Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50192

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo do 11 de decembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se modifica o Acordo do 22 de abril de 2014 polo que se aproba a creación da sede electrónica, do selo electrónico e do código seguro de verificación.

O Pleno do Consello de Contas, na súa reunión do día 11 de decembro de 2020, acordou modificar o Acordo do 22 de abril de 2014 polo que se aproba a creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación.

En cumprimento do disposto no acordo, ordeno a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo do 11 de decembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se modifica o Acordo do 22 de abril de 2014 polo que se aproba a creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación

O artigo primeiro.1 do Acordo do Pleno, do 22 de abril de 2014, polo que se aproba a creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación, define a sede electrónica como o enderezo electrónico dispoñible para os cidadáns a través das redes de telecomunicacións cuxa titularidade corresponde á institución no exercicio das súas competencias.

O artigo primeiro.3 do dito acordo establece que a sede electrónica será accesible no enderezo https://sede.consellodecontas.es

No desenvolvemento do Plan de administración electrónica do Consello de Contas 2019-2022 asinouse un contrato administrativo para a prestación do servizo de Plataforma integral de administración electrónica na modalidade de software as a service (SAAS).

O servizo de plataforma integral ofrece un módulo para a creación dunha sede electrónica que será o novo punto de acceso único da cidadanía e ás entidades cara a todos os servizos do Consello de Contas.

O aloxamento dos servizos de administración electrónica baixo un novo dominio exixe regular e facer pública o novo enderezo electrónico que pasa a ser https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal

En atención ao exposto e no exercicio da competencia que lle atribúe o artigo 7.3.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, o Pleno adoptou o seguinte

ACORDO:

Artigo único. Introdúcense as seguintes modificacións no Acordo do Pleno, do 22 de abril de 2014, polo que se aproba a creación da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, do selo electrónico e do código seguro de verificación:

Un. Modifícase o artigo primeiro.3, que queda redactado como segue:

«3. A sede electrónica do Consello de Contas será accesible no enderezo https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal; en todo caso, existirá un enlace á sede na páxina web principal do Consello de Contas (http://www.ccontasgalicia.es)».

Dous. Modifícase o artigo noveno.3.c), que queda redactado como segue:

«c) A verificación do certificado poderá realizarse a través do servizo VALIDE da plataforma de validación de certificados da Administración xeral do Estado, que estará accesible desde a sede electrónica do Consello de Contas (https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal)».

Tres. Modifícase o artigo décimo.4, que queda redactado como segue:

«4. A integridade dun documento xurídico, pertencente a un procedemento automatizado, emitido polo Consello de Contas de Galicia poderá verificarse mediante o seu CSV accedendo á sede electrónica do Consello de Contas (https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal)».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.