Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 15 de decembro de 2020 Páx. 49043

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral del Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 3/2019,
do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1. De conformidade coas negociacións previas levadas a cabo polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 24 de setembro de 2019, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 65, 66, 67, 68, 69 e 74 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, ambas as partes considéranas liquidadas en razón aos seguintes compromisos:

1.1. No concernente ao título V. Unidades de radiofarmacia, composto polos artigos 65 ao 69, ambas as partes coinciden en considerar que non contén regulación que innove as previsións que, sobre o funcionamento das unidades de radiofarmacia, se conteñen no artigo 48 do texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2015, do 24 de xullo. En consecuencia, a Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a que o desenvolvemento regulamentario que no seu día se aprobe dos citados preceptos non incidirá en ningunha das cuestións reguladas na citada normativa estatal.

1.2. En relación co artigo 74, as partes acordan considerar:

a) Que o control sobre calquera clase de publicidade de medicamentos e produtos sanitarios que o seu número segundo encarga á consellería con competencia en materia de sanidade non se refire a ningunha forma de control previo, nin polo tanto é reconducible á modalidade de autorización previa. En coherencia co anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a respectar tal interpretación no desenvolvemento regulamentario ao cal o propio precepto alude en materia de procedemento.

b) Que a regulación do artigo 74 en materia de intervención da Administración autonómica sobre a publicidade de medicamentos, tanto no caso da orientada ao público en xeral coma na orientada a profesionais sanitarios, se debe interpretar desde a perspectiva do pleno respecto da competencia estatal en materia de regulación da publicidade dos medicamentos (incardinada na competencia exclusiva de lexislación sobre produtos farmacéuticos prevista no artigo 149.1.16 da Constitución, como recoñeceu a STC 181/2014, do 6 de novembro, FX 4º) e, por tanto, como simple previsión que encaixa na execución de tal regulación (con base na competencia que para iso recoñece o artigo 33.3 do Estatuto de autonomía de Galicia), ao establecer como realizará a consellería con competencias en materia de sanidade o control que os artigos 78.1 e 80.3 do texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios encargan ás administracións sanitarias.

2. En razón ao acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia.

3. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Carolina Darias San Sebastián
Ministra de Política Territorial
e Función Pública

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo