Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 8 de xaneiro de 2021 Páx. 475

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN519B).

Os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

Coa finalidade de realizar a renovación destas infraestruturas, para evitar a súa obsolescencia, ou de habilitar outras novas en parques existentes, non previstas na súa orixe, e en parques en desenvolvemento, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación estima necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas de instalacións e de servizos ás empresas.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2021.

De acordo co recollido no Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, a actual situación económica, que afecta tamén os concellos, fixo necesario o desenvolvemento de medidas destinadas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles. Entre estas medidas atópase o impulso á xestión compartida de servizos, polo que a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, sexa por agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

De acordo co establecido no protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa «Concellos Doing Business Galicia», asinado con data do 10 de outubro de 2017, a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas por concellos acollidos á dita iniciativa.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dirixidas a concellos, incluídas no programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, que se inclúen como anexo I a esta orde.

2. Así mesmo, por medio de esta orde convócanse as devanditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2021.

3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN519B.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe en euros

06.02.732-A 760.0

Actuacións para infraestruturas en polígonos industriais.

2.300.000,00

2. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

3. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 8. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519B, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://ceei.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 95 71 88 e 981 54 55 72 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2021

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolveren a súa actividade económica.

2. Os proxectos que se subvencionan ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2021.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:

a) Plantas de depuración de augas (a.1); os proxectos poderán incluír ou ter como obxecto os colectores con vertedura á depuradora municipal (a.2).

b) Xestión de residuos dentro do parque empresarial.

c) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.

d) Instalación de sistemas de seguridade e vixilancia dentro do parque empresarial.

e) Instalacións comúns de equipamentos e sistemas de protección destinados á loita contraincendios dentro do parque empresarial, incluídos no anexo I do Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.

f) Instalación de sistemas contra o roubo de cable dentro do parque empresarial.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data de xustificación do investimento.

3. Non se valorarán para efectos de investimento os gastos que se realicen en pagamento de taxas, licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Así mesmo, non serán subvencionables gastos en materia de iluminación pública (agás actuacións en materia de canalización incluídas no trazado da infraestrutura viaria proposta en proxectos da tipoloxía 3.1.c), xardinaría e mobiliario urbano.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) da presente orde.

6. Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000,00 euros para as solicitudes individuais e de 138.000,00 euros para as solicitudes conxuntas.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre que o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexa de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria. Para o caso de agrupacións de concellos, o concello solicitante poderá ser calquera dos que forme parte da agrupación.

2. Admitiranse a trámite, como máximo, dúas solicitudes por concello. No caso de que un concello presente máis de dúas solicitudes, a orde de prelación será a de presentación no rexistro de entrada.

Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 3.1 destas bases, nun único parque empresarial. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

Só se admitirá unha solicitude dentro de cada tipoloxía de actuación por concello e parque empresarial. No caso de que un concello presente para unha mesma tipoloxía e parque empresarial máis dunha solicitude, unicamente sería admisible a trámite, de ser o caso, a presentada en primeiro lugar no rexistro de entrada.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

2.1. Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

2.2. Acordo do pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda. No caso de agrupacións de concellos o acordo, que se xuntará por concello participante, incluirá a vontade de acometer a actuación en conxunto cos outros concellos.

2.3. Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación coa xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude segundo o artigo 13 das bases, onde se plasmarán as hipóteses de partida e se fará un cálculo detallado dos valores propostos, se for o caso. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada, tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

2.4. Orzamento desagregado e asinado dos gastos. No caso de agrupacións de concellos no orzamento figurará que concello asume cada partida proposta.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación do número 2.3 do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha delas medición, prezo unitario e importe.

2.5. Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

2.6. No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

2.7. No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

2.8. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

2.9. De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia en que se acredite a proposta de habilitación do concello como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business» ou diploma no que se acredita como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business», expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Cando se trate de agrupacións de concellos, deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Os compromisos de gasto asumidos por cada membro da agrupación non poderán ser inferiores ao 20 % do investimento subvencionable nos casos en que a agrupación teña ata catro membros e ao 10 % nos casos en que a agrupación teña máis de catro membros. O pagamento da subvención realizarase individualmente a cada membro da agrupación en función do compromiso de gasto asumido por cada un deles. O dito compromiso deberá acreditarse mediante o xustificante de pagamento correspondente, que deberá achegarse xunto coa xustificación da subvención.

En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación, e designar o órgano de contratación. Tales termos deberán reflectirse nun convenio entre os concellos, que deberá presentarse xunto coa xustificación da subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións.

7. Nas solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, a actuación deberá ser conxunta e non supoñer actuacións independentes en cada entidade local, polo que deberá existir continuidade na infraestrutura proposta, é dicir, a actuación que se vai subvencionar ten que desenvolverse no territorio de todos os concellos membros da agrupación, servir ao polígono afectado e non supoñer actuacións illadas dentro de cada concello. Non serán subvencionables, na actuación proposta, aqueles gastos que non cumpran o anterior.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órgano competente

O Servizo de Administración Industrial da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e corresponde ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda ou corrección poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante, para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o subdirector xeral de Administración Industrial ou persoa en que delegue.

b) Vogais: os responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ou un funcionario por eles designado.

c) Secretario: o xefe de servizo de Administración industrial ou un funcionario designado polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 13. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables; ademais, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva e establécense os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

– Ata 500.000 m2 (10 puntos).

– Máis de 500.000 m2 (7 puntos).

2. Nivel de ocupación do parque empresarial:

– Ata 300 empresas (10 puntos).

– Máis de 300 empresas (7 puntos).

3. Poboación do concello en que se atopa o parque empresarial:

– Menos de 10.000 habitantes (6 puntos).

– Entre 10.000 e 20.000 habitantes (4 puntos).

– Máis de 20.000 habitantes (2 puntos).

No suposto de que a solicitude de axuda sexa efectuada por unha agrupación de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal, computarase aquel que obteña mais puntuación individualmente.

4. En cada tipoloxía de investimento valorarase o menor custo subvencionable en relación cos custos subvencionables das solicitudes admitidas para a súa valoración (máximo 6 puntos). A asignación de puntos farase do seguinte modo: a solicitude co maior custo subvencionable será valorada con cero puntos e a de menor custo coa máxima puntuación (6 puntos); as solicitudes de custo intermedio valoraranse linealmente tendo como extremos os valores anteriores.

5. Para cada tipoloxía puntuaranse, entre as solicitudes admitidas a valoración, os seguintes parámetros:

Tipoloxía a) a.1) Incremento da capacidade anual de tratamento de auga respecto da situación actual, como consecuencia das actuacións propostas (en m3) (máximo 10 puntos).

a.2) Incremento do caudal anual que se poderá derivar á depuradora municipal respecto da situación actual, como consecuencia das actuacións propostas (en m3) (máximo 10 puntos).

Tipoloxía b) Incremento do número de toneladas de residuos anuais que se poderán xestionar respecto da situación actual, como consecuencia das actuacións propostas (máximo 10 puntos).

Tipoloxía c) Lonxitude do tramo da vía en metros lineais (máximo 10 puntos). Este punto acreditarase mediante planos cotados que evidencien a lonxitude indicada en metros.

Tipoloxía d) Número de empresas directamente afectadas pola infraestrutura de vixilancia proposta (máximo 5 puntos). Número de denuncias por roubos e/ou vandalismo no polígono no ano 2020 (máximo 5 puntos). Este punto acreditarase mediante informe da policía local, garda civil ou polo concelleiro responsable da seguridade no concello.

Tipoloxía e) Número de establecementos de risco intrínseco medio e alto dentro do parque empresarial, segundo se definen no Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contraincendios nos establecementos industriais. Cada establecemento de risco intrínseco alto contará como 5 establecementos de risco medio (máximo 10 puntos).

Tipoloxía f) Número de denuncias por roubo de cable no polígono no ano 2020 (máximo 10 puntos). Este punto acreditarase mediante informe da policía local, garda civil, ou polo concelleiro responsable da seguridade no concello.

A asignación de puntos farase do seguinte modo: a solicitude co maior valor, dentro do seu parámetro, será valorada coa máxima puntuación e a solicitude co menor valor será valorada con cero puntos; as solicitudes con valores intermedios valoraranse linealmente tendo como extremos os valores anteriores.

6. Agrupación de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal (13,5 puntos máximo):

6.1. Por presentación conxunta: 4,5 puntos.

6.2. De acordo cos seguintes parámetros (máximo 4,5 puntos):

6.2.a) Número de municipios solicitantes de forma conxunta:

– Máis de dous municipios: 1,5 puntos.

– Dous municipios: 0,5 puntos.

6.2.b) Repercusión do proxecto a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto:

– Máis de 5.000 habitantes: 1,5 puntos.

– Ata 5.000 habitantes: 0,5 puntos.

6.2.c) Número de servizos que se van prestar de forma compartida:

– Dous ou máis servizos: 1,5 puntos.

– Menos de dous servizos: 0 puntos.

6.3. Aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 4,5 puntos.

Para a súa valoración, será preciso achegar unha memoria xustificativa do aforro de custos obtido.

7. Concello constituído como consecuencia dunha fusión municipal: 13,5 puntos.

8. Concello acollido á iniciativa «Concellos Doing Business Galicia» con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes: 21 puntos.

No caso de agrupación de concellos, asignaranse os 21 puntos se todos os concellos da agrupación están acollidos á iniciativa «Concellos Doing Business Galicia». En caso contrario, asignarase unha puntuación proporcional ao número de concellos da agrupación que estean acollidos á iniciativa «Concellos Doing Business Galicia».

No caso de empates na puntuación, terán preferencia os proxectos presentados segundo a seguinte orde: concellos constituídos como consecuencia dunha fusión municipal, agrupación de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal e concellos de menor número de habitantes.

No caso de empate na puntuación entre proxectos dun mesmo concello, terá preferencia o proxecto de menor custo subvencionable.

Avaliaranse, coa mínima puntuación, aqueles puntos que non queden xustificados adecuadamente coa documentación presentada.

Artigo 14. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que derive do disposto no artigo 11.4, e unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución, que elevará ao conselleiro.

2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben co crédito que quede libre, se se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolva o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, cumprindo os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

4. Cando a modificación da resolución proposta afecte un cambio de tipoloxía no proxecto considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso a modificación non será autorizada.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 24 da presente orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

g) Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme ao modelo indicado no anexo V. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

Artigo 20. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100% das actuacións, que está suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe observarse o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2021 para presentaren electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

1.1. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

1.2. Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No obstante, no presente procedemento admitiranse as facturas orixinais en papel ou copias debidamente compulsadas, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica por parte da Administración para emitir copias auténticas electrónicas.

1.3. Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a da data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.4. Certificación de obra cando se trate dun contrato de obras ou, no resto dos contratos, documento equivalente coa desagregación da actuación realizada (indicando concepto, unidades e prezos unitarios).

1.5. Certificado da secretaría da entidade local en que se indique que o procedemento de contratación pública se realizou consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e onde se indique, ademais, o adxudicatario do contrato e o importe de adxudicación.

1.6. Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable polo concello beneficiario.

1.7. Informe técnico en que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado por técnico municipal.

1.8. Fotografía do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) da presente orde de axudas.

1.9. Anexo III: Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía. No caso de agrupacións de concellos, presentarase unha por concello participante.

1.10. Anexo III: Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de agrupacións de concellos, presentarase unha por concello participante.

1.11. No caso das agrupacións de concellos, presentaranse os xustificantes de pagamento correspondentes aos compromisos de gastos asumidos por cada membro da agrupación beneficiario da axuda e un convenio asinado por todos os participantes que conformen a dita agrupación no cal se recollan expresamente todos os termos indicados no artigo 6.6 das presentes bases e onde tamén constará que cada participante asume as obrigas que, como beneficiario, derivan da presente orde, especialmente as correspondentes ao artigo 19.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

4. No caso de agrupacións de concellos, deberá cumprirse o previsto no artigo 28.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, se for o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O beneficiario deberá achegar coa solicitude de anticipo a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

b) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 24. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que, deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e, de ser o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

– Non comunicar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

– Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19.h) destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

– Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

– Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

– Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Control

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file