Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 20 de novembro de 2020 Páx. 45891

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 18 de novembro de 2020 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento a adegas do dereito a préstamos de campaña no ano 2020 garantidos polo Instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento MR364A).

O Marco nacional de desenvolvemento rural, aprobado pola Comisión Europea mediante Decisión do 13 de febreiro de 2015, en aplicación do disposto no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, inclúe no seu punto 5 un instrumento financeiro plurirrexional de adhesión voluntaria destinado a financiar determinadas actuacións contidas nos programas de desenvolvemento rural.

Doutra banda, as medidas do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 a que corresponden as actuacións que poden ser obxecto de financiamento a través do instrumento financeiro inclúen, entre outras, a medida 4.2 (Investimentos en transformación/comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas). Nesta medida figura establecida a posibilidade de garantir con fondos Feader préstamos destinados ao capital circulante de empresas agroalimentarias, en aplicación do Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote do COVID-19. Este regulamento establece que, cando os instrumentos financeiros presten axuda en forma de capital de explotación ás pemes, esa axuda tamén se poderá prestar con cargo ao Feader no marco das medidas recollidas no Regulamento (UE) 1305/2013 e pertinentes para a execución dos instrumentos financeiros. Os ditos gastos subvencionables non poderán superar os 200.000 euros.

En aplicación do indicado, o Marco nacional de desenvolvemento rural, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 13 de febreiro de 2015, inclúe no seu punto 5 un instrumento financeiro plurirrexional de adhesión voluntaria destinado a financiar determinadas actuacións contidas nos programas de desenvolvemento rural, mediante a concesión de préstamos garantidos para o seu financiamento. Este instrumento articúlase mediante acordos específicos de financiamento establecidos entre o Ministerio de Agricultura, Pesca, e Alimentación (MAPA), a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) e as comunidades autónomas.

Estes préstamos intégranse nun instrumento de garantía de carteira con límite máximo, proporcionándolles aos destinatarios finais a cobertura do risco de falta de pagamento para cada préstamo. Os trazos da carteira son unha taxa de garantía préstamo a préstamo, establecida no 80 %, contía a que fará fronte o instrumento ante unha primeira perda, de modo que o 20 % do importe impagado será asumido pola entidade financeira concedente do préstamo e o 80 % restante polo instrumento financeiro, e unha taxa do límite máximo da garantía, establecida no 20 % da carteira, que é a porcentaxe da carteira que cubrirá o instrumento financeiro, limitando o volume total de préstamos que poden ser garantidos.

Procedementalmente, o recoñecemento do dereito a estes préstamos garantidos caracterízase pola participación das entidades financeiras, que deben estar adheridas ao instrumento financeiro a través do correspondente convenio co MAPA, así como a un convenio específico coa Consellería do Medio Rural ao seren entidades colaboradoras na xestión das solicitudes de recoñecemento do dereito ao préstamo garantido polo dito instrumento financeiro.

Por outra banda, o sector vitivinícola galego ten un carácter estratéxico debido á súa importancia agroindustrial e articúlase fundamentalmente ao redor das súas producións de calidade amparadas polas cinco denominacións de orixe e catro indicacións xeográficas protexidas existentes actualmente. Debido ás características da súa actividade, as adegas do sector necesitan dispor dun importante volume de financiamento de capital circulante, xa que deben proverse no curto período de tempo que dura a vendima de toda a materia prima que van transformar e comercializar durante todo o ano. A actual crise sanitaria causou unha diminución de vendas no sector, o que ocasiona dificultades adicionais para conseguir este financiamento e xustifica os apoios que se recollen nesta orde. Así mesmo, e conforme o establecido no Real decreto lei 5/2020, do 25 de febreiro, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes en materia de agricultura e alimentación, para evitar a destrución de valor na cadea alimentaria estas axudas deben limitarse ás empresas que lles paguen aos produtores un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción. Para iso deben terse en conta os prezos pagados nun dilatado período temporal xa que o volume de produción e calidade de cada colleita de uva é moi variable debido ás condicións meteorolóxicas de cada ano. Así mesmo, e con igual fin, deben terse tamén en conta as marxes económicas habituais para este tipo de actividade económica.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento para o recoñecemento do dereito á subscrición de préstamos de campaña a adegas de elaboración de viño na campaña 2020, garantidos polo Instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

O código do procedemento é o MR364A.

Artigo 2. Destinatario final dos préstamos garantidos polo instrumento financeiro

Terán a consideración de destinatarias finais dun préstamo as pemes agroalimentarias que sexan titulares de adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas, e que logo de informe favorable de solvencia crediticia da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria, en diante SAECA, obteñan o recoñecemento do dereito ao dito préstamo por parte da Consellería de Medio Rural e o formalicen.

Artigo 3. Finalidade e características dos préstamos garantidos polo instrumento financeiro

Os préstamos a que se refire esta orde destinaranse á adquisición de uva na campaña 2020, así como, no caso de procesado de uvas de produción propia, a financiar o capital circulante de explotación, todo iso co obxecto de elaborar viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.

As características destes préstamos establécense no Convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, e as entidades financeiras para facilitar os préstamos garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada, e serán amparables por esta orde exclusivamente os correspondentes a unha duración total de 5 anos con un (1) de carencia. Conforme o convenio indicado, o tipo de xuro preferente a que se formalizarán os préstamos será o resultado de sumar ao euríbor a un ano, correspondente ao segundo mes anterior ao de formalización do préstamo, un diferencial de dous puntos, arredondado o resultado a tres decimais.

O importe máximo por beneficiario do préstamo ou prestamos garantidos é o correspondente ao importe total da uva para adquirir ou adquirida a terceiros na campaña 2020.

Así mesmo, no caso de uva procesada producida na explotación do solicitante, serán tamén amparables préstamos destinados a financiar o capital circulante de explotación. Neste caso, o importe máximo do préstamo obterase multiplicando a produción, en quilos de uva declarada da campaña 2020 destinada a vinificacion propia, polos seguintes coeficientes:

– Uvas acollidas a denominación de orixe: variedades preferentes 1,2 €/kg; variedades autorizadas 0,6 €/kg.

– Uvas acollidas a indicacións xeográficas protexidas: variedades principais ou recomendadas 1,2 €/kg; variedades complementarias ou autorizadas 0,6 €/kg. No caso de indicacións só con variedades autorizadas, considerarase o coeficiente 1,2 €/kg.

En calquera caso, o importe total do préstamo ou préstamos garantidos por beneficiario non poderá superar o importe de 200.000 €.

O IVE non constituirá un gasto financiable cos préstamos garantidos, salvo no caso do IVE non recuperable conforme a lexislación vixente.

Artigo 4. Entidades financeiras que participan na xestión

1. Na xestión deste procedemento poderán participar como entidades colaboradoras as entidades financeiras que subscribisen co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o convenio de colaboración para facilitar os préstamos garantidos polo Instrumento financeiro de xestión centralizada, sempre que formalicen un convenio de colaboración específico coa Consellería do Medio Rural.

2. A Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web a relación de todas as entidades financeiras colaboradoras. As adegas solicitantes só poderán formalizar os préstamos obxecto desta convocatoria coas entidades financeiras que formalizasen o convenio co MAPA e pola súa vez coa Consellería do Medio Rural.

Artigo 5. Requisitos para o recoñecemento do dereito a préstamos

1. As empresas solicitantes deben ser microempresas, pequenas ou medianas empresas (pemes), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003).

2. O solicitante debe ser titular dunha adega de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e/ou indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas, inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias de Galicia e na denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida correspondente.

3. Os solicitantes que adquiran uva a terceiros cuxa compra financien co préstamo para o cal solicitan recoñecemento a través desta orde deberán dispor de contratos escritos para a adquisición da uva indicada, que en todo caso deben reunir os requisitos establecidos na Lei 12/2013 de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria modificada polo Real decreto lei 5/2020, do 25 de febreiro, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes en materia de agricultura e alimentación. Porén, este requisito non será exixible nos casos en que non é de aplicación a referida Lei 12/2013, a que se refire no seu artigo 2.

Por outra banda, o dito Real decreto lei 5/2020 establece que, co fin de evitar a destrución de valor na cadea alimentaria, cada operador deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción de tal produto. De acordo con iso, e para os efectos desta convocatoria, considerarase que un contrato cumpre ese requisito cando o prezo unitario de compra de cada variedade de uva (€/kg) é superior ao 70 % do prezo unitario medio pagado nos últimos cinco anos polo comprador para toda a uva adquirida desa variedade nesa zona xeográfica protexida. Para verificar o cumprimento deste requisito, o solicitante deberá declarar na epígrafe correspondente do anexo A1 os prezos medios pagados para cada variedade de uva nos últimos cinco anos. A Consellería poderalle requirir ao solicitante a documentación xustificativa dos prezos medios declarados.

4. No caso de solicitantes que elaboren viño con uvas de produción propia, que soliciten o recoñecemento ao dereito a préstamos garantidos destinados a financiar o capital circulante de explotación, deberán declarar a súa produción cubrindo a epígrafe correspondente do anexo A1. Os datos declarados deben ser concordantes cos que figuran no conselllo regulador correspondente, así como cos datos da declaración da colleita 2020, que se presentará no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Para eses efectos, a Consellería poderá facer as comprobacións oportunas consultando no Fogga a referida declaración da colleita, salvo que o solicitante manifeste a súa oposición; nese caso seralle requirida ao solicitante.

5. Os solicitantes deben estar ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de pago coa Administración Pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda).

6. A empresa solicitante non pode atoparse en situación de crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa se encontre inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na letra c) do punto anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos dous (2) últimos anos.

7. Non poderán obter o recoñecemento ao dereito aos préstamos os solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e, en particular os solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

8. Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Artigo 6. Presentacion de solicitudes e documentacion necesaria para tramitar o procedemento

1. Os interesados deberán presentar a súa solicitude de recoñecemento do dereito ao préstamo a través das entidades financeiras colaboradoras. A solicitude irá dirixida ao Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria da delegación territorial correspondente da Consellería de Medio Rural onde se sitúe a industria solicitante, segundo o modelo que figura como anexo A1, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente rexistradas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

b) Balance e contas de resultados dos dous últimos anos se son sociedades e, no caso de persoas físicas, declaración da renda dos últimos dous anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

c) Certificado actualizado do Consello Regulador acreditativo da súa inscrición como elaborador de viño na denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida correspondente, así como de que procesou uva nesta campaña controlada polo Consello Regulador.

d) No caso de procesado de uva de produción propia, certificado actualizado do Consello Regulador acreditativo da superficie de viñedo inscrita na denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como de que realizou colleita nesta campaña controlada polo Consello Regulador.

e) No caso de uva adquirida a terceiros:

– Declaración dos contratos escritos de compra de uva na campaña 2020, seguindo o modelo incluído como anexo A2.

– Todos os contratos escritos subscritos para a compra de uva na campaña 2020 incluídos na declaración do punto anterior.

2. O solicitante autorizará a entidade financeira para a sinatura electrónica da solicitude, e deberá achegar con ela esta autorización. En todo caso, o solicitante só poderá autorizar unha entidade financeira para a sinatura electrónica da solicitude de recoñecemento do dereito a préstamo.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) .

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

5. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

9. O solicitante autorizará a SAECA para obter directamente por medios telemáticos a información que consider precisa para elaborar o informe de viabilidade crediticia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF, cando a solicitante sexa unha persoa xurídica, e no DNI ou NIE no caso de persoa física.

b) Declaracións do IRPF (no caso de persoas físicas) dos 2 últimos anos.

c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

f) Comprobacion de que o solicitante non ten concedidas outras axudas incompatibles.

g) Comprobación de que o solicitante non está inhabilitado para obter axudas públicas.

h) No caso de procesado de uva de produción propia, comprobacion da declaración da colleita 2020.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. Os servizos de Industrias e Calidade Agroalimentaria das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural instruirán os expedientes correspondentes ao seu ámbito xeográfico, e realizarán as actuacións que consideren necesarias para verificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

O servizo xestor da medida que inclúa a operación apoiada polo préstamo será o órgano competente para instruír o procedemento que analizará a solicitude e a documentación que a acompaña, e para o cal deberá dispor do informe de viabilidade crediticia da SAECA.

2. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Examinada a solicitude presentada por cada interesado, e unha vez que dispoña do informe de viabilidade crediticia de SAECA, o servizo xestor formulará a proposta de resolución, que deberá recoller o solicitante ou solicitantes para os cales se propón o recoñecemento do dereito a un préstamo, o seu importe ou, de ser o caso, a denegación do recoñecemento do dereito.

Artigo 10. Resolución de recoñecemento

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural por proposta do órgano instrutor do procedemento.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de tres meses contados desde o momento en que o solicitante presente toda a documentación requirida e se dispoña do informe de viabilidade crediticia da SAECA. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas. O esgotamento do crédito motivará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 11. Formalización do préstamo

1. Para formalizar o préstamo, o interesado deberá presentar nas entidades financeiras que participen na xestión a resolución do recoñecemento do dereito ao préstamo. A póliza do préstamo deberase formalizar para o obxecto e a nome do titular que figure na resolución de recoñecemento. O importe e a modalidade do préstamo que se van formalizar en ningún caso poderán superar o importe da resolución nin os límites temporais previstos para a súa devolución.

2. Se, transcorridos seis meses desde a data de emisión da resolución de recoñecemento do dereito ao préstamo garantido, non se formaliza o correspondente préstamo, caducará o recoñecemento a ese dereito, polo que, de producirse a formalización superado este prazo, o dito préstamo non estará garantido polo instrumento financeiro de xestión centralizada.

3. O pagamento dos gastos financiables co préstamo garantido deberá realizarse no prazo máximo dun mes desde a disposición efectiva dos fondos do préstamo cando o seu destino admitido sexa o pagamento de uva adquirida a terceiros, e de seis meses cando se trate do pagamento doutros gastos de capital circulante.

Artigo 12. Compatibilidade

Conforme o establecido no artigo 65 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

Artigo 13. Controis

A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para subscribir o préstamo. En particular, esta actuación estará sometida aos controis sinalados nos artigos 58 e 59 do Regulamento (UE) 1306/2013 e no artigo 9 do Regulamento delegado (UE) 480/2014 da Comisión.

O destinatario final e as entidades financeiras colaboradoras estarán obrigados a colaborar na dita inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, de ser o caso, o acceso ás instalacións da empresa.

Artigo 14. Incumprimentos

En relación coas operacións previstas na presente orde, o réxime de incumprimentos será o establecido no Regulamento delegado (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á incondicionalidade.

No caso de que se detecte que o importe do préstamo se destinou total ou parcialmente a un fin diferente ao establecido nesta orde, considerarase que existe un incumprimento total ou parcial do obxectivo da axuda e, sen prexuízo doutras actuacións, porase en coñecemento do MAPA, e procederase a liberar o importe total ou parcial da garantía do préstamo na carteira do instrumento financeiro, asumindo o outorgante do préstamo os custos derivados da eliminación do préstamo da carteira.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Réxime de recursos

A resolución da solicitude porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Artigo 17. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Financiamento

As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo ao concepto 14.04.741A.841.01 do orzamento xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, cunha dotación de 6.000.000 €.

Estas axudas están financiadas polo Feader nun 75 %, pola Xunta de Galicia nun 17,5 % e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 7,5 %.

Disposición adicional. Condicionalidade

O dereito ao recoñecemento de préstamos garantidos nos termos previstos na presente orde quedará condicionada, en todo caso, á aprobación pola Unión Europea da modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2014-2020, e das posibles observacións e modificacións derivadas diso.

Igualmente, a dita resolución do dereito ao recoñecemento de prestamos garantidos quedará condicionada á sinatura do Acordo de financiamento do Instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020 que se subscribirá entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA).

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o/a director/a xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file