Antecedentes:
De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.9 que corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, portos de refuxio e portos deportivos, ao mesmo tempo que no seu artigo 28.6 atribúe á propia comunidade autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en canto aos portos pesqueiros.
Consonte estas previsións constitucionais e estatutarias, o Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, e o Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro, tramitaron as transferencias á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco de competencias do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e servizos relativos a todos os portos e instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio, e aos de refuxio e deportivos existentes no seu ámbito territorial.
O 14.6.2018 entrou en vigor a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (DOG do 14 de decembro), que derroga a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.
Por outra banda, a prestación dos servizos nos portos relativos á ocupación do dominio público portuario e as súas infraestruturas rexerase polo Regulamento de servizo e policía e pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa complementaria, supletoria e de desenvolvemento en materia tributaria, servizos entre os cales se encontran as ocupacións do dominio público, fornecementos e uso de infraestruturas de atracada.
No que respecta ás autorizacións de utilización ou ocupación de dominio público, a Lei 6/2017 no seu artigo 58 distíngue dúas tipoloxías:
a) A utilización das instalacións portuarias polos buques, a pasaxe e as mercadorías, prestación de servizos portuarios e o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario, que se rexerá polo establecido nesa lei, na lexislación de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma, no Regulamento de explotación e policía e, de ser o caso, nas ordenanzas portuarias.
b) A ocupación do dominio público portuario con bens mobles ou instalacións desmontables, ou sen eles, por un prazo non superior a 4 anos, que se outorgará de acordo co disposto nesta sección.
A Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, conta dentro do seu título III, do dominio público portuario, co capítulo II (utilización do dominio público portuario por Portos de Galicia), e concretamente na sección 2ª regúlanse as clases de autorizacións.
No artigo 57 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, establécese que a utilización do dominio público portuario para usos que teñan especiais circunstancias de exclusividade, intensidade, perigo ou rendibilidade exixirá o outorgamento da correspondente autorización ou concesión.
Excluíndo o suposto de concesión que implica ou ben a execución de obras ou ben a necesidade de dispor dun título administrativo cun prazo superior a 4 anos, o presente procedemento reflicte a tramitación administrativa dunha autorización de ocupación de dominio público portuario.
Dentro das clases de autorizacións indicadas, o presente procedemento regula as reflectidas na letra b) do artigo 58 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, cuxa tramitación se regula nos artigos 59, 60, 61 e 62. Quedan excluídas do presente procedemento aquelas ocupacións que que polas súas características se adxudiquen mediante un proceso de concorrencia pública, as cales disporán dun procedemento específico.
Polo exposto, este procedemento será de aplicación a todas as autorizacións temporais de ocupación de dominio público portuario en portos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia a través do EPE Portos de Galicia.
O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á cidadanía, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo de referencia para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia en todos os seus ámbitos
Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro) estableceu que as disposicións de carácter xeral que regulen procedementos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico deberán contar cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.
A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen o escenario normativo base para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, por tanto, tamén na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.
Por todo isto, co obxectivo da simplificación de documentos e trámites, redución de cargas administrativas aos particulares e facilidade de acceso á información e á realización de trámites administrativos, de acordo con todo o indicado e en virtude das atribucións conferidas no artigo 12.j) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar o procedemento de autorización de ocupación de dominio público portuario en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
O procedemento de solicitude e autorización regúlase segundo as cláusulas incorporadas á presente resolución.
Segundo. Aprobar o procedemento de prórroga da autorización de ocupación de dominio público portuario en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
O procedemento de solicitude de prórroga de autorización regúlase segundo as cláusulas incorporadas á presente resolución.
Terceiro. Abrir o prazo de presentación de solicitudes de ambos os procedementos a partir do día seguinte á publicación no DOG da presente resolución, e queda, por tanto, aberto.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.
Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Mediante este documento notifícase esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020
Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia
Cláusulas que regulan os procedementos
Primeira. Normativa
A normativa de aplicación para a autorización de ocupación de dominio público portuario e as súas prorrogas en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia é a seguinte:
– Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos adscritos á Comunidade Autónoma.
– Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que recolle o Regulamento do ente público Portos de Galicia.
– Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
Ademais, se for o caso, será de aplicación a seguinte normativa:
– Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
– Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de costas.
– Demais normativa de pertinente aplicación.
En todo caso, no suposto de diverxencia entre o presente clausulado e a normativa de aplicación, prevalecerá a normativa vixente.
Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto é establecer o procedemento de autorización de ocupación de dominio público portuario en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF500B), así como a prorroga das ditas autorizacións de ocupación de dominio público portuario, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF500C).
Ambos os procedementos serán de aplicación para as ocupacións de dominio público con bens mobles ou instalacións desmontables, ou sen eles, por un prazo non superior a 4 anos, incluídas as posibles prorrogas.
Enténdese por instalación desmontable aquela definida no artigo 51 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas. Estas son as que:
a) Precisen ao sumo obras puntuais de cimentación, que, en todo caso, non sobresaian do terreo.
b) Estean constituídas por elementos de serie prefabricados, módulos, paneis ou similares, sen elaboración de materiais en obra nin utilización de soldaduras.
c) Se monten e desmonten mediante procesos secuenciais, o seu levantamento pode realizarse sen demolición e o conxunto dos seus elementos é facilmente transportable.
Exclúense do presente procedemento as ocupacións que polas súas características vaian ser seleccionadas mediante concorrencia pública, as cales se rexerán polo seu procedemento específico.
O ámbito de aplicación será calquera dos portos xestionados pola Comunidade Autónoma a través do EPE Portos de Galicia, sempre que non se atopen nun ámbito baixo concesión.
Terceira. Órgano competente
A resolución da autorización de ocupación de dominio público portuario en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia será competencia do titular da Dirección de Portos de Galicia no caso de autorizacións cuxa vixencia teña un prazo non superior a 2 anos, e da persoa titular da presidencia de Portos de Galicia nos restantes casos.
Non obstante, segundo a Resolución do 15 de maio de 2019, de delegación de competencias do presidente no director xeral e nas xefaturas de zona e do director xeral nos xefes de zona da EPE, publicada no DOG núm. 102, do 31 de maio, a resolución de autorizacións de ocupación de departamentos de usuarios construídos para tal fin, tales como bloques de departamentos para almacenamento de aparellos ou para exportadores, está delegada nos xefes de zona, sexan por vixencia inferior ou superior a 2 anos.
Cuarta. Prazo de vixencia e condicións das autorizacións de ocupación de dominio público
Regúlanse mediante o procedemento IF500B as autorizacións de ocupación do dominio público portuario por un prazo non superior a 4 anos, incluídas as prórrogas, con bens mobles ou instalacións desmontables, ou sen eles.
As autorizacións de ocupación de dominio público portuario outorgaranse segundo o modelo de autorización incluído no anexo III, no cal se reflicten as condicións xerais que rexerán a autorización, ás cales se poderán incorporar, ademais, outras condicións particulares segundo as características da actividade, da ocupación, da tramitación do expediente ou por calquera outro motivo se considere oportuno a súa inclusión.
As autorizacións soamente se poderán outorgar para instalacións, usos e actividades permitidas no dominio público portuario, definidas no artigo 55 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, e que sexan compatibles coas determinacións establecidas no Plan especial de ordenación do porto (PEOP) ou, na súa falta, na delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) e, no caso de existir, co plan director de infraestruturas ou cos usos definidos no citado artigo 55.
Os PEOP e DEUP aprobados e en trámite poden ser consultados no sitio web:
http://www.portosdegalicia.gal/gl/web/portos-de-galicia/planificación
As autorizacións outorgaranse con carácter persoal e intransferible inter vivos, agás as de ocupación do dominio público que constitúan soporte dunha autorización de verteduras de terra ao mar.
O presente procedemento tamén é aplicable ao exercicio das actividades que implican a instalación de medios mecánicos (guindastres, básculas, cintas e outros), os cales teñen a necesidade de contar co correspondente título de ocupación do dominio público portuario. Neste caso a autorización de medios mecánicos tramitarase conxuntamente co título de ocupación achegando a documentación especifica na cláusula novena e resolverase nun único expediente de autorización de ocupación de dominio público portuario.
Quedan excluídos deste procedemento a utilización das instalacións portuarias polos buques, a pasaxe e as mercadorías, a prestación de servizos portuarios e o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario, definidas na letra a) do artigo 58 da Lei 6/2017, de portos de Galicia. As ocupacións derivadas desta utilización considéranse ocupacións eventuais de escasa duración que van ser reguladas directamente por aplicación da tarifa E-2 da Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e por un procedemento específico, as cales de xeito orientativo e non limitativo son as seguintes:
• Caseta portátil para punto de información, venda de billetes de pasaxe, vixilancia, control, servizo de instalacións portuarias por período inferior a un ano.
• Ocupación de parcela para depósito de material náutico deportivo por un período inferior a un ano.
• Parcela para depósito descuberto de redes, maquinaria, material portuario, aparellos, etc., por período inferior a un ano.
• Ocupación de parcela ou edificación para abasto de mercadorías expedidas por vía marítima previa ou posteriormente ao seu embarque ou desembarque, por período inferior a un ano.
• Realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.
• Ocupación de terraza vinculada a local de hostalería de tempada.
• Ocupación para mercado ambulante ao aire libre.
Quinta. Iniciación do procedemento de outorgamento
Segundo o disposto no artigo 60 da Lei 6/2017, o procedemento para o outorgamento das autorizacións previstas nesta sección poderase iniciar por solicitude da persoa interesada, empregando o procedemento IF500B, regulado na presente resolución, formulario do anexo I.
Non obstante, sempre que por calquera causa se encontre limitado o número de autorizacións, acudirase á convocatoria dun concurso para o efecto, polo que a presentación simultánea dunha mesma solicitude de ocupación poderá derivar na convocatoria dun concurso público de selección de ofertas, logo da desestimación das solicitudes presentadas.
Non se admitirán as solicitudes que se opoñan de maneira notoria ao disposto no plan director de infraestruturas, no plan especial de ordenación do porto (PEOP), na delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) ou na normativa vixente, que se arquivarán no prazo máximo de 2 meses sen máis trámite que a audiencia previa á persoa solicitante.
Sexta. Prórroga das autorizacións de dominio público portuario
As autorizacións que se outorguen por un prazo inferior a 4 anos poderán ser expresamente prorrogadas, agás que no propio título se estableza expresamente o contrario, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a suma do prazo inicial unido ao da prórroga ou das prórrogas non exceda o prazo máximo de 4 anos.
b) Que a persoa titular estea ao día no cumprimento da totalidade das obrigas derivadas da autorización.
Para solicitar a prórroga dunha autorización deberá presentarse solicitude de prórroga ao menos 15 días antes do seu vencemento, empregando o procedemento IF500C regulado na presente resolución, formulario do anexo II.
Para poder prorrogar a autorización o solicitante deberá atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social.
Sétima. Entidades solicitantes
Poderán formalizar a solicitude persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica públicas ou privadas, así como os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.
Oitava. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:
https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes é a partir do día seguinte á publicación no DOG da presente resolución. O prazo de presentación quedará aberto.
Novena. Tramitación da solicitude
Recibida a solicitude de autorización ou de prórroga e a documentación anexa, Portos de Galicia analizará o cumprimento da normativa aplicable para os efectos da autorización de ocupación de dominio público e a existencia de dispoñibilidade para as características da actividade e ocupación solicitada, e requirirá, cando proceda, os solicitantes para a súa emenda.
Portos de Galicia examinará a solicitude e, se non reúne os requisitos ou non vai acompañada dos documentos exixidos, requirirá o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer se terá por desistido da súa solicitude.
Entenderase que se desiste da solicitude cando non o solicitante non atenda ao requirimento de emenda da documentación realizado por Portos de Galicia no prazo establecido para iso.
A solicitude presentada realizarase para un porto e actividade en concreto indicando no modelo de solicitude a localización da parcela, inmoble ou instalación que se solicita.
Se o solicitante desexa obter autorización para varios portos, deberá formalizar solicitudes independentes.
Décima. Documentación complementaria para o procedemento IF500B
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
• Modelo de presentación, anexo I, debidamente cuberto. O dito modelo está á disposición dos solicitantes na sede electrónica da Xunta de Galicia, procedemento IF500B.
– Para a ocupación de departamento para aparellos de pesca ou acuicultura:
• Para buques pesqueiros/marisqueiros: certificado/s de vendas en lonxa/s dos tres últimos anos naturais enteiros emitido pola/s confraría/s ou pola/s entidade/s xestora/s da/das lonxa/s asociado/s ao solicitante.
• Para buques do sector da acuicultura: certificación relativa ao volume de mexillón descargado nos últimos tres anos naturais enteiros.
• Marisqueo a pé: certificación/s das vendas en lonxa/s dos tres últimos anos naturais, emitido/s pola/s confraría/s ou pola/s entidade/s xestora/s da/s lonxa/s, relativos ao mariscador.
– Para a ocupación de departamento para exportación de produtos da lonxa:
• Certificación/s das compras en lonxa/s dos tres últimos anos naturais enteiros emitido/s pola confraría/s ou pola/s entidade/s xestora/s da/s lonxa/s asociado/s ao solicitante.
– Para solicitudes de ocupación para outros usos diferentes aos de almacén de aparellos de pesca ou exportación:
• Memoria detallada da actividade que, de ser o caso, inclúa un estudo económico-financeiro da actividade que se vai desenvolver na autorización de ocupación de dominio público na totalidade do prazo solicitado, que deberá conter de xeito adaptado á solicitude a relación detallada e xustificada dos ingresos e gastos anuais estimados durante o prazo de vixencia da autorización e avaliación da rendibilidade bruta e neta.
• Documento técnico descritivo, con suficiente detalle, das instalacións, incluíndo documentación gráfica indicativa e fotografías de cada un dos citados elementos, no suposto de que a ocupación leve unida a colocación de instalacións desmontables, equipamentos ou medios mecánicos.
• Documentación técnica que describa a instalación da acometida de subministración de enerxía eléctrica e/ou auga necesaria, agás que esta instalación xa estea dispoñible ou non se precise.
• Análise de riscos da actividade e medidas de mitigación, tanto en materia de seguridade como de ambiente.
• Plano de localización da parcela ou local que se solicita en autorización referenciado en coordenadas UTM. No caso de que a autorización implique a colocación de instalacións desmontables, instalacións de equipamentos ou medios mecánicos, deberase indicar a súa localización.
– En xeral para persoas xurídicas e sen personalidade xurídica:
• Escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional en que consten as normas polas que se regula a súa actividade debidamente inscritos, se é o caso, no rexistro pertinente. Non é necesario se o solicitante é unha Administración pública.
• Poder de representación outorgado a favor do solicitante debidamente verificada a súa suficiencia, e inscrito, se é o caso, no rexistro pertinente, agás que a representación se deduza dos documentos anteriormente citados.
– Portos de Galicia poderá requirir outra documentación complementaria se a considera necesaria e a súa exixencia está xustificada por razón imperiosa de interese xeral.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada,
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo primeira. Documentación complementaria solicitude de prorroga, procedemento IF500C
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Modelo de presentación do anexo II, debidamente cuberto, unicamente para tramitación de prórrogas de autorizacións xa outorgadas. O dito modelo está á disposición dos solicitantes na sede electrónica da Xunta de Galicia, procedemento IF500C.
– Para a ocupación de departamento para aparellos de pesca ou acuicultura:
• Para buques pesqueiros/marisqueiros: certificado/s de vendas en lonxa/s dos dous últimos anos naturais enteiros emitido/s pola/s confraría/s ou pola/s entidade/s xestora/s da/s lonxa/s asociado/s ao solicitante.
• Para buques do sector da acuicultura: certificación relativa ao volume de mexillón descargado nos dous últimos anos naturais enteiros.
• Marisqueo a pé: certificación das vendas en lonxa/s dos dous últimos anos naturais, emitido/s pola/s confraría/s ou pola/s entidades xestora/s da/s lonxa/s, relativo/s ao mariscador.
– Para a ocupación de departamento para exportación de produtos da lonxa:
• Certificación/s das compras en lonxa/s dos dous últimos anos naturais enteiros emitidas pola/ confraría/s ou pola/s entidade/s xestora/s da/s lonxa/s asociadas ao solicitante.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo segunda. Comprobación de datos procedemento IF500B
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIF da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Imposto actividades económicas.
e) Certificado de domicilio fiscal.
f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo terceira. Comprobación de datos do procedemento IF500C
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
b) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo cuarta. Resolución da solicitude
1. Recibidas as solicitudes, e unha vez analizada a documentación achegada, a adaptación da solicitude á normativa vixente, a planificación portuaria existente, PEOP e/ou DEUP, o cumprimento dos requisitos ao presente procedemento e calquera outro condicionante, tramitarase segundo o previsto do artigo 62 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, e resolverase a solicitude autorizándoa ou denegándoa.
2. Segundo o disposto no artigo 62.4 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, o prazo máximo para resolver o expediente será de tres (3) meses. Transcorrido este sen que se dite resolución expresa, a correspondente solicitude entenderase desestimada.
3. Considerando o prazo de vixencia da autorización, será resolta polo titular da dirección xeral ou polo titular da presidencia de Portos de Galicia, agás que pola súa tipoloxía estea delegada na xefatura de zona, segundo o disposto na cláusula cuarta do presente procedemento.
4. Nas solicitudes de prorroga de autorizacións de ocupación de dominio público, comprobado o cumprimento do título vixente, adaptación ao planeamento, así como os requisitos indicados na condición sexta, serán prorrogadas sen máis trámite.
Décimo quinta. Aboamento das taxas portuarias
A persoa titular da autorización deberá aboar a taxa portuaria vixente en cada momento aplicable pola utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público e a taxa polo exercicio de actividades comerciais industriais e de servizos, incluídas na Lei 6/2003 de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas taxas serán fixadas na autorización en función da ocupación e da actividade desenvolvida.
Tamén será de aplicación, nos supostos de que se preste o servizo de fornecementos de auga e electricidade, a taxa E-3- fornecementos da Lei 6/2003 de taxas, prezos e exaccións reguladoras.
Décimo sexta. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, paraque as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contidoe entenderanse rexeiratadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo sétima. Extinción das autorizacións de ocupación de dominio público
1. As autorizacións extínguense polos seguintes motivos:
a) O vencemento do prazo de outorgamento.
b) A revisión de oficio, nos supostos establecidos na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.
c) A concorrencia sobrevida na persoa titular dalgunha das prohibicións de contratar previstas na lexislación básica sobre contratación do sector público.
d) A renuncia da persoa titular, que só poderá ser aceptada por Portos de Galicia cando non cause prexuízo ao dominio público portuario, á axeitada prestación dos servizos públicos portuarios ou a terceiros.
e) O mutuo acordo entre Portos de Galicia e a persoa titular.
f) A disolución ou extinción da sociedade titular, agás nos supostos de fusión ou escisión.
g) A revogación.
h) A caducidade.
i) A extinción da autorización, do permiso ou da licenza de que o título demanial sexa soporte.
j) O falecemento da persoa titular, nos supostos previstos no artigo 77 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, ou a incapacidade sobrevida cando se trate dun titular individual.
k) A desafectación do ben.
2. Revogación da autorización.
As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente, en calquera momento e sen dereito a indemnización, cando resulten incompatibles con obras ou plans que, aprobados con posterioridade, entorpecen a explotación portuaria ou impiden a utilización do espazo portuario para actividades de maior interese portuario. Corresponderá a Portos de Galicia apreciar as circunstancias anteriores mediante resolución motivada, logo da audiencia da persoa titular da autorización.
3. Caducidade
As autorizacións temporais estarán incursas en caducidade polas causas indicadas no artigo 90 da Lei 6/2017, de portos de Galicia.
a) A falta de pagamento de calquera das taxas xiradas por Portos de Galicia durante un prazo de seis meses.
Para iniciar o expediente de caducidade abondará con que non se efectuase ningún ingreso en período voluntario. Así que se inicie aquel, poderase acordar o seu arquivamento, por unha soa vez no caso de autorizacións para toda a vixencia do título, se antes de ditar a resolución se produce o aboamento íntegro da débeda, incluídos xuros e cargas derivadas do procedemento de constrinximento e se se constitúe a garantía que ao respecto e de maneira discrecional poida fixar Portos de Galicia.
b) A falta de actividade ou de prestación do servizo durante o período establecido no título, que non poderá exceder seis meses, a non ser que a xuízo de Portos de Galicia obedeza a unha causa xustificada.
c) A ocupación do dominio público en máis dun dez por cento sobre o outorgado, sen prexuízo da sanción que poida corresponder pola ocupación non autorizada.
d) O incremento da superficie, do volume ou da altura das obras ou instalacións en máis do dez por cento sobre o proxecto autorizado.
e) O desenvolvemento de actividades que non figuren no obxecto do título.
f) A cesión da autorización no suposto previsto no artigo 59.4 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, sen autorización de Portos de Galicia
g) A transferencia do título de outorgamento sen autorización de Portos de Galicia.
h) A constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sen autorización de Portos de Galicia.
i) A falta de reposición do complemento das garantías definitivas ou de explotación, logo do requirimento de Portos de Galicia.
j) O incumprimento do plan de conservación das instalacións.
k) O incumprimento doutras condicións cando a súa inobservancia estea expresamente prevista como causa de caducidade no título do outorgamento ou das determinantes para a adxudicación, se é o caso, do concurso convocado para o seu outorgamento.
Décimo oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/s modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/s procedemento/s regulado/regulados nesta disposición, poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do/s modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Final. Entrada en vigor
A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Anexo I. Modelo de presentación solicitude de autorización de ocupación de dominio público, procedemento IF500B.
Anexo II. Modelo de presentación de solicitude de prórroga de autorización ocupación de dominio público, procedemento IF500C.
Anexo III. Prego de condicións xerais polas que se rexerán as autorizacións administrativas de ocupación de dominio público portuario adscrito a Portos de Galicia.