Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47724

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 23 de novembro de 2020 pola que se suprimen as oficinas dos rexistros auxiliares de Mobilidade en Ourense e A Coruña, dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; a oficina de rexistro do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense; a oficina de rexistro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) na Coruña, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a oficina de rexistro da Xefatura Comarcal da Consellería do Mar de Ferrol; a oficina de rexistro da residencia de tempo libre do Carballiño e a oficina de rexistro da Secretaría Xeral de Igualdade.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece, no seu artigo 26.5, que o Sistema único de rexistro dependerá da consellaría competente en materia de administracións e, no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada delas está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

A oficina de rexistro do Servizo de Mobilidade da Coruña, dependente da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Mobilidade, está situada nun baixo na rúa Alcalde Pérez Ardá, 4, a 500 metros de distancia das dependencias da Xefatura Territorial e da oficina de rexistro e atención á cidadanía do Edificio Administrativo de Monelos na Coruña.

A oficina de rexistro do Servizo de Mobilidade de Ourense, dependente da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Mobilidade, está situada nun baixo na rúa Valente Docasar, 2, a 350 metros de distancia das dependencias da xefatura territorial.

A oficina de rexistro do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense, está situada nun edificio da rúa do Paseo, número 18, 4º, da cidade de Ourense. O edificio ten uso residencial, cun único ascensor e escaleiras estreitas e comunitarias, que fan complicado o seu acceso.

O servizo provincial da APLU na Coruña trasladouse ao Edificio Administrativo de Monelos, que é onde se atopa o rexistro que da servizo a todas as unidade do edificio.

A oficina de rexistro da Xefatura Comarcal da Consellería do Mar de Ferrol ten as súas dependencias no Edifico Administrativo da Xunta de Galicia nesta localidade.

A oficina de rexistro da residencia de tempo libre do Carballiño, debido á presentación electrónica do seu procedemento maioritario, ten unha pequena actividade.

A oficina da Secretaría Xeral de Igualdade coincide no mesmo lugar que a oficina de rexistro da consellería a que pertence.

Co desenvolvemento da administración electrónica estas oficinas viron diminuída a súa carga de traballo, que baixou de forma moi acentuada nos últimos anos. Por outra banda, dúas das oficinas de rexistro atópanse preto das oficinas de rexistro dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, no caso do Servizo de Mobilidade da Coruña e da Xefatura Comarcal da Consellería do Mar de Ferrol, ou preto da oficina de rexistro da propia xefatura territorial de que dependen, no caso do Servizo de Mobilidade de Ourense.

Tendo en conta o antedito, é conveniente a supresión das oficinas de rexistro dos servizos de Mobilidade da Coruña e de Ourense, da oficina de rexistro do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense, a do rexistro do Servizo Provincial da APLU na Coruña, a oficina de rexistro da Xefatura Comarcal do Mar de Ferrol, a oficina de rexistro da residencia de tempo libre do Carballiño e a da Secretaría Xeral de Igualdade.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímense as oficinas dos rexistros auxiliares de Mobilidade en Ourense e na Coruña, dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; a oficina de rexistro do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense; a oficina de rexistro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) na Coruña, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a oficina de rexistro da Xefatura Comarcal da Consellería do Mar de Ferrol, a oficina de rexistro da residencia de tempo libre do Carballiño e a oficina de rexistro da Secretaría Xeral de Igualdade.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo