Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 16 de novembro de 2020 Páx. 45226

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 6 de novembro de 2020 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro (Cprex) Trisquel Compostela International School, de Teo.

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 29 de abril de 2019, prorrógase, ata o 31 de agosto de 2021, a autorización temporal do centro privado estranxeiro (CPREX) Trisquel Compostela International School, situado na Travesía de Cacheiras, nº 64, Teo, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

A titularidade do centro educativo solicita o cambio de domicilio por traslado de instalacións da Travesía de Cacheiras, 64, de Teo, a Silvouta, Roxos, s/n, Santa María de Villestro, Santiago de Compostela, e a modificación da autorización para impartir Pre-School Section (de 3 a 6 anos). Achega un certificado de confirmación da acreditación plena emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC) autorizando Pre-School Section (infantil) para un máximo de 30 estudantes de 3 a 6 anos e Elementary Section (primaria) para un máximo de 70 estudantes de 6 a 12 anos, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización e autorizar o cambio de domicilio por traslado de instalacións e as ensinanzas de Pre-School Section (infantil) no centro privado estranxeiro, que queda coa seguinte configuración:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Trisquel Compostela International School.

Código do centro: 15033058.

Domicilio: Silvouta, Roxos, s/n.

Localidade: Santa María de Villestro.

Código postal: 15896.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Trisquel Compostela I.S., S.L.

Ensinanzas autorizadas, ata o 31 de agosto de 2021, do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro:

– Pre-School Section (infantil) para un máximo de 30 estudantes.

– Elementary Section (primaria) para un máximo de 70 estudantes.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade