Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 18 de novembro de 2020 Páx. 45514

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas afectadas pola crise da COVID-19 financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR400A).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20+ para o emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre os cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar as persoas traballadoras autónomas como axentes dinamizadores da economía na comunidade autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, estas medidas trouxeron consigo a maior crise económica coñecida. Moitas persoas traballadoras autónomas tiveron que acollerse ao cesamento de actividade e nalgúns casos víronse obrigadas a pechar os seus negocios a causa da pandemia.

O obxecto das axudas reguladas nesta orde é contribuír ao mantemento das persoas traballadoras autónomas e aos seus negocios como parte esencial do tecido produtivo e da economía de Galicia, contribuíndo desde xeito á reconstrución da nosa sociedade na era postcovid.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser unha prioridade fundamental.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O artigo 2 do Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, engade o artigo 25.bis «Medidas excepcionais para a utilización dos fondos EIE en resposta ao brote de COVID-19» no Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, establecendo que, como excepción ao disposto no artigo 60, punto 1, e no artigo 120, punto 3, parágrafos primeiro e cuarto, a petición dun Estado membro, poderá aplicarse unha porcentaxe de cofinanciación do 100 % aos gastos declarados nas solicitudes de pagamento durante o exercicio contable que comeza o 1 de xullo de 2020 e finaliza o 30 de xuño de 2021 para un ou máis eixes prioritarios nun programa financiado polo FSE.

Esta axuda estará financiada polo Fondo Social Europeo a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular, obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; prioridade de investimento 8.5. A adaptación ao cambio dos traballadores, empresas e emprendedores. Obxectivo específico 8.5.2. Preservar o emprego durante a crise de COVID-19. Liña de actuación 193: programa de mantemento do emprego autónomo.

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa», establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Este programa de rescate das persoas traballadoras autónomas está financiado con 30.000.000,00 € de FSE dentro dos cales 2.000.000,00 € estará reservado a aquelas persoas autónomas en sectores cuxa actividade estivera especialmente paralizada.

En canto ao procedemento de concesión establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, tras a autorización da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas de Galicia do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR400A).

2. Por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2020.

CAPÍTULO II

Obxecto das bases reguladoras e marco xeral

Artigo 2. Obxecto e finalidade das bases reguladoras

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19 que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego. O prazo de execución da operación vai desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2020.

3. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018: «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) 1303/2013».

Artigo 3. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. Por tratarse de subvencións financiadas polo PO FSE Galicia 2014-2020 serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e o Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, modificados polo Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, de 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1296/2013, (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013, (UE) 1304/2013, (UE) 1309/2013, (UE) 1316/2013, (UE) 223/2014 e (UE) 283/2014 e a Decisión 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) 966/2012, así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: Regulamento (UE) 2020/558, do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, Regulamento (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19; e Regulamento (UE) 2020/460, do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

Artigo 4. Subvencións baixo a condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a mesma outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa», establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 5. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores por conta propia e que teñan o domicilio fiscal en Galicia e que teñan recoñecida o cesamento ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego (BOE núm. 259, do 30 de setembro).

2. Para as axudas previstas no artigo 7.1.b), as persoas traballadoras autónomas que ademais de cumprir o requisito sinalado no parágrafo anterior deberán estar encadradas nos sectores cuxa actividade estivera especialmente paralizada.

Entenderase como actividade especialmente paralizada:

a) En todo caso o lecer nocturno. Son negocios de lecer nocturno aqueles con establecementos de discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, incluiranse os negocios como establecemento de salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga punto anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no apartado III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.

Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pubs.

b) Aquelas actividades económicas que se desenvolvan no ámbito das atraccións de feiras e que se trate de actividades nas cales non existe establecemento aberto ao público e que pertenzan aos seguintes CNAE: 4724, 4729, 4781, 4782, 4789, 5610, 5629, 5630 e 9200.

c) Os negocios encadrados nos seguintes CNAE:

CNAE 4932. Transporte por taxi.

CNAE 5010. Transporte marítimo de pasaxeiros.

CNAE 5030. Transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores.

CNAE 5621. Provisión de comidas preparadas para eventos.

CNAE 5914. Actividades de exhibición cinematográfica.

CNAE 7911. Actividades das axencias de viaxes.

CNAE 7912. Actividades dos operadores turísticos.

CNAE 7990. Outros servizos de reservas e actividades relacionadas cos eles.

CNAE 8230. Organización de convencións e feiras de mostras.

CNAE 9001. Artes escénicas.

CNAE 9002. Actividades auxiliares ás artes escénicas.

CNAE 9004. Xestión de salas de espectáculos.

CNAE 9321. Actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos.

CNAE 9329. Outras actividades recreativas e de entretemento.

3. Dada a natureza extraordinaria das actuacións subvencionables destas bases reguladoras debido á situación de emerxencia sanitaria de que derivan, mediante a Orde do 13 de novembro de 2020 da Consellería de Facenda e Administración Pública autorízase a que mediante declaración responsable as persoas solicitantes poidan, para os efectos desta axuda, declarar que non teñen débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, Administración do Estado e coa Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 11.k) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

Artigo 7. Axudas

1. As axudas serán:

a) 1.200 € para as persoas traballadora autónoma que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 6.1.

b) 2.000 € para aquelas persoas traballadoras autónomas en sectores cuxa actividade estivera especialmente paralizada tal e como vén definido no artigo 6.2.

As axudas previstas de 1.200 € ou de 2.000 € non son acumulables.

2. O método de xustificación empregado será o de custos simplificados, sumas a tanto global, conforme o disposto no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Artigo 8. Orzamentos

1. A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2020 ten un orzamento de 30.000.000 € que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda 1.200 €

09.40.322C.470.8

2020 00113

28.000.000 €

Axuda 2.000 €

09.40.322C.470.10

2020 00113

2.000.000 €

Tendo en conta que as persoas solicitantes da axuda de 2.000 € para ser beneficiarias deben cumprir tamén os requisitos para recibir a axuda de 1.200 €, se rematasen os créditos da aplicación 09.40.322C.470.10, estas persoas poderán ser beneficiarias da axuda de 1.200 €.

Se hai créditos sobrantes na aplicación que financia a axuda de 2.000 € poderán ser empregados no financiamento da outra axuda.

Esta axuda está financiada polo Fondo Social Europeo a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular: obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral, prioridade de investimento 8.5. A adaptación ao cambio dos traballadores, empresas e emprendedores, obxectivo específico 8.5.2. Preservar o emprego durante a crise da COVID-19 e liña de actuación 193: programa de mantemento do emprego autónomo.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa. Para ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nesta orde é necesario un informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

CAPÍTULO III

Procedemento

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de Subvencións de Galicia que establece un período mínimo dun mes, ou ben ata o esgotamento do crédito. De acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase no Diario Oficial de Galicia o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Artigo 11. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

No modelo de solicitude vén recollida unha declaración responsable do solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:

– Que está de alta no réxime da Seguridade Social correspondente (no RETA ou traballadores por conta propia do réxime de traballadores do mar).

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– Que ten recoñecido o cesamento ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego (BOE núm. 259, do 30 de setembro).

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de persoa beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Que non está afectada polo réxime de minimis a que se acolle esta orde.

– Que a súa actividade e negocio está encadrado nun dos CNAEs recollidos no artigo 6.2, no caso de solicitar a axuda de 2.000 €.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarios da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. Cando se actúe mediante representación, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificado de domicilio fiscal.

g) Vida laboral da persoa solicitante (comprobación alta, CNAE actividade, cese ordinario ou extraordinario de actividade).

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Dado que estas axudas están financiadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII (modificado polo Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046) en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

4. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 17. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase mediante a comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para determinar a documentación presentada en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita polo persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 20, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de 1 mes, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Programa operativo FSE Galicia 2014-2020 con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique aos beneficiarios estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidos os beneficiarios, en especial os requisitos específicos relativos, se é o caso, aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

6. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social se publicará o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no punto 5 deste artigo.

Artigo 20. Forma de pagamento

O aboamento das subvencións reguladas nesta orde realizarase polo cen por cento do importe da axuda concedida. Os requisitos acreditaranse na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención o que se acreditará coa declaración responsable.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comenzo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

2. Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no punto anterior, as seguintes:

a) As persoas traballadoras autónomas beneficiarias da axuda deben manter a alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores por conta propia durante un tempo mínimo de dous meses desde a publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

b) Presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, referidos ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora a que se refire a alínea a) deste artigo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos seis meses despois de que finalicen os citados períodos de mantemento da actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

c) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

d) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

e) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e, especificamente, comprobará, ao rematar o período de 2 meses, o mantemento da actividade, o seu cumprimento, por se procedese aplicar algún tipo de reintegro, e tamén comprobará a veracidade das declaracións responsables presentadas.

3. Para realizar estas funcións poderase utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 24. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras a xudas.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. A obtención, falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen, dará lugar á perda do dereito ao cobramento da totalidade da axuda e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave, segundo o artigo 53.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e poderanse impoñer as sancións, recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre á tripla da cantidade indebidamente obtida.

4. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida, no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles.

5. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

6. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file