Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 23 de novembro de 2020 Páx. 46128

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2020 pola que se amplían os prazos de duración do programa Bono turístico #QuedamosenGalicia e de presentación de solicitudes (códigos de procedemento TU985A e TU985B).

O 2 de xullo de 2020, no DOG número 130, publicouse a Resolución do 30 de xuño de 2020 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación (código de procedemento TU985A).

Ao abeiro do punto terceiro da citada resolución, os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepago aos beneficiarios e ata o 13 de decembro de 2020, día en que este programa quedará extinguido, e conforme o punto quinto o prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG ata a finalización do programa, o 13 de decembro de 2020.

Pola súa banda, o 27 de xullo de 2020, no DOG número 149, publicouse a Resolución do 22 de xullo de 2020 pola que se establece o procedemento de concesión da tarxeta Bono turístico #QuedamosenGalicia (código de procedemento TU985B), na cal en concordancia co anterior se establece que a tarxeta se poderá utilizar ata o 13 de decembro de 2020, data en que o programa quedará extinguido.

Así mesmo, o punto terceiro da resolución dispón que o prazo de presentación de solicitudes estará aberto a partir do día seguinte ao da publicación da mencionada resolución e ata o día 30 de novembro de 2020 (incluído).

O citado programa forma parte das medidas recollidas no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, que se elabora coa finalidade de impulsar a recuperación económica e a reactivación dos sectores culturais e turístico, fomentando o emprego e inxectando liquidez no tecido empresarial.

O procedemento de concesión do bono turístico é de outorgamento de subvencións en concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde de presentación de solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto na Resolución do 22 de xullo de 2020.

Dadas as medidas que se están a adoitar no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria derivada do COVID-19, que están a supor limitacións á mobilidade da poboación, así como o peche de establecementos, resulta preciso ampliar os prazos establecidos nas resolucións antes indicadas para o uso das tarxetas e para presentar solicitudes, de xeito que se logre o obxectivo perseguido co programa e as persoas beneficiarias que teñan concedida a tarxeta poidan facer uso dela.

Polo exposto, e ao abeiro das competencias que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Ampliar o prazo de utilización da tarxeta do Bono turístico #QuedamosenGalicia ata o 31 de maio de 2021 (incluído), data en que o programa quedará extinguido.

2. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes para a concesión da tarxeta ata o 10 de decembro de 2020 (incluído).

3. Ampliar o prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas ata o 31 de maio de 2021, data da finalización do programa.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia