Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 12 de novembro de 2020 Páx. 44917

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2020 pola que se conceden os distintivos Bandeira Verde de Galicia, de conformidade co disposto na Orde do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Examinado o informe proposta emitido polo xurado encargado de avaliar as candidaturas presentadas ao distintivo Bandeira Verde e a proposta de resolución da persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento, emitidos segundo a Orde do 20 de xullo de 2020, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 27.7.2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 149 a Orde do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Segundo. O 21.9.2020 rematou o prazo previsto no artigo 4 da orde, en que se establece que as solicitudes se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que o prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Dentro do prazo indicado recibíronse 7 solicitudes correspondentes aos concellos das Nogais (categoría 3), Corcubión (categoría 2), Moaña (categoría 2), Parada de Sil (categoría 3), Porto do Son (categoría 2), Riós (categoría 3) e Sober (categoría 3).

Cuarto. O 6.10.2020, de conformidade co previsto no artigo 7 da orde, requiríronse os concellos das Nogais, Corcubión, Parada de Sil, Riós e Sober para que emendasen as súas solicitudes, nun prazo de 10 días hábiles, coa advertencia de que, se así non o fixeren, se considerarían desistidos da súa petición.

Quinto. Con datas do 9.10.2020 e do 22.10.2020 cumpriu este requirimento o Concello das Nogais; con data do 22.10.2020 realizou idéntico trámite o Concello de Sober. Non se recibiron emendas dos concellos de Corcubión, Parada de Sil, nin de Riós.

Sexto. O 29.10.2020 foi convocado o xurado encargado de valorar as solicitudes do distintivo Bandeira Verde de Galicia para a emisión do informe proposta de recoñecemento dos distintivos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano competente para resolver esta convocatoria, e isto con fundamento no disposto no artigo 11 da Orde do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia (DOG núm. 149, do 27 de xullo).

Por outro lado, de conformidade co disposto nos artigos 6 e 11 da orde, a elaboración da proposta de resolución do recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia correspóndelle á persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento.

Segundo. O artigo 11 da Orde do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia establece que o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. En aplicación do previsto no artigo 13 da Orde do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, e de conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de concellos recoñecidos será publicada, así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, https://www.xunta.gal/cmatv.

De igual modo, o artigo 14 da orde prevé que os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público para o que serán convocados coa oportuna antelación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda autoriza cada un dos concellos recoñecidos para poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Sen prexuízo do exposto, no caso de que algún concello premiado teña omitido ou falseado a documentación remitida para a obtención deste recoñecemento, poderase considerar a retirada do distintivo acreditado e, polo tanto, perder a condición de gañador que teña o distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Cuarto. Do informe proposta emitido polo xurado constátase que, do total das sete candidaturas recibidas, unicamente catro (As Nogais, Moaña, Porto do Son e Sober) reúnen os requisitos previos exixidos pola Orde do 20 de xullo de 2020, toda vez que as tres restantes (Corcubión, Parada de Sil e Riós) non acreditaron os criterios para a súa valoración logo do requirimento efectuado.

Respecto das catro candidaturas, o xurado examinounas e valorounas en función dos criterios e do baremo establecidos no anexo I da orde, en que se establecen os limiares mínimos necesarios para poder optar a este recoñecemento, para o que se teñen en conta as características dos concellos (superficie, poboación, orzamento utilizado...).

Quinto. Candidatura presentada polo Concello de Porto do Son:

O Concello de Porto do Son presenta 19 accións ou iniciativas nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha epígrafe: catorce na alínea a), sete na alínea b), cinco na alínea c) e dezaseis na alínea d). Algunhas destas 19 accións desagréganse en máis dunha iniciativa e compútanse, deste xeito, un total de 72 .

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), debemos destacar que algunhas das accións fan referencia á mellora das infraestruturas para os servizos de abastecemento de auga potable e saneamento de augas residuais, as cales se enmarcan nas competencias propias dos concellos (accións A01.08, A02.01, A02.04, A02.05, A03.01). A este respecto, unha vez comprobada a documentación que acompaña a memoria, o xurado considera que as accións A02.04 e A02.05 se enmarcan dentro da xestión ordinaria do concello, polo que non son valoradas.

En relación ao criterio 7 do baremo para a avaliación das iniciativas, relativo ao grao de consecución efectiva dos obxectivos que motivan a acción, co fin de primar aquelas iniciativas que teñan acreditada a súa eficacia, preferentemente a través de indicadores de seguimento ou outro sistema obxectivo de avaliación de resultados, este xurado conclúe que para algunhas das accións non se atopa a xustificación deste punto (A03.01, A03.02).

En relación co último dos criterios de valoración, relativo ao grao de identificación e aceptación das accións por parte da poboación, a participación pública no deseño e implementación das iniciativas e a transparencia, axeitada difusión e comunicación en todo o proceso, o xurado considera que algunhas das iniciativas ou accións non fan referencia a este punto (A01.02, A01.05, A01.06, A02.01, A02.02, A02.03, A02.04, A02.05, A03.01 e A03.02).

De conformidade co establecido, 12 das 19 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do concello de Porto do Son.

Sexto. Candidatura presentada polo Concello das Nogais:

O concello das Nogais indica que presenta 15 accións na súa candidatura nos catro ámbitos de actuación aínda que se comproba que son entre 19 e 24 segundo se faga o cómputo unha a unha ou agrupadas: catro na alínea a), cinco na alínea b), tres na alínea c) e doce na alínea d), algunhas delas preséntaas en dúas epígrafes simultaneamente.

No que se refire á certificación oficial dos méritos alegados (artigo 5.1.b), sen a cal os citados méritos non deberán ser tidos en conta polo xurado, a documentación deste punto componse dun expediente numerado conforme as referencias que se fan na memoria, que contén reproducións dos documentos oficiais acreditativos das accións presentadas. Esta documentación non está asinada. Ademais do indicado, cómpre resaltar que dalgunha acción non se achega ningunha información (D.8, D.9 e D.11).

Sen prexuízo do exposto, este xurado decide avaliar todas as iniciativas que figuran no documento anexo.

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións fan referencia á mellora das infraestruturas para os servizos de abastecemento de auga potable e saneamento de augas residuais, á clausura de vertedoiros e á xestión dos residuos urbanos, as cales se enmarcan nas competencias propias dos concellos ou en accións de obrigado cumprimento (accións A.2, A.3, B.3, C.1 e C.2). A este respecto e unha vez comprobada a documentación que acompaña á memoria, o xurado considera que todas as accións nestas materias se enmarcan na xestión ordinaria do concello, polo que non son valoradas.

Así mesmo, algunhas das accións presentadas non se atopan aprobadas (D.11), polo que non poden considerarse vixentes na data da presentación da solicitude. Estas accións tampouco son valoradas.

En relación co primeiro dos criterios de valoración das iniciativas, a candidatura do Concello das Nogais non expón as estratexias ou plans de carácter integral de ámbito municipal nin acredita o seu aliñamento coas directrices de planificación integral do concello. Como documentación complementaria achega o programa electoral do partido do goberno local, no cal figura o compromiso de acometer accións para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais e da mellora na diminución de materia orgánica e dos plásticos agrícolas, así como actividades de sensibilización da cidadanía para fomentar a economía circular.

En relación cos criterios 2 e 3, aínda que non fai mención ao grao de axuste das accións propostas coas estratexias e plans integrais da Comunidade Autónoma ou das da Axenda 2030, este xurado comprobou que a maior parte están aliñadas con algunha delas.

En relación co criterio 6 do baremo, que atende á dimensión económica, débese destacar que para algunhas das accións non se sinala nin acredita o investimento por habitante ou este non existe, tampouco se sinala o posible retorno, o grao de innovación das iniciativas ou os seus efectos cara ao desenvolvemento de novas tecnoloxías (A.2, D.2 e D.3).

En relación co criterio 7, relativo ao grao de consecución efectiva dos obxectivos que motivan a acción, co fin de primar aquelas iniciativas que teñan acreditada a súa eficacia, preferentemente a través de indicadores de seguimento ou outro sistema obxectivo de avaliación de resultados, para algunhas das accións presentadas non se atopa a xustificación deste punto (A.4, D.5, B.3, D.2, D.3, D.4).

En relación co grao de identificación e aceptación das accións por parte da poboación, a participación pública no deseño e implementación das iniciativas e a transparencia, axeitada difusión e comunicación en todo o proceso, o xurado considera que na documentación presentada para algunhas das propostas non se atopa unha xustificación adecuada deste criterio (A.1, D.10, A.4, D.5, B.7, D.2, D.3, D.4, D.6 e D.7).

Tendo en conta o anterior, non se acada a puntuación exixida para alcanzar o mínimo de catro iniciativas que, pola súa vez, abrangan os catro ámbitos de actuación.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello das Nogais.

Sétimo. Candidatura presentada polo Concello de Sober:

O Concello de Sober presenta 37 accións agrupadas en seis iniciativas que abranguen os catro ámbitos de actuación de forma que algunhas delas se encadran en máis dun deles: trinta e tres na alínea a), vinte e dúas na alínea b), once na alínea c) e dúas na alínea d).

No que se refire á certificación oficial dos méritos alegados (artigo 5.1.b), sen a cal os citados méritos non deberán ser tidos en conta polo xurado, o Concello de Sober presenta baixo a denominación de anexo un arquivo en que se indica, textualmente, «xúntase neste anexo algunha documentación para acreditar algunhas das actuacións que se indican na memoria. O dito anexo inclúe fotografías alusivas a 16 das 37 accións presentadas.

O xurado acorda avaliar unicamente aquelas iniciativas cuxas fotografías permitan inferir que reúnen as condicións previas.

En relación coas condicións previas para que as accións sexan susceptibles de seren avaliadas (anexo I), algunhas das accións fan referencia á mellora das infraestruturas para os servizos de abastecemento de auga potable e saneamento de augas residuais, as cales se enmarcan nas competencias propias dos concellos ou en accións de obrigado cumprimento (accións II e III). A este respecto e unha vez comprobada a documentación que acompaña a memoria, o xurado considera que as accións nestas materias poden ser avaliadas xa que afectan a optimización de consumos e redución de emisións, indo máis aló dunha actuación de conservación e mantemento, con obxectivos aliñados coas estratexias climáticas e de menor consumo de recursos.

En relación co primeiro dos criterios de valoración, a candidatura de Sober agrupa as 37 accións en seis iniciativas en que expón o grao de axuste aos oito criterios de valoración. En relación co primeiro deles, as seis iniciativas encádraas nos obxectivos que a Axenda 21 da ONU define para o desenvolvemento municipal, sen que quede acreditado que esta sexa unha axenda municipal propia.

En relación co segundo dos criterios, semellan non axeitadas algunhas das correspondencias que fai das accións propostas cos obxectivos e determinacións das DOT.

En relación co criterio 6 do baremo, que atende a dimensión económica, cabe destacar que para algunhas das accións non se cuantifica o investimento do concello (II, IV, V e VI) e tampouco o posible retorno, aínda que en todas elas se fai mención á utilización de novas tecnoloxías.

En relación co criterio 7, relativo ao grao de consecución efectiva dos obxectivos que motivan a acción, co fin de primar aquelas iniciativas que teñan acreditada a súa eficacia, preferentemente a través de indicadores de seguimento ou outro sistema obxectivo de avaliación de resultados, as iniciativas III, IV, V e VI non concretan ou obxectivan o grao de consecución efectiva dos obxectivos mediante un sistema de indicadores ou equivalente de avaliación de resultados.

En relación co grao de identificación e aceptación das accións por parte da poboación, a participación pública no deseño e implementación das iniciativas e a transparencia, axeitada difusión e comunicación en todo o proceso, a candidatura alude a «unha comunicación constante cos veciños afectados durante o proceso de execución das actuacións, ademais da publicidade a través de medios de comunicación cando se aproba calquera actuación, e recóllese a opinión dos veciños unha vez realizadas as actuacións», que non acredita a existencia deste criterio.

Tendo en conta o anterior, non se acada a puntuación exixida para alcanzar o mínimo de catro iniciativas que, pola súa vez, abrangan os catro ámbitos de actuación.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar negativamente a candidatura do Concello de Sober.

Oitavo. Candidatura presentada polo Concello de Moaña:

O Concello de Moaña presenta 20 accións nos catro ámbitos de actuación, algunhas delas concorrentes en máis dunha epígrafe; oito na alínea a), catro na alínea b), cinco na alínea c) e sete na alínea d).

En relación co primeiro dos criterios de valoración, a candidatura de Moaña non expón as estratexias ou plans de carácter integral de ámbito municipal nin acredita o seu aliñamento coas directrices de planificación integral do concello nalgunha das accións propostas (4.1.2, 4.3.4, 4.3.5, 4.3.6, 4.3.7, 4.4.5 e 4.4.7).

En relación co criterio 7, relativo ao grao de consecución efectiva dos obxectivos que motivan a acción, co fin de primar aquelas iniciativas que teñan acreditada a súa eficacia, preferentemente a través de indicadores de seguimento ou outro sistema obxectivo de avaliación de resultados, non se atopa a xustificación deste punto para algunhas das accións propostas (4.3.6, 4.3.7, 4.4.5 e 4.4.7).

En relación co último dos criterios de valoración relativo ao grao de identificación e aceptación das accións por parte da poboación, a participación pública no deseño e implementación das iniciativas e a transparencia, axeitada difusión e comunicación en todo o proceso, débese sinalar que algunhas das iniciativas ou accións non fan referencia a este punto (4.1.3, 4.3.6, 4.3.7, 4.4.5 e 4.4.7).

Tendo en conta o anterior, 15 das 20 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Por este motivo, o xurado propuxo avaliar positivamente a candidatura do Concello de Moaña.

En conclusión, visto o informe proposta de recoñecemento do xurado, e a proposta de resolución da persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, na súa calidade de órgano instrutor do procedemento, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVO:

1. Dar por desistido o Concello de Corcubión por incumprir o previsto no artigo 5.1.b) e 5.1.d): carece de PXOM adaptado á LOUG e non certifica que non ten incumprimentos de ordes de execución.

2. Dar por desistido o Concello de Parada de Sil por incumprir o previsto no artigo 5.1.b) e 5.1.d): carece de PXOM adaptado á LOUG e de saneamento público e non acredita varias iniciativas (A3-A7; A9-A14; B4-B8; D2-D3).

3. Dar por desistido o Concello de Riós por incumprir o previsto no artigo 5.1.b) e 5.1.d): o PXOM adaptado á LOUG está en fase de elaboración (aprobación inicial e memoria ambiental) e non acredita varias das iniciativas (2, 5, 6, 8, 9, 10, 11).

4. Non recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia ao Concello das Nogais, xa que non acada a puntuación exixida para alcanzar o mínimo de catro iniciativas que, pola súa vez, abrangan os catro ámbitos de actuación exixidos pola orde para un concello de categoría 3.

5. Non recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Sober, xa que non acada a puntuación exixida para alcanzar o mínimo de catro iniciativas que, pola súa vez, abrangan os catro ámbitos de actuación exixidos pola orde para un concello de categoría 3.

6. Recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Moaña, xa que 15 das 20 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

7. Recoñecer o distintivo Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Porto do Son, xa que 12 das 19 accións propostas acadan a puntuación exixida, de xeito que se supera o mínimo de seis iniciativas estipulado para os concellos de categoría 2, tendo en conta ademais que todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Poderase, igualmente, interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio