Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 1862

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 236/2020, do 29 de decembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Reformulación do proxecto Itinerario peonil e ciclista na AC-214, Sigrás, puntos quilométricos 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06, no concello de Cambre (A Coruña).

Antecedentes:

Primeiro. O día 28 de agosto de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 174) o Anuncio do 11 de agosto de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Reformulación do proxecto Itinerario peonil e ciclista na AC-214, Sigrás, puntos quilométricos 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 14 de decembro de 2020 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción denominado Reformulación do proxecto Itinerario peonil e ciclista na AC-214, Sigrás, puntos quilométricos 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06.

O presente proxecto ten por obxecto un treito de senda dunha lonxitude de 720 metros, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

Dado que xa existe unha senda pola marxe dereita da AC-214 dentro do ámbito deste proxecto, deseñáronse dúas actuacións diferentes:

• Desde o punto quilométrico 8+560 ao 8+860 levarase a cabo unha renovación superficial da calzada existente, mediante o fresado e posterior reposición dunha capa de mestura betuminosa.

• Desde o punto quilométrico 8+860 ao 9+280 executarase unha ampliación da sección tipo da calzada e a prolongación da senda existente ata a intersección da AC-214 coa N-550 mediante a construción dunha nova senda para o tránsito peonil e ciclista que dea continuidade á existente.

Outras actuacións complementarias: execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paraxes de bus.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Reformulación do proxecto Itinerario peonil e ciclista na AC-214, Sigrás, puntos quilométricos 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade