Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 16 de decembro de 2020 Páx. 49325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2020, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de actualización do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525, en Dozón (PO/12/132.01) (clave PO/19/027.01).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 17 de setembro de 2020, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de actualización do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón (PO/12/132.01), de clave PO/19/027.01, no concello de Dozón, mediante o Decreto 167/2020, publicado no Diario Oficial de Galicia do 2 de outubro de 2020.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Dozón, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Dozón.

Lugar: Casa do Concello de Dozón.

Data: 12 de xaneiro de 2021, das 10.30 ás 11.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Dozón e no Servizo Provincial de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas (avda. María Victoria Moreno, 43-1º, 36003 Pontevedra), e publicarase no seguinte enlace da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos/Aviso/aviso_0198.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados no levantamento das actas previas mediante notificación individual.

A ese acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntarán os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade (e, se é o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como o certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderán facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Co fin de que os actos derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención recollidas no anexo da Resolución do 12 de xuño de 2020 e nas posteriores modificacións, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

En todo caso, cómpre pór en coñecemento dos interesados as seguintes indicacións:

• Os interesados poderán confirmar a data e a hora fixada para a realización do acto ou, no caso de concorreren motivos de inconveniencia por razóns de saúde e/ou de adopción de medidas que afecten favorablemente a prevención de contaxios, poderán propor outro horario diferente para este, logo de cita confirmada polo persoal de contacto.

• No momento da atención, tanto o persoal da Administración e da asistencia técnica como o expropiado usarán máscara de protección, respectando en todo momento a distancia de seguridade fixada. Para tales efectos, establécese a obriga de asistir ao acto provisto de máscara de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria. Porén, a Administración disporá de máscara no caso de que os expropiados non dispoñan dela.

• En caso de se detectaren posibles síntomas compatibles coa COVID-19 nalgunha persoa presente, seguiranse obrigatoriamente as indicacións realizadas polas autoridades sanitarias para o efecto.

• Deberán asistir unicamente as persoas estritamente necesarias para a realización do trámite.

• Establécese a obriga de permanecer no local de reunión o tempo estritamente necesario.

• Non se poderá acudir no caso de presentar febre (>37º) ou síntomas de problemas respiratorios.

Pontevedra, 24 de novembro de 2020

Manuel A. González Juanatey
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra