Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50092

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2020 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Tui de determinación de todo o concello como zona de grande afluencia turística, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e se autoriza a apertura durante todo o ano, incluídos domingos e festivos, desde as 10.00 ata as 24.00 horas.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Tui da declaración do dito concello como zona de grande afluencia turística, de acordo co disposto no artigo 9.5 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en consideración os seguintes

Feitos.

1º. Con data 11 de novembro de 2020, o Concello de Tui remitiulle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a certificación do acordo do Pleno, adoptado por maioría absoluta en data 22 de outubro de 2020, en que solicita da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a determinación do municipio de Tui como zona de grande afluencia turística, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e se autoriza a apertura durante todo o ano, incluídos domingos e festivos, desde as 10.00 ata as 24.00 horas.

A dita certificación plenaria presentouse acompañada dos informes favorables da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui, da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (Acitui) e da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Tui. Así mesmo, remitíronse as solicitudes de informe ás organizacións sindicais Comisiones Obreras (CC.OO.), Unión General de Trabajadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

2º. Con data do 11 de novembro de 2020, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación achegou á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación anterior, ao tempo que solicita informe sobre o dito expediente, de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

3º. Con data 2 de decembro de 2020, tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Axencia Turismo de Galicia sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de grande afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, no cal se sinala:

Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do Pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e coa cal deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire o punto 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido no punto 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire o punto 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á súa revogación, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no punto 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

4. Para os efectos do establecido no número 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte del nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que fose declarado patrimonio da humanidade o no cal se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico-artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias onde operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen.

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Tui, aprobada por maioría absoluta do Pleno da corporación local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

«A situación fronteiriza de Tui determina tamén que o seu ámbito de influencia comprende tamén os municipios portugueses de Valença (14.127), Monçao (19.957) e Vilanova de Cerveira (9.523), cunha poboación total de 43.607 habitantes.

En definitiva, a área de influencia da cidade de Tui sobre o territorio circundante comprende unha poboación que acada os 131.922 habitantes cos datos estatísticos de 2019.

O núcleo urbano tudense segue mantendo o seu carácter de centro reitor desta ampla bisbarra para os efectos administrativos, comerciais e de servizos. Neste sentido cabe lembrar que na cidade tudense é a sede de servizos de carácter administrativos como: Administración de facenda, Comisaría de Policía, cabeceira do partido xudicial, Cámara de Comercio, etc.

Igualmente, a nivel comercial o liderado da cidade de Tui establecíase ata hai algún tempo polos mercados semanais dos xoves, pero que cederon paso ao protagonismo das grandes superficies de alimentación. Na actualidade posúe na zona de Areas catro destes centros que dinamizan a oferta comercial de Tui a nivel de comarca transfronteiriza.

(...) 1. Tui posúe un dos núcleos históricos máis interesantes de Galicia e o segundo en extensión da nosa Comunidade Autónoma. O núcleo histórico da cidade de Tui está declarado, desde 1967, como ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico. Os seus principais elementos son:

– A catedral de Santa María.

– O propio núcleo.

– A igrexa e convento de San Domingos.

– A igrexa e convento dos Franciscanos.

– A igrexa e convento das Clarisas.

– A igrexa de San Telmo.

– As murallas de época medieval e moderna.

Dentro do ámbito de protección do conxunto histórico tudense, aínda que algo afastado, está o barrio de San Bartolomeu, coa igrexa prerrománica alí existente.

A recente integración, no ano 2019, de Tui na Rede de Xudarías de España, que agrupa 21 cidades que traballan conxuntamente na promoción do patrimonio relacionado coa cultura sefardí, é un novo elemento de atracción turística e patrimonial da cidade tudense.

Este amplo conxunto patrimonial configúrase como un potente recurso turístico que atrae anualmente un número crecente de visitantes que se achegan ata a nosa localidade. Aínda que carecemos de datos concretos de visitantes, existen dúas referencias básicas:

a) O principal monumento da cidade é a catedral de Santa María, con entrada de pago, e que durante o pasado ano 2019 acadou cerca de 40.000 visitantes.

b) A Oficina Municipal de Turismo, sita na praza de San Fernando, á beira da catedral, tivo no pasado ano 2019 os seguintes datos, acadando case 67.000 usuarios ao longo do ano:

(...) O municipio de Tui forma parte do xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño, que foi un dos seis xeotodestinos de Galicia que o pasado ano 2019 experimentaron un crecemento na afluencia de turistas, nunha cifra modesta pero positiva: 1 %.

2. Unha das principais dinámicas de desenvolvemento no ámbito turístico nos últimos anos é a presenza de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago portugués. Tui é o lugar de confluencia das rutas xacobeas portuguesas en Galicia.

No pasado ano 2019, segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, realizaron o Camiño Portugués un total de 72.357 peregrinos, o que representa un 20,81 % do total dos peregrinos que acudiron á tumba do apóstolo e recibiron a Compostela (...) Entre os anos 2005 e 2019 os datos de crecemento do Camiño Portugués a Santiago acadaron unha espectacular porcentaxe de crecemento do 1,719 %, cifras que acreditan a importante dinámica social, económica e cultural que supón para Tui a súa condición de porta de entrada, en Galicia e España, do Camiño Portugués a Santiago.

3. Outro elemento de grande atractivo para a afluencia de visitantes é o Parque Natural do Monte Aloia, localizado a sete quilómetros do centro tudense, e que recibe unha numerosa afluencia de turistas e persoas interesadas en realizar un achegamento a este espazo dotado de relevantes recursos naturais e ambientais.

(...) O río Miño, ao seu paso por Tui, está incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea polos seus valores ambientais, que dotan de maior atractivo este recurso turístico do noso territorio. A existencia dun porto deportivo do Club Náutico San Telmo, con todas as prazas ocupadas, é outro factor de atracción turística da nosa cidade.

4. No ano 2000 o concello de Tui foi declarado “municipio turístico galego”, para o cal se tiveron en conta factores como a grande afluencia periódica e estacional de poboación turística, as boas condicións de seguridade nos lugares públicos, a súa sanidade, a ordenación urbanística, as axeitadas infraestruturas hostaleiras e de aloxamentos, así como a existencia de oficina de información turística.

Nas dúas décadas transcorridas desde aquela declaración por parte da Xunta de Galicia, as condicións que xustificaron aquela declaración consolidáronse e melloráronse substancialmente.

O Concello de Tui, xunto con estes recursos de carácter turístico, derivados do seu patrimonio cultural e natural, posúe o recoñecemento realizado pola Xunta de Galicia, como Administración competente en materia de turismo, a dous eventos anuais que se celebran na nosa cidade que foron distinguidos como festas de interese turístico galego.

Desde o ano 1998 as festa patronais de San Telmo teñen esta declaración en recoñecemento ao seu amplo programa de actividades (con dúas principais referencias: a Festa da Angula ou Meixón e a solemne procesión de San Telmo), que reúnen na cidade un amplo número de visitantes.

Desde o ano 2017 conta tamén con esta declaración o Descenso Internacional do Miño, proba deportiva de caiac que reúne anualmente máis de setecentos padeeiros e que conta xa con 49 edicións e cun programa, completado desde hai dez anos, co descenso popular e o festival do Miño, celebración musical e gastronómica parella ao Descenso. Esta proba deportiva ten lugar no mes de agosto e reúne milleiros de afeccionados e visitantes.

5. O positivo impacto tanto do incremento constante de turistas e visitantes xunto co importante pulo do número de peregrinos provocaron un notable incremento no número de establecementos de aloxamento turístico e, por conseguinte, no número de prazas hoteleiras do noso municipio, cun total de 1.072 prazas (fonte: REAT da Axencia de Turismo de Galicia, outubro de 2020), coa seguinte distribución por tipoloxías de establecementos:

Albergues: 215 prazas.

Apartamentos: 16 prazas.

Hoteis: 539 prazas.

Pensións: 120 prazas.

Turismo rural: 35 prazas.

Vivendas de uso turístico: 147 prazas.

Un total de 1.072 prazas de aloxamento, que constitúen una ampla e diversificada oferta para unha cidade coma Tui, que conta cunha poboación de arredor de 17.000 habitantes, o que permite comprobar o importante peso económico que o sector turístico posúe na dinámica socioeconómica da nosa localidade.

6. A condición fronteiriza de Tui é consubstancial á súa propia identidade. Tui, por evidentes razóns xeográficas e históricas, é o principal lugar de enlace da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Esta condición supuxo que os municipios de Tui e Valença creasen, o 10 de febreiro de 2012, a primeira eurocidade na fronteira hispano-lusa.

Ademais da historia, o desenvolvemento das infraestruturas reforzou o seu papel natural, fundamentalmente a ponte vella para ferrocarril e automóbiles e a ponte nova coa autoestrada. A comunicación tradicional pola Nacional 550 en Galicia, conectada á Nacional 13 en Portugal, foi complementada polo enlace entre a Autoestrada AP 9 e a A3 portuguesa. Está en proxecto completar esta comunicación co enlace entre a Autovía A55 e a A28 portuguesa (que na actualidade remata provisionalmente en Vilanova de Cerveira).

Tui e Valença son o enlace dunha realidade atlántica, que une o eixe galego A Coruña-Ferrol e Vigo-Tui co eixe portugués, non só do Norte de Portugal (Porto e Braga), senón tamén co conxunto do país. O impacto deste enlace é tan relevante que Tui-Valença supón o maior punto de comunicación en tránsito de vehículos entre España e Portugal, superando a comunicación Madrid-Lisboa ou o tráfico cara a Europa pola IP5, con enlace entre Vilar Formoso e Fuentes de Oñoro ou Badajoz-Caia, que nos últimos anos conta cun importante crecemento. Tan só estes puntos superan lixeiramente a Tui en tráfico de vehículos pesado, xa que é a saída das exportacións portuguesas a Europa.

(...) A cidade de Tui e, de xeito agregado, a eurocidade Valença-Tui conforman a capitalidade relacional e de servizos das dúas beiras do río Miño en toda a súa fronteira norte. O conxunto desta área ten unha marcada diversidade produtiva, cun importante peso industrial centrado nos polígonos de Areas e O Porriño, na parte galega, e Valença/Vilanova de Cerveira, no ámbito portugués.

Se Tui xa tiña unha posición de vantaxe nesta lóxica comarcal transfronteiriza, o desenvolvemento socioeconómico dos últimos anos multiplicou as súas posibilidades, tanto a nivel de servizos públicos como na actividade privada (comercio, entidades financeiras, restaurantes, cafetarías, combustible…), producíndose unha escolla natural en función de calidades e prezos, con independencia do lugar en que se sitúa a oferta.

7. Neste aspecto, a creación do centro comercial Outlet de Tui foi o maior avance e feito singular sucedido no comercio da fronteira na última década. Este centro comercial posúe unha alta capacidade de atracción de clientes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (entre Porto e A Coruña), o que supón que o número de visitantes a este outlet se aproxime aos dous millóns de persoas ao ano, e delas aproximadamente un 45 % son de nacionalidade portuguesa. Este centro comercial resulta, en consecuencia, un dos principais recursos de turismo de compras a nivel de Galicia, un sector do turismo que cada vez acada unha maior importancia nas dinámicas de movemento de persoas e, consecuentemente, de impulso ás dinámicas económicas do territorio.

Esta importante dinámica comercial ten unha directa consecuencia na xeración de emprego. O centro comercial Outlet de Tui supón 300 empregos directos e aproximadamente 800 empregos de carácter indirecto; contribúe, por tanto, de forma moi substancial a frear os datos de desemprego, especialmente xuvenil, en Tui e na súa contorna, que se sitúan en altos niveis».

Quinto. O informe emitido pola Axencia Turismo de Galicia acerca da declaración do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística, que tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo en data 2 de decembro de 2020, sinala:

«(...) En comparación co ano 2012, período en que entra en vigor a resolución que aproba a declaración do concello de Tui como zona de grande afluencia turística, a oferta de aloxamento incrementouse nun 66 % en volume de prazas. O dito crecemento concéntrase singularmente nos albergues e vivendas de uso turístico.

Tui pertence ao xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Segundo o INE, esta zona turística –excluíndo a cidade de Vigo– rexistrou en 2019 preto de 424 mil noites nos establecementos hoteleiros, cifra que supera nun 39 % o dato de 2012 –ano de referencia da primeira declaración–.

Este incremento afecta só o ámbito hoteleiro e, tendo en conta o incremento da oferta de aloxamento citada no punto anterior, infírese un crecemento global da demanda turística no concello de Tui nestes últimos sete anos –circunstancia que reforza un dos requisitos da declaración inicial–.

(...) Segundo os datos facilitados pola Oficina do Peregrino, o Camiño Portugués experimentou un crecemento sostido nestes últimos anos, pasando de rexistrar preto de 26 mil compostelas en 2012 a máis de 72 mil en 2019.

O incremento é constante e supón que esta ruta represente neste último ano o 21 % do total.

Tui, ademais, sitúase como o cuarto punto de saída máis importante do Camiño de Santiago por detrás de Sarria, S. Jean P. Port –ambos no Camiño Francés– e Porto –este último no portugués–.

(...) Tui ten unha importante riqueza patrimonial conformada por diferentes elementos entre, os cales destaca o seu centro histórico declarado ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico-artístico polo Decreto 2286/1967, do 19 de setembro.

(...) o concello de Tui conta con importantes recursos turísticos que supoñen elementos atractivos notables para a chegada de visitantes. Destacan entre eles o Parque Natural do Monte Aloia –cun centro de interpretación e importante oferta de ocio e natureza–, o río Miño e o seu contorno –ambos pertencentes á rede Natura 2000–, diversos eventos declarados festas de interese turístico, como as Festas de San Telmo ou o Descenso Internacional do Miño, e mesmo a integración na Rede de Xudarías de España, en 2019.

O carácter turístico de Tui recoñécese coa declaración de municipio turístico galego no ano 2000, concesión que no seu momento tivo en conta diversos factores de afluencia turística, oferta e presenza de notables recursos turísticos. Constátase que as condicións que xustificaron a dita declaración se consolidaron e mesmo se reforzaron a día de hoxe.

(...) Tui ten un innegable carácter transfronteirizo. Este elemento, xunto coa presenza dunha importante oferta, sitúan Tui nun centro de interese comercial e turístico en toda a bisbarra e mesmo no outro lado da raia, o que explica o volume importante de visitantes de Portugal que atravesan a fronteira para realizar compras e visitas de diversa índole.

A importancia da actividade turística e comercial no concello de Tui refórzase con algunhas das cifras de renda e emprego. Segundo o IGE, o número de afiliacións á Seguridade Social de persoas residentes é de 6.063 en decembro de 2019, cifra que supera nun 12,4 % o nivel de decembro de 2012. Boa parte delas –un 67 %– corresponde ao sector servizos –no cal se inclúe o turismo e o comercio–, segmento que rexistrou, ademais, un incremento do 16 % neste período de sete anos.

Á vista dos datos comentados anteriormente, acredítase que se manteñen, e incluso se reforzan nalgún ámbito concreto os feitos que motivaron no seu día a declaración do concello de Tui como zona de grande afluencia turística. Por este motivo, este centro entende que se acreditan as circunstancias da autorización inicial e, por tanto, emite informe favorable para a concesión da prórroga do concello de Tui como zona de grande afluencia turística.”

Vistos os precedentes citados, especialmente o Acordo do Pleno do Concello de Tui, adoptado por maioría absoluta, o informe da Axencia Turismo de Galicia, que constata o mantemento e mesmo o reforzo das condicións que motivaron, mediante a Resolución do 5 de setembro de 2012, a declaración do concello de Tui como zona de grande afluencia turística, e ao se manter o sentido dos informes que xustificaron a dita declaración no ano 2012,

RESOLVO:

1º. Aprobar a proposta motivada do Concello de Tui de declaración do municipio como zona de grande afluencia turística, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, con autorización da apertura durante todo o ano, incluídos domingos e festivos, desde as 10.00 ata as 24.00 horas.

2º. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á súa revogación, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no punto 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpor, se é o caso, recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas), ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníqueselles aos interesados.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2020

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación
P.D. (Orde do 30.4.2009, DOG nº 87)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Emprego e Innovación