Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 15 de decembro de 2020 Páx. 49041

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 22 de maio de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR937A).

A Resolución do 22 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, publicada no DOG número 108, do 4 de xuño, recolle, no seu artigo 2, que para a concesión destas axudas se destinará un crédito de catrocentos mil euros (400.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Así mesmo, establece que este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Tendo en conta que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resultou insuficiente debido ao volume de solicitudes presentadas, cómpre ampliar o crédito inicialmente asignado a esta convocatoria.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria

Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 22 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes e se procede a súa convocatoria para o ano 2020, na contía trescentos cincuenta mil euros (350.000 €), na aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0.

Esta ampliación non afecta o prazo para presentar solicitudes establecido na dita resolución nin o resto do seu articulado.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración