Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 7 de decembro de 2020 Páx. 48158

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2020 pola que se convoca o curso monográfico A Lei de contratos do sector público para os poderes adxudicadores non Administración pública (PANAP).

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A Lei de contratos do sector público para os poderes adxudicadores non Administración pública (PANAP), de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O 9 de novembro de 2017 publicouse no BOE a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Ademais da transposición das citadas directivas, a lei establece un novo marco regulador do sistema de contratación pública, con vocación de ser máis eficiente, transparente e íntegro, e mellorar as condicións de acceso ao dito sistema facilitando, en particular, a participación das pemes.

Coa realización deste curso perséguense os obxectivos de propiciar o debate ao redor daqueles aspectos máis relevantes desde o punto de vista xurídico e da xestión introducidas polas últimas novidades lexislativas en materia de contratación pública que afectan aos PANAP (poderes adxudicadores non Administración pública), e achegar unha formación de carácter práctico sobre os sistemas e plataformas electrónicas para a tramitación dos procedementos de contratación no ámbito autonómico.

2. Contidos.

Este curso monográfico desenvolverase en tres sesións na modalidade de telepresenza e unha cuarta sesión, práctica, o último día do curso, na modalidade presencial.

Os contidos que se van tratar nesta actividade serán os seguintes:

• 1ª sesión de telepresenza.

O contrato menor e sistemas de racionalización técnica da contratación. Aplícase aos PANAP’s o réxime previsto para as administracións públicas?

• 2ª sesión de telepresenza.

Outros procedementos de axilización administrativa contractual: o procedemento aberto simplificado (PAS) e o supersimplificado ou sumario (PASS).

• 3ª sesión de telepresenza.

O Nodo de contratación electrónica da Xunta de Galicia: publicidade, transparencia e contratación eficiente de todo o sector público.

O último día do curso, na modalidade presencial, abordaranse os seguintes contidos prácticos nas aulas de informática da escola:

• A plataforma de Contratos públicos de Galicia (CPG) e o Portal de transparencia de Galicia.

• O novo xestor de expedientes de contratación da Xunta de Galicia (Plation).

• O Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex).

• O Sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia (SEF).

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese a responsables e xestores/as de contratación das entidades instrumentais descritas no artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sempre que non teñan a consideración de administración pública: fundacións públicas autonómicas e sociedades mercantís públicas autonómicas.

4. Desenvolvemento.

Datas de desenvolvemento: os días 14, 15, 16 e 17 de decembro de 2020.

Duración: 12 horas lectivas.

Os días 14, 15 e 16 de decembro desenvolveranse na modalidade de telepresenza, accedendo ao espazo «aula virtual» da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/teleformacion).

Horario dos días 14, 15 e 16: de tarde, das 16.00 ás 18.00 horas.

O día 17 de decembro o curso desenvolverase na modalidade presencial, nas aulas 3-4 da Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Horario do día 17: de mañá, das 11.00 ás 14.00 horas; e, de tarde, das 16.00 ás 19.00 horas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza, para o seguimento dos tres primeiros días do curso, require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Ordenador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Webcam (integrada no caso de portátil, externa no caso de sobremesa, xeralmente USB).

5. Altofalantes (se o monitor ou o equipamento non dispón deles).

5. Número de prazas: 29.

6. Inscrición.

1. As solicitudes de participación nestas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois localizar e seleccionar en nome do curso o Curso monográfico A Lei de contratos do sector público para os poderes adxudicadores non Administración pública (PANAP).

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 10 de decembro de 2020.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

5. Todas as persoas solicitantes, despois de ter completada a súa inscrición, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 3. Serán excluídas aquelas solicitudes que non acompañen a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 10 de decembro de 2020.

6. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas.

Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou foron excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008, pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar a esta actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo dous días antes do inicio da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia.

c) As faltas de asistencia:

1. A falta de asistencia deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas desta actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública