Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 8 de xaneiro de 2021 Páx. 599

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se convocan as subvencións para a adquisición de vivenda xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI435A e VI400A).

Feitos:

Primeiro. A Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 19 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 23, do 4 de febreiro de 2020, convocou, entre outras, as subvencións para a adquisición de vivienda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (VI435A).

Segundo. O ordinal décimo oitavo, número 2, da Resolución do 12 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 establece que para os efectos de adoptar as correspondentes resolucións de concesión das axudas se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e que para tal fin, se considerará data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Terceiro. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito para a anualidade 2020 tiña a data de entrada en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o día 27.10.2020 ás 12.14.00.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O ordinal décimo oitavo, número 2, da Resolución do 12 de decembro de 2018 establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Segunda. Os artigos 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen que cando o procedemento administrativo establecido non leve consigo o esgotamento do crédito nun único acto de concesión senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, no DOG e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento, con data do 27.10.2020 ás 12.14.00 horas, do crédito autorizado para a anualidade 2020 destinado a sufragar as subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo