Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2021 Páx. 817

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 16 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809B).

BDNS (Identif.): 543559.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT809B).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 16 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809B).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de seiscentos corenta e seis mil douscentos vinte catro euros (646.224 €).

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde.

Este importe incrementarase nun 30 % cando afecte gando pertencente a explotacións gandeiras dos concellos recollidos no anexo III desta orde e nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo, e que fosen avaliadas como axeitadas pola comisión de valoración correspondente, de acordo co criterio que se fixe ao respecto pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para o período de vixencia desta orde.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que en ningún caso poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

Cando os animais feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario nas cales se relacione o gasto veterinario de xeito individual para cada un dos animais feridos, con referencia á súa idade e á súa identificación individual, de ser o caso.

Admitiranse facturas do servizo veterinario en que os gastos conxuntos non veñan especificados de xeito individual por cada un dos animais feridos. Neste caso os gastos por animal serán cuantificados dividindo o importe total destes entre o número de animais afectados.

No caso de animais que, tras o tratamento prescrito, morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I desta orde. Nestes casos a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, máis os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.

No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de depredación e como consecuencia del sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa no caso de especies de gando ovino e cabrún e do 50 % do valor da clase e idade máis baixa no caso do resto das especies de gando, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. Se se trata de parto múltiple compensarase por cada un dos animais abortados.

3. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.

A eutanasia realizarase de forma regrada e será prescrita e efectuada por unha persoa profesional veterinaria, co fin de evitar ao animal sufrimento grave e irremediable ou afección grave.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2020 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se comunicase previamente o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2020.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda