que exerzan as funcións de Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Intervención, Tesouraría e vogalías.

2. Os acordos de designación de presidente adoptarase por maioría absoluta dos seus membros. O resto dos cargos serán designados por maioría simple.

3. Os designados deixarán constancia da aceptación dos respectivos cargos, quedando así formalmente constituída a Xunta de Goberno do Colexio Territorial das provincias da Coruña e Pontevedra.