Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 20 de novembro de 2020 Páx. 45932

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 13 de novembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que modifica as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG534C).

BDNS (Identif.): 519667.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Modificación de beneficiarios

Modifícase o punto 1 do artigo 1 de Beneficiarios, que queda redactado do seguinte xeito:

1. Poderán ser beneficiarios dos préstamos regulados nestas bases aquelas pequenas, medianas ou microempresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE (en diante, Regulamento (UE) 651/2014), que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo nas modalidades de préstamos que no anexo I eximan expresamente deste requisito.

b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.

c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

En préstamos destinados ao financiamento de capital de explotación non será de aplicación este requisito nin tampouco necesaria a execución dun proxecto de investimento. As referencias realizadas nestas bases ao «proxecto de investimento» e a «conceptos de investimento» entenderanse realizadas ao «proxecto financiable» e a «conceptos financiables».

Segundo. Modificación do importe

Establécese a liña de préstamos directos do Igape Préstamos IFI extraordinarios COVID-19, polo importe máximo de 10.000.000 €, con cargo á partida orzamentaria 09.A1-741A-8310 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 2.000.000 € para o ano 2020 e 8.000.000 € para o ano 2021.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A xerencia do Instituto Galego de Promoción Económica
P.S. (Resolución do 25.9.2020)
Norberto Penedo Rey
Director da Área de Competitividade