Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 2221

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Brión

ANUNCIO de apertura de información pública da aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Brión.

Aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación en sesión ordinaria celebrada o día 16 de decembro de 2020 a modificación puntual do Plan xeral de Brión no ámbito do solo urbano cualificado baixo as ordenanzas UC1 e UC2 nos termos que constan no expediente, segundo o proxecto redactado polo arquitecto Francisco Javier Amenedo Ansede, ábrese un período de información pública durante un mes, ao abeiro do disposto no artigo 18 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, mediante anuncio no taboleiro de edictos do concello, no Diario Oficial de Galicia e, ademais, nun dos xornais de maior difusión na provincia da Coruña.

Durante o devandito período quedará o expediente, con todos os documentos que integran o Plan xeral, á disposición de calquera que queira examinalo para que se presenten as alegacións que se consideren pertinentes. Así mesmo, estará dispoñible na sede electrónica deste concello, no enderezo: www.concellodebrion.gal.

Suspéndese o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto do plan cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

A duración da suspensión é de dous anos contados desde a aprobación inicial, e extínguense, en todo caso, coa aprobación definitiva da modificación do plan.

Brión, 21 de decembro de 2020

Pablo Lago Sanmartín
Alcalde