Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 16 de novembro de 2020 Páx. 45232

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2020, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se fixa a data, a hora e o lugar de realización do cuarto exercicio do proceso selectivo.

Na sesión que tivo lugar o día 5 de novembro de 2020, o tribunal nomeado pola Orde do 12 de xullo de 2019 (DOG núm. 137, do 19 de xullo), encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 da Consellería de Facenda (DOG núm. 48, do 8 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Que o cuarto exercicio terá lugar o día 25 de novembro de 2020, na aula 7 da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, nº 2, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela), en chamamento único que se iniciará ás 16.30 horas.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade a xuízo do tribunal.

Non se permitirá o acceso ao recinto en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.4 da convocatoria, o exercicio cuarto constará do desenvolvemento por escrito dun (1) tema, que se elixirá entre tres (3) obtidos mediante sorteo de entre os que figuran no anexo I da orde de convocatoria.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cen (100) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dez (10) puntos.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

Juan Manuel Gómez Duaso
Presidente do tribunal