Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47732

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para a atención educativa ao alumnado vulnerable ou alumnado con conviventes vulnerables durante o curso 2020/21 como consecuencia da pandemia da COVID-19.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establecen no seu articulado a obriga das administracións públicas de garantir a escolarización dos menores, e a obriga das nais, pais ou titores legais de que os/as seus/súas fillos/as asistan con regularidade á clase para poder facer efectivo o seu proceso educativo, nomeadamente nos niveis obrigatorios que comprenden dez anos de escolaridade e se desenvolve, de xeito regular, entre os seis e os dezaseis anos de idade.

A Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, establece que calquera persoa ou autoridade que teña coñecemento de que un menor non está escolarizado ou non asiste ao centro escolar de xeito habitual e sen xustificación, durante o período obrigatorio, deberá poñelo en coñecemento das autoridades públicas competentes, que adoptarán as medidas necesarias para a súa escolarización.

O Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que unha das prioridades da consellería con competencias en materia de educación é asegurar a permanencia do alumnado no sistema educativo durante, cando menos, as etapas obrigatorias. Igualmente, dispón o que se entende por absentismo e que corresponde aos centros educativos o control, o rexistro e a información sobre as incidencias na asistencia do alumnado aos centros escolares.

Coa finalidade de posibilitar a atención educativa ao alumnado que, por razóns de saúde, non poida asistir ao centro educativo véñense adoptando as medidas previstas no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, en particular a atención educativa domiciliaria e hospitalaria, conforme o que se establece no artigo 25 da citada norma, que nos seus números 5 e 6 indica que corresponde á Administración educativa determinar o procedemento e os recursos específicos necesarios para garantir a continuidade do proceso educativo do alumnado.

Como consecuencia da pandemia de COVID-19, ás direccións dos centros educativos preséntanselles novas situacións de absentismo, non previstas na referida norma, que teñen que ver coa vulnerabilidade de membros da unidade familiar distintos do/da alumno/a e o medo ao contaxio por SARS-CoV-2, polo que as nais, pais ou titores legais deciden non enviar o alumnado aos centros educativos.

Co obxecto de valorar os casos de absentismo que poidan estar vinculados á situación de pandemia causada pola COVID-19, logo de seren tramitados os correspondentes expedientes de absentismo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, despois de sometelo a consideración do Comité Educativo de Persoas Expertas, creado pola Orde do 18 de setembro de 2020, creou mediante a Orde do 13 de novembro de 2020 as comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19, coa composición e funcións que se establecen nela.

No caso de que as comisións provinciais de seguimento ditaminen como xustificada a ausencia do menor, os centros educativos e a propia Consellería de Cultura, Educación e Universidade deberán adoptar as medidas necesarias para adecuar a resposta educativa a este alumnado.

De acordo ao anterior, esta Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

Establecer o procedemento de actuación que se debe seguir na atención educativa aos alumnos e alumnas que non poidan asistir ao centro educativo por razóns xustificadas.

Artigo 2. Ámbito de aplicación e destinatarios

Esta resolución será de aplicación en todos os centros docentes sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A atención educativa regulada nesta resolución está destinada ao alumnado vulnerable e ao alumnado que por ter familiares conviventes vulnerables non acode ao centro educativo como consecuencia da COVID-19 e as comisións provinciais de seguimento (CPS) determinan como xustificada a súa ausencia, así como ao alumnado que deba permanecer convalecente no seu domicilio por un período superior a un mes.

Artigo 3. Procedemento de actuación ante absentismo por COVID-19

1. A prevención e control do absentismo escolar desenvolverase conforme o que se establece nas Instrucións do 31 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, polas que se traslada o Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia.

De acordo co número 2.4 do citado protocolo, para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia, corresponde á dirección do centro valorar, en primeira instancia, se as faltas de asistencia á clase dun alumno ou alumna se consideran xustificables.

No caso de que as faltas de asistencia se consideren xustificadas, procederase á aplicación das medidas previstas no artigo 4.2 desta resolución.

2. No caso de que as faltas de asistencia poidan tipificarse como non xustificadas, aplicarase o citado protocolo. Realizada a pertinente reunión coa nai, o pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras do alumno ou alumna, se non se atopa unha solución ao absentismo, a dirección debe realizar a correspondente comunicación ao Servizo Territorial de Inspección Educativa e ao concello, no prazo de 30 días naturais desde o inicio do expediente, por medio do documento anexo X do Protocolo, con todos os documentos que conforman o expediente.

3. Analizado o expediente polo Servizo Territorial de Inspección Educativa, emitirá informe á xefatura territorial propoñendo se debe ser devolto á dirección do centro, con indicación das actuacións que hai que desenvolver, ou se se debe trasladar o expediente á comisión provincial de seguimento (CPS) ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19 para a súa valoración.

4. A CPS, analizado o expediente, poderá determinar que non se xustifica a situación de absentismo e proporá a elevación do expediente ao Ministerio Fiscal, a través da xefatura territorial de Educación, por apreciación dunha posible situación de vulnerabilidade para o menor.

Artigo 4. Atención educativa

1. No caso de que a CPS, unha vez analizada a documentación presentada, determine que a non asistencia ao centro do alumno ou da alumna está xustificada, proporá a adopción das medidas necesarias para a adecuación da resposta educativa á súa situación.

Procederase de xeito similar no caso de que a dirección do centro considere a non asistencia ao centro do alumno ou da alumna xustificada, en virtude do previsto no artigo 3.1.

2. A atención educativa ao alumnado que non poida asistir ao centro realizaraa o profesorado de cada área, materia, ámbito ou módulo do centro educativo en que está matriculado e, no caso de imposibilidade apreciada pola dirección do centro, polo equipo docente ou departamento didáctico correspondente.

3. No caso de que esa atención educativa non poida realizarse desde o centro educativo, a dirección deberá comunicarllo ao Servizo Territorial de Inspección Educativa formalizando o informe xustificativo.

4. O Servizo Territorial de Inspección Educativa, analizados os horarios do persoal do centro, emitirá o correspondente informe á xefatura territorial no cal se proporá a atención educativa de este alumnado por parte do persoal do centro ou polo equipo provincial de atención virtual ao alumnado (AVA).

5. No caso de proposta de atención polo equipo provincial AVA, a Xefatura Territorial emitirá unha resolución que concretará a asignación horaria en función da etapa educativa do alumno ou alumna e que nunca superará as 5 horas semanais. A resolución comunicarase ao equipo AVA provincial e ao centro docente, que dará traslado inmediato desta resolución á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno.

6. O alumnado que nestes momentos estea a recibir atención educativa domiciliaria, conforme o Protocolo de prevención, detección e atención educativa domiciliaria no ámbito educativo, terá a posibilidade de incorporarse a esta modalidade de atención virtual logo de solicitude da nai, do pai ou das persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno á dirección do centro educativo en que está matriculado, que realizará a súa tramitación á xefatura territorial.

7. O alumnado autorizado a recibir atención educativa virtual considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

8. No momento en que o alumno ou a alumna se incorpore ao ensino presencial no centro educativo, a dirección deberá comunicalo á xefatura territorial.

Artigo 5. Creación dos equipos de atención virtual ao alumnado (AVA)

1. En cada provincia constituiranse dous equipos AVA, que se responsabilizarán de realizar a atención educativa ao alumnado que, polas circunstancias indicadas anteriormente, non acuda ao centro educativo, e esta non poida ser prestada polo seu profesorado.

a) Un equipo AVA de educación infantil e primaria, que se encargará da atención do alumnado destas etapas, e que estará integrado por profesionais docentes do corpo de mestres coa debida formación psicopedagóxica.

b) Un equipo AVA para atender o alumnado de educación secundaria obrigatoria e os ámbitos de ciencias aplicadas e comunicación e sociedade de formación profesional básica, que estará integrado por profesionais docentes do corpo de profesores de ensino secundario.

2. O alumnado da etapa de bacharelato que non poida ser atendido polo centro educativo recibirá atención educativa do centro de ensino a distancia IES San Clemente, mediante o traslado provisional de matrícula, mantendo a praza educativa no centro de procedencia.

3. Os equipos AVA estarán integrados por profesionais docentes con acreditada solvencia para desenvolver a atención educativa ao alumnado, a través dos servizos educativos dixitais facilitados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

4. O profesorado dos equipos AVA provinciais será nomeado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos por proposta da xefatura territorial correspondente, conforme as necesidades que se vaian producindo ao longo do curso académico.

5. Os profesionais docentes que están a desenvolver a atención educativa domiciliaria poderán ser integrados pola xefatura territorial nos equipos provinciais AVA que se constitúan, se é o caso.

Artigo 6. Organización e funcionamento dos equipos AVA

1. O profesorado dos equipos provinciais AVA desenvolverá o seu labor nos centros educativos que determine a xefatura territorial, baixo a coordinación e supervisión do Servizo Territorial de Inspección de Educación.

2. A Administración educativa porá á disposición dos equipos provinciais AVA os recursos necesarios para poder desenvolver de xeito eficiente a súa actividade de atención educativa virtual.

3. Recibida a resolución da xefatura territorial de atención virtual a un alumno ou alumna, o profesorado dos equipos provinciais AVA contactará co centro educativo para coordinar a súa atención educativa, co obxecto de non interromper o proceso educativo e de avaliación, que continuará sendo responsabilidade do profesorado do centro en que o alumnado estea matriculado.

4. O profesorado dos equipos provinciais AVA tamén se porá en contacto coa nai, pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras do alumno ou alumna, para concretar o horario semanal da súa atención virtual, dar indicacións sobre o procedemento para a conexión por parte do alumnado, así como a metodoloxía que se seguirá para o traslado das tarefas, resolución de dúbidas e coordinación co centro educativo en que estea matriculado o alumno ou alumna.

5. Unha vez realizadas as tarefas propostas, o profesorado do equipo AVA provincial daralle traslado ao centro educativo correspondente, para que o profesorado o incorpore como rexistro para o proceso de avaliación do alumno ou alumna.

6. Nos primeiros dez días de cada mes, as xefaturas territoriais enviarán á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional un informe sobre os casos atendidos por cada un dos equipos provinciais AVA no mes anterior.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional