Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Xoves, 19 de novembro de 2020 Páx. 45761

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 7 de Vigo

EDICTO (806/2018).

Eu, Francisco Rascado González, letrado da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 7 de Vigo, fago saber que en virtude do acordado nos autos de referencia, e de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da LAC, por medio deste edicto notifícaselles a Carlos Ramón García González e Rafael García de Juan, en ignorado paradoiro, a Sentenza do 14 de febreiro de 2020, cos seguintes particulares:

«Sentenza.

Xuíza que a dita: María Isabel Benito Sánchez.

Lugar: Vigo.

Data: 14 de febreiro de 2020.

Vistos por Mª Isabel Benito Sánchez, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia númer 7 de Vigo, os presentes autos de xuízo verbal nº 806/2018, seguidos por instancia de Mª Teresa Fernández-Colmeiro Martínez, representada pola procuradora Sra. Toucedo e asistida pola letrada Sra. Casal Domínguez, contra Carlos Ramón García González e Rafael García de Juan, en rebeldía procesual.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A procuradora instante na citada representación presentou demanda de xuízo verbal contra os arriba citados e, tras alegar os feitos e fundamentos xurídicos que tivo por convenientes, rematou suplicando que se ditase sentenza de conformidade co suplico da demanda.

Alega que a súa representada, actuando como apoderada da súa nai, mediante contrato do 18 de maio de 2018, cedeu en arrendamento aos demandados a vivenda sita no piso 1º esquerda da casa sinalada co nº 41 da rúa México desta cidade, polo prazo dun ano prorrogable conforme a LAU, por unha renda mensual de 575 euros máis gastos de servizos e subministracións. Pactouse que, en caso de desistencia anticipada por parte dos arrendatarios antes do primeiro ano de vixencia do contrato, unha vez transcorridos os primeiros seis meses de obrigado cumprimento, estes deberían indemnizar o arrendador co equivalente a unha mensualidade de renda.

Alega que, tras ocupar o piso arrendado o 18 de maio de 2018, aboaron un mes de fianza, así como a parte proporcional do mes de maio e o mes de xuño de 2018 e non volveron aboar outra cantidade, ata que, a finais de agosto dese ano, lle comunicaron cunha nota manuscrita a súa intención de desistir do contrato, e ata esa data a demandante non puido entrar na vivenda arrendada.

Por iso, en exercicio da acción de responsabilidade contractual, dos artigos 1091 e 1088 e seguintes do Código civil, sobre o cumprimento das obrigas, solicita que se condene os demandados a aboar a renda correspondente aos seis meses establecidos de duración obrigatoria do contrato, así como unha mensualidade de renda, en concepto de indemnización de danos e perdas por desistencia antes do transcurso dun ano de duración do contrato, conforme o expresamente pactado neste, máis os gastos de servizos deixados sen aboar, durante o tempo que durou o arrendamento, e deducidas as cantidades aboadas en concepto de renda e fianza, o que fai un total de 2.732,96 euros.

Segundo. Admitida a trámite, deuse traslado aos demandados, que foron emprazados para contestar, pero non compareceron en forma, polo que foron declarados en situación procesual de rebeldía.

Terceiro. Ao non solicitar a parte comparecida a celebración de vista, declaráronse os autos vistos para sentenza.

Cuarto. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais esenciais.

Resolución.

Estimo integramente as pretensións da parte demandante e condeno a Carlos Ramón García González e Rafael García de Juan a aboar a Mª Teresa Fernández-Colmeiro Martínez a suma de 2.732,96 euros, máis o xuro legal desde a interposición da demanda, con expresa condena en custas da parte demandada.

Contra a presente resolución non cabe recurso.

Así, por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

A maxistrada/xuíza».

Vigo, 6 de marzo de 2020

O letrado da Administración de xustiza