Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 259 Luns, 28 de decembro de 2020 Páx. 50608

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 2 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Portela e Caneira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trasverea, do monte veciñal en man común Portela de Mirós, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mirós, e do monte veciñal en man común de Feilas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Feilas, nos concellos de Riós e Vilardevós.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC Portela e Caneira, pertencente á CMVMC de Trasverea, o MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, e o MVMC de Feilas, pertencente á CMVMC de Feilas, nos concellos de Riós e Vilardevós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 22 de agosto de 2019 a CMVMC de Feilas presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1752457) en que comunicaba a realización dun deslindamento entre os MVMC Portela e Caneira e Portela de Mirós, pertencentes ao concello de Riós, e o MVMC de Feilas, no concello de Vilardevós.

Na mesma data, a CMVMC de Feilas presentou outro escrito relativo a un acto de deslindamento (nº 2019/1752675).

Coa solicitude achegou a documentación seguinte: memoria descritiva, acordos das asembleas, acto conciliatorio, acta de acordo sobre o terreo e arquivos gráficos.

Segundo. Os informes do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 28 de novembro e 9 de decembro de 2019 consideran que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado ten como inicio o punto 1 acordado pola CMVMC de Monteveloso, pola CMVMC de Feilas e pola CMVMC de Trasverea, segundo consta na acta de conciliación do 15 de xullo de 2019 levantada no xulgado de paz de Vilardevós. Desde este punto, cara ao sur, o perímetro estremeiro do MVMC de Feilas e o MVMC Portela e Caneira vén definido por unha liña poligonal que segue a dirección dunha área devasa ata o punto 7 situado no inicio da área devasa que delimita os montes de Mirós e Trasverea.

No relativo á segunda solicitude, o perímetro estremeiro acordado vén definido pola liña recta que une un punto acordado con outro punto localizado no medio dunha área devasa existente, situado ao oeste do anterior.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Portela e Caneira, pertencente á CMVMC de Trasverea, o MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, e o MVMC de Feilas, pertencente á CMVMC de Feilas, nos concellos de Riós e Vilardevós, de acordo cos informes do Servizo de Montes do 28 de novembro de 2019 e do 9 de decembro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense