Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 259 Luns, 28 de decembro de 2020 Páx. 50611

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Gondulfes, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gondulfes e Marbán, e do monte veciñal en man común de Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC Comunal de Gondulfes, pertencente á CMVMC de Gondulfes e Marbán, e o MVMC de Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós, resultan os seguintes.

Feitos:

Primeiro. Con data do 4 de maio de 2016 o presidente da CMVMC de Feilas presentou un escrito na oficina agraria comarcal de Xinzo de Limia (nº 2461/rx 1211563) co fin de rexistrar un acordo de deslindamento entre as CMVMC de Gondulfes e Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós.

Entre outra documentación, achegou os acordos das asembleas das tres comunidades, unha acta de conciliación e un informe deslindamento con planos.

Segundo. O 22 de agosto de 2019 a CMVMC interesada presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1748390) un novo escrito co que incorporou a seguinte documentación: informe de deslindamento, acordos da asemblea, elevación ao xurado de paz, acta de acordo sobre o terreo e arquivos gráficos.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 12 de decembro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado ten como inicio o punto 1 no que estreman os dous MVMC co MVMC Sobral ou Comunal de Queirugás. Este punto de confluencia, polo tanto, deberá establecerse mediante un novo procedemento de deslindamento, que inclúa o acordo desta CMVMC. Non obstante, este punto localízase dentro do Concello de Castrelo do Val, sen afectar o punto onde estreman os tres montes segundo os acordos de clasificación. Desde este punto, cara ao norte, o perímetro estremeiro do MVMC de Feilas e o MVMC Comunal de Gondulfes vén definido pola liña poligonal ata o punto 5 seguindo a beira oeste da pista forestal. A partir deste punto discorre seguindo, aproximadamente, polo punto medio da área devasa ata o punto 23. Desde aquí segue cara ao norte pola beira noroeste dunha pista forestal ata chegar ao punto 69 onde estes MVMC estreman co MVMC Comunal de Monteveloso. Este punto foi acordado polas tres CMVMC afectadas segundo consta no acto de conciliación celebrado no Xulgado de Paz de Castrelo do Val o 4 de xullo de 2019.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Comunal de Gondulfes, pertencente á CMVMC de Gondulfes e Marbán, e o MVMC de Feilas, nos concellos de Castrelo do Val e Vilardevós, de acordo co informe do Servizo de Montes do 12 de decembro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 7 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense