Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 1932

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR443A).

Coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das vantaxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos, como o clima, as enfermidades e outros, o Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

En aplicación do dito decreto, tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, as recomendacións da Comisión Europea, en canto a contías máximas de subvención por tipos de seguros e coberturas, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Real decreto 425/2016, do 11 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións da Administración xeral do Estado ao seguro agrario, e o cuadraxésimo segundo Plan de seguros agrarios combinados (Plan 2021), cómpre regular, mediante esta orde, determinados aspectos das axudas para fomentar a contratación de seguros agrarios durante o ano 2021.

Conforme o previsto no artigo quinto do título II da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios elabora o Plan de seguros agrarios combinados (Plan 2021), que cumpre co establecido nas directrices da Unión Europea aplicables ás axudas estatais nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais de 2014 a 2020 (2014/C 204/01) e tendo sido recoñecido como compatible co mercado interior comunitario en virtude das decisións da Comisión Europea do 9 de abril de 2015 e do 28 de agosto de 2015 (Axuda nº SA.42697 (2015/N)). A concesión de subvencións para contratar pólizas de seguros acuícolas cumpre co establecido no Regulamento (UE) nº 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e a acuicultura, compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

A disposición adicional segunda da Lei 87/1978, do 28 de decembro, na redacción introducida pola disposición derradeira terceira da Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria, dispón que as achegas do Estado ao importe global das primas que teñen que satisfacer os agricultores se concederán de forma directa aos agricultores, tal e como establece o artigo 22.2.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O cuadraxésimo segundo Plan de seguros agrarios combinados, aprobado pola Comisión Xeral da Entidade Estatal de Seguros Agrarios con data do 23 de novembro de 2020, establece as distintas porcentaxes de subvención que corresponden á Administración do Estado, que achegará a propia Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), e que se aplicarán nos diferentes grupos de liñas de seguro. No Plan, así mesmo, fíxanse os criterios para a asignación das subvencións, os estudos de viabilidade e condicións de cobertura, as novas liñas de seguro ou garantías adicionais que se poden incorporar como novidades, a elaboración e a revisión das normas de peritación, as datas de subscrición e os prazos de elaboración de cada seguro, así como outras cuestións relacionadas co Plan.

Mediante esta orde, e en desenvolvemento do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia participará nas subvencións que financien as pólizas de seguro que se prevexan no cuadraxésimo segundo Plan anual de seguros agrarios e na liquidación de plans anteriores, dentro do marco do referido Plan (Anexo. Punto décimo) e do establecido no artigo 20.1. do Real decreto 425/2016, do 11 de novembro, co fin de fomentar a contratación de seguros agrarios.

As liñas de actuación estarán orientadas á consecución dos obxectivos seguintes:

1. Avanzar no desenvolvemento do sistema de seguros agrarios para proporcionar aos produtores agrarios unha ferramenta de xestión de riscos a un custo axeitado.

2. Establecer os criterios de asignación de subvencións, optimizando os recursos e facilitando a súa aplicación, xestión e control.

3. Fomentar o deseño de liñas de seguro renovables para mellorar a implantación do seguro e a súa universalización.

O Plan 2021 incluirá a totalidade das liñas de seguros que se recollen nos anexos I, II e III, así como as seguintes garantías:

– Continuarase atendendo á revisión das coberturas das diferentes liñas de seguro para favorecer a súa adaptación ás condicións reais do cultivo, ás características do risco, ao destino das producións, ao tamaño e estrutura da explotación, ás técnicas de prevención do risco e aos resultados actuais do aseguramento.

– Tendo en conta o anterior, os anexos I, II e III recollen, para cada liña de seguro, a relación das producións asegurables que definen as liñas de aseguramento que integran o cuadraxésimo segundo Plan de seguros agrarios combinados, sen prexuízo de que, froito da análise específica de cada liña de seguro, poida darse cobertura a novas producións e garantías.

– Para as liñas de aseguramento agrícolas, contidas no punto 1 do anexo I, os riscos asegurables (variables en función da produción, o ámbito e o módulo de aseguramento) son: sarabia, xeada, neve, choiva, inundación, vento, incendio, fauna, non nacenza, falta de callado, virose, golpe de calor, baleirado en sandía, necrose apical en tomate e resto de adversidades meteorolóxicas. Así mesmo, na liña de seguro para organizacións de produtores e cooperativas é asegurable o prexuízo económico que representa facer fronte aos custos fixos dos bens asegurables cando se produciu unha diminución de entrada de produción na organización ou cooperativa por riscos asegurados. Para as instalacións quedan cubertos a totalidade de riscos meteorolóxicos e o incendio.

– Para as liñas de aseguramento gandeiras contidas no punto 2 do anexo I, os riscos asegurables (variables en función da especie animal, o réxime de manexo e as garantías opcionais elixidas) son: adversidades meteorolóxicas (incendios, inundacións, raios, seca, golpe de calor, vento tempestuoso, choiva torrencial, neve, etc.), ataque de animais salvaxes ou cans asilvestrados, accidentes, morte masiva, período improdutivo por morte masiva, mortalidade por diversas causas, principais enfermidades obxecto de control oficial que afectan cada especie (como febre aftosa, EEB, tremedeira, peste equina, febre do Nilo occidental, peste porcina clásica, enfermidade de Aujeszky, influenza aviaria, enfermidade de Newcastle, salmonela, etc.), así como outras enfermidades non epizoóticas (carbúnculo, síndrome respiratoria bovina, actinomicose e actinobacilose, mamite, meteorismo, etc.), intoxicacións, saneamento gandeiro oficial, perda de pastos e gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos na explotación.

– Para as liñas de aseguramento de producións acuícolas contidas no anexo II, os riscos asegurables (variables en función da liña, especie e as garantías opcionais elixidas) son: contaminación química e blooms ou proliferación de microorganismos, marea negra, marea vermella, temporal, impacto de embarcacións e elementos á deriva, raio, incendio, explosión, vento tempestuoso, variacións excepcionais de temperatura, enfermidades, inundación, avenida ou riada.

Ademais, proseguirase coas actuacións que se veñen desenvolvendo para o perfeccionamento técnico das diferentes liñas de aseguramento, traballando especialmente en consolidar e completar os procesos de deseño das liñas, favorecendo a súa adaptación ás condicións reais do cultivo, ás características do risco, ao destino das producións, ao tamaño e estrutura da explotación, ás técnicas de prevención do risco e aos resultados actuais do aseguramento, prestando especial atención aos seguintes aspectos:

a) Actualizar as bases de datos de rendementos das liñas de seguros que o requiran.

b) Avanzar no desenvolvemento da modalidade de aseguramento renovable como contribución á simplificación do proceso de contratación e á fidelización dos produtores.

c) Perfeccionar a cobertura de ataques de animais salvaxes ao gando extensivo.

d) Novas coberturas para ovino e caprino de aptitude láctea.

e) Revisar a caracterización das instalacións nas liñas avícolas para a súa adecuación á realidade produtiva das explotacións.

f) Estudar a modificación do seguro de explotación de gando vacún de cebo, mediante a súa adecuación aos diferentes modelos produtivos existentes actualmente no sector.

No ano 2021 recibirán subvención, por parte da Consellería do Medio Rural, as liñas de seguros indicadas nos anexos.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2021 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

Para efectos informativos, este procedemento figura na Guía de procedementos e servizos co Código de procedemento administrativo MR443A.

2. Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, a Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores, tal como establece o artigo 22.2.b) da Lei 38/2003, do 17 novembro, xeral de subvencións, así como o artigo 19.4 b) da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas en 2021, incluíndo as regularizacións destas liñas de plans anteriores, sempre que cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde, segundo se desprende do artigo 20.1 do Real decreto 425/2016, así como do punto décimo do cuadraxésimo segundo Plan de seguros agrarios combinados aprobado pola Comisión Xeral da Entidade Estatal de Seguros Agrarios con data do 23 de novembro de 2020 e da disposición adicional primeira desta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.

3. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.

Para os efectos de identificar as grandes empresas, terase en conta a definición de pequena e mediana empresa contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

4. As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que, de acordo co artigo 2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, teñan a consideración de administracións públicas.

Artigo 2. Entidades aseguradoras autorizadas

1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, e demais normativa de desenvolvemento.

2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.

Artigo 3. Liñas de seguros subvencionables e contía das axudas

1. Para o ano 2021 a subvención da Consellería do Medio Rural para todas as liñas de contratación establecidas nos anexos I e II que se xuntan a esta orde, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas, segundo se indica nos ditos anexos.

Para as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros, coas características admitidas pola Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, establécese unha subvención adicional do 4 % nas liñas agrícolas e gandeiras (anexo I).

2. A concorrencia das axudas das administracións públicas non superará as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais, acontecementos de carácter excepcional, fenómenos meteorolóxicos adversos asimilables a desastres naturais, enfermidades animais, pragas vexetais e retirada e destrución de gando morto. Para asegurar o cumprimento desta normativa, as subvencións terán os seguintes límites:

a) A subvención conxunta entre Enesa e a Consellería do Medio Rural non poderá exceder os límites xenéricos seguintes:

1º. Para as liñas de seguros agrícolas establécese un límite do 65 % do recibo de prima.

2º. Para as liñas de seguros de explotacións gandeiras e acuícolas establécese un límite do 65 % do recibo de prima.

b) No caso dos seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións, a subvención conxunta entre Enesa e a Consellería do Medio Rural non poderá exceder o límite xenérico do 80 % do recibo de prima.

3. Para o cálculo do importe definitivo de subvención, ás cantidades que resulten de aplicar as porcentaxes do número 1 e os límites impostos no número 2 deste artigo restaráselles a cantidade de 15 euros. Non se concederá ningunha subvención a aquelas solicitudes en que este cálculo resulte igual ou inferior a esta cantidade.

Artigo 4. Procedemento e prazos de execución

1. A formalización da correspondente póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a persoa asegurada achegue previamente toda a información esencial para que a dita formalización sexa efectiva, así como a documentación xustificativa requirida no momento da contratación e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».

O asegurado poderá renunciar á subvención prevista para o contrato de seguro. Para iso, deberá consignalo na póliza no momento da contratación.

2. A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de que non foi obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.

En aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel. Para iso, segundo se recolle nos artigos 16 e 17.4 e no anexo III do Real decreto 425/2016, do 11 de novembro, e no artigo 7.3. desta orde, a Consellería do Medio Rural subscribiu un convenio de colaboración con Enesa, con data do 22 de decembro de 2017, para o intercambio da información da Base de datos de control integral de acceso a subvencións (CIAS). Este convenio, tal como queda recollido na súa cláusula quinta, terá unha duración de catro anos, e ser prorrogado, logo de acordo unánime de ambas as partes, por un período de catro anos máis.

3. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade «renovable», terá a consideración de solicitude de subvención a póliza de seguro inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro, conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste sentido, presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da aceptación das condicións do seguro e de reunir os requisitos para a percepción das subvencións correspondentes.

4. As datas de inicio e o prazo de subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no Plan anual para o ano 2021, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas de seguro de que se trate.

5. O importe da axuda que corresponda á Consellería do Medio Rural deducirase do importe da prima que aboen o tomador ou o asegurado no momento da subscrición da póliza. As cantidades así descontadas pagarallas a Consellería a Agroseguro contra as certificacións de liquidacións, que terán o dobre carácter de provisional e de definitiva, sempre de acordo co procedemento establecido no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a Consellería e Agroseguro.

6. No dito convenio establécense os prazos e a documentación que Agroseguro deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectuar as comprobacións oportunas para a resolución por parte da Consellería do Medio Rural, antes de realizar os correspondentes pagamentos da axuda a Agroseguro.

7. O órgano competente para a tramitación do procedemento de concesión das subvencións será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

8. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias, unha vez efectuadas as comprobacións necesarias das certificacións de liquidacións presentadas por Agroseguro, a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de disposición de gasto e proposta de pagamento, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo máximo de cinco meses contados desde a presentación da solicitude.

Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

9. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o/a conselleiro/a do Medio Rural. Se o acto for expreso, o prazo para presentar o recurso de reposición será dun mes. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. En calquera caso, as resolucións poderán ser impugnadas directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios e tomadores dos seguros

1. Os tomadores dos seguros e, de ser o caso, os asegurados beneficiarios achegarán unha lista resumo das pólizas subscritas, así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, sempre que así lles sexa exixida expresamente pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Así mesmo, aqueles terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

2. Na formalización do seguro, os beneficiarios das axudas farán constar as axudas solicitadas ou concedidas polas distintas administracións públicas competentes para a mesma finalidade.

3. O incumprimento das obrigas sinaladas nos dous puntos anteriores poderá supor a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideren incorrer os beneficiarios ou perceptores.

4. Os asegurados, polo feito de contrataren a póliza do seguro agrario, autorizan a Consellería do Medio Rural para que, en caso necesario, e co obxecto de verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde, poida solicitar a cesión de información a outras administracións, por medios informáticos ou telemáticos, sobre a circunstancia de estaren ou non ao día nas súas obrigas tributarias, así como calquera outra información que permita certificar o cumprimento dos requisitos exixidos para a obtención das subvencións reguladas nesta orde.

5. A formalización da póliza constitúe unha autorización para poder obter de Agroseguro a información sobre os sinistros acontecidos nas explotacións aseguradas e outros datos relevantes sobre a xestión da póliza, segundo se fai constar no documento de aseguramento que se asina para a súa formalización.

6. Nos seguros de gando, no caso de cesar a actividade para a cal se subscribise o seguro antes de rematar o prazo de garantías, é obrigatorio comunicar á compañía aseguradora a fin da actividade co fin de que, se é o caso, a Consellería do Medio Rural poida recuperar a parte de subvención non empregada.

Artigo 6. Modificación da resolución de concesión e infraccións administrativas

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 7. Control das axudas

1. A Consellería do Medio Rural establecerá os controis administrativos e de campo precisos para asegurar que se cumpren os requisitos establecidos nesta orde.

2. Para os efectos do control das subvencións reguladas nesta orde, o tomador do seguro, no caso de pólizas de contratación colectiva, ou o asegurado, no caso de pólizas individuais, serán responsables das infraccións administrativas en materia de subvencións e estarán suxeitos ás sancións reguladas ao respecto, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Con obxecto de mellorar o sistema de control de subvencións, de acordo cos artigos 16 e 17.4 e o anexo III do Real decreto 425/2016, do 11 de novembro, a Consellería do Medio Rural subscribiu un convenio de colaboración con Enesa, tal como se recolle no artigo 4.2. desta orde, para o intercambio de información, relativa ás pólizas contratadas, da Base de datos de control integral de acceso a subvencións (CIAS).

Artigo 8. Reintegro das axudas

No caso de pagamentos indebidos, así como nos demais casos determinados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios ou perceptores das axudas quedarán obrigados ao reembolso do importe indebidamente percibido, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, sen prexuízo doutras responsabilidades que procederen segundo os artigos 37, 38, 39 e 40 da dita lei.

Artigo 9. Financiamento

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe total de 6.000.000,00 euros, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias na aplicación 2021 14 04 712B 7720, proxecto orzamentario 2009.00695.

2. Esta convocatoria tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, e ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Disposición adicional primeira. Normativa de aplicación

No non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o regulamento da dita lei, e no Real decreto 425/2016, do 11 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións da Administración xeral do Estado ao seguro agrario, así como no Plan 2021 de seguros agrarios combinados.

Disposición adicional segunda. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional terceira. Publicidade na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións (BDNS) e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas, en desenvolvemento das previsións contidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, dando resposta aos requirimentos de información establecidos pola Unión Europea en materia de axudas de Estado, transmitirase á propia BDNS a información requirida por esta.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Porcentaxes de subvención. Bases aplicables

1. Seguros de producións agrícolas.

Establécese unha subvención do 22 % sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas, para todas as producións agrícolas.

Liñas de seguro

Producións asegurables

Data inicio subscrición

Explotacións de cereixa

Cereixa

1 de xaneiro

Organizacións de produtores e cooperativas

Cereixa, cítricos, cultivos herbáceos extensivos, caqui, amorodo grande e outros froitos vermellos, froiteiras, froitos secos, hortalizas, olivas, mespereira e outras froiteiras, plátano, producións tropicais e subtropicais, uva de mesa, uva de vinificación e tabaco

1 de xaneiro

Explotacións de hortalizas ao aire libre, de ciclo primavera-verán

Chicoria de raíz, alticoz, berenxena, cabaciña, cabaza, calçot, cebola, ceboliña, charouvía, chufa, feixón verde, melón, melón amargo, nabo, cogombro, cogombro novo, pemento, porro, ravo, remolacha de mesa, sandía, tomate e cenoria

15 de xaneiro

Explotacións hortícolas en ciclos sucesivos

Acelga, chicoria de folla verde, apio, baby leaf, verza, bimi, borraxe, brócoli, coles de Bruxelas, col-repolo, coliflor, escarola, espinaca, grelos, fiúncho, hortalizas orientais, kale, leituga e romanesco e aromáticas culinarias

15 de xaneiro

Explotacións de cultivos industriais no téxtiles

Durmideira, alcaparra, aloe vera, anís, azafrán, cana de azucre, lavanda, lavandín, lúpulo, menta, vimbio, quinoa, regalicia, remolacha azucreira, resto de aromáticas, resto culinarias, resto de medicinais e tabaco

1 de febreiro

Explotacións de cultivos industriais téxtiles

Algodón, cánabo téxtil e liño téxtil

1 de febreiro

Explotacións de planta viva, flor cortada, viveiros e sementes

Planta viva; flor cortada; viveiros de: vide, cítricos, froiteiras tropicais e subtropicais, froiteiros de froito seco, resto de froiteiras, amorodo e amorodo grande, oliveiral, plantas aromáticas, resto de especies e resto de viveiros; produción de sementes hortícolas

1 de febreiro

Explotacións de multicultivo de hortalizas

Todas as hortalizas

1 de marzo

Explotacións de cítricos

Laranxa, mandarina, limón, lima e pomelo

1 de abril

Explotacións hortícolas baixo cuberta

Todas as producións hortícolas

1 de xuño

Explotación de amorodo grande e outros froitos vermellos

Arando, framboesa, amorodo, amorodo grande, grosella e amora

1 de xuño

Explotacións de hortalizas ao aire libre, de ciclo outono-inverno

Faba verde, chícharo verde, alcachofa, cardo, espárrago, allo tenro, pataca, batata, boniato

1 de xuño

Explotacións de nespereira e outras froiteiras

Kiwi, néspereira, abruñeiro, milgrandeira, figueira, castiñeiro, azofeifeira e marmeleiro

1 de setembro

Explotacións de froitos secos

Amendoeira, abeleira, alfarrobeira, nogueira, nogueira pacana e pistacho

1 de setembro

Explotacións de cultivos herbáceos extensivos

Cereais de inverno, cereais de primavera, arroz, leguminosas gran, oleaxinosas e palla de cereais de inverno

1 de setembro

Explotacións olivareiras

Oliva

1 de setembro

Seguro base (SB) con garantías adicionais (GA) para uva de vinificación en Península

Uva de vinificación

1 de outubro

Explotacións de caqui

Caqui

1 de novembro

Explotacións froiteiras

Albaricoque, ameixa, mazá, mazá de sidra, melocotón e pera

1 de decembro

Explotacións de cultivos forraxeiros

Cultivos forraxeiros, palla de cereais de inverno e pastos aproveitables a dente e sementes forraxeiras

15 de novembro

Explotacións de cultivos agroenerxéticos

Cultivos anuais ou plurianuais destinados á produción de biocombustibles sólidos lignocelulósicos para a produción de enerxía

15 de novembo

2. Seguros de producións gandeiras: seguros de explotación.

Establécese unha subvención do 16 % sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas.

Liñas de seguro

Data inicio subscrición

Seguro de explotación de gando vacún de reprodución e produción

1 de xuño

Seguro de explotación de gando vacún de cebo

1 de xuño

Seguro de explotación de gando vacún de lida

1 de xuño

Seguro de explotación de gando ovino e caprino

1 de xuño

Seguro de explotación de gando equino

1 de xuño

Seguro de explotación de gando aviar de carne

1 de xuño

Seguro de explotación de gando aviar de posta

1 de xuño

Seguro de explotación de gando porcino

1 de xuño

Tarifa xeral gandeira

1 de xuño

Seguro de compensación por perda de pastos

1 de xullo

Seguro de explotación de apicultura

1 de outubro

ANEXO II

Porcentaxes de subvención única por póliza

(Seguros de producións acuícolas)

Establécese unha subvención única por póliza do 16 % sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas.

Liñas de seguro

Data inicio subscrición

Seguro de acuicultura continental

1 de xuño

ANEXO III

Subvención única por especie

(Seguro de retirada e destrución de animais mortos na explotación)

Liñas de seguro

Produción asegurable

Data inicio subscrición

Subv. CA Galicia (%)

Seguro para a cobertura dos gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos na explotación

Bovina, ovina e caprina, porcina, aviar, equina, piscícola e acuícola, cérvidos e camélidos

1 de xuño

28

Cunícola

1 de xuño

40