Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 8 de xaneiro de 2021 Páx. 542

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2020 pola que se autoriza o plan de pesca de patexo (Polybius henslowii), patulate (Liocarcinus depurator) e conguito (Liocarcinus corrugatus) para o ano 2021 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Feitos.

Anualmente estanse a autorizar plans de pesca de patexo, patulate e conguito con fins non comerciais, para seren usados como engado na pesca coas artes de anzol.

Estes plans elabóranse para distintos portos e neles participan embarcacións con artes de liña ou cordel, palangrillo e/ou palangre de fondo. Cómpre pois, para conseguir unha xestión máis áxil, elaborar un plan único para toda a frota que faena con estas artes.

Recíbese informe técnico sobre o seguimento do plan de patexo, así como recomendacións para o próximo plan de pesca.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

Dentro do capítulo IV, sección primeira, do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, veñen reguladas as artes de nasa para nécora e camarón (subsección primeira, artigos 126, 127, 128 e 129) e a de nasa para polbo (subsección cuarta, artigos 138, 139, 140 e 141).

Por outra banda, a disposición adicional primeira do devandito decreto establece o seguinte: «Autorízanse ás embarcacións que dispoñan no seu permiso de explotación de aparellos de anzol simultanear o uso destes co emprego de nasas para patexo (Polybius henslowi) e nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) e cercos para bolo, co fin de capturar o engado vivo.».

Os informes técnicos conclúen que non se atopa inconveniente biolóxico, sempre que o patexo, o patulate ou o conguito se utilicen no abastecemento das embarcacións na procura de engado vivo para pescar outras especies, e non se utilicen con fins comerciais, e devolver ao mar as especies comerciais, doutras especies que de forma incidental ou fortuíta se atopan dentro das nasas.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Aprobar o plan de pesca de patexo, patulate e conguito para o ano 2021, para as embarcacións da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes termos e condicións:

1. Ámbito: o ámbito de aplicación deste plan serán as augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e para as embarcacións con artes menores que teñan porto base nesta comunidade.

2. Participantes: unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan autorizado faenar coas artes de liña ou cordel ou palangrillo no seu permiso de explotación e palangre de fondo na súa licenza de pesca marítima ou no seu permiso de explotación. Tamén poderán participar aquelas embarcacións que teñan autorizado un cambio temporal para algunha das mencionadas modalidades de aparellos ou artes, sempre e cando soliciten expresamente a súa inclusión ao presente plan.

3. Arte: a arte que se usará será a nasa para nécora e camarón, nas condicións establecidas nos artigos 126 a 129 segundo o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro. O número máximo de nasas por embarcación será de dez no caso de liña ou cordel, de vinte no caso do palangrillo e de corenta no caso do palangre de fondo.

As nasas de nécora e camarón deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente, unha vez cumprido o horario de traballo.

4. Especies: as especies obxecto da captura serán o patexo (Polybius henslowii), o patulate (Liocarcinus depurator) e o conguito (Liocarcinus corrugatus) con fins non comerciais para o seu uso como engado, e queda expresamente prohibida a captura de calquera outra especie mariña. Os individuos que non sexan obxecto desta autorización deberán ser devoltos ao mar inmediatamente.

5. Época autorizada: a época autorizada abranguerá, con carácter xeral, desde o día 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021, sen prexuízo das datas de inicio solicitadas polas respectivas confrarías ou entidades asociativas do sector.

6. Punto de control: o punto de control será a zona de pesca.

7. Control e seguimento da actividade pesqueira.

A) Despachos telemáticos: as embarcacións que faenen acolléndose ao Plan deberán despachar na parte de adhesión a plan de explotación: [«LIÑA OU CORDEL (02A); PALANGRILLO (14A); PALANGRE DE FONDO (03A) PLAN PATEXO, PATULATE E CONGUITO 2021 (C.A. GALICIA)»], segundo corresponda.

Tendo en conta o disposto na disposición adicional primeira do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, autorízase simultanear o uso destas artes co emprego de nasas co fin de capturar o engado vivo.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».

B) Remisión de datos de capturas: con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción do patexo, patulate ou conguito, utilizando como modelo o que como anexo se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal.

C) Mostraxes: durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

8. Extracción e comercialización: o exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

9. Infraccións e sancións: o incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file