Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 30 de novembro de 2020 Páx. 47116

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca o procedemento de acceso aos graos I a IV de carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2020.

Mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 20 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo) publicouse para xeral coñecemento e efectividade o Acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, asinado con data 6 de xullo de 2018 na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario polas persoas representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM (na condición de adherida), UGT, CSIF e SATSE, e aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 19 de xullo de 2018.

O Acordo establece que os procedementos para acceder aos graos I a IV iniciaranse pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde mediante convocatorias publicadas unha vez ao ano, no terceiro trimestre, no Diario Oficial de Galicia. Engade que a primeira convocatoria para acceder aos graos I a IV, polo procedemento ordinario de carreira profesional, tramitarase no segundo semestre do ano 2020.

Por outra parte, e no que se refire ao baremo aplicable, o 28 de xuño de 2019 a Comisión de Seguimento do Acordo pactou os criterios extraordinarios de avaliación que se aplicarán nesta convocatoria do ano 2020. Os ditos criterios, xunto á composición así mesmo extraordinaria dos órganos de avaliación, figuran publicados no Diario Oficial de Galicia núm. 158, do 22 de agosto de 2019.

Con base no que antecede, en virtude do disposto no artigo 7.e) da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e no establecido na cláusula 15.2 do Acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, e logo de acordo da comisión de seguimento,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O/a profesional incluído/a no ámbito de aplicación que establece o punto 4 do Acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018), e que no prazo de presentación de solicitudes reúna os requisitos e o período de permanencia previstos nos puntos 5 e 6 do Acordo, poderá solicitar o grao seguinte a aquel que xa teña recoñecido na categoría/especialidade en que estea en situación de servizo activo (ou con reserva de praza) na data de presentación da solicitude.

Segundo. Acreditación dos requisitos

Non será preciso acreditar documentalmente ningún requisito salvo no caso de que o comité ou subcomité de avaliación así o requira expresamente.

Terceiro. Procedemento e prazo de presentación de solicitudes

Cada profesional deberá cubrir a solicitude de recoñecemento de grao en modelo normalizado, á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo I desta resolución.

Con independencia do que se establece no dito anexo respecto ao acceso á solicitude, para completar o proceso (presentación da solicitude) requirirase un certificado dixital válido. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

A solicitude conterá os datos precargados coa información obtida das aplicacións corporativas de persoal do Servizo Galego de Saúde, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Solicitudes). A solicitude, logo de confirmada, deberá presentarse por rexistro electrónico.

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 4 de xaneiro de 2021 (incluído).

A solicitude de recoñecemento de grao deberá ser dirixida á Área Sanitaria ou entidade en que a persoa interesada preste servizos. Cando estea nunha situación distinta á de activo, dirixirá a súa solicitude á Área Sanitaria ou entidade en que teña a súa praza reservada.

Cuarto. Baremo e órganos de avaliación

O recoñecemento do grao requirirá a avaliación favorable dos méritos do/da interesado/a realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

Nesta convocatoria mantense con carácter transitorio a composición dos órganos de avaliación acordada para a convocatoria formalizada no ano 2018 e aplicaranse os criterios de avaliación pactados na comisión de seguimento do Acordo de carreira profesional e publicados no Diario Oficial de Galicia núm. 158, do 22 de agosto de 2019. Polo tanto, os criterios serán os que figuran como anexo IV do Acordo de carreira profesional (DOG núm. 144, do 30 de xullo de 2018) coas seguintes adaptacións:

– Para o persoal licenciado sanitario: a participación nos obxectivos asistenciais e o seu cumprimento referiranse aos exercicios 2015 a 2019.

– Para todos os colectivos: valoraranse as actividades realizadas pola persoa solicitante entre o 1 de xaneiro de 2015 e o día inmediatamente anterior ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Desas actividades, que figuran relacionadas nas letras a) a i) do anexo IV, descontarase a contía (de horas de formación, anos de supervisión...) que xa foi aplicada anteriormente, dun modo efectivo e necesario, para acadar unha avaliación positiva e o conseguinte recoñecemento de grao.

Quinto. Rexistro e acreditación de méritos (puntos a), b), c) e d) dos criterios xerais de avaliación)

Coa excepción prevista para a formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde-ACIS, os méritos que se queiran facer valer en materia de formación continuada, na medida que establece o punto a) dos criterios xerais de avaliación, deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada coa data límite do último día de presentación de solicitudes (o 4 de xaneiro de 2021 –incluído–).

O mesmo será aplicable para o rexistro e acreditación dos méritos relativos a formación universitaria de posgrao, publicación de traballos científicos e de investigación e formación sanitaria especializada impartida, naquelas categorías nas que estes méritos resulten baremables consonte o anexo IV do Acordo.

Para o rexistro electrónico e acreditación dos méritos, os/as solicitantes deberán proceder da seguinte forma:

Accederán a través de FIDES ao expediente electrónico do/da profesional segundo se indica no anexo I desta resolución e comprobarán os datos do seu currículo que constan rexistrados na aplicación informática (relativos a formación continuada, formación universitaria de posgrao, publicación de traballos científicos e de investigación e formación sanitaria especializada impartida), así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou esta está incompleta, o profesional rexistrará no sistema, coa data límite do 4 de xaneiro de 2021 (incluído), os méritos que posúe e que pretenda facer valer na súa avaliación.

Logo de rexistrados deberá imprimir a solicitude de validación destes, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «informe».

A solicitude de validación dirixirase a unidade de validación e poderá presentarse, ata o 4 de xaneiro de 2021 (incluído), nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na actualidade dispoñibles.

Xunto coa solicitude de validación, aquelas persoas interesadas deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que pretenda facer valer e que figuren pendentes de validación. A documentación será presentada nos termos previstos no anexo II desta resolución.

Aqueles/as interesados/as que teñan solicitado, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que estea pendente de validar, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/tales mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Aqueles/as interesados/as que teñan rexistrado no sistema informático méritos pendentes de validar e non teñan presentado a documentación correspondente, deberán solicitar, ata a repetida data límite do 4 de xaneiro de 2021 (incluído), a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión.

Se con posterioridade á presentación dunha solicitude de validación de méritos, a persoa interesada rexistra na aplicación informática un novo mérito baremable, deberá imprimir unha nova solicitude de validación e presentala coa documentación acreditativa, ata o 4 de xaneiro de 2021 (incluído), nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na actualidade dispoñibles.

Non será preciso presentar ningunha documentación acreditativa de méritos que xa consten validados na aplicación informática. Non obstante, o comité ou subcomité poderá requirir, en calquera momento, a presentación de documentación complementaria acreditativa de calquera mérito, aínda que conste validado.

Sexto. Resolución

A resolución sobre o recoñecemento do grao ditarase por esta Dirección Xeral de Recursos Humanos tras a proposta realizada polo correspondente comité ou subcomité de avaliación.

A falta da debida acreditación dos requisitos básicos para o recoñecemento do grao solicitado, e/ou a avaliación inicialmente negativa, serán notificados polo comité ou subcomité á persoa solicitante coa finalidade de que, no prazo de quince días hábiles, poida presentar as alegacións que considere pertinentes e rexistrar debidamente calquera documentación complementaria. En función do que resulte dese trámite de alegacións, o dito órgano realizará a súa proposta sobre o recoñecemento do grao solicitado.

As resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos desde o día 1 de xaneiro de 2021.

Sétimo. Persoal fixo antes do 31 de decembro de 2011 exentos do requisito de permanencia no grao anterior (cláusula 15.6 do Acordo de carreira profesional)

O persoal que tivese acadado a condición de fixo do Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas antes do 31 de decembro de 2011, e que no prazo de presentación de solicitudes sexa persoal estatutario, quedará exonerado do requisito da permanencia no grao anterior previsto no punto 6 do Acordo de carreira, sempre que permanecera continuadamente en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) desde o último recoñecemento de grao.

A mesma excepción do período de permanencia será aplicable ao persoal dos modelos tradicionais de atención primaria que estea integrado funcionalmente e non completase a súa carreira profesional (Orde do 16 de maio de 2006, Diario Oficial de Galicia do 30 de maio; Acordo do 16 de febreiro de 2007, Diario Oficial de Galicia do 7 de marzo), ou tivese solicitado a súa integración coa data límite do 4 de xaneiro de 2021 (incluído), de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante esta dirección xeral, no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade co que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Instrucións de acceso ao expediente profesional electrónico FIDES

A Oficina Virtual do Profesional (FIDES) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais cos que mantén unha vinculación, e configúrase como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional.

O acceso a FIDES poderá realizarse desde:

– Internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde desde equipamentos informáticos situados fisicamente fóra da rede corporativa).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os/as profesionais do Servizo Galego de Saúde poderán acceder desta forma a FIDES a través do enderezo http://fides.sergas.es.

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirá lectora de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á solicitude electrónica do recoñecemento de grao –eventualmente, para os procesos de selección e provisión de prazas– que convoque este organismo, así como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (FIDES).

A primeira vez que un/unha profesional acceda con certificado dixital a FIDES, solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a FIDES desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en FIDES como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo:https://sede.xunta.gal/chave365.

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de FIDES, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á solicitude electrónica do recoñecemento de grao.

O acceso a FIDES realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das profesionais un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que hai que achegar.

ANEXO II

Procedemento de acreditación de méritos

Formación continuada.

Valorable en todas as

categorías/especialidades.

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderáselle requirir á persoa solicitante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión Nacional ou Autonómica de Formación Continuada deberá constar o logotipo da respectiva comisión e, ademais, o número de expediente.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que conste o número de créditos, número de expediente e logotipo da Comisión de Formación Continuada.

Serán válidos ademais aqueles diplomas asinados dixitalmente por Digital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo comité/subcomité de avaliación. Noutro suposto deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O comité/subcomité de avaliación poderá exixir á persoa solicitante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

Formación universitaria de posgrao.

Valorable en todas as categorías/especialidades para as que se require formación universitaria.

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro achegarase, xunto coa copia compulsada do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

A titulación de máster débea rexistrar a persoa solicitante en Fides/expedient-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

Publicación de traballos científicos e de investigación.

Valorable en:

– Todas as categorías de persoal sanitario.

– Categorías de persoal de xestión e servizos para as que se require unha titulación universitaria ou un título específico de formación profesional.

O persoal de calquera das categorías de persoal licenciado sanitario acreditará estes méritos na forma prevista no anexo V da resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de decembro de 2019 (DOG núm. 246, do 27 de decembro), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área.

O persoal de calquera das categorías de persoal diplomado sanitario acreditará estes méritos na forma prevista no anexo V da Resolución da Dirección Xeral de Recursos, do 13 de decembro de 2019 (DOG núm. 245, do 26 de decembro), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de logopeda e terapeuta ocasional.

O persoal das categorías de persoal técnico sanitario (sanitario de formación profesional) acreditará estes méritos na forma prevista no anexo V da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 245, do 26 de decembro), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a superior en documentación sanitaria.

O persoal das categorías de xestión e servizos acreditará estes méritos na forma prevista no anexo V da Resolución do 1 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG do 13 de marzo), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso nas categorías de grupo técnico da función administrativa e grupo de xestión da función administrativa.

En todos os casos, a publicación de traballos científicos e de investigación tamén poderá acreditarse na forma que teña especificado a última convocatoria dun concurso-oposición da correspondente categoría.

Docencia en formación sanitaria especializada.

Valorable nas categorías de persoal licenciado e diplomado sanitario.

Acreditarase mediante certificación asinada pola Comisión de Docencia do centro ou, de ser o caso, comisión de docencia da unidade docente onde se tivese impartido, na cal deberán constar expresamente os períodos de desenvolvemento de tal actividade e condición en que se impartiu.

Compulsa de documentos.

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

Tradución de documentos.

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que se deberá efectuar:

a) Por tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá a persoa solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.