Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2021 Páx. 741

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

DECRETO 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Con data do 7 de setembro de 2020 publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, coa finalidade de adaptala ás necesidades que o momento aconsella e tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa. Nesta estrutura queda integrada a nova Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Economía, Empresa e Innovación.

O novo esquema organizativo concrétase no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, o cal, no seu artigo 2, estrutura a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación nos seus órganos superiores e de dirección e lle adscribe os entes dependentes.

Consonte o anterior decreto, son órganos superiores e de dirección a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e quedan adscritos o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, o Instituto Galego de Promoción Económica, a Axencia Galega de Innovación, o Instituto Enerxético de Galicia e a Axencia Galega da Industria Forestal.

No contexto actual de crise, o impulso económico convértese no eixo fundamental no deseño, elaboración e execución da acción política da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co fin de contribuír decisivamente a unha etapa de recuperación do crecemento económico da nosa comunidade autónoma.

A asunción da coordinación económica transversal e sectorial, o apoio á empresa en canto actor fundamental e o estímulo da innovación como factor clave de renovación son elementos esenciais que definen a nova estrutura e funcións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Procede, por tanto, elaborar un decreto novo que estableza de modo claro a estrutura e funcións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Polo que respecta á organización dos servizos centrais, o decreto adáptase á nova estrutura de centros directivos.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, mantense a organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e adáptase esta estrutura periférica aos cambios organizativos dos servizos centrais.

De conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a actual estrutura da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación axústase aos principios de austeridade, eficacia, eficiencia e coordinación no deseño e funcionamento da Administración pública.

En definitiva, a nova estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pretende responder ao reto urxente da recuperación económica, ao mesmo tempo que afonda no camiño xa iniciado de racionalización das estruturas administrativas, consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Artigo 1. Ámbito competencial

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, o exercicio de funcións en materia de promoción e dinamización da economía, coordinación e apoio ao sector empresarial, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas e recursos minerais, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, impulso da actividade económica asociada á industria forestal e planificación das infraestruturas dos servizos empresariais do solo industrial en colaboración coa consellería competente en materia de vivenda e solo.

Artigo 2. Estrutura

Para o exercicio das súas funcións, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Economía, Empresa e Innovación estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Secretaría Xeral Técnica.

3. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

4. Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

5. Xefaturas territoriais.

Artigo 3. Entidades instrumentais e demais órganos

1. Quedan adscritas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación as seguintes entidades:

a) O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

b) O ente de dereito público Instituto Galego de Promoción Económica.

c) A Axencia Galega de Innovación.

d) A axencia Instituto Enerxético de Galicia.

e) A Axencia Galega da Industria Forestal.

2. Así mesmo, quedan adscritos á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación os seguintes organismos:

a) O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

b) O Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

c) A Real Academia Galega de Ciencias, a través da Axencia Galega de Innovación.

d) O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia e o Observatorio de Innovación de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación.

3. Por último, quedan adscritos á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego de Economía e Competitividade, creado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro.

b) A Comisión de Prezos de Galicia, regulada polo Decreto 106/1984, do 24 de maio.

c) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios, creado polo Decreto 127/1998, do 23 de abril.

d) A Comisión Galega da Artesanía, creada pola Lei 1/1992, do 11 de marzo.

e) O Observatorio do Comercio de Galicia, creado pola Lei 13/2010, do 17 de decembro.

TÍTULO II

Órganos centrais

CAPÍTULO I

Persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Artigo 4. Persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é a superior autoridade deste departamento e con tal carácter está investida das atribucións que lle confiren os artigos 33 e 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 5. Atribucións

Baixo a superior dirección da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, consonte o artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións nel establecidas, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico, entre elas as seguintes:

a) O asesoramento e coordinación de todos os órganos, servizos e entidades instrumentais adscritos á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Economía, Empresa e Innovación.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos correspondentes aos asuntos de que coñezan a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ou as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

c) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

d) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións subscritos no ámbito competencial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

e) A representación da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

f) O seguimento e coordinación do funcionamento da oficina Doing Business Galicia.

g) O seguimento dos procedementos de defensa dos dereitos e intereses dos operadores económicos e das persoas consumidoras e usuarias previstos na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

h) A suplencia, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación declaradas, das persoas titulares dos órganos directivos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación aos que se refire a disposición adicional primeira.

i) Calquera outra que lle atribúa a normativa en vigor.

Artigo 6. Estrutura

A Secretaría Xeral Técnica estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa.

1.1. Servizo Xurídico-Administrativo.

1.2. Servizo de Desenvolvemento Económico.

1.3. Servizo de Apoio Técnico.

2. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

2.1. Servizo de Coordinación Xeral e Recursos Humanos.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico.

2.3. Servizo de Calidade e Apoio Normativo.

3. Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

3.1. Servizo de Contratación.

3.2. Servizo de Xestión Económica.

4. Asesoría Xurídica de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo.

5. Asesoría Xurídica de Economía e Innovación.

6. Intervención Delegada.

Sección 2ª. Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa

Artigo 7. Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral Técnica, con especial referencia ás competencias de coordinación e impulso empresarial inherentes á Vicepresidencia Segunda.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) O impulso das funcións relativas á tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

b) As funcións normativas e de xestión necesarias para garantir o correcto funcionamento e desenvolvemento da Oficina Doing Business Galicia.

c) O impulso e coordinación con outros departamentos do sector público autonómico de Galicia co fin de promover a tramitación, o acompañamento e a realización do seguimento dos proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A xestión do sistema de atención ao investimento ou a encomenda da súa xestión ás entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dependentes da Vicepresidencia Segunda.

e) O impulso da elaboración dos catálogos en que se recollan de xeito claro e por orde cronolóxica todos os trámites administrativos exixibles e as actuacións necesarias para a implantación das iniciativas empresariais.

f) A dirección e coordinación da Unidade de Apoio das Iniciativas Empresariais.

g) A coordinación da rede de oficinas de apoio á empresa a través da entidade do sector público autonómico de Galicia competente en materia de promoción económica.

h) A xestión da Oficina Virtual da Empresa.

i) A análise respecto de se unha iniciativa é susceptible de ser cualificada como proxecto industrial estratéxico ou iniciativa empresarial prioritaria.

j) A elaboración dun informe anual de actividade en relación coa avaliación e implantación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

k) A realización de todas aquelas outras actuacións que permitan impulsar, aprobar e manter iniciativas empresariais dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) A promoción e xestión da iniciativa «Concellos Doing Business Galicia».

m) A análise e apoio na tramitación en relación coas propostas relativas á unidade de mercado, dando soporte á Secretaría Xeral Técnica.

n) A suplencia, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación declarada, da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, agás a asistencia ás reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

o) O asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no ámbito das súas atribucións.

p) A salvagarda da aplicación transversal do principio de igualdade entre mulleres e homes no ámbito das funcións de coordinación e impulso empresarial.

q) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no exercicio das súas atribucións.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo Xurídico-Administrativo.

b) Servizo de Desenvolvemento Económico.

c) Servizo de Apoio Técnico.

Artigo 8. Servizo Xurídico-Administrativo

O Servizo Xurídico-Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) As funcións de unidade de contacto con carácter xeral cos diferentes centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e cos entes instrumentais do sector público autonómico de Galicia co fin de coordinar a tramitación administrativa dos expedientes vinculados coa implantación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

b) O impulso e soporte á tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

c) A proposta de posta en marcha e desenvolvemento do Sistema de atención ao investimento.

d) A coordinación, a elaboración e a actualización dos catálogos do Sistema de atención ao investimento.

e) A promoción e xestión da Iniciativa «Concellos Doing Business Galicia».

f) O fomento, en coordinación coa consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa e coa colaboración dos concellos galegos, no marco da súa competencia, das medidas para que as iniciativas empresariais se axusten ao principio de boa regulación.

g) O seguimento dos procedementos de defensa dos dereitos e intereses dos operadores económicos, consumidores e usuarios previstos na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

h) O asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomenden as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa no ámbito das súas atribucións.

i) Aquelas outras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 9. Servizo de Desenvolvemento Económico

O Servizo de Desenvolvemento Económico exercerá as seguintes funcións:

a) A detección, estudo e análise dos sectores estratéxicos galegos prioritarios.

b) A análise, en colaboración co Servizo de Apoio Técnico, de se unha iniciativa é susceptible de ser cualificada como proxecto industrial estratéxico ou iniciativa empresarial prioritaria.

c) A análise do impacto económico das diferentes propostas presentadas a través da Oficina Doing Business en Galicia.

d) O estudo dos datos estatísticos dispoñibles no seo da Vicepresidencia Segunda que permitan analizar e avaliar os resultados efectivos da Oficina Doing Business Galicia.

e) A realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

f) O asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomenden as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa no ámbito das súas atribucións.

g) Aquelas outras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Artigo 10. Servizo de Apoio Técnico

O Servizo de Apoio Técnico exercerá as seguintes funcións:

a) As funcións de unidade de contacto no eido técnico cos diferentes centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e cos entes instrumentais do sector público autonómico co fin de coordinar, apoiar e acompañar as empresas promotoras de proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

b) As funcións de unidade de contacto cos servizos técnicos dos concellos galegos con competencia nos expedientes vinculados á implantación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

c) O impulso no eido técnico da tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

d) A análise, en colaboración co Servizo de Desenvolvemento Económico, de se unha iniciativa é susceptible de ser cualificada como proxecto industrial estratéxico ou iniciativa empresarial prioritaria.

e) A asistencia na tramitación administrativa, acompañamento e soporte aos suxeitos promotores das iniciativas empresariais susceptibles de ser cualificadas como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias.

f) O deseño e elaboración do plan de seguimento de execución de proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias e a realización dos controis pertinentes.

g) O asesoramento e a emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomenden as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa no ámbito das súas atribucións.

h) Aquelas outras funcións que lle sexan asignadas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa, dentro do seu ámbito de atribucións.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

Artigo 11. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral Técnica, con especial referencia ás competencias de coordinación administrativa xeral, recursos humanos e réxime xurídico.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A organización do rexistro e o control do arquivo no ámbito da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

b) O impulso á implantación da Administración electrónica no ámbito da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

c) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións.

d) A coordinación das unidades responsables de transparencia e o cumprimento das obrigas de información institucional, organizativa e de planificación en materia de transparencia.

e) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

f) A xestión dos asuntos relacionados cos recursos humanos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como o seguimento e control do rexistro de persoal, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da consellería competente en materia de función pública.

g) O estudo, coordinación e proposta de resolución de reclamacións, recursos administrativos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, cando non sexan competencia doutros órganos.

h) A coordinación da xestión dos recursos contencioso-administrativos e da colaboración coa Asesoría Xurídica, cando non corresponda a outros órganos.

i) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial cuxa resolución corresponda á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

j) O estudo e coordinación da tramitación de expedientes sancionadores que lle resulten atribuídos, consonte a normativa aplicable.

k) O exercicio das funcións que teña encomendadas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

l) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios.

m) O estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia.

n) A tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos órganos de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

o) O asesoramento e emisión de informe sobre aquelas cuestións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas atribucións.

p) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades administrativas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

q) O apoio a calquera órgano e unidade administrativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ou das entidades instrumentais a ela adscritas, segundo o mandato que para o efecto lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas atribucións.

r) O impulso á aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal nas funcións atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

s) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no ámbito das súas atribucións.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Coordinación Xeral e Recursos Humanos.

b) Servizo Técnico-Xurídico.

c) Servizo de Calidade e Apoio Normativo.

Artigo 12. Servizo de Coordinación Xeral e Recursos Humanos

O Servizo de de Coordinación Xeral e Recursos Humanos exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outros de contido administrativo que lle atribúan as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

b) A supervisión e coordinación da xestión do rexistro da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

c) A xestión dos arquivos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a supervisión e coordinación da xestión do arquivo de oficina e dos restantes arquivos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das entidades instrumentais a ela adscritas.

d) A tramitación dos requirimentos, queixas e peticións formulados polo Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, a cidadanía e outros órganos e institucións, se non son atribución doutro órgano da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

e) A coordinación e xestión das publicacións e, nomeadamente, a representación da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación na Comisión e no Consello de Publicacións da Xunta de Galicia.

f) A realización das tarefas de xestión e tramitación e, se for o caso, coordinación, necesarias para a remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos e entidades instrumentais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

g) As funcións que lle sexan asignadas como órgano estatístico sectorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

h) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito aos servizos centrais.

i) A coordinación dos servizos periféricos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das súas entidades instrumentais en materia de persoal.

j) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

k) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a coordinación nesta materia da actuación dos servizos periféricos e das entidades instrumentais adscritas, así como a organización, a custodia e o arquivamento dos expedientes do persoal dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

l) A tramitación e xestión dos permisos, vacacións e licenzas do persoal dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como o apoio nesta materia aos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Xunta de Galicia.

m) O control de asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como a coordinación e supervisión do control que neste ámbito efectúen os servizos periféricos e as entidades instrumentais adscritas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

n) A programación das necesidades de persoal da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das súas entidades instrumentais.

o) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como a coordinación das propostas que formulen neste ámbito as entidades instrumentais adscritas.

p) A habilitación de gastos de persoal dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das atribucións doutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das entidades instrumentais.

q) A xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

r) O cumprimento das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

s) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución en materia de recursos humanos, a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, así como, se for o caso, a execución de sentenzas, en materia de persoal dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e a coordinación e apoio nesta materia con respecto ao persoal dos servizos periféricos e entidades instrumentais adscritas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

t) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución dos procedementos disciplinarios cuxa resolución corresponda á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ou ao Consello da Xunta de Galicia, con respecto ao persoal dependente desta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das súas entidades instrumentais.

u) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Artigo 13. Servizo Técnico-Xurídico

O Servizo Técnico-Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio.

b) A elaboración das resolucións sancionadoras de competencia da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e do Consello da Xunta, cando non estea atribuída a outras unidades.

c) A elaboración dos actos de inicio e resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

d) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos nos que a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación sexa parte interesada.

e) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación polos xulgados e tribunais.

f) O apoio, asesoramento e asistencia na tramitación de procedementos administrativos e elaboración de propostas de resolución de competencia dos diferentes órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

g) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

h) As funcións de xestión, tramitación e custodia relativas ao exercicio do protectorado das fundacións de interese galego dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

i) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Artigo 14. Servizo de Calidade e Apoio Normativo

O Servizo de Calidade e Apoio Normativo exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación e desenvolvemento da implantación da Administración electrónica no ámbito da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

b) O apoio ás actuacións de xestión en materia de protección de datos no ámbito da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

c) A elaboración de modelos, instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento de coordinación que lle sexa encomendado pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

d) A realización de estudos e informes que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

e) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como a preparación das recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

f) O rexistro, arquivamento e custodia das disposicións normativas emanadas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ou dos seus centros directivos.

g) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios e ao Consello da Xunta de Galicia.

h) O apoio ás funcións dos demais servizos dependentes da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa cando as necesidades do traballo así o requiran.

i) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Coordinación Económica

Artigo 15. A Subdirección Xeral de Coordinación Económica

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a Subdirección Xeral de Coordinación Económica exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral Técnica, con especial referencia ás competencias de contratación, xestión do patrimonio e xestión económica.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

b) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

c) O control, coordinación e execución dos proxectos de obra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

d) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

e) A conservación e mantemento das dependencias e edificios adscritos á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

f) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos dos órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e entidades instrumentais adscritas, o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos e entidades implicados.

g) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

h) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

i) A supervisión, coordinación e elaboración das instrucións necesarias para que os órganos e entidades da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación efectúen unha correcta execución do orzamento.

j) A supervisión e coordinación da tramitación dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como a súa remisión ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro.

k) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no ámbito das súas atribucións.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Coordinación Económica disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Contratación.

b) Servizo de Xestión Económica.

Artigo 16. Servizo de Contratación

O Servizo de Contratación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, cando se trate de concesións de servizos, subministracións, servizos e contratación centralizada, ou calquera outra figura contractual, excepto aqueles cuxa xestión estea atribuída a outros servizos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

b) A particular xestión da contratación integrada de Redexga relativa a electricidade, gas, gasóleo e calquera outra subministración susceptible de inclusión.

c) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, cando se trate de obras, equipamentos, servizos relacionados coas obras ou calquera outra figura contractual que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

d) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

e) A supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das súas entidades instrumentais, así como da correspondente execución material.

f) A realización dos traballos facultativos propios das obras de construción, reforma e reparación das instalacións adscritas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

g) O seguimento e control da execución dos contratos.

h) O impulso e coordinación das necesidades en materia de contratación dos distintos órganos e unidades administrativas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como das entidades instrumentais a ela adscritas.

i) A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

j) A programación da execución de calquera fondo finalista destinado a investimentos nos centros dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a súa xestión.

k) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

l) A tramitación e elaboración de convenios, no ámbito das súas atribucións.

m) A elaboración dos informes técnicos que lle sexan requiridos polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e da Subdirección Xeral de Coordinación Económica.

n) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Económica no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Artigo 17. Servizo de Xestión Económica

O Servizo de Xestión Económica exercerá as seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos e entidades instrumentais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

b) A coordinación, tramitación, impulso e preparación do anteproxecto de orzamentos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das súas entidades adscritas.

c) A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e das súas entidades instrumentais, así como a tramitación da variación dos límites orzamentarios.

d) A execución da xestión orzamentaria, efectuando e, se for o caso, impulsando, os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das atribucións doutros órganos neste campo.

e) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise e supervisión da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

f) A xestión de taxas e de prezos públicos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e entidades instrumentais, así como a coordinación neste campo con todos os órganos e entidades dependentes, xunto coa tramitación dos expedientes de devolución de ingresos indebidos de taxas.

g) A elaboración do escenario de ingresos propios dos organismos autónomos e axencias adscritos á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación así como o seguimento e análise da execución orzamentaria correspondente aos ditos ingresos.

h) A xestión dos obxectivos estratéxicos e operativos, indicadores e actuacións de todo o sector público da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en aplicación do Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

i) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación mediante ordes e convenios, así como a súa coherencia co Plan estratéxico de Galicia e de todos os plans sectoriais da propia Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

j) O seguimento da execución dos proxectos do orzamento de gastos cofinanciados con fondos europeos ou con outros recursos catalogados como financiamento condicionado.

k) A habilitación dos gastos correntes dos servizos centrais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a coordinación e supervisión destas tarefas nos servizos periféricos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e as entidades instrumentais adscritas.

l) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos para xustificar.

m) A xestión orzamentaria dos recursos derivados de transferencias internas e de capital aos organismos autónomos e axencias adscritas á Secretaría Xeral Técnica e o seguimento dos adscritos a outros centros xestores.

n) A realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

o) A colaboración na xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia doutros servizos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación cando concorran necesidades que así o xustifiquen.

p) En xeral, cantas funcións lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e a Subdirección Xeral de Coordinación Económica, no exercicio das competencias que lle sexan propias.

Sección 5ª. Asesorías xurídicas

Artigo 18. Asesorías xurídicas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Economía, Empresa e Innovación

1. A Asesoría Xurídica de Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo e a Asesoría Xurídica de Economía e Innovación, con niveis de subdireccións xerais, adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica e dependen funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

2. As asesorías xurídicas rexeranse polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e desenvolverán as funcións previstas na devandita lei en relación coas súas respectivas áreas funcionais. En particular, ocuparanse nas súas respectivas áreas funcionais, da asistencia xurídica ás entidades instrumentais dependentes da consellería, segundo a Lei 4/2016, do 4 de abril; todo isto sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

3. As asesorías xurídicas terán adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 6ª. Intervención Delegada

Artigo 19. Intervención Delegada

1. A Intervención Delegada, con nivel de subdirección xeral, adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica e depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. As súas funcións e estrutura serán as especificamente previstas no decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

CAPÍTULO III

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 20. Atribucións

Á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais corresponderalle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Artigo 21. Estrutura

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Enerxía.

1.1. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

1.2. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

2. Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

2.1. Servizo de Xestión Mineira.

3. Subdirección Xeral de Administración Industrial.

3.1. Servizo de Administración Industrial.

3.2. Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial.

4. Servizo de Ordenación e Coordinación.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Enerxía

Artigo 22. A Subdirección Xeral de Enerxía

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a Subdirección Xeral de Enerxía exercerá as funcións relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e inspección no relativo á enerxía, ás infraestruturas enerxéticas, ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético.

b) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, cos órganos territoriais e unidades administrativas que dela dependan, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

c) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvolvidas polas unidades administrativas que dela dependen.

d) O establecemento e coordinación do marco funcional relativo á planificación e á ordenación enerxética, así como ao fomento e inspección no relativo ás infraestruturas enerxéticas, ás enerxías renovables e á eficiencia enerxética.

e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

f) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas polas unidades administrativas que dela dependen.

g) A coordinación e impulso da tramitación de autorizacións relativas ás actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica e de gas competencia da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

h) A elaboración, proposta, coordinación e control de programas dirixidos ao fomento da investigación no eido das enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética, así como das infraestruturas enerxéticas.

i) A proposta e supervisión de actuacións para a difusión e a promoción das enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética, así como o fomento da seguridade e calidade da subministración eléctrica e de gas.

j) A coordinación e cooperación das actuacións no eido da enerxía coa axencia Instituto Enerxético de Galicia.

k) A coordinación do seguimento de resultados da planificación estratéxica no eido da enerxía e avaliación dos indicadores das actuacións.

l) A supervisión e elaboración de informes solicitados por outros organismos á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais no ámbito das súas competencias.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Enerxía disporá para o desenvolvemento das súas funcións das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

b) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Artigo 23. Servizo de Infraestruturas Enerxéticas

O Servizo de Infraestruturas Enerxéticas exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, á produción, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas natural.

b) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas e gasistas de transporte e distribución, e a supervisión do seu cumprimento.

c) A análise e informes sobre os plans de investimento das empresas distribuidoras de electricidade e gas.

d) A proposta da planificación dos sectores eléctrico e gasista e de hidrocarburos, en coordinación coa axencia Instituto Enerxético de Galicia.

e) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade e de gas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se for o caso, o rexistro de instalacións.

f) A tramitación e proposta de autorización ás persoas e entidades comercializadoras de enerxía eléctrica e de gas natural cando o seu ámbito de actuación se circunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

g) A planificación de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

h) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración de enerxía eléctrica e de gas.

i) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de infraestruturas enerxéticas.

j) A elaboración, promoción e xestión de diferentes actuacións de fomento da calidade y seguridade da subministración enerxética a diferentes sectores económicos, incluída a cidadanía.

k) A coordinación da inspección no ámbito das instalacións de distribución de electricidade e de gas, das condicións técnicas e, se for o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas; todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

l) A supervisión do cumprimento das obrigas dos xestores das redes de distribución eléctrica no seu respectivo territorio.

m) A supervisión do cumprimento das obrigas das empresas distribuidoras de gas no seu ámbito territorial.

n) A coordinación da supervisión dos plans de mantemento das empresas de distribución de enerxía eléctrica.

o) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 24. Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

O Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, concretamente no ámbito das enerxías renovables, e ao aforro e eficiencia enerxética.

b) O desenvolvemento da normativa no relativo ás instalacións de produción de enerxía a través de fontes renovables, así como ao ámbito do aforro e a eficiencia enerxética, e no relativo ás instalacións térmicas.

c) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable.

d) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de xeración eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se for o caso, o rexistro de instalacións, nos cales se inclúe o Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica.

e) A cooperación e coordinación de actuacións coa axencia Instituto Enerxético de Galicia nos campos das enerxías renovables, do aforro e da eficiencia enerxética.

f) A planificación de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

g) A coordinación da xestión do Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, coa axencia Instituto Enerxético de Galicia.

h) A promoción e difusión das campañas informativas relativas ao fomento das enerxías renovables e o aforro e eficiencia enerxética.

i) A elaboración, proposta e execución de plans e proxectos nas áreas de aforro e eficiencia enerxética, así como na das enerxías renovables.

j) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación, así como da implantación destes resultados, en materia de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética.

k) A proposta de actuacións que contribúan a difundir o coñecemento das medidas de aforro e eficiencia enerxética.

l) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se for o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas; todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

m) A coordinación de inspección das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable, en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

n) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

Artigo 25. Subdirección Xeral de Recursos Minerais

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais exercerá as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento, desenvolvemento e control da minaría de Galicia. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola Dirección Xeral.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A ordenación e planificación, en xeral, das actividades de exploración, investigación, aproveitamento e beneficio dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos situados en Galicia, incluídas as correspondentes aos xacementos de hidrocarburos e de almacenamento xeolóxico de dióxido de carbono.

b) A proposta de desenvolvemento normativo relativo ao réxime mineiro, ás augas minerais e termais e á investigación de hidrocarburos, así como a programación e coordinación do exercicio das competencias administrativas en relación coas ditas materias.

c) A dirección e coordinación dos rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

d) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

e) O impulso de plans e programas para mellorar o coñecemento dos recursos minerais, xacementos mineiros e recursos xeolóxicos de Galicia.

f) A planificación, programación e coordinación do exercicio das competencias administrativas relativas á execución da normativa no ámbito da seguridade mineira, así como o seu desenvolvemento lexislativo.

g) A planificación, programación e coordinación do exercicio das competencias administrativas en materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos vinculados ás actividades extractivas.

h) O control e rexistro das entidades de inspección e control regulamentario no ámbito mineiro.

i) O impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados á mellora da seguridade e salubridade do sector mineiro de Galicia.

j) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, dos órganos territoriais e unidades administrativas que dela dependan, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

k) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas polas unidades administrativas que dela dependen.

l) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

m) A coordinación das relacións da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais coa Cámara Oficial Mineira de Galicia.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente esta subdirección xeral, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, e baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 26. Servizo de Xestión Mineira

O Servizo de Xestión Mineira exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión e execución das competencias administrativas sobre o dominio público mineiro, sobre as augas minerais e termais e sobre a investigación dos hidrocarburos.

b) A xestión e o exercicio das competencias administrativas sobre o rexistro mineiro de Galicia e sobre os demais rexistros previstos na normativa mineira e de augas minerais e termais.

c) A xestión dos plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

d) A execución das competencias administrativas en materia de seguridade e saúde no ámbito de aplicación da lexislación mineira.

e) A execución das competencias administrativas en materia de prevención de riscos laborais en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira, nos traballos de manipulación e utilización de explosivos e nos establecementos vinculados ás actividades extractivas.

f) A tramitación dos expedientes de autorización e rexistro das entidades de inspección e control regulamentarios no ámbito da seguridade mineira.

g) A execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao ámbito de competencias da Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

h) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Sección 4ª. Subdirección Xeral de Administración Industrial

Artigo 27. Subdirección Xeral de Administración Industrial

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a Subdirección Xeral de Administración Industrial exercerá as funcións relativas á planificación, ordenación, fomento e inspección da seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos, sen prexuízo do deber de cumprimento das exixencias regulamentarias en materia de seguridade industrial que corresponden ás persoas titulares de instalacións industriais e do seu control e verificación polos organismos de control. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional. En xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón do seu ámbito competencial e funcional pola dirección xeral.

2. De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A proposta de desenvolvemento normativo relativa á seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

b) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, dos órganos territoriais e unidades administrativas que dela dependan, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

c) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvolvidas polas unidades administrativas que dela dependen.

d) O establecemento e coordinación do marco funcional e de actuación relativo á planificación, á ordenación, ao fomento e á inspección en materia de seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos da Subdirección Xeral de Administración Industrial, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

f) A coordinación, impulso e seguimento das axudas públicas xestionadas polas unidades administrativas que dela dependen.

g) A proposta, coordinación e supervisión de actuacións para o estudo, a difusión e a promoción da seguridade industrial.

h) A coordinación e dirección das actuacións do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

i) A coordinación das actuacións relativas aos rexistros de entidades, empresas, instalacións e actividades incluídos no seu ámbito de competencias.

j) A coordinación do seguimento de resultados da planificación estratéxica no eido da seguridade industrial e avaliación dos indicadores das actuacións.

k) A aprobación de plans xerais de inspección industrial de carácter anual, sen prexuízo do deber de cumprimento das exixencias regulamentarias en materia de seguridade industrial que corresponden aos titulares de instalacións industriais e do seu control e verificación polos organismos de control.

3. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Administración Industrial disporá para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial.

Artigo 28. Servizo de Administración Industrial

O Servizo de Administración Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección e o seguimento das actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

b) A dirección e o seguimento das actuacións relativas á acreditación dos laboratorios de vehículos históricos e á catalogación dos vehículos como históricos.

c) A coordinación das actuacións relativas aos rexistros de entidades de formación, carnés e habilitacións profesionais, en materia de seguridade industrial.

d) A autorización, dirección e seguimento das actuacións dos centros técnicos que realizan intervencións sobre tacógrafos.

e) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos no seu ámbito de competencias.

f) A elaboración de iniciativas normativas no seu ámbito de competencias.

g) A promoción do desenvolvemento e a execución de actuacións de modernización e dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

h) A promoción e a execución de actuacións de modernización nas instalacións afectadas por regulamentos de seguridade industrial.

i) O exercicio das competencias administrativas en relación coas instalacións radioactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

j) A asignación de contrasinais de homologación para prototipos de vehículos de transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

k) A emisión de certificados para vehículos importados de transporte de mercadorías perecedoiras e perigosas.

l) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Artigo 29. Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial

1. O Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos no seu ámbito de competencias.

b) A elaboración de iniciativas normativas no seu ámbito de competencias.

c) A coordinación da xestión dos rexistros de empresas prestadoras de servizos no ámbito da seguridade industrial.

d) A coordinación da xestión dos rexistros de instalacións e actividades especiais afectadas por regulamentos de seguridade industrial.

e) A habilitación, coordinación e seguimento das actuacións dos organismos de control autorizados (OCA) e das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM).

f) A coordinación da xestión do Rexistro Industrial de Galicia.

g) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro de Control Metrolóxico.

h) A coordinación e o control das actuacións relativas á verificación de contadores de consumo de enerxía e de auga no seu ámbito de competencias.

i) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e campañas informativas en materia de seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

j) A proposta de programas de formación especializados dirixidos ao persoal técnico da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materia de seguridade industrial, metroloxía e metais preciosos.

k) A coordinación e programación da vixilancia do mercado no seu ámbito de competencias.

l) A elaboración e proposta dos plans de inspección en materia de seguridade industrial e de metroloxía.

m) A elaboración e proposta dos plans anuais de inspección en materia de seguridade industrial e metroloxía.

n) A elaboración e proposta, en coordinación cos órganos competentes en consumo e de seguridade cidadá, dos plans de vixilancia e inspección de obxectos fabricados con metais preciosos.

o) A inspección e o control das actuacións dos organismos autorizados de verificación metrolóxica, organismos de control metrolóxico e organismos notificados designados no ámbito da Comunidade Autónoma.

p) A asignación dos códigos dos precintos que usarán os distintos axentes implicados no control metrolóxico.

q) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2. O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Seguridade Industrial e exercerá competencias en materia de metroloxía e contrastación de metais preciosos, así como as que lle atribúa a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Este laboratorio constitúese como o soporte técnico do sector público autonómico en materia de metroloxía, e leva a cabo as súas actuacións mediante algún dos procedementos de colaboración indicados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Sección 5ª. Servizo de Ordenación e Coordinación

Artigo 30. Servizo de Ordenación e Coordinación

O Servizo de Ordenación e Coordinación, baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, exercerá as seguintes funcións:

a) O apoio á elaboración e tramitación de anteproxectos de normas xurídicas nos ámbitos competenciais da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a articulación e coordinación da participación nos procesos de elaboración de normas xurídicas de competencia doutras consellerías, da Administración estatal ou da Unión Europea relativas a/ou que incidan nos ámbitos competenciais da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

b) A coordinación da aplicación uniforme das normas xurídicas en materia de enerxía e minas polos diferentes órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, mediante a promoción da adopción e/ou difusión de criterios interpretativos, directrices ou instrucións, en particular, respecto da interpretación e aplicación da normativa técnica, a coordinación de grupos de traballo que debatan e fixen criterios técnicos.

c) O seguimento e coordinación da participación da Comunidade Autónoma nos procesos de elaboración da normativa técnica levados a cabo en órganos nacionais ou internacionais, entre outros medios, a través da coordinación dos interlocutores de referencia que participen nos distintos órganos e comités que interveñen na elaboración da citada normativa.

d) O apoio técnico-xurídico á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais nos ámbitos materiais da súa competencia e a coordinación de criterios e propostas de mellora respecto a aspectos procedimentais en relación cos diversos procedementos administrativos sectoriais.

e) A coordinación das relacións coa axencia Instituto Enerxético de Galicia, particularmente nos aspectos estratéxicos das políticas en materia de enerxía da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, así como a colaboración no deseño e desenvolvemento dos plans e programas na dita materia.

f) A coordinación, no ámbito da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, das relacións institucionais co Valedor do Pobo e co Defensor do Pobo, así como con outras institucións, sen prexuízo das competencias que correspondan á Secretaría Xeral Técnica ou a outros órganos.

g) A proposta e/ou coordinación de actividades e programas de formación especializados dirixidos especificamente ao persoal técnico da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais ou, en xeral, ao persoal da dita dirección.

h) A coordinación e evacuación de consultas sobre os seguimentos de avaliación ambiental das instalacións de que sexa competente para a súa autorización a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que sexan formuladas polos órganos ambientais competentes para a análise técnica dos expedientes de avaliación ambiental das referidas instalacións.

i) A coordinación e supervisión dos procedementos de acceso á información nos expedientes de que sexa competente para a súa autorización a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

j) Calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

CAPÍTULO IV

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Sección 1ª. Atribucións e estrutura

Artigo 31. Atribucións

Á Dirección Xeral de Comercio e Consumo corresponderalle a planificación, coordinación e control das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior e exterior, artesanía e consumo; a planificación e desenvolvemento das estruturas comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación; e, máis, a intervención en materia de prezos sobre os cales se deba pronunciar a Comisión de Prezos de Galicia.

Artigo 32. Estrutura

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Comercio.

1.1. Servizo de Ordenación.

1.2. Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Sección 2ª. Subdirección Xeral de Comercio

Artigo 33. Subdirección Xeral de Comercio

1. Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a Subdirección Xeral de Comercio terá atribuídas as funcións de promoción, coordinación, proposta normativa, control e execución das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior e exterior, en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Así mesmo, correspóndelle a esta subdirección xeral a actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

2. Á marxe das funcións que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a Subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 34. Servizo de Ordenación

O Servizo de Ordenación exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta da normativa relativa ao comercio interior e ás cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación.

b) A comprobación e vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia de comercio.

c) A reforma, coordinación e mellora das estruturas e dos procesos de distribución comercial.

d) A formación e asistencia técnica aos suxeitos da actividade comercial.

e) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

f) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

g) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e a elaboración das resolucións da Dirección Xeral de Comercio e Consumo no exercicio da tutela sobre as ditas corporacións, as cales esgotarán a vía administrativa.

h) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

i) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

j) A proposta da normativa relativa á artesanía.

k) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de artesanía.

l) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

m) Calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Artigo 35. Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía

O Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía exercerá as seguintes funcións:

a) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

b) A asistencia aos concellos en materia de establecementos e espazos comerciais.

c) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos produtos galegos no mercado interior. No mercado exterior exercerá esta función en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

d) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.

e) O exercicio das facultades que corresponden á Xunta de Galicia como titular das marcas de garantía Galicia Calidade e Comercio Rural Galego, directamente ou a través da sociedade anónima Galicia Calidade, S.A.

f) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

g) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

h) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

i) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.

j) A elaboración, execución e seguimento de estudos e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

k) O impulso para a mellora e modernización das estruturas e dos procesos de produción e distribución artesanal.

l) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

m) Calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

TÍTULO III

Órganos territoriais

Artigo 36. Atribucións

1. Para o exercicio das súas competencias, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competenciais da devandita Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e das atribucións de dirección e coordinación que este decreto de estrutura establece para cada un dos órganos superiores e de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Á fronte das xefaturas territoriais estarán os xefes e as xefas territoriais, das cales dependerán todos os servizos, unidades ou centros da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos superiores e de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos e unidades que a integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan ás persoas titulares das delegacións territoriais e aos correspondentes órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

j) A tramitación e resolución das reclamacións administrativas que correspondan.

k) A tramitación dos expedientes expropiatorios.

l) A tramitación e resolución das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución e resolución corresponda á xefatura territorial, en canto órganos periféricos competentes no ámbito funcional desta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

m) A resolución dos procedementos cuxa instrución e proposta corresponda aos servizos periféricos e que non estea atribuída expresamente a outro órgano superior ou de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

n) A supervisión, seguimento e control do cumprimento polas unidades administrativas periféricas das directrices que emanen, segundo a área funcional e competencial, dos correspondentes órganos superiores e de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

o) Cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación declarada, as persoas titulares das xefaturas territoriais serán substituídas polas persoas titulares das xefaturas de servizo, seguindo a orde de prelación establecida no número 1 do artigo 37.

Artigo 37. Estrutura

1. Para o exercicio das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Enerxía e Minas.

2. As xefaturas de servizo dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerza a persoa titular da xefatura territorial así como das funcións que a esta lle corresponden segundo o artigo 36, nomeadamente, en materia de xefatura inmediata do persoal, resolución e procedementos e supervisión, seguimento e control do cumprimento de directrices dos órganos superiores e de dirección.

A Secretaría Xeral Técnica poderá ditar instrucións sobre as materias de ámbito horizontal da consellería para a debida coordinación dos distintos servizos dos departamentos e un adecuado seguimento na execución orzamentaria, sen prexuízo das funcións que neste ámbito poidan corresponder ás persoas titulares das delegacións territoriais.

Artigo 38. Servizo de Administración Industrial

O Servizo de Administración Industrial exercerá as seguintes funcións:

a) A execución do plan de inspección en materia de seguridade industrial anual.

b) A inspección de instalacións e actividades sometidas a regulamentos de seguridade industrial.

c) A xestión dos rexistros de instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial, incluído o rexistro de instalacións de distribución o retallo de produtos petrolíferos líquidos de Galicia.

d) A xestión dos rexistros de actividades sometidas a regulamentos de seguridade industrial.

e) A emisión de informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos.

f) A vixilancia do mercado.

g) A capacitación profesional das persoas e das empresas instaladoras.

h) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

Artigo 39. Servizo de Enerxía e Minas

O Servizo de Enerxía e Minas exercerá as seguintes funcións:

a) A instrución dos procedementos de autorización de instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica e gas, así como a autorización daquelas da súa competencia.

b) As autorizacións de explotación das instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica e de gas, así como a inspección e supervisión do cumprimento das condicións técnicas e legais destas instalacións e a coordinación do seu funcionamento no seu ámbito territorial.

c) A xestión do rexistro de liñas eléctricas de distribución de baixa tensión.

d) A emisión dos informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos.

e) A inspección mineira e a xestión do dominio público mineiro no seu ámbito territorial. En particular, corresponderalle a instrución dos procedementos e a elaboración da proposta de resolución de outorgamento dos dereitos mineiros, autorización das súas modificacións, transmisións, renovacións ou prórrogas, declaración da caducidade e autorización de plans de restauración.

f) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

Artigo 40. Servizo da Xefatura Territorial de Pontevedra con sede en Vigo

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación contará na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, co Servizo de Coordinación Industrial, que exercerá funcións en todo o ámbito provincial baixo a dependencia orgánica da Xefatura Territorial de Pontevedra.

Disposición adicional primeira. Suplencia das persoas titulares de determinados órganos

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como de abstención ou recusación declarada, das persoas titulares das direccións xerais, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda. Referencias normativas a outros órganos

As referencias que a normativa vixente realiza aos órganos correspondentes nas materias recollidas no artigo 1 deste decreto, entenderanse efectuadas aos correspondentes órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Economía, Empresa e Innovación.

Disposición adicional terceira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa denominación varíe como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional cuarta. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de maneira activa a dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.

Disposición adicional quinta. Presencia equilibrada de mulleres e homes

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico no seu ámbito de competencias, atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Economía, Empresa e Innovación, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Organización respecto de postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo en subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Exceptúase a estrutura relativa á Vicesecretaría Xeral de Apoio á Empresa e aos servizos dependentes, cuxa vixencia queda demorada ata a aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e
conselleiro de Economía, Empresa e Innovación