Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2021 Páx. 1277

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2020/21 ou por unha situación derivada da COVID-19, teña dificultades económicas para continuar estudos (código de procedemento ED433A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda coa finalidade de cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, en prol da súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse ás cambiantes circunstancias do seu contorno socioeconómico.

A situación económica actual ven determinada pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 que está afectando con máis virulencia ás familias con menos recursos económicos. Por ese motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade considera prioritario atender, ao abeiro desta orde de carácter especial, as situacións excepcionais xurdidas pola COVID-19, ademais de seguir apoiando ao alumnado que ten unha urxente necesidade de recursos económicos motivado por causas sobrevidas e imprevistas que requiren dunha atención perentoria na obtención deses recursos. Tanto nunha como noutra situación non se pretende dar solucións plenas á problemática que poida presentar este alumnado, senón que poidan continuar cos seus estudos.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas destinadas ao alumnado matriculado en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, no curso académico 2020/21, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas durante o actual curso académico ou por unha situación derivada da COVID-19 que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos (código de procedemento ED433A).

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2021, cunha contía global de 500.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

1. Causas sobrevidas no curso académico 2020/21.

a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico: orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; condición de emigrante retornado; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).

b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2020/21. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021.

2. Causas xurdidas como consecuencia da COVID-19.

Que algún dos sustentadores principais da unidade familiar estean en situación de desemprego, en Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) ou en calquera outra situación que supoña unha merma económica ou laboral como consecuencia directa da COVID-19.

3. Requisitos de carácter xeral.

a) Estar matriculado, no curso académico 2020/21, como mínimo en 50 créditos, incluídos os créditos recoñecidos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá de estar matriculado como mínimo de 30 créditos, incluídos tamén os créditos recoñecidos.

b) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2021 multiplicada por 1,50.

c) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas directamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. Prazo de presentación das solicitudes:

– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

– Se a causa xurde como consecuencia da COVID-19 e é anterior á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2021, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).

– Se a causa xurde como consecuencia da COVID-19 con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2021, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

b) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas para a consulta de datos dos membros da unidade familiar distintos da persoa solicitante.

c) Xustificación da causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico en que fundamenta a petición da axuda para o cal presentará todos os documentos que a proben.

d) Xustificación da causa xurdida como consecuencia da COVID-19 en que fundamenta a petición da axuda para o cal presentará todos os documentos que a proben.

e) Informe do/a traballador/a social do concello en que estea empadroada a persoa solicitante que recolla a causa no que se fundamenta a solicitude, así como a situación socioeconómica da unidade familiar, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

f) Certificado de convivencia emitido polo concello de todas as persoas que compoñan a unidade familiar que residan coa persoa solicitante no domicilio habitual actualizado á data da publicación desta orde.

g) Documentación acreditativa (nóminas, certificacións bancarias, etc) dos ingresos ou rendas da unidade familiar durante o ano 2020 e dos ingresos ou rendas mensuais de cada membro computable da unidade familiar durante o ano 2021.

h) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá de presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e dos demais membros computables da unidade familiar maiores de idade.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar de prestacións de desemprego percibidas nun período.

d) Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar de prestacións de desemprego percibidas a data actual.

e) Certificado do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que indique se a persoa solicitante e os demais membros computables da unidade familiar son ou foron perceptores de pensións/prestacións do sistema da Seguridade Social, indicando, se procede, a contía actualmente recoñecida, así como aquelas percibidas desde o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de emisión da certificación, sempre que entre esta data e a de presentación da solicitude da axuda non medie máis dun mes.

f) Documento emitido pola universidade correspondente no que deberá constar o número de créditos en que estea matriculada no curso académico 2020/21, se son os últimos para rematar o grao, se ten recoñecida unha redución de créditos para adaptación curricular por incapacidade e, se é beneficiaria da bolsa matrícula e doutros compoñentes da bolsa do Ministerio de Educación e Formación Profesional 2020/21.

g) Informe de vida laboral dos últimos doce meses de cada membro computable da unidade familiar.

h) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Instrución do procedemento

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e, tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, se non estivese debidamente cuberta a solicitude ou non se presentase a documentación esixida, requirirase á persoa interesada para que no prazo de dez días poida emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 9. Criterios de avaliación e contía da axuda

1. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar á data de presentación da solicitude, considérase que:

a) Conforman a unidade familiar:

– A persoa solicitante.

– Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor.

– Os/as irmáns/ás solteiros/as menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar ou os maiores de idade cando se trate de persoas con discapacidade.

– Os ascendentes que convivan no domicilio familiar.

– No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, consideraranse membros computables a persoa solicitante e o seu cónxuxe, a súa parella, rexistrada ou non, unida por análoga relación. Tamén serán membros computables os fillos, se os houber, e convivan no mesmo domicilio.

b) Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes e ascendentes que convivan con eles.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda.

e) No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

f) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá probar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia. Se os ingresos acreditados resultan inferiores aos gastos soportados considerados indispensables (vivenda, manutención etc.), entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda para os efectos desta axuda, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia aos cales se refire este artigo.

2. Para os efectos previstos nesta orde deducirase da renda familiar o 50 % dos ingresos aportados por calquera membro computable da familia distinto dos sustentadores principais.

3. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante a comisión avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 5.000 €

2.750 euros

De 5.001 € a 5.700 €

2.250 euros

De 5.701 € a 6400 €

1.750 euros

De 6.401 € ao importe da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2021 multiplicada por 1,5

1.500 euros

4. O reparto da axuda efectuarase en función dos anteriores criterios ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, no seu caso.

Artigo 10. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

2. A comisión avaliadora reunirase polo menos cada dous meses e elevará o correspondente informe-proposta das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 6 para a súa resolución.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución

1. As resolucións, serán notificadas ás persoas interesadas de acordo co establecido na lei e, estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación da persoa solicitante, o importe e condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas teña entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución ditada ao abeiro desta orde pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 13. Pagamento

1. Segundo o disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle ás persoas beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda segundo as contías determinadas no artigo 9 desta orde, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, e a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Seguir durante o curso académico os estudos en que se estea matriculada.

b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 15. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son compatibles coa bolsa de matrícula de estudos universitarios outorgadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional para o curso académico 2020/21 e co compoñente da variable mínima e incompatibles co resto dos compoñentes desa bolsa.

Tamén son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial pola persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos esixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

5. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Información sobre a xestión de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas bolsas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso -administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, de 18 de decembro do 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file