Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50229

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listaxes definitivas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo I, categoría 2 (titulado superior médico e outras), do grupo II, categoría 2 (ATS e outras), e do grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras).

Mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 20 de novembro de 2020 (DOG núm. 235, do 25 de novembro), fixéronse públicas as listaxes provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo I, categoría 2 (titulado superior médico e outras), do grupo II, categoría 2 (ATS e outras), e do grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras), elaboradas en cumprimento do artigo 6.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O 10 de decembro de 2020 rematou o prazo establecido no punto terceiro da devandita resolución para presentar reclamacións.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente, constituída ao abeiro do artigo 4 do Decreto 37/2006, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 11 do decreto regulador, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listaxes definitivas para a contratación temporal de persoal laboral do grupo I, categoría 2 (médico e outras), do grupo II, categoría 2 (ATS e outras), e do grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras).

Segundo. As listaxes poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

As devanditas listaxes incluirán a seguinte información:

– Solicitantes admitidos/as na listaxe, con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

– Solicitantes excluídos/as, con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listaxes entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitaren a devolución das taxas por dereitos de inscrición, debendo consignar o nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, e copia cotexada do modelo de autoliquidación da taxa.

Quinto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública