Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 12 de novembro de 2020 Páx. 44910

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2020 pola que se convoca o webinario O persoal funcionario interino: réxime xurídico e respostas á problemática suscitada pola temporalidade na Función Pública.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, no marco do ciclo de conferencias sobre Presente e futuro do emprego público na Administración post COVID, o webinario O persoal funcionario interino: réxime xurídico e respostas á problemática suscitada pola temporalidade na Función Pública, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal desta actividade é analizar a temporalidade na Función Pública, un dos principais retos a que se enfrontan hoxe en día as administracións públicas en España, tal e como demostran os actuais traballos de reforma do Estatuto básico do empregado público neste punto. Ademais da equiparación de réximes xurídicos entre o persoal funcionario de carreira e o persoal funcionario interino, identificando o que é propio de cada un deles en función da súa natureza, o maior reto vén dado pola laxitude das relacións temporais funcionariais, particularmente en ámbitos como a sanidade, a educación ou a Administración local. O seminario analiza o réxime xurídico do persoal funcionario interino, partindo das circunstancias que amparan o seu nomeamento e abordando tanto as solucións adoptadas para paliar a temporalidade como as posibles transformacións en indefinidas de interinidades ou os propios procesos de estabilización.

2. Contidos.

Nesta actividade trataranse os seguintes contidos:

1. O persoal funcionario interino.

a) Concepto.

b) Características. En particular, a temporalidade.

c) O inesperado impacto do dereito europeo e as súas confusas consecuencias.

2. Selección do persoal funcionario interino.

3. Nomeamento do persoal funcionario interino.

a) Presuposto: urxencia e necesidade.

b) Circunstancias de nomeamento.

4. Cesamento do persoal funcionario interino.

5. Dereitos e obrigas do persoal funcionario interino: a progresiva asimilación ao persoal funcionario de carreira.

6. Consecuencias da temporalidade sucesiva ou de longa duración no emprego público:.

a) A transformación da relación en indefinida ou permanente.

b) A pretendida indemnización no momento do cesamento.

c) Os procesos de estabilización como resposta.

3. Persoas destinatarias.

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e dos seus entes instrumentais e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Data: xoves, 19 de novembro de 2020.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: de 12.00 a 13.30 horas.

Duración: 1,5 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable a internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Webcam (integrada no caso de portátil, externa no caso de sobremesa, xeralmente USB).

5. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

5. Número de prazas: 60.

6. Inscrición.

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible na dirección <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso: O funcionario interino: réxime xurídico e respostas á problemática suscitada pola temporalidade na Función Pública.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8:00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 16 de novembro de 2020.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenza, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

9. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado.

Na epígrefe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo o día anterior ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia.

c) As faltas de asistencia:

1. A falta de asistencia deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxa falta de asistencia supere o 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/) a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia for igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública