Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 18 de novembro de 2020 Páx. 45555

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se lles outorgan destinos aos funcionarios do corpo de tramitación procesual e administrativa da Administración de xustiza (quenda de promoción interna) que superaron as probas selectivas convocadas pola Orde JUS/404/2019, do 21 de marzo, no ámbito de Galicia.

De conformidade co establecido nos artigos 28 e 29 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, a Dirección Xeral de Xustiza, por medio desta Resolución do 5 de novembro de 2020, resolveu adxudicarlles destino no órgano xudicial que se indica no anexo I aos funcionarios do corpo de tramitación procesual e administrativa (quenda de promoción interna) nomeados funcionarios de carreira do dito corpo, tendo en conta o seguinte:

Primeiro. Os funcionarios do corpo de tramitación procesual e administrativa aos cales se lles outorga destino nesta resolución deberán tomar posesión do seu cargo no correspondente departamento territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (Xefatura Territorial de Lugo, Servizo de Xustiza, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo) dentro do prazo de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado (BOE), de acordo co establecido no artigo 29 do dito real decreto e no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Os funcionarios destinados en virtude desta resolución que opten por continuar en activo no corpo de auxilio xudicial non será necesario que se despracen a tomar posesión ao posto de traballo adxudicado, para o cal abondará con que, dentro do prazo de toma de posesión sinalado no punto primeiro, comuniquen, mediante o formulario que se publica nesta resolución como anexo II, a súa intención de se acolleren á dita opción, a través do correo electrónico servicio.persoal.xustiza@xunta.gal, para os efectos de declaración de excedencia voluntaria prevista no artigo 506.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial. A copia da resolución pola cal sexan declarados en situación de excedencia voluntaria será remitida ao Rexistro Central de Persoal da Subdirección Xeral de Medios Persoais da Administración de Xustiza.

Co fin de planificar a oferta de prazas dos aspirantes aprobados pola quenda libre, aqueles aspirantes da quenda de promoción interna que opten por continuar en activo no corpo de procedencia tamén deberán comunicar, mediante o formulario que se publica nesta resolución como anexo II, a súa intención de se acolleren á dita opción, a través do correo electrónico concursos.admonjusticia@mjusticia.es, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do seu nomeamento e adxudicación de destino no BOE.

Terceiro. No caso de que os funcionarios opten por ingresar no corpo de tramitación procesual e administrativa e queiran evitar un baleiro na continuidade dos seus servizos na Administración de xustiza, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar no Servizo de Xustiza da xefatura territorial correspondente ao seu destino como funcionarios do corpo de auxilio xudicial un permiso retribuído dun día se non hai cambio de localidade, ou de dous no caso contrario, agás aqueles que teñan que se desprazar desde Canarias, Baleares, Ceuta ou Melilla, caso en que o permiso poderá ser de ata tres días para tomar posesión do seu novo cargo. Estes días considéranse hábiles e a toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

Para o caso de que o funcionario proceda do ámbito de competencia doutra xerencia territorial ou de comunidades autónomas que recibisen o traspaso de medios persoais, deberase remitir a dita documentación a estes órganos para que lle concedan de oficio a situación de excedencia voluntaria no corpo de auxilio xudicial e o cesamento automático coa mesma data en que se produza a toma de posesión no corpo de tramitación procesual e administrativa, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Cuarto. Os funcionarios que opten por permanecer no novo posto do corpo de tramitación procesual e administrativa terán dereito, a partir da toma de posesión, ao permiso retribuído que establece a disposición adicional quinta do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, permiso do que se deducirán os días indicados no punto terceiro desta resolución.

Quinto. Os funcionarios interinos que actualmente ocupen prazas que foron adxudicadas aos aspirantes aprobados cesarán o mesmo día en que se produza a toma de posesión do titular.

Sexto. Os funcionarios do corpo de tramitación procesual e administrativa aos cales se lles outorga destino en virtude desta resolución, malia ter sido destinados con carácter forzoso pola orde de cualificación segundo as súas preferencias, non poderán participar en concurso de traslados ata que transcorran dous anos desde a data desta resolución. Para o cómputo dos dous anos observarase o establecido no parágrafo segundo do artigo 529.3 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

Sétimo. As prazas ofrecidas aos aspirantes mediante a Resolución do 14 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 190, do 18 de setembro), non adxudicadas aos aspirantes de novo ingreso no corpo de tramitación procesual e administrativa, quenda de promoción interna, manteñen a súa condición de desertas e reservadas para os aspirantes a ingreso no corpo de tramitación procesual e administrativa da quenda libre.

Así mesmo, aquelas prazas non ocupadas polos aspirantes da quenda de promoción interna, ao optaren por quedar no corpo de procedencia, acumularanse ás prazas indicadas no parágrafo anterior.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición competente, de conformidade co establecido na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no BOE. Isto sen prexuízo da interposición do recurso potestativo de reposición, ante o director xeral de Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Corpo: tramitación procesual e administrativa, quenda de promoción interna.

Nº orde

NIF

Apelidos e nome

Destino adxudicado

Localidade

Provincia

Función

1

***3823**

Carballedo Aenlle, Sabela

Decanato. Servizo común de apoio

Lugo

Lugo

Tramitación P.A.

2

***3028**

Gómez Liñares, Cristina

Decanato. Servizo común de apoio

Lugo

Lugo

Tramitación P.A.

3

***4308**

López Miño, Ana María

Decanato. Servizo común de apoio

Lugo

Lugo

Tramitación P.A.

missing image file