Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 27 de novembro de 2020 Páx. 46910

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2020 pola que se convoca o Ciclo de conferencias de dereito administrativo, dignidade humana e emerxencia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o Ciclo de conferencias Dereito Administrativo, dignidade humana e emerxencia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Esta actividade ten por obxecto expoñer a incidencia que as situacións de emerxencia humanitaria, como a actual pandemia, producen nas principais categorías e institucións do dereito administrativo e da Administración pública.

2. Contidos.

Neste ciclo convócanse 4 conferencias a impartir na modalidade de telepresenza (webinarios):

– Dereito administrativo e dignidade humana.

– O dereito administrativo nas emerxencias humanitarias.

– O dereito á boa administración en tempos de pandemia.

– Os desafíos do dereito administrativo global en tempos de crise.

3. Persoas destinatarias.

Estas actividades están dirixidas ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e dos seus entes instrumentais e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Desenvolvemento.

As datas de desenvolvemento de cada actividade serán as seguintes:

– «Dereito administrativo e dignidade humana»: 2 de decembro de 2020.

– «O Dereito administrativo nas emerxencias humanitarias»: 9 de decembro de 2020.

– «O dereito á boa administración en tempos de pandemia»: 16 de decembro de 2020.

– «Os desafíos do dereito administrativo global en tempos de crise»: 20 de xaneiro de 2021.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 13.30 horas.

Duración: 1,5 horas lectivas cada webinario. O ciclo completo ten unha duración de 6 horas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Ordenador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable a internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Webcam (integrada no caso de portátil, externa no caso de sobremesa, xeralmente USB).

5. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

5. Número de prazas: 60.

6. Inscrición.

1. As solicitudes de participación nestas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible nno enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na que están integradas estas actividades (réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en nome do curso:

• Webinario «Dereito administrativo e dignidade humana».

• Webinario «O dereito administrativo nas emerxencias humanitarias».

• Webinario «O dereito á boa administración en tempos de pandemia».

• Webinario «Os desafíos do dereito administrativo global en tempos de crise».

Teña en conta que, se quere inscribirse en máis dun webinario, terá que formalizar a súa inscrición en cada un deles de forma individual. A asistencia ás catro conferencias que forman parte do ciclo dará dereito á obtención do certificado electrónico acreditativo da súa participación no Ciclo de conferencias Dereito administrativo, dignidade humana e emerxencia.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as seguintes datas e horarios:

• Para o 1º webinario (Dereito administrativo e dignidade humana) ata as 23.55 horas do 30 de novembro de 2020.

• Para o 2º webinario (O dereito administrativo nas emerxencias humanitarias) ata as 23.55 horas do 3 de decembro de 2020.

• Para o 3º webinario (O dereito á boa administración en tempos de pandemia) ata as 23.55 horas do 10 de decembro de 2020.

• Para o 4º webinario (Os desafíos do dereito administrativo global en tempos de crise) ata as 23.55 horas do 14 de xaneiro de 2021.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración á que pertenza, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión en cada unha das actividades convocadas virá determinada pola data e hora de presentación da solicitude ata completar o número de prazas.

9. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado.

No apartado destas actividades da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas en cada webinario así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto no apartado segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008, pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á a cada webinario:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia para cada webinario deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo dous días antes do día de inicio da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia.

c) As faltas de asistencia:

1. A falta de asistencia deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia supere o 50 % das horas lectivas de cada actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento de cada unha destas actividades, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final destas actividades emitirase un certificado electrónico de asistencia ao webinario ou de asistencia ao ciclo completo no caso das persoas que tiveran asistido a todas as actividades convocadas dentro deste, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública