Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2021 Páx. 820

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809E).

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, segundo o establecido no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O xabaril mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve.

Non obstante, as súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses das persoas agricultoras. Por outra parte, o xabaril ten unha gran capacidade para desprazarse, polo que resulta moi difícil poder establecer a súa procedencia e o responsable último dos danos.

Para conciliar o interese pola convivencia da especie coa viabilidade das explotacións agrícolas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon en marcha esta liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados.

Deste xeito, preténdese compensar as afeccións causadas polo xabaril sobre os cultivos agrícolas. O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En consecuencia, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT809E).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde será de aplicación aos cultivos agrícolas danados polo xabaril pertencentes a explotacións agrarias situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos casos en que o cultivo agrícola afectado estea parcialmente situado noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación desta orde cando a súa maior parte estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.

2. O expediente de axudas será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.

3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 4. Requisitos

1. Os cultivos agrícolas afectados, polos que se solicita a axuda, deberán pertencer a unha persoa, física ou xurídica, inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Reaga e que veñen recollidas no artigo 5.2 do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final:

a) Explotacións agrarias prioritarias.

b) Explotacións agrarias de titularidade compartida.

c) Explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).

d) Outras explotacións agrarias.

2. No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa, física ou xurídica, solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

Artigo 5. Ámbito temporal

Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2020 ata o 10 de outubro de 2021.

Artigo 6. Comunicación do dano

1. No prazo máximo de tres días desde produción dos danos en cultivos agrícolas, as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias, e os de autoconsumo deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará un código de identificación que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30, os sábados.

2. Unha vez rexistrada a denuncia, o persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desprazarase ata o lugar dos feitos para comprobar a existencia dos danos, despois da cal se poderá facer a colleita ou continuar co cultivo afectado. Esta valoración recollerase nun informe que será remitido ao correspondente Servizo Provincial de Patrimonio Natural.

3. A partir do 11 de outubro de 2021 poderán realizarse comunicacións por danos de xabaril de acordo co establecido nos parágrafos anteriores e a concesión de axudas quedará condicionada a unha nova convocatoria no ano 2022.

Artigo 7. Importe das axudas

1. O importe das axudas por danos causados nos cultivos agrícolas polo xabaril figura no anexo I desta orde.

2. O importe máximo por persoa beneficiaria establécese en 2.000 €. No caso de que os danos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito a axuda máxima, é dicir, 2.000 €.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT809E).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia en que se produza o dano.

2. A solicitude de axuda, anexo II desta orde (procedemento MT809E), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do título xurídico que posúe para a utilización do terreo en que se produciron os danos, no suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo.

e) Referencias Sixpac das parcelas, en que se indique:

• Superficie declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2020 afectada por danos producidos polo xabaril, no caso de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

• Superficie afectada por danos producidos polo xabaril, no caso de explotacións agrarias de autoconsumo.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Se a persoa titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

b) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación legal con que se actúa e, ademais, o acordo das persoas partícipes para solicitar a axuda. Cando se trate dunha comunidade de bens, ademais, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común, o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da persoa que exerza as funcións de secretaría.

c) No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

i. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

ii. Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

a) Documentación acreditativa da explotación agraria afectada para explotacións agrarias de autoconsumo. Deberá acreditarse a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén as poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

c) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante (se for o caso).

d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

f) Estar ao día das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas ou subvencións

g) Referencias Sixpac das parcelas con cultivos afectados por danos producidos polo xabaril.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

h) Inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

i) Superficie declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2020.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

En cumprimento da Lei xeral tributaria solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta nos seguintes servizos interoperables da AEAT:

a) NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2020 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o dano do xeito e no prazo previsto na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020.

b) Para os danos comunicados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 6 desta orde.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 15. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas tramitarase en réxime de concorrencia.

2. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de axuda.

3. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan as axudas para paliar os danos producidos polo xabaril, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

4. Estas axudas tramitaranse mediante o procedemento abreviado ao abeiro do artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os servizos de Patrimonio Natural examinaranas e revisarán a documentación complementaria que se especifica no artigo 9 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistida da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. As solicitudes serán avaliadas polos servizos de Patrimonio Natural, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

5. Os servizos de Patrimonio Natural emitirán unha certificación co resultado da avaliación das solicitudes, que remitirán á Dirección Xeral de Patrimonio Natural xunto coa documentación das solicitudes avaliadas que sexa necesaria para a tramitación dos aboamentos.

6. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas formulará as propostas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo de un mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da axuda debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 19. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras axudas de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 20. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas para paliar os danos producidos polo xabaril levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada.

2. Non poderá realizarse o pagamento da axuda mentres a persoa beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.541B.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2021. O importe asignado é dun millón catrocentos corenta e sete mil trescentos euros (1.447.300 €) sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. As solicitudes e recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por atrasos na tramitación por causa da Administración, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se produciren.

Artigo 23. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007 citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. A relación das axudas concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e tamén as sancións que se poidan impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que, por resolución, introduza novas especies cultivadas no anexo I desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Baremo utilizado para o pagamento de axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas

Tipo de cultivo

Importe por m²

Código

Descrición

€/m²

MIG

Millo en gran

0,16

MIF

Millo forraxeiro

0,25

TRI

Trigo

0,12

CEN

Centeo

0,12

PRA

Pradaría

0,12

PAT

Pataca

0,44

FRU

Froiteiras

3,25

HO1

Hortalizas 1 (cenoria, repolo e nabo)

0,69

HO2

Hortalizas 2 (coliflor, tomate, berenxena, cabaciña, cebola, feixón verde, leituga, pemento e allo porro)

1,82

VID

Uva

2,93

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file