Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 18 de novembro de 2020 Páx. 45545

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2020 pola que se aproba o modelo de comunicación da realización dunha auditoría enerxética (código de procedemento IN418B).

Mediante o Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, trasponse a Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, no referente a auditorías enerxéticas, acreditación de provedores de servizos e auditores enerxéticos e promoción da eficiencia da subministración de enerxía, correspondendo ás comunidades autónomas ou ás cidades de Ceuta ou Melilla informar anualmente, polo menos, do número de inspeccións realizadas e do resultado deste control o ministerio competente en materia de enerxía.

Mediante a Resolución do 4 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, delegáronse no Instituto Enerxético de Galicia (Inega) todas as competencias atribuídas á dirección xeral competente en materia de enerxía relacionadas co Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro.

O Inega xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para facilitar a comunicación da realización dunha auditoría enerxética de acordo co establecido no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, polo que se traspón a Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, no referente a auditorías enerxéticas, acreditación de provedores de servizos e auditores enerxéticos e promoción da eficiencia da subministración de enerxía, cómpre elaborar o formulario normalizado que deberán utilizar os interesados. O formulario estará accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Obxecto.

Aprobar e dar publicidade ao modelo de comunicación do seguinte procedemento IN418B: Comunicación de realización dunha auditoría enerxética (anexo I).

2. Prazo de presentación.

O procedemento IN418B é un procedemento administrativo de prazo aberto; pódese empregar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

3. Forma de presentación da comunicación para o procedemento IN418B.

1. As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, https://appsinega.xunta.gal/RD56/web/acceso.php.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

2. Toda a información relativa a comunicación de realización dunha auditoría enerxética estará dispoñible no enderezo: http://www.inega.gal/eficienciaenerxetica/RD56.html.

3. Unha vez asinado e presentado calquera destes anexos, xerarase unha copia en formato pdf do anexo correspondente, así como das táboas resumo xeradas por cada instalación auditada. Esta copia servirá como xustificante de que se realizou a correspondente comunicación.

4. Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

a) Título habilitante para ser auditor enerxético.

b) Documento que acredite a persoa asinante como representante legal da empresa.

c) Se a persoa que asina unha destas comunicacións non é o representante legal da empresa, deberá achegar un poder de representación segundo o modelo dispoñible no enderezo: http://www.inega.gal/eficienciaenerxetica/RD56.html.

d) No caso de escoller a opción do artigo 3.2.b) do Real decreto 56/2016, deberá achegar certificado dun organismo independente de que aplican un sistema de xestión enerxética ou ambiental.

e) No caso de suxeitos obrigados que teñan máis dun centro de traballo, listaxe de todas as instalacións da empresa ou grupo de empresas (centros de traballo con distinta localización) situadas no territorio nacional, onde apareza o consumo enerxético de cada unha delas e se identifique o perímetro auditado, asinada por un representante legal.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Publicación do modelo normalizado.

A publicación do formulario normalizado no Diario de Oficial de Galicia (DOG) faise unicamente para efectos informativos. Se algunha das empresas interesadas presenta este formulario presencialmente, será requirida para que o emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a corrección.

6. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación do procedemento IN418B deberán ser realizados electronicamente accedendo á aplicación do Inega (https://appsinega.xunta.gal/RD56/web/acceso.php).

8. Actualización de modelos normalizados.

Co obxectivo de manter este formulario adaptado á normativa vixente, poderá ser actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalo novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste.

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file