Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 255 Luns, 21 de decembro de 2020 Páx. 49896

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 17 de decembro de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2020, e se modifican as bases reguladoras das convocatorias de 2018 e de 2019 (código de procedemento MR446A).

O Real decreto 558/2020, do 9 de xuño, polo que se modifican distintos reais decretos que establecen normativa básica de desenvolvemento de regulamentos da Unión Europea en materia de froitas e hortalizas e vitivinicultura, modifica o Real decreto 1363/2018, do 2 de novembro, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2019-2023 ao sector vitivinícola español, o que fai necesario que se modifique a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR446A).

O artigo 30 da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia establece que o financiamento das axudas procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e que se efectuará con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 14.04.713C 772.1, cun importe de douscentos sesenta e cinco mil euros (265.000 €) para o ano 2020, de douscentos sesenta e cinco mil euros (265.000 €) para o ano 2021 e de cincocentos noventa e cinco mil euros (595.000 €) para o ano 2022. En total, un millón cento vinte e cinco mil euros (1.125.000 €). Tamén se recolle a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de incorporación de crédito no mesmo programa.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 4 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2018

A Orde do 4 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2018, queda redactada como segue:

Un. Engádese un número 7 ao artigo 13, coa seguinte redacción:

No exercicio Feaga 2020 serán admisibles, en casos debidamente xustificados relacionados coa crise sanitaria provocada pola COVID-19, e referentes ás operacións en curso, a presentación de modificacións que non afecten nin a elixibilidade dalgunha parte da operación nin os seus obxectivos, e que non supoñan un incremento de orzamento inicialmente aprobado. Os beneficiarios comunicarán esta modificación á autoridade competente como moi tarde xunto coa solicitude de pagamento da operación. Non será necesaria a autorización previa á súa execución, aínda que si deberán ser avaliadas.

Así mesmo, os beneficiarios poderán presentar modificacións que alteren os obxectivos estratéxicos ou xerais con que foi aprobada a operación, a condición de que as accións individuais xa iniciadas sexan completadas. Estas modificacións requirirán a autorización da autoridade competente con carácter previo á súa execución mediante resolución favorable expresa.

Cando os beneficiarios non poidan executar todas as accións que formen parte da operación inicialmente solicitada, poderán solicitar o pagamento das accións completamente finalizadas, a condición de que comunicasen á autoridade competente esta modificación da súa operación.

Dous. Engádese a alínea f) ao número 4 do artigo 16, coa seguinte redacción:

f) As consecuencias da pandemia provocada polo virus SARS-CoV-2 e o estado de alarma no Reino de España declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Tres. Modifícanse os números 3 e 4, e engádese o número 7 e 8 do artigo 17, que quedan redactados como segue:

3. No caso de que o solicitante presente a solicitude do anticipo fóra do prazo correspondente, a axuda que lle corresponda por esa operación reducirase nun 20 %, agás causas de forza maior recollidas no artigo anterior.

Con todo, non se poderá atrasar o exercicio indicado na solicitude de axuda cando este sexa o segundo exercicio financeiro posterior ao que se solicitou a de axuda, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais. Cando o atraso sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais non se aplicará a redución da axuda prevista neste punto.

4. No caso de que o solicitante presente a solicitude de pagamento fóra do prazo correspondente, a axuda que lle corresponda por esa operación reducirase nun 20 %, agás causas de forza maior recollidas no artigo anterior.

Con todo, non se poderá atrasar o exercicio indicado na solicitude de axuda cando este sexa o segundo exercicio financeiro posterior ao cal se solicitou a axuda, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais. Cando o atraso sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, non se aplicará a redución da axuda prevista neste punto.

7. Para o exercicio Feaga 2020 non se aplicarán as reducións da axuda a que fai referencia este artigo. A axuda pagarase sobre a base da superficie determinada polos controis sobre o terreo previos ao pagamento final.

8. As circunstancias excepcionais deberán motivarse e acreditarse de xeito documental.

Catro. Engádese un número 3 ao artigo 29, coa seguinte redacción:

3. Os beneficiarios de axudas cuxa execución e solicitude de pagamento estaba prevista no exercicio Feaga 2020 e que, debido á crise sanitaria e ao período de alarma establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo COVID-19, precisen atrasar a execución e solicitude de pagamento ao exercicio 2021, deberán comunicar o cambio de exercicio financeiro de pagamento, para o seu coñecemento, debidamente xustificado, e como moi tarde antes da data límite do 31 de xullo.

Cinco. Engádese un número 6 ao artigo 30, coa seguinte redacción:

6. Non se pagará ningunha axuda correspondente a unha operación en que non se executou algunha acción sen ter autorizada previamente a modificación da operación, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais tal e como indica o número 2 do artigo 54 do Regulamento delegado (UE) 2016/1149, da Comisión, do 15 de abril.

Artigo 2. Modificación da Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2019

A Orde do 28 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2019, queda redactada como segue:

Un. Engádese un número 8 ao artigo 13, coa seguinte redacción:

No exercicio Feaga 2020 serán admisibles, en casos debidamente xustificados relacionados coa crise sanitaria provocada pola COVID-19, e referentes ás operacións en curso, a presentación de modificacións que non afecten nin a elixibilidade dalgunha parte da operación nin os seus obxectivos, e que non supoñan un incremento de orzamento inicialmente aprobado. Os beneficiarios comunicarán esta modificación á autoridade competente como moi tarde xunto coa solicitude de pagamento da operación. Non será necesaria a autorización previa á súa execución, aínda que deberán ser avaliadas.

Así mesmo, os beneficiarios poderán presentar modificacións que alteren os obxectivos estratéxicos ou xerais con que foi aprobada a operación, a condición de que as accións individuais xa iniciadas sexan completadas. Estas modificacións requirirán a autorización da autoridade competente con carácter previo á súa execución mediante resolución favorable expresa.

Cando os beneficiarios non poidan executar todas as accións que formen parte da operación inicialmente solicitada, poderán solicitar o pagamento das accións completamente finalizadas, a condición de que comunicasen á autoridade competente esta modificación da súa operación.

Dous. Engádese a alínea f) ao número 4 do artigo 16, coa seguinte redacción:

f) As consecuencias da pandemia provocada polo virus SARS-CoV-2 e o estado de alarma no Reino de España declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Tres. Modifícanse os números 3 e 4, e engádese o número 7 e 8 do artigo 17, que queda redactado como segue:

3. No caso de que o solicitante presente a solicitude do anticipo fóra do prazo correspondente, a axuda que lle corresponda por esa operación reducirase nun 20 %, agás causas de forza maior recollidas no artigo anterior.

Con todo, non se poderá atrasar o exercicio indicado na solicitude de axuda cando este sexa o segundo exercicio financeiro posterior ao cal se solicitou a axuda, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais. Cando o atraso sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, non se aplicará a redución da axuda prevista neste punto.

4. No caso de que o solicitante presente a solicitude de pagamento fóra do prazo correspondente, a axuda que lle corresponda por esa operación reducirase nun 20 %, agás causas de forza maior recollidas no artigo anterior.

Con todo, non se poderá atrasar o exercicio indicado na solicitude de axuda cando este sexa o segundo exercicio financeiro posterior ao cal se solicitou a axuda, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais. Cando o atraso sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, non se aplicará a redución da axuda prevista neste punto.

7. Para o exercicio Feaga 2020 non se aplicarán as reducións da axuda a que fai referencia este artigo. A axuda pagarase sobre a base da superficie determinada polos controis sobre o terreo previos ao pagamento final.

8. As circunstancias excepcionais deberán motivarse e acreditarse de xeito documental.

Catro. Modifícase o artigo 28.1.a) e engádese un número 3, que queda redactado como segue:

Para os plans con operacións anuais, o prazo límite de execución e xustificación remata o 31 de xullo de 2020, incluído.

1. O prazo de execución e xustificación destas axudas será:

a) Para os plans con operacións anuais, o prazo límite de execución e xustificación remata o 31 de xullo de 2020, incluído.

b) Para os plans con operacións bianuais, o prazo de execución remata o 31 de maio de 2021, incluído. Establécese o período entre o 16 de outubro de 2020 e o 31 de maio de 2021 como prazo para solicitar o pagamento das operacións bianuais.

c) O prazo para solicitar un anticipo será dun mes desde a concesión da axuda.

2. Unha vez transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os beneficiarios de axudas cuxa execución e solicitude de pagamento estaba prevista no exercicio Feaga 2020 e que, debido á crise sanitaria e ao período de alarma establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo COVID-19, precisen atrasar a execución e solicitude de pagamento ao exercicio 2021, deberán comunicar o cambio de exercicio financeiro de pagamento, para o seu coñecemento, debidamente xustificado, e como moi tarde antes da data límite do 31 de xullo.

Cinco. Engádese un número 5 ao artigo 29, coa seguinte redacción:

5. Non se pagará ningunha axuda correspondente a unha operación en que non se executou algunha acción sen ter autorizada previamente a modificación da operación, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais tal e como indica o número 2 do artigo 54 do Regulamento delegado (UE) 2016/1149, da Comisión, do 15 de abril.

Artigo 3. Modificación da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR446A)

A Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2020, queda redactada como segue:

Un. Engádese a alínea f) ao número 4 do artigo 16, coa seguinte redacción:

f) As consecuencias da pandemia provocada polo virus SARS-CoV-2 e o estado de alarma no Reino de España declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Dous. Modifícanse os números 3 e 4, e engádese o número 7 do artigo 17, que queda redactado como segue:

3. No caso de que o solicitante presente a solicitude do anticipo fóra do prazo correspondente, a axuda que lle corresponda por esa operación reducirase nun 20 %, agás causas de forza maior recollidas no artigo anterior.

Con todo, non se poderá atrasar o exercicio indicado na solicitude de axuda cando este sexa o segundo exercicio financeiro posterior ao que se solicitou a axuda, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais. Cando o atraso sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, non se aplicará a redución da axuda prevista neste punto.

4. No caso de que o solicitante presente a solicitude de pagamento fóra do prazo correspondente, a axuda que lle corresponda por esa operación reducirase nun 20 %, agás causas de forza maior recollidas no artigo anterior.

Con todo, non se poderá atrasar o exercicio indicado na solicitude de axuda cando este sexa o segundo exercicio financeiro posterior ao cal se solicitou a axuda, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais. Cando o atraso sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, non se aplicará a redución da axuda prevista neste punto.

7. As circunstancias excepcionais deberán motivarse e acreditarse de xeito documental.

Tres. Engádese un número 5 ao artigo 28, coa seguinte redacción:

5. Non se pagará ningunha axuda correspondente a unha operación en que non se executou algunha acción sen ter autorizada previamente a modificación da operación, agás causas de forza maior ou circunstancias excepcionais tal e como indica o número 2 do artigo 54 do Regulamento delegado (UE) 2016/1149, da Comisión, do 15 de abril.

Catro. O artigo 29 queda redactado como segue:

As persoas viticultoras a que o investimento lles exixa pagamentos inmediatos poderán solicitar un anticipo máximo do 80 % da axuda aprobada cando constitúan unha garantía por un importe polo menos igual ao importe do anticipo.

Unha vez executada a operación relacionada co anticipo, achegará a correspondente declaración de gastos (anexo V).

No caso de operacións anuais, o prazo para achegar a declaración de gastos situarase no mesmo exercicio financeiro en que se pagou o anticipo e, no caso de operacións bienais, no mesmo exercicio financeiro en que se solicitou o pagamento final da operación, agás en caso de forza maior e outras circunstancias excepcionais conforme establece o número 4 do artigo 26 do Regulamento de execución (UE) 2016/1150, da Comisión, do 15 de abril.

Artigo 4. Ampliación da dotación orzamentaria da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR446A)

Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2020.

O incremento da dotación orzamentaria será de 85.000 € na anualidade de 2020, 1.835.000 € na anualidade de 2021 e 455.000 € na anualidade de 2022, consignados na aplicación orzamentaria 14.04.713C 772.1.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria da aplicación ascenderá a 3.500.000 €, repartidos en 350.000 €, na anualidade 2020; 2.100.000 €, na anualidade 2021, e 1.050.000 €, na anualidade 2022.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural