Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 16 de decembro de 2020 Páx. 49255

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2020 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior xestor de proxecto para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), en colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade, participa en calidade de socio no proxecto Regions4PerMed. Regions4PerMed enmárcase no programa H2020 como accións de apoio (CSA) ao Consorcio Internacional de Medicina Personalizada baixo a convocatoria con referencia SC1-HCO-2018-2019-2020, e céntrase en aspectos rexionais.

Resumo do proxecto:

Título: Interregional Coordination for a fast and deep uptake of Personalised Health.

Acrónimo: Redions4Permed.

Coordinador: ACIS-Consellería de Sanidade, Xunta de Galicia.

Datas: do 1.11.2018 ao 31.10.2022.

Duración: 48 meses.

Nº de proxecto: 825812.

Orzamento total: 1.677.500,00 €.

Orzamento ACIS: 251.500,00 €.

Cofinanciamento EU (100 %): 251.500,00 €.

Regions4Permed ten como obxectivo establecer a primeira cooperación interrexional no ámbito da medicina personalizada, aliñar estratexias e instrumentos financeiros, identificar áreas de investimento clave e lanzar unha axenda rexional europea para impulsar a prestación de servizos de saúde personalizada a pacientes e cidadáns.

A Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, no seu artigo 15, prevé a contratación de persoal laboral temporal para realizar obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto europeo Regions4PerMed, que se enmarca no programa H2020 como accións de apoio (CSA) ao Consorcio Internacional de Medicina Personalizada baixo a convocatoria con referencia SC1-HCO-2018-2019-2020, e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión
do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Bases da convocatoria

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto europeo Redions4Permed, que se enmarca no programa H2020 como accións de apoio (CSA) ao Consorcio Internacional de Medicina Personalizada baixo a convocatoria con referencia SC1-HCO-2018-2019-2020.

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase proceso selectivo para a contratación dun efectivo (xestión do proxecto Regions4PerMed) persoal laboral temporal (grupo I, categoría 4) cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no número 2.1.3 das presentes bases.

A persoa seleccionada vai traballar na execución e xestión do indicado proxecto e levará a cabo as funcións que a continuación se relacionan:

1. Preparar, organizar e dinamizar as reunións de traballo, seminarios, obradoiros e similares que teñan carácter transnacional e que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, así como a súa participación en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. Os seus idiomas de traballo serán o galego, o castelán e o inglés.

2. Representar a ACIS nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que teñan lugar, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto. Os seus idiomas de traballo serán o galego, o castelán e o inglés.

3. Coordinar e realizar, en galego, castelán e inglés, informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto relacionados coa medicina personalizada, así como calquera outro documento necesario para o seu desenvolvemento e difusión.

4. De acordo coa normativa, regulamentación e prácticas dos proxectos europeos, preparar informes e follas de cálculo necesarias para a xestión do proxecto, así como desenvolver metodoloxías de control deste e indicadores de seguimento.

5. Calquera outra función non definida aquí e considerada desde ACIS relacionada coa execución do proxecto Regions4PerMed.

* Número de efectivos: 1.

* Centro directivo: o centro directivo é a Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, adscrita á Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela.

* Duración: desde a súa formalización ata a finalización da obra ou servizo determinado. A data de fin do proxecto é o 31 de outubro de 2022.

De acordo co artigo 15 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, recollidas no anexo VII da Orde da Consellería de facenda do 29 de xaneiro de 2020 pola que se actualiza con efectos do 1 de xaneiro de 2020 a contía das retribuccións do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2020 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro).

1.3. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do RDL 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades.

A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para ser admitidos/as no proceso de selección os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.5, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Teren feitos os dezaseis anos de idade.

2.1.3. Titulación académica.

– Estar en posesión dunha das seguintes titulacións de grao (ou equivalente): Ciencias Químicas, Farmacia, Ciencias Biolóxicas, Medicina, Bioquímica, Biotecnoloxía, Psicoloxía, Enfermería, Ciencias Ambientais, Física.

– Nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no DOG e relacionado coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación para os/as aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.1.4. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.1.5. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.6. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non ser inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica dos postos obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo modelo contido no anexo II que se xunta con estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas, que no caso de se obteren no estranxeiro deberá/n estar homologada/s en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no DOG e relacionado coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011, e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado.

e) Acreditación da experiencia profesional, mediante informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde veñan desempeñando os servizos, con especificación da categoría, funcións e período (con data de inicio e remate do contrato) en que estivo traballando o/a aspirante.

f) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias dos postos obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure neles o número de horas certificadas.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para os efectos de notificacións, e serán responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Loxicamente, este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación da solicitude farase no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avda. Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es).

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles desde o día seguinte da súa publicación oficial.

Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03 ou a través do correo electrónico xestion.acis@sergas.es.

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Baremo.

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 6 puntos.

4.1.1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría a que se pretende acceder: 0,15 puntos/mes.

4.1.2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións públicas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,10 puntos/mes.

4.1.3. Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas e noutros organismos na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,05 puntos/mes.

A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder os 6 puntos.

Todos os méritos relativos á experiencia profesional terán que ser xustificados documentalmente. Os prestados na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas poderán acreditarse por calquera destes dous medios:

– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración onde veñan desempeñando os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e remate do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante.

– Fotocopia cotexada dos documentos orixinais xunto con informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/s de tempo alegado/s).

4.2. Formación Académica relacionada: ata un máximo de 4 puntos.

• Pola titulación de máster relacionado con innovación, medicina personalizada, xestión e seguimento de políticas públicas ou calquera outro equivalente cun contido similar (2 puntos por máster).

• Pola titulación de doutor (2 puntos).

4.3. Formación continuada: ata un máximo de 4 puntos.

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Pública, ACIS, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas ou da Administración xeral do Estado, universidades, Inem, Dirección xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFEDAP, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria:

• Cursos de máis de 15 horas e menos de 25 horas: 0,1 puntos.

• Cursos de máis de 25 horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos.

• Cursos de 75 horas ou máis: 0,3 puntos.

Poderase duplicar a puntuación obtida cando o curso se relacione con formación específica en formación de xestión de proxectos de innovación.

4.4. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado) e que sexa superior ao establecido como requisito de acceso.

Grao superior a Celga 4: 1 punto.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, aos cursos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia lingüística da Xunta de Galicia.

4.5. Coñecemento acreditado doutros idiomas oficiais da UE: ata un máximo de 0,5 puntos.

Equivalente segundo a táboa de equivalencia a B1: 0,2 puntos.

Equivalente ou maior a B2: 0,3 puntos.

Os méritos que se deberán ter en conta neste proceso valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria.

4.6. Entrevista persoal: ata un máximo de 1,5 puntos.

Consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.

A entrevista versará sobre o currículum vitae dos/das aspirantes, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre a xestión de proxectos internacionais relacionados coa I+D+i.

Para realizar a entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1,5 puntos.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda pola que se publica o resultado do sorteo ao que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015 do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso é nomeado, pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á comisión de selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/das aspirantes e baremación dos méritos

6.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as para a praza obxecto desta convocatoria, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avda. Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos.

6.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de quince puntos e medio (15,5).

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será dun punto e medio (1,5).

6.2.1. Primeira fase: o tribunal realizará unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avda. Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

6.2.2. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.

A entrevista versará sobre o currículum vitae dos/das candidatos/as, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre proxectos e políticas ou programas comunitarios relacionados coa I+D+i. Parte da entrevista poderá desenvolverse en inglés.

Para realizar a entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1,5 puntos.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) os nomes dos/das convocados/as, o lugar e a data e hora de realización da entrevista.

Os/as convocados/as a esta fase deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Unha vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web http://www.acis.sergas.es a listaxe coa puntuación provisional dos/das aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

6.3. Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal realizará a puntuación global definitiva, que será elevada á Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas dos/das aspirantes polo mesmo medio que as listaxes provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

6.4. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, e deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

− Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

− Certificado médico oficial ou informe de saúde en que se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.5.

− Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.6.

6.5. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior a documentación citada no punto 6.4. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.6. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, formalizarase a contratación obxecto da convocatoria.

6.7. Se ao longo da duración do proxecto se produce a baixa do/da aspirante contratado/a, realizarase o chamamento, para a súa cobertura, do/da seguinte aspirante segundo a orde de prelación da correspondente lista resultante desta convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde na epígrafe de novas e tamén na de transparencia e goberno aberto.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II

Solicitude de participación

Datos persoais:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI/pasaporte

Nacionalidade

Enderezo

Teléfono

Correo electrónico

Data de nacemento

Solicito:

1º. Ser admitido/a na convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, da praza de titulado/a superior como xestor do proxecto RegionS4PerMed.

2º. Para tal efecto, presento a seguinte documentación: (relaciónese a dita documentación).

Lugar, data e sinatura

Santiago de Compostela, .... de ........... de 2020

Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A (Edificio CNL), San Lázaro

15707 Santiago de Compostela (A Coruña)