Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47730

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 201/2020, do 20 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de glorieta no punto quilométrico 98+340 da AC-550, de clave AC/19/076.06, no concello de Porto do Son.

Antecedentes:

Primeiro. O día 16 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 52) o Anuncio do 2 de marzo de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de glorieta no punto quilométrico 98+340 da AC-550, de clave AC/19/076.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 7 de outubro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de glorieta no punto quilométrico 98+340 da AC-550, de clave AC/19/076.06.

Este proxecto ten por obxecto a xustificación e definición das obras que se realizarán para a implantación dunha glorieta na intersección situada no punto quilométrico 98+340 da estrada AC-550, no lugar denominado O Cruceiro, na parroquia de Santa Mariña de Xuño, no municipio de Porto do Son. Neste punto de intersección conéctase a estrada AC-550 coa vía que leva á igrexa pola marxe esquerda e coa vía que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de novembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de glorieta no punto quilométrico 98+340 da AC-550, de clave AC/19/076.06.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade