Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 4 de xaneiro de 2021 Páx. 7

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 22 de decembro de 2020 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2017 (DOG do 8 de febreiro), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do Consello Social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o ou a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do Consello Social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con data do 15 de decembro de 2020 o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica á Consellería de Cultura, Educación e Universidade que o Concello de Santiago de Compostela acordou aprobar a designación de:

Gumersindo Guinarte Cabada, como representante do Concello de Santiago de Compostela no Consello Social da antedita universidade.

De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro.

A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Gumersindo Guinarte Cabada como representante do Concello de Santiago de Compostela no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade