Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 8 de xaneiro de 2021 Páx. 547

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 27 de outubro de 2020, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para novos emprendedores e convocar para 2021 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406F).

A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e da acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.01: promoción do espírito empresarial, en particular facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas, tamén mediante viveiros de empresas.

Obxectivo específico 03.01.02: creación de novas empresas e viveiros de empresas, en particular mellorando o acceso ao financiamento e a servizos de apoio avanzados.

Actuación 3.1.2.1: incentivos aos investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha e outros gastos iniciais para novas persoas emprendedoras ou empresas de recente creación.

Campo de intervención 067: desenvolvemento empresarial das peme, apoio ao espírito de empresa e á incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 50: servizos a persoas emprendedoras e apoio financeiro para investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha para novos emprendedores ou empresas de recente creación.

Segundo. Tramitación

Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

Inicio do prazo de presentación de solicitudes

Fin do prazo de presentación de solicitudes

O día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

45 días naturais

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nestas convocatorias aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Código do proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

2016 00006

06.A1.741A.770.4

500.000,00 €

4.500.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e, transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución e xustificación dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de xullo de 2022.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2021, para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 20201 ou anterior, e como máis tarde o 31 de xullo de 2022 no resto dos proxectos.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) Galicia 2014-2020

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega. Segundo a disposición adicional segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no marco da súa función de promoción de creación de empresas prevista no artigo 4.b) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, será o instrumento esencial da consellería competente en economía para desenvolver e aplicar as medidas especificadas para estimular o emprendemento e a actividade emprendedora, e terá a consideración de entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento.

A necesidade de que as administracións públicas implanten medidas concretas para fomentar o emprendemento e apoiar o emprendedor como axente dinamizador da economía en Galicia vén dada polo alto grao de representatividade das pequenas e medianas empresas, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego.

Para unha xestión máis eficaz e eficiente dos apoios públicos, que cree contornas favorables para promover e consolidar a actividade emprendedora, un dos retos máis salientables do Goberno galego é o crecemento empresarial, para o que se debe facilitar unha contorna laboral máis estable e que permita o desenvolvemento dunha economía máis equilibrada. O apoio aos emprendedores é fundamental para que poidan actuar como catalizadores da repunta da nosa economía.

A Axenda de competitividade industrial Galicia: Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que desenvolverá a Administración galega entre os anos 2015 e 2020. En particular, o enfoque estratéxico 2.3 prevé apoiar especialmente o emprendemento industrial e o enfoque estratéxico 3.5, de sustentabilidade, busca favorecer a adopción de prácticas sustentables e comprometidas co ambiente e coa sociedade en proxectos de emprendemento. As axudas establecidas nestas bases recollen estes principios e están aliñadas coas estratexias galegas de especialización intelixente (RIS3), de economía circular, de cambio climático e enerxía e de economía social.

Co obxectivo xeral de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, especialmente tras a negativa influencia socioeconómica da crise do coronavirus, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores, o Igape desenvolve este sistema de apoio a proxectos de ata 400.000 € de axuda. Con este programa de axudas preténdese favorecer tamén o reemprendemento e a cooperación interempresarial nas cuestións relacionadas coa xestión, distribución e loxística dos produtos e servizos, tanto na oferta coma na demanda.

Considerando a alta intensidade da axuda que se concede e na procura da eficiencia da liña de axudas, o 80 % da base subvencionable, estímase procedente exixir un mínimo de execución aos proxectos aprobados, que se fixa na metade do seu importe. En efecto, ao se concederen as axudas polo sistema de concorrencia competitiva, a concesión da axuda a un proxecto que finalmente non se executa prexudica os solicitantes que queden fóra da convocatoria por esgotamento do crédito, xa que o importe comprometido en axudas que finalmente non chegue a pagarse non poderá recuperarse a posteriori para esta mesma convocatoria. Deste modo, non se admitirán modificacións para reducir a base subvencionable por baixo dese límite do 50 %, que será tamén o que se terá en conta para determinar o incumprimento total e a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

A convocatoria desta axuda será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Serán subvencionables os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que na data de presentación da solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de inicio da súa actividade (primeira alta no IAE). Serán subvencionables tamén os proxectos de reemprendemento, entendendo como tal exclusivamente os autónomos que estivesen de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior á dita baixa.

2. Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser técnica, económica e financeiramente viables.

b) Ser proxectos completos, é dicir, a realización dos gastos e investimentos subvencionables debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación. Non serán subvencionables as fases de proxectos que non sexan completas nestes termos.

c) Deben desenvolverse en Galicia.

d) A axuda solicitada debe supor un efecto incentivador para o proxecto presentado: de acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo do proxecto. Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinados entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nestas bases encádranse no artigo 22 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

4. A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular: obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.01, obxectivo específico 03.01.02, actuación 3.1.2.1, campo de intervención 067 e liña de actuación 50, e está sometida ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001 - Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002 - Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de produtividade C005 - Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

– Indicador de resultado R030A - Taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no cuarto ano de vida.

– Indicador de resultado R030B - Taxa de actividade emprendedora.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos e gastos. Poderán ser compatibles con préstamos que conten con axuda pública sempre que esta non estea financiada con fondos da UE e que a contía total das axudas concorrentes non supere o 100 % dos investimentos e gastos subvencionables do proxecto, ou o límite que resulte de aplicar o establecido na normativa de axudas de Estado aplicable ás axudas concorrentes. Tamén poderán ser compatibles con bonificacións fiscais e de cotas da Seguridade Social.

Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberáselle comunicar ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase do solicitante unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda, segundo se establece no artigo 1.

Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia, sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.

No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tivesen actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento.

No caso de entidades sen personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

2. No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física. Se a axuda se concedese, o/a beneficiario/a deberá solicitar o cambio de titularidade do expediente a favor da entidade creada xuntando os documentos da súa constitución, que deberá axustarse aos requirimentos destas bases, e no documento de constitución deberá constar expresamente a asunción dos dereitos e obrigas derivados da concesión da axuda por parte da nova entidade.

3. Nos supostos de sucesión de empresa, considerarase actividade emprendedora a realización da actividade empresarial por parte da persoa ou entidade sucesora inter vivos ou mortis causa, sempre que cumpra os requisitos establecidos nestas bases para ser considerada persoa emprendedora. Nestes casos, os 42 meses de antigüidade contaranse desde a asunción efectiva da actividade empresarial por parte da persoa ou entidade sucesora, o que deberá acreditar documentalmente o/a solicitante.

4. Establécense as seguintes excepcións:

a) Establecidas polo artigo 4 da Lei 9/2013 de emprendemento de Galicia:

Non se considerarán persoas emprendedoras:

i) As persoas físicas con relación a aquelas actividades que se leven a cabo no ámbito de dirección e organización doutra persoa física ou xurídica, os denominados traballadores/as autónomos/as dependentes previstos no capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, reguladora do Estatuto do autónomo.

ii) As persoas físicas cuxa actividade económica se leva a cabo a través dunha sociedade patrimonial.

iii) As persoas físicas cuxa actividade se limita pura e simplemente ao mero desempeño do cargo de conselleiro/a ou membro dos órganos de administración nas empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

iv) As persoas físicas ou as persoas xurídicas en que algún/algunha dos/das seus/súas socios/as se encontre inhabilitado/a, en España ou no estranxeiro, como consecuencia dun procedemento concursal, se encontre procesado/a ou, tratándose do procedemento a que se refire o título III do libro IV da Lei de axuizamento criminal, se teña ditado auto de apertura do xuízo oral, ou teña antecedentes penais, por delitos de falsidade contra a Facenda pública e contra a Seguridade Social, de infidelidade na custodia de documentos e violación de segredos, de branqueo de capitais, de receptación e outras condutas afíns, de malversación de bens públicos, contra a propiedade ou que estea inhabilitado/a ou suspendido/a, penal ou administrativamente, para exercer cargos públicos ou de administración ou dirección de entidades financeiras.

v) No caso de sociedades unipersoais ou persoas autónomas, non poderán ser consideradas emprendedoras as persoas que teñan a condición de socio ou socia único/a noutra empresa unipersoal ou que leven dadas de alta no réxime de persoas autónomas máis de corenta e dous meses.

vi) As persoas físicas ou as persoas xurídicas mentres desenvolvan actividades relacionadas coa actividade bancaria, seguros e fondos de pensións, e aquelas que afecten a seguridade nacional.

b) Establecidas polo Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

Non poderán ser beneficiarias destas axudas:

i) As pequenas empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da pesca e da acuicultura, da produción agrícola primaria, do aceiro, do carbón, da construción naval, das fibras sintéticas, do transporte, da produción e distribución de enerxía e das infraestruturas enerxéticas.

ii) Non se concederán axudas a empresas que, en 31 de decembro de 2019, estivesen en crise, de acordo coa definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño. Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

iii) Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

iv) Non poderán ser beneficiarias as pequenas empresas cotizadas que xa distribuísen beneficios ou que procedan dunha operación de concentración segundo se define no artigo 7 da Lei 15/2007, de defensa da competencia.

c) Establecidas pola Lei 9/2007, de subvencións de Galicia:

Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

5. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme a este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de pequena empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) 651/2014, e que, en 31 de decembro de 2019, non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do mesmo texto normativo para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos e gastos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto de creación ou ampliación da pequena empresa e que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, en particular:

a) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se achegan como anexo IV, levadas a cabo en instalacións ou terreos propiedade do solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso e gozo que permita a realización de obras irrevogable durante 5 anos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de que o acordo ou contrato que confire ese dereito sexa oneroso, só poderá formalizarse con entidades non vinculadas ao solicitante.

b) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

c) Outros investimentos en activos fixos materiais, incluído mobiliario. En ningún caso se subvencionarán os vehículos de transporte externo que non teñan a consideración de vehículo especial.

d) Activos inmateriais: activos que non teñen unha materialización física ou financeira, como patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual e páxinas web.

e) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

– Que os activos sexan adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador

– Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e

– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, aspectos que se acreditarán mediante certificación de taxador independente.

Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións, non será preciso achegar as tres ofertas exixidas no número 7 deste mesmo artigo.

Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

f) Gastos de persoal de nova contratación.

g) Gastos de alugueiro de locais. Non poderán imputarse custos por este concepto no caso de que a actividade se desenvolva na vivenda da persoa emprendedora.

h) Gastos de contratacións externas de servizos específicos: software de pagamento por uso, deseño gráfico, identidade corporativa, servizos de asesoramento para a posta en marcha do proxecto empresarial.

i) Os custos do informe de auditor de contas inscrito no ROAC requirido no artigo 17.4.b).2º, ata un máximo de 1.000 €.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade polo beneficiario, e admitirase expresamente, para estes efectos, a obra civil en terreos sobre os cales exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, e neste momento deberá constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Os investimentos e gastos terán que realizarse dentro do prazo de execución do proxecto, que abrangue desde a presentación da solicitude de axuda ata a data límite que conste na resolución de concesión. Tamén se considerarán como gasto realizado en prazo os ingresos á conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de execución. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada deberá presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

4. Dos gastos de aboamento periódico, como os de alugueiro ou persoal, consideraranse subvencionables só os períodos de facturación completos que queden comprendidos dentro do prazo de execución do proxecto.

5. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante 5 anos desde a data límite de execución do proxecto establecida na resolución de concesión, e o resto do investimento, durante 3 anos desde a dita data.

6. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

7. Cando o importe do custo subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €, no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, e importe igual ou superior a 40.000 €, no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.

As ofertas ou orzamentos de provedores deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados (poderanse incorporar anexos coa documentación comercial dos elementos ou as súas especificacións técnicas).

8. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda, xuros e gastos financeiros, e taxas.

9. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e esta vinculación entenderase nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, agás o suposto de adquisición de establecemento previsto no punto 1.e) deste mesmo artigo 5. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

10. En ningún caso o custo dos investimentos e gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. A subvención a fondo perdido será do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 400.000 €.

2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias do artigo 1 serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, ata un máximo de 100 puntos:

a) Compromiso de creación de emprego. Outorgaranse 10 puntos por cada posto de traballo con contrato laboral e afiliación ao réxime xeral da Seguridade Social que se comprometa crear.

A creación de emprego considerarase en unidades UTA. Para estes efectos, considérase unha unidade de traballo anual (UTA) nos termos previstos no anexo I do Regulamento 651/2014, e equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA. No caso de creación de emprego a tempo parcial, acumularanse as fraccións ata acadar a unidade, non se computarán creacións de emprego por fraccións de UTA.

b) Investimento. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos que inclúan investimentos en activos fixos materiais superiores a 50.000 euros e 20 puntos aos proxectos que inclúan investimentos en activos fixos materiais superiores a 100.000 euros

c) Innovación. Outorgaranse 20 puntos aos proxectos ou empresas innovadores. Consideraranse como tales os que obtivesen a cualificación como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) por parte do órgano competente da Xunta de Galicia, os proxectos seleccionados para participar nas convocatorias das incubadoras e aceleradoras promovidas pola Xunta de Galicia ou por outras entidades públicas ou privadas, as empresas inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación, as empresas que dispoñan da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente, ou as empresas que obtivesen a marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

d) O sector de actividade en que se desenvolve o proxecto. Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselles 10 puntos. No caso de que o proxecto se desenvolva en distintos sectores, terase en conta o sector da actividade principal da empresa segundo a facturación do último exercicio ou segundo as estimacións se é unha empresa nova sen actividade previa.

e) Economía verde e circular. Outorgaranse ata 10 puntos pola aplicación de medidas concretas, efectivas e cuantificables de redución da pegada de carbono no proceso produtivo, nos aprovisionamentos, na distribución, no consumo enerxético, de auga ou outros insumos, e pola redución e valorización dos residuos.

f) Formación. Outorgaranse ata 10 puntos no caso de que a persoa emprendedora, sexa autónoma ou participante nunha entidade, teña realizado cursos ou programas formativos de xestión empresarial específicos para emprendemento organizados por institucións ou entidades públicas. De estaren organizados por entidades privadas, a acreditación deberá vir acompañada da descrición do contido formativo impartido ou indicarase o URL onde se poida consultar na internet.

g) Ás entidades de economía social outorgaránselle 10 puntos. Para os efectos destas bases, consideraranse empresas de economía social as cooperativas, sociedades laborais, sociedades agrarias de transformación, empresas de inserción, centros especiais de emprego, fundacións e asociacións.

h) Dispor da Marca galega de excelencia en igualdade valorarase con 5 puntos.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Os interesados poderán presentar máis dunha solicitude de axuda sempre que sexa para proxectos diferentes. Non obstante, no caso de que todas elas fosen concedidas, o importe total de axuda para cada interesado non poderá superar o máximo de axuda establecido no artigo 6.1 destas bases.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No dito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de lle comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que, en 31 de decembro de 2019, non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de pequena empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos, segundo o establecido no artigo 16.b) das bases reguladoras.

j) Que ten implantado un plan de igualdade, se é o caso.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, vinculación que se entenderá nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o/a asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do/da solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma
@firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para todas as solicitudes:

– Memoria descritiva do proxecto, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Nesta memoria deberán estar explicados con detalle, como mínimo, os antecedentes e experiencia da/das persoa/s promotora/s, a xénese da idea, xustificación da necesidade dos investimentos e gastos propostos para a realización do proxecto, descrición do proceso produtivo de bens ou servizos, plan básico de negocio, criterios para a determinación dos ingresos estimados, financiamento do proxecto con indicación da orixe dos fondos, e descrición polo miúdo das circunstancias do proxecto que se vai valorar segundo o baremo do artigo 6 destas bases.

– Informe de vida laboral do/da autónomo/a e de cada un/unha dos/das participantes socios/as das entidades emprendedoras. No caso de asociacións e fundacións, dos/das asinantes da acta ou escritura fundacional e dos/das compoñentes da xunta directiva.

– As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 5.7 destas bases reguladoras.

– No caso de que se solicite a aplicación dos criterios c), f) e i) do artigo 6.2 destas bases reguladoras na valoración da solicitude, acreditación documental segundo corresponda do cumprimento das condicións requiridas.

– Para os solicitantes que xa teñan actividade económica no momento da solicitude da axuda e aleguen creación de emprego avaliable, informe de vida laboral na data da solicitude de todas as contas de cotización.

b) Para as entidades que non estean inscritas no Rexistro Mercantil, documento de constitución, inscrito no rexistro competente se é necesario, acreditación da autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados, de ser o caso, e acreditación documental da representación legal da persoa que actúe en nome da entidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Informes de vida laboral necesarios para a comprobación do mantemento e da creación do emprego.

f) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1.b) destas bases.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

i) Certificado da AEAT de altas e baixas no imposto de actividades económicas (IAE).

j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

l) Certificado de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

m) Certificación do órgano competente da Xunta de Galicia da obtención da cualificación do proxecto como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 11. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, composto por tres membros de entre o persoal técnico da Área de Competitividade: o/a subdirector/a da oficina Galicia Emprende, que actuará como presidente/a, un secretario/a con voz e voto e un/unha vogal. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Non obstante, cando os contidos da solicitude sexan tan incompletos que non permitan unha análise mínima do proxecto para o cal se solicita apoio, o Igape arquivará directamente o expediente sen requirimento de emenda. A estes efectos, considérase información mínima o anexo I de solicitude de axuda debidamente cuberto e asinado e a memoria descritiva do proxecto requirida no artigo 8.1.a).

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6.2 destas bases.

No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a, b e c do artigo 6.2, por esa orde. No caso de persistir o empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) 1303/2013, decidirase a favor dos proxectos promovidos por solicitantes que teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude. E no caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución

1. A Área de Competitividade ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, http://www. dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucionsdefinitivas).

As notificacións das resolucións e dos actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións. Poderanse solicitar modificacións do proxecto sempre que non supoñan a redución da base subvencionable por baixo do 50 % da aprobada na resolución de concesión.

2. Non poderán solicitarse modificacións que supoñan un incremento da base subvencionable aprobada.

3. Non poderán solicitarse ampliacións do prazo de execución que figure na resolución de concesión.

4. Se os cambios nas condicións do proxecto solicitados supoñen unha modificación da puntuación outorgada de xeito que non acade a puntuación de corte para obter subvención determinada para esta convocatoria, procederá o inicio dun expediente de incumprimento total de condicións, que poderá finalizar coa revogación da axuda concedida.

5. A solicitude de modificación deberá presentarse antes do vencemento do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, e será denegada calquera solicitude presentada fóra deste prazo.

6. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

a) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade, que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

b) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter a actividade, os investimentos e, de ser o caso, o emprego durante 3 anos desde a data límite de execución do proxecto establecida na resolución de concesión. No caso de investimento en bens inscritibles nun rexistro público, a obriga de mantemento será de 5 anos desde a dita data. No caso de reforma en inmobles sobre os cales se ten un dereito de uso e gozo, deberá manterse ata transcorrido o período de 5 anos desde a data límite de execución do proxecto establecida na resolución de concesión.

c) Crear o emprego comprometido na solicitude de axuda e mantelo durante, polo menos, 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, así como manter o emprego existente na data da solicitude.

d) As entidades deberán manter unha composición de capital de acordo co establecido no artigo 4.1 durante o prazo de execución do proxecto e os 3 anos seguintes ao remate do dito prazo.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas; ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e o aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

f) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes establecidas no artigo 6.1 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder, segundo o establecido no anexo VI a estas bases.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non poderse realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

k) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no artigo 16.b).

l) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática
https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato errado ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

3. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da dita Lei 9/2007.

4. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

No caso de construción, mellora ou rehabilitación de bens inmobles en propiedade, requirirase escritura pública, que terá que facer constancia de que o ben se destinará ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida. Estes aspectos deben inscribirse no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas co contido mínimo establecido no anexo V. No caso de que a xustificación da execución do proxecto comprenda máis de 20 facturas, a xustificación deberá facerse obrigatoriamente con este informe de auditor, cuxo custo ata 1.000 euros constitúe concepto subvencionable, segundo establece o artigo 5.1.k).

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos cales conste o cambio empregado.

c) No caso de gastos de persoal contratado, nóminas e Seguridade Social (RLC e RNT) do persoal e xustificantes bancarios do seu pagamento; modelo 111 de declaración trimestral de retencións do IRPF e anualmente, cando corresponda, modelo 190 de retencións e ingresos á conta do IRPF.

d) Memoria de execución do proxecto, que deberá incluír unha epígrafe específica sobre as medidas adoptadas en economía verde e circular no caso de que se valorase esta epígrafe na solicitude.

e) No caso de colaboracións externas, evidencias do traballo desenvolvido e informe do provedor de servizos específico do traballo realizado.

f) No caso de activos inmateriais que superen os 25.000 €, deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito en que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de intereses, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados polo beneficiario e o efectivo desenvolvemento do proxecto de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución. Este informe poderá solicitarse por parte do Igape en proxectos que non cumpran esta condición, cando a súa especial dificultade técnica o aconselle.

g) Licenza municipal de obra no caso de proxectos subvencionados que inclúan obra civil. No caso de obras acollidas ao sistema de comunicación previa segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (en diante, Lei 9/2013), deberá achegarse a dita comunicación xunto cun certificado emitido polo Concello en que se indique que a dita comunicación é eficaz.

h) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento prevista no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no caso de proxectos de creación dun novo establecemento.

i) A copia –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.h) destas bases.

j) O certificado do secretario do Consello de Administración ou persoa con poder suficiente que indique a composición do capital e as súas modificacións durante o período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, e achegar, se é o caso, as escrituras correspondentes, para os efectos de acreditar que a composición accionarial do beneficiario durante o período de execución do proxecto se axustou ao disposto no artigo 4 destas bases.

k) No caso de creación de emprego por conta allea, copia dos contratos de traballo formalizados e rexistrados no SEPE e certificados de vida laboral da empresa desde o día da solicitude de axuda ata a data límite de execución do proxecto aprobado.

l) No caso da adquisición de activos de segunda man ou pertencentes a un establecemento segundo o establecido no artigo 5.1.g), debe achegar:

1) Identificación da titularidade do propietario do establecemento a quen se lle adquiren os bens e declaración de se existe vinculación co/coa solicitante.

2) Informe de taxación de técnico/a independente sobre os activos.

3) Certificación do/da propietario/a do establecemento sobre se os activos foron obxecto dalgunha axuda pública.

m) No caso de proxecto que se localice en inmoble sobre o cal se ten un dereito de uso e gozo, contrato a nome do/da titular do expediente no cal se faga constar que se destinará ao fin concreto para o cal se solicitou a subvención. No caso de obra civil, a duración do contrato debe ser dun mínimo de 5 anos desde a data de finalización do proxecto; nos casos restantes, a duración do contrato debe ser dun mínimo de 3 anos desde a data de finalización do proxecto.

n) Acreditación de exención do IVE, de ser o caso.

ñ) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido nos artigos 5.7 e 8.1.a) das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación achegada.

5. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 16.g): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

6. O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 8 para a presentación da documentación complementaria á solicitude. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegalas xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

10. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que poidan dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 15 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto, e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

3. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o custo subvencionable ou o emprego queden por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou superen os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 19.4.

g) Non lle comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non dar publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.h) destas bases.

i) Non lle comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 17.12.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos custos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

k) No caso de non crear o emprego comprometido na solicitude, rebaremarase o proxecto. No caso de que a puntuación final quede por debaixo da puntuación de corte, significará a perda total da subvención concedida.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deben reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos e do emprego, nos casos en que se aplique o artigo 5.7 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indican a continuación:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.h) destas bases, ou o plan de igualdade, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

c) Non manter o emprego comprometido na solicitude durante o período establecido suporá o reintegro dun 4 % da subvención concedida por cada ano en que se incumprise este requisito.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o Igape informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013.

3. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

1. Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto :

a) No Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006.

d) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os custos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

2. En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Sectores prioritarios

Axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Co fin de reforzar o aliñamento dos proxectos seleccionados cos sectores prioritarios da Axenda de competitividade Galicia Industria 4.0 e coa RIS3 Galicia, nos proxectos dos seguintes sectores, nos criterios de avaliación e selección de proxectos, o criterio de sector de actividade puntuarase con 10 puntos.

1. Sector de automoción, agás talleres de reparación de vehículos.

2. Industria téxtil/moda (confección e complementos), agás o que se refira ao sector das fibras sintéticas, tal como o define o anexo II1 das Directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4 de marzo de 2006.

3. Industria aeronáutica/aeroespacial e auxiliar.

4. Sector químico.

5. Biotecnoloxía, biomecánica, novos materiais, ecoindustria.

6. Fabricación de equipamentos ambientais.

7. Fabricación de equipamentos e sistemas para instalacións de enerxías renovables.

8. Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

9. Servizos e desenvolvemento de software.

10. Industria da pedra natural.

11. Industria da saúde. Unicamente: fabricantes de produtos focalizados na nutrición, de equipamentos e instrumental médicos, de produtos farmacéuticos, prestadores de servizos sociosanitarios e prestadores de servizos especializados.

12. Industrias creativas.

ANEXO IV

Criterios de módulos de custos subvencionables máximos

Axudas do Igape para novos emprendedores cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Módulos de custo máximo aplicables:

1. Obra civil (construcións e rehabilitacións).

– Espazos industriais e loxísticos:

1º. Naves: 252 €/m2.

2º. Oficinas: 303 €/m2.

3º. Naves con instalacións frigoríficas: 315 €/m2.

Reforma ou rehabilitación: aplícase o 60 % dos módulos anteriores.

– Sector do turismo: modernización, rehabilitación ou reforma.

1º. Edificios:

Hoteis de 5 estrelas: 1.003 €/m2.

Hoteis de 4 estrelas: 821 €/m2.

Hoteis de 3 estrelas e inferiores e turismo rural: 730 €/m2.

Cámping: 438 €/m2.

2º. Aparcadoiros:

Interiores (situados en edificio): aplícase o módulo nave industrial.

Aparcadoiros externos: 36 €/m2.

3º. Instalacións especiais (piscinas, spas, canchas deportivas...): respectarase o custo proxectado.

– Sectores de restauración, cafetaría, comercio e servizos en xeral:

Custos construtivos, reformas ou rehabilitacións: 730 €/m2.

Aparcadoiros: se son interiores, situados en edificios, aplícase o módulo de nave industrial, e se son aparcadoiros externos: 36 €/m2.

2. Outros investimentos.

Investimento máximo noutros activos no sector do turismo: mobiliario, decoración, televisores, enxoval (só no caso de novo establecemento), etc., suxeitos aos seguintes custos máximos:

16.672 €/cuarto (hoteis de 5 estrelas).

11.670 €/cuarto (hoteis de 4 estrelas).

8.336 €/cuarto (hoteis de 3 estrelas e inferiores e turismo rural).

ANEXO V

Contido mínimo do informe de auditor mencionado no artigo 17.4.b).2º

Axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O informe de auditor deberá conter unha relación dos gastos e investimentos do proxecto clasificada polas partidas subvencionables segundo a resolución de concesión de acordo con este modelo:

Nº EXPEDIENTE

NIF

TITULAR

PARTIDA DE GASTO/INVESTIMENTO

IMPORTE XUSTIFICADO

PARTIDA

DATOS FACTURA/XUSTIFICANTE DE GASTO

IMPORTE ALEGADO
(€)

PISTA DE AUDITORÍA

GASTO ALEGADO

PAGAMENTO

DATA

PROVEDOR

IMPORTE
SEN IVE (€)

IMPORTE TOTAL (€)

Nº ASENTO

DATA ASENTO

Nº CONTA CONTABLE

DATA
PAGAMENTO

E pronunciarse sobre a verificación dos seguintes aspectos:

– Que se realizaron e pagaron investimentos/gastos por importe total de ….. €, durante o período comprendido entre … e …

– Que todos os investimentos e gastos realizados se corresponden con gastos subvencionables segundo as bases reguladoras e a resolución de concesión.

– Que os gastos e investimentos que integran a relación están soportados nos documentos xustificativos exixidos nas bases reguladoras, que os ditos documentos reúnen os requisitos legais para a súa validez e que se atopan en poder da empresa beneficiaria.

– Que os datos consignados neste informe relativos ao proxecto subvencionable son certos e exactos, constan na contabilidade da entidade beneficiaria e reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

– Que se levou a cabo un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos custos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permite seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

– Que non hai adquisicións de bens ou servizos a empresas vinculadas coa titular do expediente ou cos seus órganos directivos ou xestores.

– Que a totalidade do valor dos activos subvencionables foron pagados dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión.

– Que os investimentos xustificados son propiedade da empresa ao final do prazo de execución, sen que lles afecte ningunha cláusula limitativa de dominio.

– Que os activos obxecto do investimento se incorporaron ao patrimonio da empresa e figuran rexistrados na súa contabilidade polo valor declarado no expediente, sen que existan minoracións posteriores das facturas alegadas (aboamentos, devolucións ao provedor…) que reduzan o seu valor patrimonial, e atópanse en correcto estado de utilización.

– Que non existen outras axudas concorrentes para o mesmo proxecto.

– Que a localización dos bens alegados coincide coa prevista no proxecto.

– Que a empresa realiza a actividade subvencionable no expediente.

ANEXO VI

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se utilizará é o seguinte:

Proxecto cofinanciado polo Igape, pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do programa operativo 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego:

a) Breve descrición do proxecto no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FEDER-IG107-Emprendedores.png

missing image file

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e do Xacobeo 2021, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao fondo correspondente se presenten nun sitio web, serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser Arial, Auto, Calibri, Garamond, Trebuchet, Tahoma, Verdana ou Ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul réflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e largura, que o maior dos demais logotipos.

Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo deste.

missing image file

Ben que en toda comunicación relativa a fondos europeos se deberá incorporar, ademais, unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».