Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 30 de novembro de 2020 Páx. 47125

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Comisión de seguimento do acordo do nomeamento estatutario eventual de continuidade.

Na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na súa sesión do 15 de xaneiro de 2019, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE asinaron un acordo sobre a formalización de nomeamentos de persoal estatutario eventual na modalidade de nomeamentos de continuidade, que foi publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 24 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

O punto décimo das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade prevé a creación dunha comisión paritaria de seguimento do acordo integrada por representantes da Administración sanitaria e das organizacións sindicais asinantes.

No seo da Comisión de seguimento, nas sesións celebradas o 2 de maio e o 3 de xullo de 2019 e o 30 de outubro de 2020, adoptáronse os diversos acordos que para xeral coñecemento se recollen como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

1. Ámbito funcional dos nomeamentos de continuidade na categoría de enfermeira/o.

O nomeamento estatutario eventual de continuidade previsto no acordo nace para ser aplicado ao persoal das categorías de médico/a de familia de atención primaria e pediatra de atención primaria. A utilización do nomeamento evidenciou a utilidade deste nomeamento mesmo para outras categorías estatutarias. Ao abeiro da habilitación recollida no punto segundo das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro), acórdase estender a aplicación deste nomeamento á categoría de enfermeira/o.

Nesta categoría os nomeamentos realizaranse para prestar servizos ou ben no ámbito da atención hospitalaria, ou ben no ámbito de atención primaria. Neste último ámbito, nos mesmos termos previstos no punto segundo, número 1, das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade.

2. Ámbito territorial dos nomeamentos de continuidade na categoría de enfermeira/o.

O punto 3.3 das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade establece que «A comisión de seguimento do presente acordo determinará os ámbitos potenciais que, dentro de cada distrito, poderán abranguer os nomeamentos de continuidade». De conformidade con esta habilitación, a Comisión vén definindo os ámbitos do nomeamento, que son os mesmos para todas as categorías.

Aos nomeamentos de continuidade na categoría de enfermeira/o que se realicen en atención primaria seranlles de aplicación os ámbitos potenciais definidos pola Comisión de seguimento.

Respecto dos nomeamentos que se formalicen no nivel de atención hospitalaria, o réxime de prestación de servizos poderá estenderse a dous ou máis centros do mesmo distrito sanitario.

3. Réxime xurídico. Xornada de traballo.

3.1. Punto oitavo 3.a.), c) e d) do acordo (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

O persoal médico de familia vinculado mediante nomeamento estatutario eventual de continuidade está chamado a prestar servizos, pola propia natureza e finalidade dese nomeamento, nas unidades e/ou servizos de atención primaria, e debe realizar gardas nos puntos de atención continuada (PAC) nos termos previstos no acordo.

Aínda que estes/as profesionais están amparados pola normativa básica en materia de tempo de traballo e descansos, e o Acordo xa establece certas garantías en canto á programación da súa actividade, as citadas peculiares condicións de traballo xustifican a incorporación dunha garantía adicional en materia de descansos:

1. O persoal médico de familia con nomeamento eventual de continuidade para prestar servizos en unidades e/ou servizos de atención primaria, que realice unha garda de polo menos 17 horas nun punto de atención continuada, terá dereito a librar a xornada ordinaria inmediata que se inicie o mesmo día.

2. Cando as necesidades asistenciais impidan esa libranza de carácter inmediato, esta farase efectiva con carácter xeral nos dez días seguintes ao da realización da garda.

3.2. Punto oitavo 3.b) do acordo (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

Segundo o acordo, procurarase que o persoal vinculado a través do nomeamento de continuidade teña fixado mensualmente, como mínimo, o sesenta por cento da carteleira. Logo da realización dos primeiros nomeamentos de continuidade, valorarase a posibilidade de fixar unha carteleira nunha porcentaxe superior á do sesenta por cento.

Como mellora do establecido na base oitava 3.b) do acordo, procurarase que este persoal teña fixado mensualmente, como mínimo, o oitenta por cento da carteleira.

3.3. Punto oitavo 3.c) do acordo (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

O punto oitavo 3.c) do acordo establece que na programación da actividade deste persoal, incluída a prestación os sábados pola mañá, procurarase un tratamento equitativo co resto do persoal. No seo da comisión tense posto de manifesto a necesidade de estender este tratamento equitativo a outras xornadas de traballo.

Como criterio interpretativo do establecido no punto oitavo 3.c) do acordo, procurarase a equidade na distribución das gardas en sábado, domingo e festivo.

4. Impulsar o nomeamento de continuidade na categoría de enfermeira/o no ámbito hospitalario por mor da necesidade de fidelización de persoal e garantía de continuidade ante a actual situación de pandemia.

A crise sanitaria provocou un incremento de actividade nas institucións sanitarias, actividade que flutúa en función do número de urxencias, ingresos e da atención a pacientes críticos; esta circunstancia, unida á ausencia de profesionais dispoñibles nas listas de selección temporal de médicos de familia e de enfermaría, puxo de manifesto a utilidade deste nomeamento, que permite atender tanto a necesidades de reforzo e emerxencias provocadas pola COVID-19 como a cobertura das ausencias de persoal.

A imprevisibilidade, a magnitude e o impacto da pandemia obriga a realizar vinculacións de profesionais de maior duración nas áreas sanitarias, no número que se determine en función das análises realizadas, ben que, unha vez finalizada esta causa, deixarán de ser necesarias xa que obedecen a unha situación de carácter conxuntural.

Á vista do exposto, acórdase que durante a pandemia se poderán realizar nomeamentos de continuidade por emerxencia sanitaria na categoría de enfermeira/o no ámbito hospitalario para cubrir as áreas funcionais vinculadas coa emerxencia sanitaria, cunha duración de 12 meses, que non serán obxecto de prórroga e non implicarán a necesidade de valoración de creación de praza estrutural (excepción ao previsto nos puntos sexto e sétimo do acordo).

O persoal da categoría de enfermeiro/a que presta servizos no ámbito hospitalario vinculado mediante este nomeamento terá a peculiaridade de estar vinculado a emerxencia sanitaria e ausencias de persoal, mantendo as mesmas condicións de traballo que as estipuladas nos anteriores acordos, agás a duración, que será de 12 meses. Tras a implantación deste nomeamento no ámbito hospitalario, se as circunstancias o requirisen, valorarase a súa aplicación no ámbito de atención primaria.