Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1623

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

BDNS (Identif.): 543550.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 para a que se solicitan as axudas cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a escola infantil para a que se solicitan as axudas estea aplicando no curso 2020/21 un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social coa finalidade de consolidar a oferta existente e ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral en que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias (código de procedemento BS420A).

Estas axudas, dirixidas ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e á mellora da súa calidade, constan de dúas liñas: a liña 1 financiará gastos de mantemento destes centros e a liña 2 compensaralles pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa de segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar e pola gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas por quen reúnan a dita condición para o curso 2021/22.

O período subvencionable en ambas as dúas liñas é o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022.

2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario. Así mesmo, os nenos e nenas deben ter a súa residencia en Galicia e entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 7.510.934 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3 coa seguinte desagregación:

Código proxecto

Ano 2021

Ano 2022

Total

2015-00477

4.491.904€

2.863.575 €

7.355.479 €

2020-00082

95.000 €

60.455 €

155.455 €

Total

4.586.904

2.924.030

7.510.934 €

2. De conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Tipos de axuda e contías

1. A convocatoria comprende unha liña 1 destinada a axudas para gastos de mantemento e unha liña 2, destinada á compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e da gratuidade da matrícula.

2. A liña 1 referida a axudas para gastos de mantemento ten como finalidade compensar os gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de xaneiro de 2021 ao 31 de agosto de 2022 nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal, sempre que os seus importes non excedan os salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil.

b) Gastos de alimentación.

c) Outros gastos xerais de mantemento do centro.

A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 autorizadas que estean en funcionamento na data na que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor, segundo os seguintes módulos para os efectos do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e máis nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo
de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía total por unidade en funcionamento

21.532 €

20.558 €

19.572 €

17.382 €

As contías previstas para os centros con servizo de comedor incrementaranse un 2,25 % no suposto de que se acredite o uso cotián de alimentos de proximidade, producidos ou elaborados na contorna local na prestación do dito servizo, entendendo que cumpren esta condición os que proceden de cadeas de distribución curtas e de mercados locais.

3. A liña 2 destinada a compensar a estes centros pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e pola gratuidade da matrícula, para os segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar.

As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa estableceranse en función do número de prazas efectivamente ocupadas e terán unha contía equivalente á do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia nunha praza pública segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

A gratuidade da matrícula do curso 2021/22 compensarase cunha axuda de ata un máximo de 100 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do da inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social