Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2021 Páx. 2244

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.

Exposición de motivos

I

Galicia posúe unha incomparable rede fluvial e uns recursos ictícolas de excepcional valor ambiental, que constitúen non só uns dos principais sinais de identidade da nosa comunidade autónoma, senón que ademais son fonte de desenvolvemento turístico, económico e social do medio rural galego.

Porén, este patrimonio natural estase a ver ameazado nas últimas décadas por problemas tales como o cambio climático, as secas, a contaminación, o furtivismo e a introdución de especies exóticas invasoras; cuestións estas que tamén teñen incidencia directa na actividade da pesca continental, posto que implican unha mingua dos recursos piscícolas pescables.

Pola súa parte, a propia actividade da pesca continental tamén veu sufrindo unha importante evolución ao longo dos anos, ao pasarmos da súa consideración inicial como fonte de alimentación ata a súa concepción actual como actividade recreativa e deportiva, de acordo coa maior concienciación social da necesidade de protexer o ambiente e os recursos naturais que o integran.

Todo isto obriga á definición de novas estratexias de xestión que garantan que a súa práctica sexa compatible de cara ás xeracións futuras cun aproveitamento que se sosteña no tempo e coa protección do ambiente.

Sobre a base destas consideracións, resulta necesaria unha actualización e modernización da regulación da pesca continental na nosa comunidade autónoma, partindo da experiencia acumulada ao longo dos máis de vinte e seis anos de vixencia da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, mediante o establecemento das previsións necesarias para avanzar ata unha pesca continental máis sustentable, e que ademais promovan o achegamento da nosa mocidade ao medio natural, para garantir o relevo xeracional no exercicio da pesca.

No que atinxe a distribución de competencias na materia, esta lei dítase ao abeiro das competencias exclusivas autonómicas en materia de pesca nas rías e nas demais augas interiores e mais de pesca fluvial e lacustre, establecidas no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril. Son, así mesmo, títulos competenciais autonómicos con incidencia na materia regulada as competencias exclusivas autonómicas en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade, de promoción do deporte e da axeitada utilización do ocio e para o establecemento de normas adicionais de protección do ambiente, previstas no artigo 27, alíneas 21, 22 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O exercicio destas competencias efectúase dentro do necesario respecto ás competencias estatais con incidencia na dita materia, dado o carácter transversal desta, entre as cales convén salientar as relativas á lexislación, a ordenación e a concesión de recursos e os aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha comunidade autónoma e ao establecemento da lexislación básica sobre protección do ambiente (artigo 149.1.22ª e 23ª da Constitución española).

Consonte o artigo 37, alínea a), da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, procede sinalar que esta norma se axusta aos principios de necesidade e de eficacia, dado que o dereito ao exercicio da pesca continental e o ordenado aproveitamento dos recursos piscícolas se configuran como razóns de interese real e como os fins que motivan esta disposición de rango legal; aos principios de proporcionalidade, de seguridade xurídica e de simplicidade, ao establecer os contidos necesarios para regular o exercicio da pesca continental, sen resultar excesiva ou deficitaria na súa regulación, e ao establecer así mesmo un marco xurídico claro e de doada comprensión para as persoas destinatarias desta disposición, ao tempo que acorde coa normativa europea e estatal de carácter básico na materia, e aos principios de transparencia e de accesibilidade, ao garantir no seu articulado os dereitos do público en xeral a acceder a toda a información documental e gráfica de que dispoña a administración nesta materia obxecto de regulación.

A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior; a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, deseñaron un sistema que elimina regulacións innecesarias, establece procedementos máis áxiles e minimiza as cargas administrativas, co fin de fomentar e impulsar o emprendemento e a iniciativa dos operadores económicos. Non obstante, esas pretensións non poden descoñecer as especificidades de seu do exercicio da pesca continental, en especial atendendo a necesidade de fomentar o aproveitamento ordenado dos recursos piscícolas. A exixencia de licenzas, permisos, concesións e autorizacións que se recollen nesta lei respectan as ditas previsións normativas, na medida en que a súa exixibilidade responde á razón imperiosa de interese xeral consistente na protección do ambiente e se circunscribe aos supostos en que a devandita protección non se pode conseguir mediante a presentación dunha declaración responsable ou dunha comunicación previa.

II

Esta lei consta de oitenta e oito artigos, divididos en sete títulos, catro disposicións adicionais, seis disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, catro disposicións derradeiras e dous anexos. As rúbricas dos títulos fan referencia a «Disposicións xerais» (título preliminar, artigos 1 ao 15), «Aproveitamentos» (título I, artigos 16 ao 36), «Planificación e ordenación piscícola» (título II, artigos 37 ao 58), «Conservación e fomento da riqueza piscícola» (título III, artigos 59 ao 63), «Pesca profesional en augas continentais» (título IV, artigo 64), «Pesca continental de carácter etnográfico» (título V, artigo 65) e «Inspección e réxime sancionador» (título VI, artigos 66 ao 88).

O título preliminar (artigos 1 ao 15) está composto por cinco capítulos e establece, en primeiro lugar, o obxecto, o ámbito de aplicación da lei e os principios xerais, así como recoñece o dereito a pescar. Polo que se refire ao obxecto, dáselle continuidade ao disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Con respecto ao ámbito territorial de aplicación desta lei, unha particularidade que se debe ter en conta é que a gran maioría dos ríos galegos, e sobre todo os de certa entidade, desembocan nas rías, polo que existe, nos tramos finais dos ríos, unha zona de influencia mariña que permite a coexistencia de especies das augas consideradas tradicionalmente como continentais e das augas mariñas, ademais doutras que, pola súa condición de migradoras, pasan unha parte do seu ciclo vital nunhas ou noutras augas, o que é de especial interese para a conservación da biodiversidade.

Neste contexto cómpre precisar o alcance das augas comprendidas dentro do concepto de augas continentais para os efectos desta lei, que inclúen tanto as augas doces, correntes ou estancadas, continuas ou descontinuas, sexan de orixe natural ou artificial, coma as salobres ou salgadas. Así mesmo, para os efectos desta lei, son augas continentais as augas interiores das zonas de desembocadura no mar.

Considerando a xeografía das costas galegas, tense definido o límite inferior da zona de desembocadura como o punto máis augas abaixo en que desaparece o leito fluvial, de maneira que o límite superior destas zonas é o que acaden as mareas vivas. Para achegar unha maior claridade, no anexo I inclúese esta delimitación con respecto aos ríos de maior entidade da nosa comunidade autónoma, e establécese para os restantes unha regra de delimitación que obxectiviza esta delimitación.

Dun xeito explícito, recóllese o dereito a pescar como un dereito que lle corresponde a calquera persoa que cumpra cos requisitos que estableza a lei e a súa normativa de desenvolvemento. Respecto dos principios xerais, actualízase a súa redacción e incorpóranse máis principios, dos que se poden salientar o aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos piscícolas do medio acuático continental, o desenvolvemento e o mantemento da biodiversidade autóctona dos ecosistemas acuáticos e das súas poboacións de fauna e flora e mais a igualdade no acceso ao exercicio da pesca, así como o fomento da pesca recreativa e deportiva como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social no medio rural de Galicia.

Incorpórase un artigo específico de definicións que contribúen a unha mellor comprensión do contido da lei e establécense determinados mecanismos de colaboración e cooperación para fomentar a conservación e o aproveitamento sustentable dos recursos piscícolas con outras administracións e institucións públicas e privadas, con persoas propietarias e usuarias do territorio e mais con entidades de custodia do territorio.

Recóllese a necesidade de integrar a consecución dos principios inspiradores desta lei dentro das accións desenvolvidas a nivel autonómico en materia de educación ambiental e de fomentar tanto a investigación coma a formación en materia de pesca continental, promovendo a implicación da cidadanía na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. Como novidade e coa finalidade de promover o relevo xeracional tan necesario, créanse as escolas de río como un instrumento especificamente dirixido á formación das persoas noveis na práctica da pesca e a fomentar o seu achegamento aos nosos ríos.

Tendo en conta o carácter transversal da pesca continental, recóllese a integración do principio de aproveitamento sustentable dos recursos piscícolas en diferentes actuacións sectoriais, polo que se dá tamén cumprimento deste xeito ao principio de coordinación, cooperación e colaboración entre as diferentes administracións competentes. Entre estas actuacións sectoriais incídese especialmente na consideración da pesca continental como un instrumento de desenvolvemento turístico do medio rural e na necesidade dun informe preceptivo da consellaría competente en materia de pesca continental nos procedementos para o outorgamento de autorizacións e concesións pola Administración hidráulica competente que poidan afectar as especies piscícolas ou o ecosistema acuático e mais establécense normas adicionais de protección respecto das verteduras que poidan prexudicar a fauna piscícola.

Así mesmo, prevese a necesidade dun informe preceptivo da consellaría competente en materia de pesca continental nos supostos de actividades sobre a vexetación de ribeira que non supoñan meras actuacións menores de mantemento e conservación, coa clarificación e a simplificación deste xeito do procedemento existente en relación con este tipo de actuacións.

Por último, neste primeiro título mantense o importante papel dos órganos de asesoramento en materia de pesca fluvial, xa existentes na actualidade, ben que se modifican as denominacións do Comité Galego de Pesca Fluvial, que pasa a denominarse «Consello Galego de Pesca Continental», e dos comités provinciais de pesca fluvial, que pasan a denominarse «consellos provinciais de pesca continental», sen que estes cambios das denominacións impliquen unha modificación das funcións que teñen encomendadas.

O título I (artigos 16 ao 36) dedícase á regulación dos aproveitamentos piscícolas e está composto por sete capítulos.

Como importante novidade, recóllese a posibilidade de que se poida acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos para o exercicio da pesca continental por outros sistemas de identificación distintos da documentación orixinal correspondente.

Na regulación da licenza de pesca continental incorpóranse varias novidades respecto da regulación anterior. Como unha das medidas previstas nesta lei para fomentar o relevo xeracional no exercicio da pesca e achegar os máis pequenos aos nosos ríos, exímese da necesidade de obteren a licenza de pesca ás persoas con idade igual ou inferior a catorce anos cando vaian acompañadas dunha persoa maior de idade que sexa titular dunha licenza de pesca continental; ademais quedan exentas do pagamento de taxas pola obtención de licenza as persoas menores de idade e as maiores de sesenta e cinco anos; para axilizar a tramitación do procedemento da obtención destas licenzas prevese a promoción do emprego de medios electrónicos, e permítese o establecemento de convenios de reciprocidade ou acordos con outras comunidades autónomas para autorizar a práctica da pesca cunha única licenza outorgada por algunha destas administracións.

Con respecto aos permisos de pesca, esta lei recolle unha regulación máis detallada que a establecida na lei anterior, incorporando como importante novidade a gratuidade dos permisos de pesca sen morte para todas as persoas menores de idade, coa finalidade de incentivar e fomentar a instauración desta modalidade de pesca deportiva entre as xeracións futuras, como elemento fundamental para a preservación dos nosos recursos e como ferramenta e expoñente máximo dos valores e do respecto ao ambiente asociados á súa práctica.

A regulación da pesca continental desde embarcacións ou artefactos flotantes tamén encontra un maior desenvolvemento verbo da regulación anterior, co engadido de tres novidades: por un lado, a exixencia de que na orde anual de pesca continental se determinen as zonas hábiles para a navegación e os cursos e tramos de auga onde se permita a utilización de embarcacións ou artefactos flotantes para a práctica da pesca; por outro lado, permitindo con carácter xeral a pesca desde embarcacións ou artefactos flotantes en augas represadas e nas zonas de desembocadura, coas excepcións que se poidan establecer na orde anual de pesca continental. A outra das novidades introducidas pola lei é que se permite especificamente a pesca desde aparellos de flotación como o «pato» nas augas pescables represadas, sempre que o seu emprego non se ache expresamente prohibido na citada orde anual de pesca continental.

Amplíanse, pola súa parte, os supostos de pesca e transporte de especies acuícolas e dos seus ovos sometidos a autorización especial, incluíndo, ademais dos xa previstos anteriormente, os fins divulgativos, educativos, sanitarios, de seguridade e biolóxicos.

Como recoñecemento ao importante papel que se ten desempeñado nestes anos en favor da riqueza piscícola, de xeito expreso a lei prevé a posibilidade que ten a Administración autonómica de subscribir convenios de colaboración coas asociacións ou as sociedades de persoas pescadoras de carácter non lucrativo que acrediten a condición de entidades colaboradoras, con fins de fomento ou de especial protección da pesca.

Outra importante novidade da lei é que detalla a lista de especies pescables en Galicia, permitindo non obstante que a consellaría competente en materia de pesca continental poida modificalas pola vía regulamentaria, logo da súa xustificación técnica. Tamén se prohibe, salvo excepcións, o aproveitamento das especies acuáticas incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e autorízase o establecemento dun réxime especial de protección para os tramos de auga nos cales estas habiten. Ademais, permítese a adopción de medidas de xestión específicas para facilitar o control e a captura das especies exóticas invasoras, co que se prohibe a súa devolución ás augas, en consonancia coa lexislación básica estatal nesta materia.

Regúlanse con maior grao de detalle as artes, os medios e as modalidades de pesca. No que atinxe as prohibicións, mantéñense as xa existentes e incorpóranse, entre outras, as substancias ou os aparellos paralizantes, tranquilizantes, atraentes ou repelentes de peixes, os pesos que conteñan chumbo e a pesca con peixes vivos ou mortos, enteiros ou en anacos.

Con respecto á comercialización e ao transporte dos exemplares capturados, clarifícase nesta lei a prohibición xenérica de comercialización de calquera especie procedente da pesca recreativa ou deportiva exercida nas augas continentais de Galicia. Tamén se introduce como novidade en materia de posesión e de transporte un sistema de autoguiado para os exemplares de reo pescados legalmente.

O título II (artigos 37 ao 58) é o máis extenso da lei e dedícase á regulación da planificación e da ordenación piscícola.

Neste título inclúense dous capítulos: o primeiro, relativo á clasificación dos tramos de auga e o segundo, á planificación dos aproveitamentos da pesca continental. Canto aos tramos de auga, a lei clasifícaos como augas pescables e augas non pescables.

As augas pescables poden ser, á súa vez, augas libres para a pesca ou augas sometidas a un réxime especial.

Pola súa banda, as augas sometidas a un réxime especial clasifícanse en catro categorías: coutos de pesca, tramos de auga de especial interese para a riqueza piscícola, escenarios deportivo-sociais e de formación e mais augas de pesca de aproveitamento privado. Respecto dos coutos de pesca, establécese unha clasificación destes en atención ao seu aproveitamento, podéndose tratar de coutos de pesca en réxime natural, de coutos de pesca en réxime natural sen morte e de coutos de pesca intensiva.

Nesta clasificación hai que salientar a novidade que supón a creación de dúas categorías específicas de augas pescables que non existían con anterioridade: os escenarios deportivo-sociais e de formación e mais as augas de pesca de aproveitamento privado. Os primeiros co propósito de promover a realización de competicións deportivas, o adestramento, a formación e a divulgación da actividade da pesca entre a sociedade. E as segundas co propósito de promover a práctica da pesca en certos tramos de auga sen conexión con cursos naturais, como medida de impulso socioeconómico do medio rural.

Pola súa parte, as augas non pescables poderán ser zonas vedadas á pesca, que terán carácter temporal, ou reservas piscícolas, onde se prohibirá o exercicio da pesca de todas ou dalgunhas das especies presentes con carácter permanente.

Tocante á planificación dos aproveitamentos dos recursos piscícolas, establécense tres instrumentos de planificación, configurados de xeito xerárquico: o Plan galego de ordenación da pesca continental –novidade da lei, que se configura como o instrumento de planificación estratéxica para a xestión da pesca continental da comunidade autónoma de Galicia–, os plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas e a orde anual de pesca continental.

Na lei regúlase de maneira detallada o contido, a vixencia e o procedemento de aprobación destes instrumentos de planificación, procedemento no que se fomenta a participación pública.

O título III (artigos 59 ao 63) establece previsións para acadar a adecuada conservación e o fomento das poboacións piscícolas.

Verbo das medidas previstas para a conservación da poboación piscícola, hai que destacar as restricións aos aproveitamentos piscícolas, que mesmo poderán ser temporais, e a prohibición da alteración dos desovadoiros.

Entre as medidas de fomento das poboacións ictícolas prevense as repoboacións piscícolas e as soltas, engadíndose como novidade que as soltas e as repoboacións se realizarán sempre con especies autóctonas, agás no caso de establecementos privados de pesca en réxime intensivo que non teñan comunicación con ningún leito, nos que se poderá permitir a solta doutras especies segundo as condicións establecidas pola normativa estatal aplicable na materia. Como novidade, establécese que as repoboacións deberán contar cunha planificación previa da consellaría competente en materia de pesca continental.

Tamén se mantén a necesidade de promover determinadas instalacións que sirvan para a recuperación e a conservación das poboacións piscícolas salvaxes e do medio en que se desenvolvan; instalacións entre as que se inclúen os centros ictioxénicos, que se declaran de interese xeral e que xestionará a consellaría competente en materia de pesca continental.

Os títulos IV e V (artigos 64 e 65) son os máis breves desta lei e dedícanse respectivamente á pesca profesional en augas continentais e á pesca continental de carácter etnográfico, regulación na cal se recolle a exixencia de que se exerzan mediante un título habilitante e na cal se especifican as especies piscícolas que poderán ser obxecto de cada unha destas modalidades de pesca.

Por último, o título VI (artigos 66 ao 88) establece as previsións relativas á inspección e ao réxime sancionador.

En materia de vixilancia e inspección, débese salientar o importante labor desenvolto ao longo destes anos polo persoal con funcións de vixilancia e control dependente da consellaría competente en materia de pesca continental. Isto motiva a necesidade de establecer de xeito máis pormenorizado as previsións para o desenvolvemento das tarefas inherentes a unha correcta vixilancia, inspección e control, mediante a regulación específica tanto das facultades e dos deberes deste persoal no exercicio das súas funcións coma do propio desenvolvemento desta actuación inspectora e da documentación derivada dela, establecéndose unha serie de previsións que teñen por obxecto garantir o cumprimento do disposto nesta lei.

Respecto da tipificación e da clasificación das infraccións e sancións, actualízase a redacción dos comportamentos constitutivos de infracción e elimínase, con respecto á regulación anterior, a categoría das infraccións menos graves. Tamén resulta salientable a previsión que permite impoñer a contía sancionadora prevista para o tipo infractor inmediatamente inferior no caso de que a persoa interesada restaure o medio natural ao estado previo ao feito de se producir a infracción, antes de que remate o procedemento sancionador. Nesta liña, a lei dedica unha atención especial á reparación do dano causado e á reposición da situación alterada ao seu estado anterior.

No referente ao procedemento sancionador, mantéñense, en termos xerais, as disposicións contidas na lei anterior, con algunhas modificacións menores dirixidas a acadar unha regulación máis clara e detallada, e recóllense dúas novidades importantes: en primeiro lugar, introdúcense as reducións das contías das sancións previstas na normativa estatal reguladora do procedemento administrativo común para os supostos de recoñecemento da responsabilidade e o pagamento voluntario da sanción e, en segundo lugar, desenvólvese a regulación das condicións para poder proceder ao comiso dos medios empregados para a comisión das infraccións ou dos produtos ou os exemplares obxecto destas infraccións.

Con respecto ás contías das sancións, modifícanse os importes das multas correspondentes, co fin de garantir o principio de proporcionalidade.

As disposicións que integran a parte final teñen por obxecto adecuar as situacións preexistentes á nova situación xurídica creada por esta lei, co que se salientan, por un lado, a posibilidade de subscribir convenios para a posta en marcha das escolas de río mentres non se produza o seu desenvolvemento regulamentario e, por outro lado, a moratoria para a aplicación da prohibición do emprego de pesos que conteñan chumbo.

Pola súa parte, o anexo I fixa os límites das zonas de desembocadura e o anexo II establece a lista das especies pescables nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia.

Esta lei foi obxecto de consulta pública previa, de información pública e dunha ampla audiencia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de pesca continental de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta lei é regular, protexer e fomentar o dereito ao exercicio da pesca continental das especies pescables relacionadas no anexo II. Así mesmo, regúlase o ordenado aproveitamento dos recursos piscícolas e a conservación e recuperación dos ecosistemas acuáticos en todos os cursos e tramos de augas continentais situados dentro dos límites territoriais da comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 2. Dereito ao exercicio da pesca

O dereito ao exercicio da pesca en augas continentais correspóndelle a toda persoa que cumpra os requisitos exixidos para o efecto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento e que non se encontre inhabilitada para o exercicio da pesca, conforme o disposto nesta lei.

Artigo 3. Principios xerais

Son principios inspiradores desta lei:

a) O aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos piscícolas en todos os cursos e tramos de augas continentais situados dentro dos límites territoriais de Galicia.

b) O desenvolvemento e o mantemento da biodiversidade autóctona dos ecosistemas acuáticos e das súas poboacións de fauna e flora para contribuír a alcanzar un bo estado ecolóxico dos ecosistemas acuáticos en augas continentais.

c) A igualdade no acceso ao exercicio da pesca.

d) A conservación e a recuperación dos ecosistemas acuáticos en augas continentais.

e) A coordinación, a colaboración e a cooperación entre as administracións competentes no medio acuático en augas continentais para conseguir os obxectivos fixados nesta lei.

f) A garantía da participación cidadá na observancia dos preceptos desta lei e na consecución dos seus obxectivos.

g) O fomento da pesca deportiva e recreativa como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social no medio rural da comunidade autónoma de Galicia.

h) O fomento da investigación, a formación e a divulgación en todo o relativo aos ecosistemas acuáticos en augas continentais, para favorecer e promover a pesca responsable e sustentable en coordinación, colaboración e cooperación coas universidades galegas e coas demais institucións de investigación públicas ou privadas.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos desta lei, enténdese por:

1. Acordo de custodia do territorio: o pacto subscrito de modo voluntario entre unha persoa física ou xurídica, pública ou privada, propietaria ou titular dun dereito de uso sobre un territorio e unha entidade de custodia do territorio co obxecto de favorecer a súa protección e conservación.

2. Son actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico as seguintes:

a) A retirada de árbores mortas e as podas de árbores que impidan os accesos á canle ou á súa servidume de paso, sempre que non impliquen unha perda do substrato arbóreo da ribeira.

b) A retirada de árbores mortas e as podas de árbores que reduzan a capacidade da canle.

c) A retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan a canle, e especialmente nas obras de paso sobre esta, ou que constitúan un elemento de degradación ou de contaminación do dominio público hidráulico.

d) O mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.

3. Aparellos de flotación: todo obxecto flotante cunha eslora inferior de 2,5 metros e/ou sen capacidade para navegar.

4. Augas continentais: son todas as augas superficiais, existentes no territorio da comunidade autónoma de Galicia, correntes ou estancadas, continuas ou descontinuas, doces, salobres ou salgadas, de titularidade pública ou privada, tanto de orixe natural, na que se inclúen os ríos, os regueiros, os regatos, as lagoas e as marismas, coma de orixe artificial, na que se inclúen os encoros, os pantanos, as canles e as presas.

Tamén son augas continentais, para os efectos desta lei, as augas interiores das zonas de desembocadura no mar comprendidas entre o límite superior das augas salobres e as liñas que se relacionan no anexo I. Nos ríos en que non estea definida unha zona de desembocadura no mar, enténdese que esta chega ata a liña recta imaxinaria que une os puntos de intersección das dúas beiras do río coa costa nas mareas máis baixas, sen que a largura ou a amplitude desta liña poida exceder en ningún caso dun quilómetro.

5. Augas de salmónidos: as augas nas cales exista constancia da presenza significativa de troitas, reos ou salmóns.

6. Canle: o leito artificial ou natural por onde se conduce a auga para lle dar saída ou para diversos usos.

7. Canle de derivación: o leito artificial comprendido entre unha obra de captación de auga e as instalacións en que é utilizada.

8. Canle de restitución ou de achega: o leito artificial que reintegra as augas ao seu leito natural tras seren utilizadas.

9. Cebar as augas: incorporar ás augas materias que poidan constituír un alimento para os peixes, ou para a fauna acuática en xeral, co fin de os atraer ou agrupar nunha determinada área.

10. Cebo, engado, isca, isco ou carnada: a substancia, o organismo vivo ou morto ou o obxecto que serve para atraer os peixes ou os crustáceos na acción de pescar.

11. Comercialización: a compravenda, a transacción, o troco ou a posta á disposición de terceiras persoas dos produtos da pesca, así como a exposición, o almacenamento ou o depósito en establecementos públicos ou nas súas dependencias auxiliares de produtos de pesca destinados ao seu consumo por terceiras persoas.

12. Bacía hidrográfica: de acordo co artigo 16 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, a superficie de terreo cuxa escorrentía superficial flúe na súa totalidade a través dunha serie de correntes, ríos e, eventualmente, lagos cara ao mar por unha única desembocadura, esteiro ou delta.

13. Concesión de aproveitamento piscícola: o título outorgado pola consellaría competente en materia de pesca continental a unha persoa física ou xurídica que habilita para a explotación das especies ictícolas nun tramo de augas continentais mediante o exercicio da pesca conforme o previsto no seu correspondente plan técnico, debidamente aprobado consonte o establecido nesta lei.

14. Contaminación: a introdución directa ou indirecta, como consecuencia da actividade humana, de substancias ou calor nas augas que poidan ser prexudiciais para a calidade dos ecosistemas acuáticos ou dos ecosistemas terrestres que dependen directamente dos ecosistemas acuáticos, ou que causen danos aos bens materiais ou deterioren ou dificulten o gozo e outros usos lexítimos do ambiente.

15. Custodia do territorio: o conxunto de estratexias ou técnicas xurídicas a través das cales se implica ás persoas propietarias e usuarias do territorio na conservación e no uso dos valores e dos recursos naturais, culturais e paisaxísticos.

16. Dano ou perda da riqueza piscícola: calquera lesión, enfermidade, malformación ou mortaldade ocasionada ás especies ou ás poboacións acuáticas en calquera fase do seu desenvolvemento, así como calquera alteración das condicións químicas, físicas ou biolóxicas dos tramos de auga continentais.

17. Embarcación ou artefacto flotante: todo obxecto flotante cunha eslora mínima de 2,5 metros con capacidade para navegar, isto é: que teña unha propulsión e un goberno, independentemente da súa utilidade ou finalidade, e que de conformidade coa normativa vixente en materia de augas non teña a consideración de obxecto complementario do baño.

18. Encoro: a obra hidráulica consistente nun recinto artificial para o almacenamento de auga limitado, en todo ou en parte, pola presa.

Dentro desta definición tamén se inclúe o conxunto do terreo, a presa e a auga almacenada, xunto con todas as estruturas auxiliares relacionadas con estes elementos e coa súa funcionalidade.

19. Entidade de custodia do territorio: para os efectos desta lei, é a organización pública ou privada, sen ánimo de lucro, que leva a cabo iniciativas que inclúan a realización de acordos de custodia do territorio para a conservación dos recursos piscícolas.

20. Escolas de río: son centros nos que se imparte formación e educación teórica e práctica sobre o coñecemento dos ríos e dos ecosistemas acuáticos, así como sobre a pesca responsable e sustentable.

21. Especie anádroma: a especie acuática que se reproduce nas augas continentais e reside no mar durante outras fases do seu ciclo vital.

22. Especie catádroma: a especie acuática que se reproduce no mar e reside nas augas continentais durante outras fases do seu ciclo vital.

23. Especie de esteiro: a especie acuática que pode habitar tanto en augas doces coma en augas salobres ou salgadas.

24. Especie migradora: a especie que realiza desprazamentos, polo xeral periódicos e regulares, na procura de tramos de auga específicos para cumprir determinadas fases do seu ciclo biolóxico.

25. Especie piscícola continental: os peixes que realizan todo ou algunha parte do seu ciclo biolóxico nas augas continentais.

26. Establecementos privados de pesca en réxime intensivo: aquelas instalacións situadas sobre charcas, estanques ou tramos de auga similares que non teñan conexión con cursos naturais, que sexan de titularidade privada ou respecto das cales exista unha concesión de uso privativo de acordo coa normativa vixente en materia de augas e que sexan autorizadas pola consellaría competente en materia de pesca continental para a práctica da pesca continental de poboacións procedentes de soltas.

27. Establecementos públicos: os locais, as instalacións ou os recintos, tanto de titularidade pública coma de propiedade privada, dedicados a realizar neles calquera tipo de actividade e abertos ao público.

28. Estacada: a ponte ou a pasarela de madeira ou doutro material similar situada voando sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente, co obxecto de dirixir as lampreas para facilitar a súa captura mediante o emprego de luces, e cuxa lonxitude máxima non supere en ningún caso a metade do leito fluvial ocupado polas augas en cada momento.

29. Lago: a masa de auga continental superficial queda.

30. Lagoa: a masa de auga de características semellantes ás dun lago pero de menor dimensión.

31. Lagoa artificial: a acumulación de auga conseguida por medios artificiais, como poden ser a impermeabilización do terreo ou a formación de barreiras artificiais.

32. Leito: de acordo co artigo 4 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, o terreo cuberto polas augas nas máximas enchentes ordinarias das correntes continuas ou descontinuas de auga.

33. Leito ou fondo dun lago ou dunha lagoa: de acordo co artigo 9 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, o terreo que ocupan as súas augas nas épocas en que alcanzan o seu maior nivel ordinario.

34. Leito ou fondo dun encoro superficial: de acordo co artigo 9 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, o terreo cuberto polas augas cando estas alcanzan o seu maior nivel a consecuencia das máximas enchentes ordinarias dos ríos que o alimentan.

35. Marxe: de acordo co artigo 6.1 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, o terreo que linda co leito.

36. Pato: o aparello de flotación de uso individual deseñado expresamente para a pesca desde a auga.

37. Permiso de pesca: o título nominal, individual e intransferible que habilita para pescar nun couto de pesca, outorgado pola consellaría competente en materia de pesca continental.

38. Pesca con mosca ortodoxa: a acción de pescar en augas continentais á mosca con cola de rata.

39. Pesca ao roubo: a acción de pescar en augas continentais consistente en cravar intencionadamente a arte de pesca en calquera parte do corpo dun peixe que non sexa a boca.

40. Pesca científica: a acción de pescar en augas continentais exercida coa finalidade de investigación.

41. Pesca continental: a acción de pescar en augas continentais exercida sobre as especies piscícolas incluídas no anexo II.

42. Pesca continental de carácter etnográfico: a acción de pescar en augas continentais na cal se empregan aqueles coñecementos, prácticas, técnicas, usos e actividades relacionadas coa pesca continental que se consideren representativas da cultura e das formas de vida tradicionais galegas e que proceden de modelos ou técnicas tradicionais de pesca utilizadas nunha determinada zona ou por un determinado colectivo.

43. Pesca deportiva: a acción de pescar en augas continentais exercida co propósito de competir, así como as súas actividades preparatorias, demostracións, concursos e adestramentos.

44. Pesca nocturna: a acción de pescar en augas continentais exercida desde un posto fixo no período comprendido entre unha hora despois do solpor e unha hora antes do amencer do sol.

45. Pesca profesional en augas continentais: a acción de pescar en augas continentais exercida coa finalidade de comercializar os produtos que se obteñan.

46. Pesca recreativa: a acción de pescar en augas continentais exercida coa finalidade de ocio e, polo tanto, sen fins comerciais, deportivos ou de investigación.

47. Pesca sen morte: a acción de pescar en augas continentais exercida de tal modo que todos os exemplares capturados son devoltos vivos ás augas de procedencia de xeito inmediato e da forma menos lesiva posible, empregando, en todo caso, un só anzol sen morte e algún dos cebos artificiais que se determinen regulamentariamente.

48. Pescar: sacar ou intentar sacar da auga peixes e outros animais acuáticos.

49. Redefol, salabardo, trueiro, truel, esquieiro ou ganapán: a arte de pesca consistente nun aro cunha rede en forma de bolsa e que se emprega, xeralmente, na pesca de cangrexos.

50. Repoboación piscícola: a introdución no medio natural de exemplares vivos co obxecto de reforzar ou equilibrar as poboacións piscícolas existentes ou de recuperar algunhas poboacións desaparecidas.

51. Residuo perigoso para a fauna acuícola: calquera substancia, resultado dun proceso de produción, transformación, utilización ou consumo, que vertida ao medio acuático cause ou sexa susceptible de causar unha mortaldade na fauna acuícola.

En todo caso, entenderase que unha substancia é susceptible de causar mortaldade cando se demostrase mediante unhas experiencias ecotoxicolóxicas que a concentración á que se encontra na auga é letal para algunha especie da fauna acuícola ou cando esta concentración exceda os límites de seguridade ou semellantes establecidos pola Unión Europea para as especies de auga doce.

52. Ribeiras: de acordo co artigo 6.1 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, as faixas laterais dos leitos públicos situadas por enriba do nivel de augas baixas.

53. Solta: a liberación de exemplares vivos de especies pescables no medio natural.

Artigo 5. Órganos autonómicos competentes

A regulación, a planificación, a ordenación e a xestión da pesca continental e dos recursos piscícolas en todos os cursos e tramos de auga continentais situados dentro dos límites territoriais da comunidade autónoma de Galicia corresponden, nos seus respectivos ámbitos competenciais, ao Consello da Xunta e á consellaría competente en materia de pesca continental.

CAPÍTULO II

Mecanismos de colaboración e cooperación

Artigo 6. Mecanismos de colaboración e cooperación

1. A Administración autonómica, cando sexa titular de terreos, poderá subscribir acordos de cesión da súa xestión, total ou parcial, a entidades de custodia do territorio, para os efectos de fomentar a conservación e o aproveitamento sustentable dos recursos piscícolas da súa competencia.

Os acordos para a cesión da xestión formalizaranse por escrito, terán unha duración temporal limitada e recollerán, en todo caso, o sistema de financiamento para o seu axeitado desenvolvemento, así como as directrices mínimas de xestión, que se deberán fixar previamente nun documento de xestión. Estes acordos non supoñerán en ningún caso a transmisión da titularidade dos terreos obxecto destes.

2. Con idénticos efectos, poderá fomentar a custodia do territorio mediante acordos entre as entidades de custodia do territorio e as persoas físicas ou xurídicas propietarias e usuarias deste.

3. Así mesmo, poderanse establecer mecanismos de cooperación da Administración autonómica con outras administracións e institucións públicas ou privadas coa finalidade de incentivar a conservación, o aproveitamento sustentable dos recursos piscícolas e a integración dos sectores socioeconómicos nesta conservación.

4. Nas bacías hidrográficas intercomunitarias, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coa Administración xeral do Estado e convenios ou acordos de cooperación con outras comunidades autónomas por cuxo territorio discorran, logo do cumprimento das exixencias impostas pola normativa aplicable, en prol de salvagardar a coherencia e a efectividade das medidas de protección correspondentes.

Artigo 7. Entidades colaboradoras

1. Considéranse entidades colaboradoras aquelas que realicen actividades programadas de promoción e divulgación da pesca continental, ou actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como da mellora da calidade das devanditas augas, e que teñan recoñecida tal condición.

Regulamentariamente determinaranse os requisitos necesarios para a obtención da condición de entidades colaboradoras, os beneficios e as obrigas derivadas desta consideración e as condicións nas cales poderán organizar as actividades de promoción e divulgación da pesca.

2. Estas entidades colaboradoras inscribiranse no Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Continental, que se configura como un rexistro público, de carácter administrativo e dependente da consellaría competente en materia de pesca continental.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá outorgar concesións de aproveitamentos piscícolas en tramos de ríos, encoros e lagoas a entidades colaboradoras e que se encarguen do coidado e da conservación dos recursos piscícolas e mais da súa promoción e xestión.

O procedemento de outorgamento destas concesións tramitarase conforme o disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, requiríndose ademais e en todo caso o informe preceptivo da Administración hidráulica competente.

Estas concesións terán unha duración máxima de cinco anos e poderanse prorrogar anualmente ata un máximo de sete anos.

CAPÍTULO III

Promoción, formación e investigación en materia de pesca continental

Artigo 8. Promoción da pesca continental

1. A consellaría competente en materia de pesca continental promoverá un mellor coñecemento por parte da sociedade sobre a actividade da pesca continental, e particularmente sobre os seus aspectos ambientais, sociais e económicos. Así mesmo, realizará programas de promoción da pesca sen morte.

2. A Administración autonómica realizará as actuacións necesarias para favorecer a consideración da pesca continental como un recurso de desenvolvemento rural, de maneira especial mediante o fomento dun turismo sustentable ligado á súa práctica.

Artigo 9. Formación en materia de pesca continental

1. A Estratexia galega de educación ambiental prevista na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, integrará entre os seus obxectivos a consecución dos principios inspiradores desta lei, para cuxos efectos incluirá uns programas de formación e educación específicos na práctica da pesca continental e no coñecemento e o respecto dos ecosistemas acuáticos continentais.

Nestes programas terá carácter preferente a formación ás persoas noveis na práctica da pesca continental e a promoción da pesca sen morte mediante a organización de actividades e eventos de carácter educativo.

2. A consellaría competente en materia de pesca continental colaborará na execución da Estratexia galega de educación ambiental, no que atinxe as materias obxecto desta lei, coa promoción da implicación da cidadanía na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental promoverá o establecemento de escolas de río, para fomentar a formación e a educación en materia de pesca continental das persoas noveis na práctica da pesca. O seu réxime de funcionamento e os seus programas formativos desenvolveranse regulamentariamente.

As escolas de río poderán dispoñer, após cumprir os requisitos exixibles, de tramos de auga de uso exclusivo para o desenvolvemento dos seus programas formativos. A práctica da pesca nestas escolas non requirirá dispoñer da preceptiva licenza de pesca continental.

Artigo 10. Investigación en materia de pesca continental

A consellaría competente en materia de pesca continental impulsará a mellora do coñecemento sobre a etoloxía, a bioloxía e a dinámica poboacional das especies da fauna acuática, en especial das pescables. Así mesmo, impulsará o coñecemento xenético das poboacións ictícolas e do impacto das especies exóticas invasoras sobre o ecosistema acuático e mais a mellora dos métodos de xestión da pesca continental.

CAPÍTULO IV

Actuacións sectoriais

Artigo 11. Actuacións vinculadas co turismo

1. En prol de fomentar o turismo, a consellaría competente en materia de pesca continental poderá outorgar concesións de aproveitamentos piscícolas en encoros e lagoas a persoas físicas ou xurídicas que teñan como finalidade a promoción do turismo sustentable e que se encarguen do coidado e da conservación dos recursos piscícolas e mais da súa promoción e xestión.

O procedemento de outorgamento destas concesións tramitarase conforme o disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal se requirirá ademais e en todo caso o informe favorable da consellaría competente en materia de turismo e o informe preceptivo da Administración hidráulica competente.

Estas concesións terán unha duración máxima de cinco anos e poderanse prorrogar anualmente ata un máximo de sete anos.

2. En prol de fomentar o turismo, a consellaría competente en materia de pesca continental determinará regulamentariamente as augas pescables con reserva de permisos para persoas físicas ou xurídicas que teñan como finalidade a promoción do turismo e as porcentaxes máximas destes permisos tanto respecto do total dos permisos anuais dispoñibles coma respecto dos permisos dispoñibles nunha xornada de pesca.

En cada couto soamente poderá reservarse ata o dez por cento dos permisos anuais, sen que o número de permisos nunha xornada de pesca concreta poida superar o cincuenta por cento dos dispoñibles.

3. A consellaría competente en materia de turismo adxudicará os permisos previstos na alínea anterior segundo os criterios que para o efecto estableza.

Artigo 12. Actuacións en materia hidráulica

1. Requirirase un informe preceptivo da consellaría competente en materia de pesca continental para o outorgamento de autorizacións ou concesións pola Administración hidráulica competente que poidan afectar as especies piscícolas ou o ecosistema acuático en augas continentais.

2. Cando estas autorizacións ou concesións teñan por obxecto a anulación ou o baleirado dun tramo de auga no que exista poboación ictícola ou impliquen o establecemento de correntes de derivación ou achega, o informe preceptivo da consellaría competente en materia de pesca continental establecerá as medidas necesarias para garantir a protección e a conservación da fauna ictícola.

As persoas titulares das autorizacións ou concesións de aproveitamento do dominio público hidráulico deberán instalar reixas ou outros dispositivos de protección que impidan o acceso da poboación ictícola ás correntes de derivación ou achega, así como dispositivos de remonta ou outras alternativas que se poidan establecer para garantir as migracións periódicas dos peixes ao longo dos cursos fluviais. Esta obriga desenvolverase regulamentariamente.

3. No marco dos procedementos previstos na normativa vixente en materia de augas para a aprobación dos respectivos instrumentos de planificación hidrolóxica, a consellaría competente en materia de pesca continental formulará as propostas e garantirá a subministración da información necesaria para os efectos de salvagardar o disposto nesta lei.

4. As verteduras de residuos perigosos para a fauna acuícola ou de augas ou produtos residuais que poidan prexudicar a fauna piscícola axustaranse aos valores de referencia que se determinen regulamentariamente como de obrigado cumprimento para garantir a protección dos salmónidos na súa área de distribución natural en Galicia.

5. As persoas propietarias dos terreos comprendidos na zona de servidume para o uso público deberán permitir o paso das persoas pescadoras por estes terreos nos termos establecidos na normativa vixente en materia de augas.

6. A consellaría competente en materia de pesca continental emitirá un informe previo preceptivo no marco do procedemento de autorización que corresponda á Administración hidráulica competente, para a execución de actuacións sobre a vexetación de ribeira dos ríos e das augas continentais que non supoñan actuacións menores de mantemento e conservación.

7. As concesións de aproveitamento hidráulico, foren ou non de uso consuntivo, deberán respectar o caudal ecolóxico establecido na planificación hidrolóxica vixente para facilitar o normal desenvolvemento das poboacións piscícolas, nos termos previstos na normativa básica estatal aplicable.

Artigo 13. Competicións deportivas oficiais

1. A consellaría competente en materia de pesca continental facilitará, de acordo coa lexislación do deporte, a organización e a realización das competicións deportivas oficiais que organice a Federación Galega de Pesca e Cásting.

Para estes efectos, comprobará que as devanditas competicións deportivas se desenvolven nos cursos de auga e nos escenarios de pesca máis apropiados, asegurando, en todo caso, a súa compatibilidade coa adecuada conservación dos ecosistemas acuáticos continentais e coas normas de funcionamento das augas pescables correspondentes.

2. Regulamentariamente desenvolverase o procedemento para a adxudicación de permisos de pesca no marco destas competicións.

CAPÍTULO V

Órganos de asesoramento

Artigo 14. Consello Galego de Pesca Continental

1. O Consello Galego de Pesca Continental configúrase como o órgano colexiado e de asesoramento en materia de pesca continental da consellaría competente en materia de pesca continental, cuxa composición e funcionamento se determinarán regulamentariamente.

2. O Consello Galego de Pesca Continental desenvolverá as seguintes funcións, sen prexuízo das que se lle poidan encomendar regulamentariamente:

a) propoñer as liñas de actuación encamiñadas ao fomento, a protección, a conservación e o aproveitamento ordenado dos recursos ictícolas nas augas continentais de Galicia

b) emitir os informes e os ditames en relación coa pesca continental que someta á súa consideración a consellaría competente en materia de pesca continental.

Artigo 15. Consellos provinciais de pesca continental

1. En cada provincia da comunidade autónoma de Galicia existirá un Consello Provincial de Pesca Continental, que se configura como un órgano colexiado e de asesoramento en materia de pesca continental no seu ámbito territorial respectivo.

2. Regulamentariamente determinarase a composición e o funcionamento destes consellos provinciais de pesca continental.

3. Sen prexuízo das funcións que se lle poidan encomendar regulamentariamente, será función dos consellos provinciais de pesca continental propoñer e informar no seu ámbito territorial acerca dos períodos hábiles, das modalidades de pesca, das cotas de captura, dos períodos de veda e de calquera outro asunto relacionado coa pesca continental que someta á súa consideración a consellaría competente en materia de pesca continental.

TÍTULO I

Aproveitamentos

CAPÍTULO I

Licenzas e permisos

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 16. Requisitos para o exercicio da pesca continental

1. Para o exercicio da pesca continental na comunidade autónoma de Galicia, a persoa interesada deberá dispoñer dos seguintes documentos:

a) a licenza de pesca continental en vigor, agás nos supostos establecidos no artigo 19.3

b) a documentación acreditativa da identidade segundo o establecido na Lei orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá

c) as autorizacións especiais, no caso de empregar artes ou medios de pesca que o requiran

d) o permiso de pesca, no caso de pescar en coutos

e) os demais documentos, permisos ou autorizacións exixidos nesta lei, nas súas disposicións de desenvolvemento ou en calquera outra norma vixente.

2. Durante o exercicio da pesca continental, a persoa pescadora deberá poder acreditar tanto a súa identidade coma que cumpre cos requisitos exixidos para o exercicio da pesca continental.

Artigo 17. Períodos e días hábiles de pesca

1. Anualmente a consellaría competente en materia de pesca continental ditará unha orde na que se determinarán os períodos e os días hábiles de pesca nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia.

2. Con carácter xeral, queda prohibida a pesca nocturna, agás o que se determine especificamente para a pesca da lamprea consonte o disposto no artigo 65.4 e para a pesca da anguía.

Artigo 18. Órgano competente

1. O outorgamento das licenzas de pesca continental e dos permisos de pesca corresponde á consellaría competente en materia de pesca continental, sen prexuízo da posible delegación da súa expedición en determinadas entidades, nos termos que se establezan regulamentariamente.

2. O disposto neste título enténdese sen prexuízo do respecto ao disposto nos convenios ou acordos de cooperación con outras comunidades autónomas, así como nos acordos ou convenios internacionais.

Sección 2ª. Licenzas de pesca continental

Artigo 19. Licenza de pesca continental

1. Para poder practicar a pesca continental é imprescindible estar en posesión dunha licenza de pesca continental, que terá carácter persoal e intransferible.

2. Pode obter a licenza de pesca continental toda persoa que o solicite e que cumpra os requisitos determinados por esta lei e a súa normativa de desenvolvemento.

3. As persoas de idade igual ou inferior a catorce anos poderán practicar a pesca recreativa e deportiva en augas continentais, sen necesidade da licenza de pesca continental, sempre que vaian acompañadas dunha persoa maior de idade que sexa titular dunha licenza de pesca continental.

A licenza de pesca continental tampouco será necesaria para o exercicio da pesca nos establecementos previstos no artigo 47 nin nas escolas de río previstas no artigo 9.3.

4. As persoas menores de idade non emancipadas que queiran solicitar a licenza de pesca continental deben dispoñer do permiso da persoa que teña a súa representación legal.

5. Regulamentariamente determinaranse as clases de licenza, a súa vixencia e o procedemento para o seu outorgamento.

Artigo 20. Recargas e exencións de taxas

1. Para practicar a pesca continental do salmón e o reo, así como para pescar desde embarcacións ou artefactos flotantes en augas continentais, ademais da taxa correspondente á licenza de que se trate, deberán aboarse as recargas específicas que legalmente se establezan.

2. Quedarán exentas do pagamento de taxas para a obtención da licenza de pesca continental as persoas menores de idade ou maiores de sesenta e cinco anos.

Artigo 21. Protocolos de colaboración e reciprocidade das licenzas

1. A Xunta de Galicia poderá establecer convenios ou acordos de colaboración con outras comunidades autónomas que faciliten a obtención das respectivas licenzas. Nestes convenios ou acordos poderanse establecer os criterios e as condicións para unificar as licenzas, a súa expedición e os instrumentos de colaboración entre as comunidades autónomas.

2. Igualmente, a Xunta de Galicia poderá establecer uns convenios ou acordos de colaboración con outras comunidades autónomas respecto dos tramos de auga que se estendan polo territorio da comunidade autónoma galega e doutras comunidades autónomas, de xeito que sexa posible a práctica da pesca continental nos ditos tramos de auga continental mediante a posesión dunha soa das licenzas correspondentes.

Artigo 22. Anulación ou suspensión da licenza de pesca continental

A licenza de pesca continental poderá ser anulada ou suspendida por un tempo determinado como consecuencia dunha resolución administrativa firme conforme o disposto nesta lei e na restante normativa aplicable.

Sección 3ª. Permisos de pesca

Artigo 23. Permisos de pesca

1. Cando o tramo en que se desexe pescar se atope incluído nalgún dos coutos de pesca, nos escenarios deportivo-sociais e de formación ou nos tramos de auga de especial interese para a riqueza piscícola previstos nesta lei, ademais da licenza de pesca continental, requirirase estar en posesión do pertinente permiso de pesca.

2. Cada permiso de pesca será válido unicamente para un determinado couto de pesca e para un só día de pesca e, unha vez obtido, terá carácter persoal e intransferible. O permiso soamente faculta para pescar as especies para as cales foi expedido e coas modalidades que nel se especifiquen, e comporta a aceptación pola súa persoa titular de todas as normas específicas do couto en que se pesque.

3. Regulamentariamente determinaranse as clases e o procedemento de outorgamento destes permisos.

Artigo 24. Permisos de pesca sen morte

1. Entre os permisos de pesca, incluirase o permiso de pesca sen morte, válido para a práctica da pesca baixo esta modalidade.

2. Estes permisos de pesca serán gratuítos para as persoas menores de idade.

Artigo 25. Revogación dos permisos

O incumprimento das condicións impostas no permiso de pesca ou das normas específicas establecidas para o couto en que se pesque será causa de revogación do permiso de pesca sen dereito a indemnización e sen prexuízo das responsabilidades en que puider incorrer a súa persoa titular.

CAPÍTULO II

Pesca desde embarcacións ou artefactos flotantes e aparellos de flotación

Artigo 26. Embarcacións ou artefactos flotantes

1. Para o exercicio da pesca continental desde unha embarcación ou un artefacto flotante, ademais da licenza de pesca continental individual que deberá posuír a persoa pescadora, deberase obter unha licenza especial, outorgada tamén pola consellaría competente en materia de pesca continental.

2. Para a expedición desta licenza especial de embarcación ou artefacto flotante requirirase a previa presentación, ante a Administración hidráulica competente, da declaración responsable exixida pola lexislación vixente para a navegación ou a flotación.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental establecerá na correspondente orde anual de pesca continental, de acordo coa determinación pola Administración hidráulica competente das zonas hábiles para a navegación, os cursos e os tramos de auga onde se permita a utilización de embarcacións ou artefactos flotantes para a práctica da pesca continental, entre os cales figurarán con carácter xeral, sempre que sexa conforme con aquela determinación, as augas represadas e as zonas de desembocadura da comunidade autónoma de Galicia, agás o disposto no artigo 35.1.h) e as demais excepcións que a orde poida establecer.

Artigo 27. Rexistro de embarcacións ou artefactos flotantes

1. En cada xefatura territorial da consellaría competente en materia de pesca continental existirá un rexistro de embarcacións ou artefactos flotantes autorizados para a pesca continental.

2. Este rexistro configúrase como un rexistro público, de carácter administrativo, adscrito á consellaría competente en materia de pesca continental.

3. O contido e o funcionamento deste rexistro desenvolveranse regulamentariamente.

Artigo 28. Aparellos de flotación

Con carácter xeral, permítese a pesca desde aparellos de flotación como o pato nas augas pescables represadas, sempre que o seu uso non se atope prohibido expresamente na orde anual de pesca continental e se cumpran as exixencias impostas pola restante normativa aplicable.

CAPÍTULO III

Autorizacións especiais

Artigo 29. Autorizacións especiais

1. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá autorizar, para fins científicos, divulgativos, educativos, sanitarios, de seguridade, biolóxicos, de repoboación ou para evitar a súa morte, a pesca e o transporte de especies acuícolas ou dos seus ovos en toda época do ano, empregando calquera dos métodos de captura permitidos conforme o disposto nesta lei, nas súas normas de desenvolvemento e na restante normativa aplicable. A realización destes traballos pola propia consellaría competente en materia de pesca continental exceptúase da necesidade de obter esta autorización.

2. Regulamentariamente determinarase o contido, o procedemento de outorgamento e o prazo de vixencia destas autorizacións.

CAPÍTULO IV

Convenios de colaboración

Artigo 30. Convenios de colaboración

1. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá subscribir convenios de colaboración coas asociacións ou as sociedades de persoas pescadoras de carácter non lucrativo que acrediten a condición de entidades colaboradoras, os cales terán como obxecto a realización de actividades ou investimentos a favor da riqueza piscícola, así como a mellora dos ecosistemas acuáticos, en tramos concretos dos ríos, os encoros e as lagoas.

2. As entidades asinantes dos convenios colaborarán no coidado, a conservación, a promoción e a xestión dos recursos piscícolas.

CAPÍTULO V

Especies de fauna acuática

Artigo 31. Especies pescables

1. Para os efectos desta lei e das súas normas de desenvolvemento, unicamente poderán ser obxecto de pesca nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia as especies recollidas no anexo II, respectando, en todo caso, as prohibicións contidas na normativa básica estatal.

A consellaría competente en materia de pesca continental poderá modificar pola vía regulamentaria, após a xustificación técnica, as especies pescables contidas no dito anexo II.

2. Con carácter xeral, as dimensións mínimas de captura das especies pescables nas augas continentais galegas determinaranse regulamentariamente, sen prexuízo de que se poidan variar estas dimensións, coa debida motivación técnica, pola orde anual de pesca continental e, con carácter local, polos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas.

3. Prohíbese a pesca, a posesión, a circulación, a comercialización e o consumo das especies pescables que non alcancen as dimensións mínimas establecidas conforme o disposto na alínea anterior.

4. As especies non pescables capturadas deberanse devolver de inmediato ás augas de procedencia, sexa cal for o seu tamaño, sen prexuízo do indicado no artigo 33.3.

Artigo 32. Especies ameazadas

1. As especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia non poderán ser obxecto de aproveitamento.

Queda, en todo caso, igualmente prohibida calquera actuación feita co propósito de lles dar captura, agás nos supostos descritos no artigo 99.1 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

De se capturar de xeito accidental unha especie incluída na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, esta devolverase de inmediato ás augas de procedencia, causándolle o menor dano posible.

2. A Administración autonómica dispoñerá o necesario para que aqueles tramos de auga habitualmente habitados por especies ameazadas teñan a consideración de tramos de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

3. A Administración autonómica impulsará o desenvolvemento de programas para a cría e a propagación das especies acuáticas ameazadas, dirixidos a constituíren unha reserva xenética e á obtención de exemplares de especies autóctonas para a súa reintrodución no medio acuático.

Artigo 33. Especies exóticas invasoras

1. Terán a consideración de especies exóticas invasoras as que teñan tal condición conforme o disposto na lexislación vixente en materia do patrimonio natural e da biodiversidade.

2. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá adoptar medidas de xestión específicas para facilitar o control e, se é o caso, a captura das especies incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, no marco do disposto na normativa básica estatal e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental determinará as medidas de prevención, control e xestión das especies incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras con ocasión do exercicio da pesca continental, incluída a prohibición da súa devolución ás augas, no marco da normativa vixente en materia do patrimonio natural e da biodiversidade.

CAPÍTULO VI

Artes, medios e modalidades de pesca

Artigo 34. Artes, medios e modalidades de pesca permitidos

1. Na práctica da pesca en augas continentais da comunidade autónoma de Galicia unicamente se poderán empregar as artes, os medios e as modalidades de pesca expresamente permitidos nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento.

2. Con carácter xeral, para a pesca de salmónidos soamente se permitirá o emprego dunha cana por persoa pescadora e dunha sacadeira como elemento auxiliar; para a pesca de ciprínidos con cebos específicos e para a pesca de salmónidos en encoros permítese o emprego dun máximo de dúas canas a unha distancia máxima de tres metros da persoa pescadora; mentres que para a pesca desde embarcación soamente se poderá empregar unha cana por persoa pescadora, sexa cal for a especie susceptible de pesca, permitíndose unicamente tres canas por embarcación, aínda que o número de persoas pescadoras for maior.

Para a pesca do cangrexo permítese a utilización de trueis ou trueiros, arañas e redefoles, no número que se estableza na autorización correspondente, que nunca será superior a dez por persoa pescadora.

3. De maneira motivada e dentro do necesario respecto á normativa básica estatal, a consellaría competente en materia de pesca continental poderá autorizar o emprego de redes e artefactos de malla en tramos e en períodos determinados.

4. Regulamentariamente determinarase o número máximo destas artes ou dos medios de pesca permitidos e as súas características, así como a distancia máxima para a colocación destas artes, a distancia mínima entre as persoas pescadoras e, se é o caso, a limitación temporal da acción de pescar, coa finalidade de protexer o libre tránsito das especies polos leitos e de compatibilizar o exercicio da pesca entre as persoas pescadoras.

5. Soamente poderán empregarse para pescar os cebos permitidos para cada especie e tramo de auga polo instrumento de planificación correspondente.

Artigo 35. Artes, medios e modalidades de pesca prohibidos

1. Queda prohibido en todas as augas continentais da comunidade autónoma de Galicia, sen prexuízo das excepcións previstas no artigo 99 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia:

a) Pescar con calquera tipo de arte en época de veda.

b) Empregar con fins de pesca:

i.- calquera material explosivo ou substancia que ao contacto coa auga produza explosión

ii.- toda substancia velenosa para a poboación ictícola ou dexoxixenadora das augas

iii.- calquera substancia ou aparello paralizante, tranquilizante, atraente ou repelente de peixes, en particular aqueles cebos ou atraentes con compoñentes bioquímicos ou químicos que poidan alterar a calidade da auga e o comportamento, o metabolismo ou o ciclo de cría e de reprodución natural de calquera especie ou organismo, especialmente os que conteñen feromonas, hormonas ou laxantes

iv.- os pesos que conteñan chumbo

v.- a enerxía eléctrica

vi.- os peixes vivos ou mortos, enteiros ou en anacos.

c) Bater nas augas, guindar pedras ou espantar de calquera xeito os peixes para obrigalos a fuxir na dirección das artes propias ou para que non caian nas alleas, así como cebar as augas para atraer os peixes ás artes propias.

d) Pescar con calquera tipo de arte nas canles de derivación ou de rega.

e) Pescar á man, con arma de fogo ou mexer as pedras que lles sirvan de refuxio aos peixes.

f) Pescar salmóns e reos durante o seu descenso ao mar após realizaren a desova.

g) Deteriorar, inutilizar, destruír, instalar ou trasladar sen autorización da consellaría competente en materia de pesca continental os aparellos de incubación artificial que estean instalados nas augas continentais, os desovadoiros, as estacións de captura, as canles de crianza, os laboratorios ictioxénicos ou outras instalacións análogas.

h) Pescar durante a migración do salmón e do reo nas entradas dos ríos ou nas zonas de paso destes.

i) Facer un seguimento dos desprazamentos de salmóns e reos por calquera sistema ou instalar medios que os detecten, agás contar cunha autorización expresa da consellaría competente en materia de pesca continental.

j) Empregar calquera outro procedemento de pesca que sexa declarado nocivo pola consellaría competente en materia de pesca continental e os que estean prohibidos conforme a normativa básica estatal.

k) Efectuar a pesca subacuática en augas continentais.

l) Practicar a pesca en pozas illadas polo descenso do caudal dos leitos.

m) Realizar a pesca ao roubo.

n) Pescar no interior das escalas ou dos pasos dos peixes ou no interior das estacións de captura ou das canles de cría.

ñ) Construír barreiras de pedras ou outros materiais, estacadas, cercados, atallos, caneiras, canizos ou pesqueiras con fins directos ou indirectos de pesca, así como colocar nos ríos artefactos destinados a este fin, salvo os autorizados pola consellaría competente en materia de pesca continental ou pola Administración hidráulica competente.

2. Queda prohibida a construción ou a colocación de calquera tipo de obstáculo, permanente ou transitorio, que sirva para encarreirar a pesca para a súa captura.

Con todo, poderanse seguir a empregar as pesqueiras existentes, logo da autorización específica e individual da consellaría competente en materia de pesca continental, na que se describirán as condicións técnicas da súa utilización.

3. En augas continentais da comunidade autónoma de Galicia non se poderá utilizar ningún tipo de rede ou artefacto de malla, a excepción dos supostos previstos no artigo 34.3.

4. Prohíbese o uso de artefactos luminosos con fins de pesca, menos para a pesca da lamprea, na cal se requirirá unha autorización especial da consellaría competente en materia de pesca continental para cada tempada de pesca. Para o seu outorgamento teranse en conta as exixencias impostas pola normativa básica estatal.

5. Non se permitirá para pescar a utilización de aparellos punxentes, agás na pesca da lamprea desde pontóns e logo de autorización da consellaría competente en materia de pesca continental. Así mesmo, non se poderán utilizar artes de tirón e áncora, calquera que sexa a súa forma.

6. Prohíbese o uso de cordeis, tanzas ou sedelas dormentes e palangres.

7. Prohíbese pescar con calquera clase de artes fixas, como redes de cope, vituróns ou voitiróns e, especialmente, coas chamadas «de parada» para troitas, aínda que non se suxeiten a estacas, caneiros ou cercas.

8. Prohíbese o abandono das artes de pesca, en especial daquelas que poidan supoñer unha deterioración do medio natural ou un risco tanto para as especies de fauna acuática coma para as persoas que desenvolven algunha actividade no dito medio.

9. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá prohibir temporalmente o emprego de calquera arte ou modalidade de pesca, en toda ou en parte das augas continentais da comunidade autónoma de Galicia, cando existan razóns hidrobiolóxicas e de orde sanitaria que así o aconsellen.

Esta prohibición publicarase no Diario Oficial de Galicia con expresión da súa motivación e da súa duración.

CAPÍTULO VII

Comercialización e transporte da pesca continental

Artigo 36. Comercialización e transporte da pesca continental

1. Queda prohibida a comercialización de calquera especie procedente da pesca deportiva ou recreativa exercida nas augas continentais de Galicia.

2. Para posuír e transportar reos ou salmóns será unha condición indispensable que vaian provistos da documentación que acredite a súa orixe legal.

Regulamentariamente establecerase a documentación que deberá acompañar os exemplares de salmón pescados ao abeiro desta lei, así como o sistema de autoguiado aplicable aos exemplares de reo pescados legalmente.

3. As autoridades competentes poderán ordenar a inspección dos establecementos públicos co obxecto de facer as comprobacións oportunas sobre a posesión de guías, os documentos de compra e calquera outro documento acreditativo da orixe legal das especies piscícolas, para o que as persoas titulares dos devanditos establecementos públicos quedan obrigadas a facilitar as inspeccións.

TÍTULO II

Planificación e ordenación piscícola

CAPÍTULO I

Clasificación dos tramos de auga

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 37. Disposicións xerais

1. Para os efectos desta lei, as augas continentais da comunidade autónoma de Galicia clasifícanse en:

a) augas pescables

b) augas non pescables.

2. A consellaría competente en materia de pesca continental delimitará regulamentariamente as diferentes clases de augas continentais.

3. A sinalización das distintas categorías de tramos de auga continental previstas de acordo co establecido nas seccións 2ª e 3ª do capítulo I do título II corresponderá á consellaría competente en materia de pesca continental, ás entidades a que se refire o artigo 7, no caso de que teñan subscrito un convenio, ou ás persoas titulares dos establecementos privados de pesca en réxime intensivo. A falta de sinalización non eximirá da responsabilidade por incumprimento do previsto nesta lei ou nas súas disposicións de desenvolvemento.

4. No tocante á colocación desta sinalización, haberá que aterse ao disposto na normativa sectorial aplicable en materia de augas, montes e patrimonio natural.

5. A consellaría competente en materia de pesca continental dará coñecemento a través da súa páxina web de toda a información actualizada a que se refire este artigo.

Sección 2ª. Augas pescables

Artigo 38. Augas pescables

Para os efectos desta lei e das súas disposicións de desenvolvemento, serán augas pescables:

a) as augas libres para a pesca

b) as augas sometidas a un réxime especial.

Artigo 39. Augas libres para a pesca

1. Son augas libres para a pesca aquelas que non están sometidas a un réxime especial e que non requiren unha declaración expresa en tal sentido da consellaría competente en materia de pesca continental.

2. Nas augas libres para a pesca, o exercicio da pesca continental require estar en posesión da licenza de pesca continental e da documentación acreditativa da identidade, sen máis limitacións que as establecidas nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento. Así mesmo, será necesario contar coa correspondente autorización especial no caso de empregar unhas artes ou uns medios de pesca que o requiran.

Artigo 40. Augas sometidas a un réxime especial

1. As augas sometidas a un réxime especial son aquelas declaradas expresamente pola consellaría competente en materia de pesca continental, nas cales o exercicio da pesca se somete ás condicións específicas establecidas nos artigos seguintes desta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento.

2. As augas sometidas a un réxime especial clasifícanse nas seguintes categorías:

a) os coutos de pesca

b) os tramos de auga de especial interese para a riqueza piscícola

c) os escenarios deportivo-sociais e de formación

d) as augas de pesca de aproveitamento privado.

3. Con carácter xeral, o exercicio da pesca continental nas augas sometidas a un réxime especial requirirá estar en posesión da licenza de pesca continental respectiva e dun permiso de pesca específico, coas excepcións establecidas nesta lei, así como contar coa correspondente autorización especial no caso de empregar unhas artes ou uns medios de pesca que o requiran.

Artigo 41. Coutos de pesca

1. Considéranse coutos de pesca os tramos de ríos, encoros ou lagoas nos cales a intensidade da práctica da pesca, o volume de capturas e o número de persoas pescadoras está regulado coa finalidade de realizar un aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos piscícolas.

2. A creación dos coutos de pesca poderá promoverse de oficio ou por instancia de entidades públicas ou privadas cuxos fins sexan deportivos ou sen ánimo de lucro, debéndose xustificar debidamente as razóns da súa conveniencia e mais os fins perseguidos.

3. En atención ao seu aproveitamento, os coutos de pesca poden ser:

a) coutos de pesca en réxime natural

b) coutos de pesca en réxime natural sen morte

c) coutos de pesca intensiva.

Artigo 42. Coutos de pesca en réxime natural

Son coutos de pesca en réxime natural aqueles coutos nos cales a pesca se realiza sobre as poboacións existentes.

Artigo 43. Coutos de pesca en réxime natural sen morte

Teñen a consideración de coutos de pesca en réxime natural sen morte aqueles coutos nos cales o exercicio da pesca se realiza nesta modalidade.

Artigo 44. Coutos de pesca intensiva

1. Son coutos de pesca intensiva os coutos de pesca que están sometidos a un aproveitamento piscícola de forma continuada.

2. Nestes coutos poderá recorrerse a repoboacións sucesivas, nos termos establecidos nesta lei, para manter os niveis de aproveitamento.

Artigo 45. Tramos de auga de especial interese para a riqueza piscícola

1. Considéranse tramos de auga de especial interese para a riqueza piscícola aqueles tramos de auga que, polas súas características naturais ou polo seu interese ecolóxico, requiran unha protección especial.

2. A declaración dun tramo de auga de especial interese para a riqueza piscícola realizarase mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de pesca continental, conxuntamente coa aprobación do réxime especial aplicable.

Nesta regulación, de acordo co establecido no capítulo II do título II, fixaranse as medidas axeitadas para a protección, a conservación, o mantemento e a mellora destes tramos de auga, que incluirán, como mínimo, a relación de actuacións que se deban efectuar para protexer e mellorar os recursos piscícolas, así como a fixación de veda ou dunha determinada modalidade de pesca que non supoña perigo para as especies de interese piscícola.

Artigo 46. Escenarios deportivo-sociais e de formación

1. Considéranse escenarios deportivo-sociais e de formación aqueles tramos de auga destinados á realización de competicións deportivas, adestramento, formación ou divulgación da actividade da pesca.

2. Nestes escenarios unicamente se poderá practicar a pesca sen morte, polo que deberán, en consecuencia, devolverse vivos os exemplares capturados ás augas de procedencia, de xeito inmediato e da forma menos lesiva posible, sen prexuízo do indicado no artigo 33.

Artigo 47. Augas de pesca de aproveitamento privado

1. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá autorizar a pesca en establecementos privados de pesca en réxime intensivo, por solicitude da persoa interesada logo dun informe sobre a compatibilidade cos usos e cos termos das concesións de uso privativo preexistentes, emitido pola Administración hidráulica competente.

2. A citada solicitude acompañarase dun plan de aproveitamento, que deberá ser aprobado pola consellaría competente en materia de pesca continental. O contido mínimo deste plan de aproveitamento será determinado regulamentariamente e nel deberase detallar en todo caso a procedencia dos exemplares, as medidas adoptadas para impedir a comunicación con leitos naturais e os aspectos relativos á sanidade animal.

3. Para a práctica da pesca nestes establecementos haberá que aterse ao disposto no segundo parágrafo do artigo 19.3.

4. A persoa titular destes establecementos de pesca privada en réxime intensivo facilitaralle o acceso ao persoal con funcións inspectoras da consellaría competente en materia de pesca continental.

Sección 3ª. Augas non pescables

Artigo 48. Augas non pescables

Para os efectos desta lei e das súas disposicións de desenvolvemento, serán augas non pescables:

a) as zonas vedadas á pesca

b) as reservas piscícolas.

Artigo 49. Zonas vedadas á pesca

Considéranse zonas vedadas á pesca os tramos de auga así declarados mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de pesca continental nos cales, por razóns xustificadas de orde técnica, hidrobiolóxica, educativa, de pesca científica ou de interese público, sexa necesario prohibir o exercicio da pesca de todas ou algunha das especies con carácter temporal.

Artigo 50. Reservas piscícolas

1. Son reservas piscícolas os tramos de auga así declarados mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de pesca continental nos cales, por razóns xustificadas de orde técnica, hidrobiolóxica, educativa, de pesca científica ou de interese pública, sexa necesario prohibir o exercicio da pesca de todas ou algunha das especies con carácter permanente, mentres se manteña a vixencia da declaración.

En todo caso, deberán ser declarados como reservas piscícolas todos os tramos próximos ao nacemento dos ríos ou os tramos de cabeceira que se atopen na comunidade autónoma de Galicia e que delimite para o efecto a consellaría competente en materia de pesca continental.

2. A creación de reservas piscícolas poderá promoverse de oficio ou por instancia de entidades públicas ou privadas cuxos fins sexan culturais, científicos, deportivos, sociais e sen ánimo de lucro, para o cal se deberán xustificar nunha memoria técnica as razóns da súa creación e mais os fins perseguidos.

3. Nestas reservas piscícolas prohíbese permanentemente o exercicio da pesca continental, mentres se manteña a vixencia da declaración.

CAPÍTULO II

Planificación dos aproveitamentos da pesca continental

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 51. Planificación

1. A Administración autonómica planificará a xestión e o aproveitamento dos recursos piscícolas coa finalidade de garantir a súa sustentabilidade.

2. Os instrumentos de planificación dos aproveitamentos da pesca continental son os seguintes:

a) o Plan galego de ordenación da pesca continental

b) os plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas

c) a orde anual de pesca continental.

3. Estes instrumentos gardarán unha relación xerárquica entre si conforme a orde recollida na alínea anterior. Cada instrumento desenvolverá as previsións establecidas no instrumento de rango superior. Malia o anterior, a ausencia do instrumento de planificación de rango superior non impedirá a xestión mediante os restantes instrumentos de planificación existentes.

Sección 2ª. Plan galego de ordenación da pesca continental

Artigo 52. Plan galego de ordenación da pesca continental

O Plan galego de ordenación da pesca continental configúrase como o instrumento de planificación estratéxica para a xestión da pesca continental da comunidade autónoma de Galicia e determinará os criterios xerais para a protección, a conservación, a mellora e o aproveitamento sustentable dos recursos obxecto desta.

Artigo 53. Contido e vixencia do Plan galego de ordenación da pesca continental

1. O Plan galego de ordenación da pesca continental terá, como mínimo, o seguinte contido:

a) os obxectivos xerais de xestión en materia de pesca continental dos tramos de auga continental da comunidade autónoma de Galicia

b) a definición das bacías ou subbacías piscícolas da comunidade autónoma de Galicia para os efectos da súa planificación detallada a través dos plans técnicos de xestión respectivos

c) os tramos de auga que se deben conservar e as actuacións prioritarias que se deben desenvolver neles

d) as especies acuáticas ameazadas que polo seu interese requiran unha especial protección

e) os obxectivos por alcanzar mediante o desenvolvemento de plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas, entre os cales se incluirá o establecemento progresivo da modalidade de pesca sen morte nos tramos de auga pescables ata acadar a proporción que se establecerá regulamentariamente

f) o programa de educación e sensibilización ambiental en materia de pesca continental

g) o programa de valorización da pesca continental como instrumento de desenvolvemento sustentable

h) a rede de seguimento e control das poboacións piscícolas.

2. O Plan galego de ordenación da pesca continental terá unha vixencia máxima de dez anos, sen prexuízo da súa posible actualización conforme o estado da ciencia e da técnica e mais da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

Artigo 54. Procedemento de aprobación do Plan galego de ordenación da pesca continental

1. A elaboración e a tramitación do Plan galego de ordenación da pesca continental corresponden á consellaría competente en materia de pesca continental.

2. O documento de inicio do Plan galego someterase ao trámite de consulta pública previa previsto na normativa reguladora do procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral.

3. Con carácter previo á súa aprobación, a proposta do Plan galego someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública, e oirase así mesmo o Consello Galego de Pesca Continental. Igualmente, solicitarase un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, ás administracións hidráulicas competentes, nos termos previstos no artigo 25.4 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e mais a calquera outra administración afectada. Este informe deberano emitir no prazo máximo de vinte días, agás unha disposición en contrario que fixe un prazo distinto.

4. A aprobación do Plan galego de ordenación da pesca continental efectuarase mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de pesca continental.

Sección 3ª. Plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas

Artigo 55. Plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas

1. Os plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas teñen como obxectivos avaliar o estado do medio acuático e das poboacións piscícolas, regular o seu aproveitamento para unha óptima xestión dos recursos e adoptar as medidas de fomento e de protección da fauna piscícola e do ecosistema acuático en xeral.

2. Os plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas aplicaranse á totalidade dunha bacía ou subbacía hidrográfica ou a unha parte destas comprendida entre os nacementos dos ríos e unha barreira natural ou artificial que impida o movemento natural das poboacións piscícolas.

3. Os plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas poñeranse en relación e coordinaranse cos plans de ordenación dos recursos naturais naqueles espazos que dispoñan deste instrumento de planificación.

Artigo 56. Contido e vixencia dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas

1. Os plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas terán, como mínimo, o seguinte contido:

a) o ámbito territorial de aplicación

b) o estado de conservación

c) as actuacións de fomento e protección dos recursos piscícolas

d) o inventario piscícola e o seguimento da evolución das poboacións

e) as directrices de xestión do recurso

f) o período de vixencia.

2. O período de vixencia de cada plan será o especificamente previsto nel, sen prexuízo da súa posible revisión anticipada cando así o requiran as circunstancias concorrentes.

Artigo 57. Procedemento de aprobación dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas

1. A elaboración e a tramitación dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas corresponden á consellaría competente en materia de pesca continental.

2. O documento de inicio do Plan técnico de xestión dos recursos piscícolas someterase ao trámite de consulta pública previa previsto na normativa reguladora do procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral.

3. Con carácter previo á súa aprobación, a proposta do Plan técnico de xestión dos recursos piscícolas someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública, e oiranse así mesmo o Consello Provincial de Pesca Continental respectivo e o Consello Galego de Pesca Continental. Igualmente, solicitarase un informe preceptivo a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, ás administracións hidráulicas competentes, nos termos previstos no artigo 25.4 do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e mais a calquera outra administración afectada. Este informe deberano emitir no prazo máximo de vinte días, agás unha disposición en contrario que fixe un prazo distinto.

4. A aprobación dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas efectuarase mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de pesca continental.

Sección 4ª. Orde anual de pesca continental

Artigo 58. Orde anual de pesca continental

1. Por medio da orde anual de pesca continental, a consellaría competente en materia de pesca continental establecerá, para cada tempada, as normas específicas de pesca das distintas especies pescables que habitan as augas continentais de Galicia, adoptará os réximes especiais que se coiden pertinentes en determinados tramos de auga e aprobará as modificacións e as revisións dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas que sexan necesarias.

2. As normas específicas de pesca fixarán as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura, os cebos e as modalidades de pesca para cada especie en todas as augas continentais da comunidade autónoma, sen prexuízo do disposto nas normas específicas para cada tramo de auga.

TÍTULO III

Conservación e fomento da riqueza piscícola

CAPÍTULO I

Conservación da poboación piscícola

Artigo 59. Restricións aos aproveitamentos piscícolas

1. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá establecer restricións aos aproveitamentos piscícolas que inclúan as medidas excepcionais e os réximes especiais que coide pertinentes para a adecuada conservación da poboación piscícola.

2. No caso de extremo empobrecemento dos recursos vivos das augas ou cando circunstancias excepcionais o aconsellen, a consellaría competente en materia de pesca continental, oído previamente o Consello Galego de Pesca Continental, poderá acordar as medidas que coide pertinentes, mesmo a veda absoluta naqueles tramos de auga que sexa necesario ou, se é o caso, a pesca sen morte como única modalidade de pesca autorizada.

3. Sempre e cando nun tramo de auga existan varias especies e algunha delas estea vedada, a veda estenderase nese tramo a todas as especies que se capturen coa mesma modalidade ou cebo, agás que haxa unha autorización expresa da consellaría competente en materia de pesca continental, publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 60. Desovadoiros

1. Prohíbese calquera alteración dos desovadoiros, salvo as que realice a propia consellaría ou autorice coa finalidade de os protexer, conservar e mellorar, dentro do necesario respecto ás competencias estatais.

2. Cando a consellaría competente en materia de pesca continental considere que o baño ou outras actividades poidan supoñer a deterioración do desovadoiro, esta poderá adoptar as medidas precisas para a súa protección e conservación, sinalizando para tal efecto as respectivas zonas onde se prohiban estas actividades.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental catalogará nos inventarios piscícolas regulados no artigo 56 desta lei os desovadoiros, co obxecto de os protexer, conservar e mellorar.

CAPÍTULO II

Fomento das poboacións ictícolas

Artigo 61. Soltas

1. As soltas terán por obxecto atender a demanda de pesca, con miras á captura inmediata ou nun curto espazo de tempo dos exemplares liberados.

2. Soamente poderán realizar as soltas de especies piscícolas nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia a consellaría competente en materia de pesca continental ou calquera persoa física ou xurídica expresamente autorizada por esta.

3. A autorización que se expida acompañarase dun plan de prescricións técnicas no que se establecerán as condicións con que se executará a solta, o cal deberá, en calquera caso, realizarse baixo a supervisión e a dirección técnica da consellaría competente en materia de pesca continental.

4. As soltas realizaranse con especies autóctonas e con exemplares nados en liberdade ou procedentes de centros ictioxénicos dependentes da consellaría competente en materia de pesca continental e obtidos de reprodutores capturados na mesma bacía hidrográfica en que se vai realizar a solta ou, no seu defecto, con ecotipos da maior similitude xenética posible.

Cando a solta se realice en establecementos privados de pesca en réxime intensivo que non teñan comunicación con ningún leito, tamén se poderán empregar outras especies nas condicións establecidas pola normativa estatal vixente na materia.

5. Redactarase unha acta de cada unha das soltas efectuadas, da que se determinará regulamentariamente o seu contido.

Artigo 62. Repoboacións piscícolas

1. Soamente poderá realizar as repoboacións piscícolas nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia a consellaría competente en materia de pesca continental.

Excepcionalmente, no caso de estudos ou de investigacións científicas que requiran a realización de repoboacións piscícolas, a consellaría competente en materia de pesca continental, tendo en vista os obxectivos de cada proxecto de investigación e o informe da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de pesca continental, poderá conceder as autorizacións especiais para realizar a repoboación, a cal se executará, en todo caso, baixo a supervisión e a dirección técnica da consellaría competente en materia de pesca continental.

2. As repoboacións piscícolas realizaranse con especies autóctonas e con exemplares nados en liberdade ou procedentes de centros ictioxénicos dependentes da consellaría competente en materia de pesca continental e obtidos de reprodutores capturados na mesma bacía hidrográfica en que se vai realizar a repoboación ou, no seu defecto, con ecotipos da maior similitude xenética posible.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental elaborará unha planificación das repoboacións, na que se fixarán os tramos de río que se van repoboar, as especies, os tamaños e o número de exemplares para soltar en cada caso, os métodos, as técnicas, as épocas, as condicións ou as formas de executar as repoboacións piscícolas.

4. Non poderán repoboarse aqueles tramos de auga nos cales habiten poboacións piscícolas de interese polas súas peculiaridades biolóxicas ou xenéticas, así como aqueles tramos de auga nos cales exista algún réxime de protección especial, excepto por razóns de defensa das poboacións, debidamente xustificadas.

5. Redactarase unha acta de cada unha das repoboacións efectuadas, da que se determinará regulamentariamente o seu contido.

Artigo 63. Centros ictioxénicos

1. Decláranse de interese xeral os centros ictioxénicos para o fomento da recuperación e a conservación das poboacións piscícolas salvaxes e do medio en que se desenvolven.

2. Os centros ictioxénicos dependentes da Administración autonómica xestionaraos a consellaría competente en materia de pesca continental.

3. A consellaría competente en materia de pesca continental promoverá as estacións de captura, os desovadoiros artificiais, as canles de crianza, os laboratorios ictioxénicos e outro tipo de infraestruturas que sirvan para a recuperación e a conservación das poboacións piscícolas salvaxes e do medio en que se desenvolvan, especialmente aquelas infraestruturas situadas nos ríos onde existan posibilidades de recuperar as poboacións anádromas ou catádromas.

TÍTULO IV

Pesca profesional en augas continentais

Artigo 64. Pesca profesional en augas continentais

1. O exercicio da pesca profesional en augas continentais requirirá estar en posesión do correspondente título habilitante que se determine regulamentariamente.

2. Poderán ser obxecto da pesca profesional en augas continentais a lamprea, a anguía e as especies de esteiro recollidas no anexo II.

TÍTULO V

Pesca continental de carácter etnográfico

Artigo 65. Pesca continental de carácter etnográfico

1. A pesca continental de carácter etnográfico gozará dunha especial protección administrativa polo seu especial interese socioeconómico e cultural.

Sen prexuízo do establecido no artigo 65 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a consellaría competente en materia de pesca continental poderá permitir o emprego de determinadas técnicas tradicionais de pesca continental de carácter etnográfico que se achen en previsible risco de desaparecer e sobre determinadas especies piscícolas, co obxectivo último de garantir a súa transmisión, promoción e posta en valor.

2. As condicións especiais que rexerán a práctica da pesca continental de carácter etnográfico, así como o título habilitante, as artes, os modelos e as técnicas necesarias para o seu desenvolvemento, determinaranse regulamentariamente.

3. Unicamente poderán ser obxecto da pesca continental de carácter etnográfico a lamprea e a anguía.

4. Permítese a pesca nocturna da lamprea unicamente naqueles lugares onde o permita expresamente a consellaría competente en materia de pesca continental.

TÍTULO VI

Inspección e réxime sancionador

CAPÍTULO I

Inspección

Artigo 66. Persoal con funcións inspectoras

1. A inspección do cumprimento do disposto nesta lei e na normativa que a desenvolva será desempeñada polo persoal funcionario con funcións inspectoras dependente da consellaría competente en materia de pesca continental, sen prexuízo das funcións que, conforme a normativa aplicable, sexan desempeñadas por outro persoal.

2. O persoal funcionario con funcións inspectoras dependente da consellaría competente en materia de pesca continental terá a condición de axente da autoridade para os efectos do previsto no artigo 77.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 67. Facultades do persoal con funcións inspectoras

O persoal dependente da consellaría competente en materia de pesca continental indicado no artigo 66 está facultado no exercicio das súas funcións inspectoras para:

a) Acceder ás propiedades privadas, sempre que non constitúan o domicilio, ou aos restantes lugares cuxo acceso requira o consentimento da persoa titular ou unha autorización xudicial, para levar a cabo as tarefas de inspección.

Para o exercicio desta facultade non se precisará notificación previa da inspección.

b) Efectuar as notificacións e realizar os requirimentos de información e documentación ou de actuacións concretas.

c) Proceder á toma de mostras.

d) Proceder á toma de fotografías ou doutro tipo de imaxes gráficas, sen prexuízo do disposto na normativa vixente sobre o segredo industrial e a protección de datos de carácter persoal.

e) Realizar calquera outra actuación tendente a investigar os feitos que puideren constituír unha infracción administrativa conforme o disposto nesta lei.

f) Proceder ao comiso dos medios empregados para cometer as infraccións ou dos produtos ou exemplares obxecto destas.

Artigo 68. Deberes no exercicio das funcións inspectoras

O persoal con funcións inspectoras, dependente da consellaría competente en materia de pesca continental, durante o seu desenvolvemento está obrigado a:

a) identificarse e acreditarse como tal mediante unha tarxeta acreditativa ou similar

b) observar o respecto e a consideración debidos ás persoas interesadas

c) informar as persoas interesadas dos seus dereitos e deberes en relación cos feitos obxecto da inspección

d) obter toda a información necesaria dos feitos obxecto de inspección e das súas posibles persoas responsables, mediante o acceso, se é o caso e conforme as disposicións aplicables, aos rexistros públicos existentes

e) gardar o sixilo profesional e o segredo respecto dos asuntos que coñeza no desempeño das súas funcións.

Artigo 69. Actuación inspectora

1. A actuación de inspección iniciarase de oficio, por acordo do órgano de dirección competente en materia de pesca continental, ben por propia iniciativa, ben como consecuencia dunha orde superior, por pedimento razoado doutros órganos ou por unha denuncia.

2. Nas actas emitidas no desenvolvemento das funcións de inspección faranse constar, como mínimo, os seguintes extremos: a data, a hora e o lugar da realización da inspección; a identificación e a sinatura do persoal actuante; a identificación da persoa ou entidade inspeccionada ou das persoas coas que se entendan as actuacións; a descrición dos feitos constatados; os datos da toma de mostra, se é o caso. As actas poderanse acompañar de informes aclaratorios ou complementarios.

3. Tras se formalizar a acta, entregaráselle unha copia á persoa inspeccionada ou á persoa coa que se entendan as actuacións, quen asinará a súa recepción. Cando a parte inspeccionada ou a persoa coa que se entendan as actuacións se negue a subscribir a acta ou se negue a recibir un exemplar do documento, faranse constar estas circunstancias.

En ausencia de persoas coas que se poidan entender as actuacións, redactarase a acta e farase constar expresamente este extremo.

No caso de non resultar posible redactar a acta no momento da inspección, remitiráselle un exemplar á persoa inspeccionada no prazo de tres días, contados desde o día seguinte ao da realización da inspección.

A sinatura da acta pola parte inspeccionada non implicará aceptar o seu contido, e a negativa a asinala non supoñerá, en ningún caso, a paralización ou o arquivamento das posibles actuacións motivadas pola actividade inspectora.

4. As actas emitidas polo persoal con funcións inspectoras e os informes aclaratorios ou complementarios dos que se acompañen, de ser o caso, nos cales observándose os requisitos legais correspondentes se recollan os feitos constatados por aquel, farán proba destes, agás que se acredite o contrario.

Artigo 70. Vixilantes privados de pesca fluvial

1. Os vixilantes privados de pesca fluvial debidamente habilitados conforme a súa normativa específica poderán prestar a súa colaboración coa finalidade de reforzar o cumprimento das medidas previstas nesta lei en relación coa vixilancia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats.

2. Os requisitos e as funcións destes vixilantes determinaranse regulamentariamente. En todo caso, colaborarán co persoal con funcións inspectoras a que se refire o artigo 66, así como con calquera outro corpo ou coas forzas de seguridade autonómicas ou do Estado.

CAPÍTULO II

Infraccións e sancións

Sección 1ª. Infraccións

Artigo 71. Infraccións

1. Constitúen infraccións administrativas en materia de pesca continental as accións ou as omisións tipificadas nos artigos seguintes, sen prexuízo da responsabilidade exixible na vía penal, civil ou doutra orde en que poidan incorrer.

2. Para os efectos desta lei, as infraccións cualifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 72. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) Pescar sendo a persoa titular dunha licenza de pesca continental válida, cando non se leve consigo esta licenza ou non se poida acreditar a identidade ou o cumprimento dos requisitos exixidos para o exercicio da pesca continental.

b) Pescar con máis canas das permitidas ou con utensilios auxiliares non permitidos regulamentariamente.

c) Empregar para a pesca embarcacións ou artefactos flotantes legais cando non se dispoña da licenza especial expedida pola consellaría competente en materia de pesca continental.

d) Utilizar, para extraer ou sacar da auga salmóns ou reos legalmente pescados, ganchos ou outros elementos punxentes que produzan feridas nos peixes.

e) Pescar cangrexos con artes non permitidas ou empregando á vez cada pescador máis trueiros, redefoles ou arañas dos que determine a consellaría competente en materia de pesca continental.

f) Pescar á man.

g) Remover ou perturbar as augas con ánimo de espantar os peixes e facilitar a súa captura.

h) Empregar cebos de uso non permitido ou cebar as augas con fins de pesca, excepto nas zonas en que isto fose permitido pola consellaría competente en materia de pesca continental.

i) Non restituír de inmediato ás augas os pintos de salmón capturados, estean ou non con vida, ou calquera peixe que non fose capturado pola simple mordedura do cebo, senón da trabada do anzol en calquera parte do corpo deste.

j) Empregar para a pesca de lampreas máis nasas das permitidas por unha persoa pescadora.

k) Pescar entorpecendo ou molestando outras persoas pescadoras cando estean previamente pescando.

l) Deixar transcorrer o tempo que regulamentariamente se estableza sen ceder o seu posto ou pozo a unha persoa pescadora de salmón que o requirise para facelo, se transcorrido o devandito prazo non se trabase un exemplar.

m) Bañarse ou desenvolver calquera outra actividade que poida supoñer a deterioración dun desovadoiro cando exista sinalización que o prohiba, de conformidade co previsto no artigo 60.

n) Non respectar as limitacións de número, peso ou tamaño fixadas pola consellaría competente en materia de pesca continental para as capturas, ou as prescricións especiais en materia de cebos, canas ou horarios, entre outras, ditadas por aquela para determinados tramos de auga.

ñ) Negarse a mostrar o contido dos cestos, os bornais ou os recipientes, así como os aparellos empregados para a pesca, cando sexa requirido polo persoal inspector competente.

o) Descompoñer os fondos ou os leitos dos ríos sen afectar as zonas de cría e a reprodución da fauna acuícola.

p) A tenza ou o transporte de especies pescables de tamaño menor ao regulamentariamente establecido.

q) Obstaculizar o paso que, nos termos da normativa en materia de augas, as persoas pescadoras poidan realizar pola zona de servidume para uso público.

r) Colocar nas presas táboas ou outros materiais co propósito de alterar o nivel das augas ou o caudal do río, agás que a actuación resulte conforme e cumpra as exixencias da normativa en materia de augas.

s) Derrubar, danar ou cambiar de lugar os carteis de tramos de pesca acoutada, zonas vedadas á pesca, zonas de baño, desovadoiros e outros sinais colocados consonte o disposto no artigo 37.3.

t) Pescar en día inhábil, dentro do período de pesca hábil establecido pola consellaría competente en materia de pesca continental.

u) Calquera outro incumprimento dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas nesta lei, sempre que non estean cualificadas como infracción grave ou moi grave.

Artigo 73. Infraccións graves

1. Son infraccións graves:

a) Pescar non sendo a persoa titular dunha licenza de pesca continental en vigor, cando sexa un requisito necesario.

b) Pescar en coutos de pesca sen ser a persoa titular do permiso de pesca.

c) Pescar no interior das escalas ou dos pasos de peixes.

d) Practicar a pesca con redes ou artefactos de malla en augas continentais sen estar en posesión da correspondente autorización concedida pola consellaría competente en materia de pesca continental.

e) Pescar con redes tanto nas zonas de desembocadura sinaladas no anexo I dos ríos de salmóns ou de reos coma nos lugares de paso destas especies nas épocas prohibidas pola antedita consellaría ou pola consellaría competente en materia do mar.

f) Pescar utilizando os artefactos ou os instrumentos de uso prohibido que se refiren no artigo 35, cando non constitúa unha infracción moi grave.

g) Pescar con cana ou outras artes permitidas en zonas ou lugares vedados ou onde estea prohibido facelo.

h) Pescar con cana en ríos de salmóns salvaxes e de reos de xeito que a persoa pescadora ou o cebo se sitúen a menos da distancia que se estableza regulamentariamente respecto do pé dos encoros, ou das entradas e saídas das escalas ou dos pasos, ou nas canles de derivación de auga de instalacións legalmente autorizadas ou de rega.

i) Pescar con cana ou outras artes permitidas en época de veda.

j) Pescar facendo uso de luces que faciliten a captura das especies, agás para a pesca da lamprea, de conformidade co disposto no artigo 35.4.

k) Pescar utilizando peixes vivos ou mortos, enteiros ou en anacos, como cebo.

l) Destruír ou alterar os desovadoiros.

m) Pescar exemplares por parte dunha persoa non autorizada nas estacións da captura ou nas canles de cría.

n) A formación de entullos en lugares que pola súa proximidade ás augas ou aos leitos sexan susceptibles de ser arrastrados por aquelas ou levados pola choiva, agás que a actuación resulte conforme e cumpra as exixencias da normativa en materia de augas.

ñ) Construír barreiras de pedras ou outros materiais, estacadas, cercados, atallos, caneiras, canizos ou pesqueiras con fins directos ou indirectos de pesca, así como colocar nos ríos artefactos destinados para este fin, agás os autorizados pola consellaría competente en materia de pesca continental ou pola Administración hidráulica competente.

o) Non cumprir as condicións fixadas pola consellaría competente en materia de pesca continental para a defensa, a conservación ou o fomento da riqueza piscícola, cando aquelas fosen determinadas mediante unha resolución administrativa firme.

p) A tenza, o transporte e o almacenamento de salmóns ou de reos sen a documentación que acredite a súa orixe legal.

q) A pesca de salmóns ou de reos durante o seu descenso ao mar unha vez realizada a desova, ou a tenza ou o transporte de salmóns ou de reos pescados dese modo.

r) Pescar durante a migración do salmón e do reo nas entradas dos ríos ou nas zonas de paso destes.

s) Facer un seguimento dos desprazamentos de salmóns ou de reos por calquera sistema, ou instalar medios que os detecten, salvo cando se conte con autorización expresa da consellaría competente en materia de pesca continental.

t) A pesca en pozas illadas polo descenso do caudal dos leitos.

u) Pescar por parte dunha persoa inhabilitada para iso por unha resolución administrativa firme.

v) Pescar durante as horas en que estea prohibido facelo conforme o horario establecido pola consellaría competente en materia de pesca continental.

w) Descompoñer os fondos ou os leitos dos ríos coa afección das zonas de cría e de reprodución da fauna acuícola.

x) Entorpecer o bo funcionamento das escalas ou dos pasos de peixes.

y) Pescar nas augas non pescables definidas nesta lei.

z) A pesca ou a tenza nos tramos de auga ou nas súas inmediacións exemplares de especies non pescables, coa excepción do previsto no artigo 33 para as especies exóticas invasoras, e sempre que a conduta non constitúa unha infracción moi grave.

aa) Devolver ás augas exemplares de especies exóticas invasoras cando estea prohibido.

ab) Impedirlle ao persoal inspector competente o acceso ás augas de pesca de aproveitamento privado.

ac) Realizar verteduras de augas ou de produtos residuais que incumpran os valores de referencia de obrigado cumprimento para garantir a protección dos salmónidos na súa área de distribución natural en Galicia que se determinen regulamentariamente, nos termos previstos no artigo 12.4.

ad) Non instalar nin conservar en bo estado as reixas instaladas ou os outros dispositivos de protección a que alude o artigo 12.2 con fins de protexer a riqueza piscícola, cando disto derive o non-cumprimento da súa función, ou quitar os precintos colocados nelas pola consellaría competente en materia de pesca continental.

ae) A comisión dunha infracción leve cando nun prazo inferior ao prazo previsto nesta lei para a prescrición de tales infraccións se cometese outra infracción leve e así o tivese declarado unha resolución firme na vía administrativa.

af) A desobediencia ás ordes ou aos requirimentos do persoal inspector dependente da consellaría competente en materia de pesca continental no exercicio das súas funcións reguladas por esta lei, así como a obstaculización do dito exercicio.

ag) Obstaculizarlle a inspección de barcas, vehículos, muíños, fábricas, lonxas e demais dependencias non destinadas a vivendas ou dos restantes lugares cuxo acceso requira do consentimento da persoa titular ou unha autorización xudicial ao persoal inspector competente, cando se sospeite fundadamente da existencia de medios ou substancias prohibidas ou de especies das que polo seu tamaño, época ou calquera outra circunstancia estea prohibida a súa posesión.

ah) Alterar de modo apreciable o nivel das augas ou do caudal do río, cando poidan derivar danos para as especies piscícolas, agás que a actuación resulte conforme e cumpra as exixencias da normativa en materia de augas.

2. As infraccións administrativas graves tipificadas nas alíneas a), b), d), e), f), j) e k) sancionaranse de conformidade co previsto no artigo 81.1.b) da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Artigo 74. Infraccións moi graves

1. Son infraccións moi graves:

a) Cometer os tipos infractores previstos no artigo 73, alíneas a), b), d), e), f), j) e k), de a valoración económica dos danos superar os douscentos mil euros.

b) Pescar especies ameazadas sen que se devolvan ás augas de xeito inmediato.

c) Realizar verteduras ilegais de residuos perigosos para a fauna acuícola.

d) Repoboar ou soltar nas augas continentais especies acuícolas sen a autorización da consellaría competente en materia de pesca continental.

e) Deteriorar, inutilizar, destruír, instalar ou trasladar, sen autorización da consellaría competente en materia de pesca continental, os aparellos de incubación artificial que estean instalados nas augas continentais, os desovadoiros, as estacións de captura, as canles de crianza, os laboratorios ictioxénicos ou outras instalacións análogas.

f) Comercializar calquera especie piscícola procedente da pesca deportiva ou recreativa exercida nas augas continentais de Galicia.

g) Cometer unha infracción grave cando nun prazo inferior ao prazo previsto nesta lei para a prescrición de tales infraccións se cometese outra infracción grave e así se tivese declarado por unha resolución firme na vía administrativa.

2. As infraccións administrativas moi graves tipificadas na alínea a) sancionaranse de conformidade co previsto no artigo 81.1.c) da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Sección 2ª. Sancións

Artigo 75. Sancións

As infraccións tipificadas nesta lei sancionaranse coas seguintes multas:

a) Infraccións leves: multa de 100 a 3.000 euros.

b) Infraccións graves: multa de 3.001 a 25.000 euros.

No caso das infraccións tipificadas no artigo 73, alíneas c), d), e), f), k), l), m), n), ñ), o), p), q) r), s), t), v), w) e ac), o importe da multa non será inferior a seis mil cincocentos euros.

c) Infraccións moi graves: multa de 25.001 a 150.000 euros.

Artigo 76. Sancións accesorias

1. Pola comisión das infraccións leves poderanse impoñer tamén como sancións accesorias a retirada da licenza de pesca continental e a inhabilitación para a obter durante un período de ata un ano.

2. Pola comisión das infraccións graves poderanse impoñer tamén como sancións accesorias a retirada da licenza de pesca continental e a inhabilitación para a obter durante un período de entre un ano e un día e tres anos.

No suposto das infraccións graves previstas no artigo 73, alíneas c), d), e), k), l), m), p), r), t), y) e aa), impoñerase, en todo caso, a sanción accesoria de retirada da licenza e a inhabilitación para a obter dentro do período sinalado con anterioridade.

3. Pola comisión de infraccións moi graves impoñerase como sanción accesoria a retirada da licenza de pesca continental e a inhabilitación para a obter durante un período de entre tres anos e un día e dez anos.

4. Ademais da multa correspondente, poderase proceder ao comiso nos supostos e nas condicións establecidas no artigo 87.

5. Cando se cometan infraccións graves ou moi graves, poderanse impoñer tamén as seguintes sancións accesorias:

a) A suspensión do dereito a obter subvencións ou axudas públicas da Administración autonómica de Galicia por un prazo de entre dous anos e un día e tres anos para as infraccións moi graves e de ata dous anos para as infraccións graves.

b) A revogación das licenzas, dos permisos, das autorizacións ou das concesións outorgadas en aplicación desta lei cuxas condicións fosen incumpridas ou a suspensión destas por un prazo de entre dous anos e un día e tres anos para as infraccións moi graves e de ata dous anos para as infraccións graves.

c) O pechamento dos establecementos, dos locais ou das instalacións.

Artigo 77. Criterios para a gradación das sancións

1. Na imposición das sancións deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, tendo en conta non só os criterios recollidos no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, senón tamén os seguintes: a magnitude do risco que supón a conduta infractora e a súa repercusión; a contía, se é o caso, dos danos ocasionados; a súa transcendencia polo que respecta á seguridade das persoas ou dos bens protexidos por esta lei; as circunstancias da persoa responsable; o grao de intencionalidade apreciable na persoa infractora ou nas persoas infractoras, e, de ser o caso, o beneficio ilicitamente obtido como consecuencia da conduta infractora, así como a irreversibilidade dos danos ou das deterioracións producidas.

2. Cando da comisión dunha infracción derive necesariamente a comisión doutra ou doutras, impoñerase unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

3. Evitarase que o beneficio obtido pola persoa infractora sexa superior ao importe da sanción, para cuxos efectos poderá incrementarse a contía máxima das multas prevista no artigo 75 ata alcanzar o importe do beneficio obtido.

4. A reposición da legalidade mediante a restauración do medio natural ao estado previo ao feito de se producir a infracción ou ben a obtención das licenzas, dos permisos ou das autorizacións previstas nesta lei, efectuadas en calquera momento anterior á finalización do procedemento administrativo sancionador, determinarán a aplicación á persoa interesada das sancións de multa previstas para os tipos infractores de gravidade inmediatamente inferior.

Sección 3ª. Reparación do dano causado e indemnización

Artigo 78. Reparación do dano causado e indemnización

1. Sen prexuízo das sancións administrativas que en cada caso procedan por incumprimento do disposto nesta lei, a persoa infractora deberá reparar o dano causado na forma e nas condicións establecidas na Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental. Esta reparación comprenderá a obriga de repoñer a situación alterada ao seu estado anterior ou, no seu defecto, de indemnizar os danos e as perdas causados á riqueza ictícola ou ao medio que a sustenta, nos termos establecidos regulamentariamente. O importe das indemnizacións deberase destinar a melloras para paliar os danos ocasionados á riqueza piscícola ou ao tramo de auga.

O órgano competente procederá á valoración en cada caso dos danos e das perdas causados pola infracción, tendo en conta o potencial produtivo do tramo de auga, así como, se é o caso, o número, a especie, o peso e a lonxitude dos peixes mortos.

2. A consellaría competente en materia de pesca continental poderá proceder á execución subsidiaria das obrigas descritas na alínea anterior á custa da persoa responsable, logo do apercibimento e unha vez transcorrido o prazo establecido para a súa execución voluntaria. Non será necesario o apercibimento previo cando da persistencia da situación poida derivar un perigo inminente para a saúde humana ou o ambiente.

3. A exixencia de repoñer a situación alterada ao seu estado anterior comprende a obriga da persoa infractora de destruír ou demoler toda clase de instalacións ou obras ilegais e de executar cantos traballos sexan precisos para tal fin, conforme os planos, a forma e as condicións que estableza o órgano competente.

4. A obriga de reparar o dano causado non ten a consideración de sanción e poderá exixirse nun procedemento administrativo independente do sancionador.

5. De conformidade co artigo 90.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando as condutas sancionadas causasen danos ou perdas ás administracións e a contía destinada a indemnizar estes danos non quedase determinada no expediente, a indemnización fixarase mediante un procedemento complementario, cuxa resolución será inmediatamente executiva. Este procedemento será susceptible de terminación convencional, pero nin esta nin a aceptación pola persoa infractora da resolución que lle puider recaer implicarán o recoñecemento voluntario da súa responsabilidade. A resolución do procedemento poñerá fin á vía administrativa.

CAPÍTULO III

Procedemento sancionador

Artigo 79. Principios xerais

1. A potestade sancionadora nas materias obxecto desta lei corresponderá á consellaría competente en materia de pesca continental e exercerase a través do correspondente procedemento sancionador, para o que serán aplicables as regras e os principios establecidos na lexislación sobre o procedemento administrativo común e sobre o réxime xurídico do sector público.

2. O prazo máximo para a tramitación e a resolución do procedemento sancionador será dun ano, que se contará desde a data do acordo de iniciación. Ao transcorrer o devandito prazo sen que se ditase e notificase a resolución producirase a caducidade do procedemento conforme o previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

3. Será pública a acción para exixir ante a Administración autonómica a observancia do establecido nesta lei, nas disposicións que se diten para o seu desenvolvemento e execución e mais nos instrumentos de planificación previstos nela.

Para que poida darse a tramitación pertinente á acción pública exercida polas persoas particulares, estas deberán fundamentar suficientemente os feitos que presuntamente sexan constitutivos de infracción. No caso de que a administración considere que non existen elementos e probas abondas para a incoación dun procedemento administrativo sancionador, arquivarase o expediente e comunicaráselles ás persoas interesadas.

Artigo 80. Competencia sancionadora

1. A competencia para a incoación dos procedementos sancionadores polas infraccións tipificadas nesta lei corresponderalle á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de pesca continental.

De a infracción administrativa afectar o ámbito de actuación de dúas ou máis provincias, a competencia para a incoación poderá ser exercida por calquera das persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes, que o notificará á outra xefatura territorial afectada.

2. A competencia para a imposición das sancións a que se refire esta lei corresponderalles:

a) No suposto de infraccións leves, á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de pesca continental no caso de que a infracción afecte unha única provincia, ou á persoa titular da dirección xeral competente en materia de pesca continental no caso de que a infracción afecte máis dunha provincia.

b) No suposto de infraccións graves, á persoa titular da dirección xeral competente en materia de pesca continental.

c) No suposto de infraccións moi graves, á persoa titular da consellaría competente en materia de pesca continental.

Artigo 81. Persoas responsables

1. Só poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infracción administrativa as persoas físicas e xurídicas, así como, cando unha lei lles recoñeza a capacidade de obrar, os grupos de afectados, as unións e as entidades sen personalidade xurídica e mais os patrimonios independentes ou autónomos, que resulten responsables deles a título de dolo ou culpa.

Nos casos de infraccións administrativas cometidas por unha persoa menor de idade responderá solidariamente quen exerza a patria potestade, tutela, curatela, acollida ou garda legal ou de feito, por esta orde, a quen se lle dará trámite de audiencia no procedemento sancionador respectivo.

2. Cando o cumprimento dalgunha obriga prevista nesta lei corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán de forma solidaria das infraccións que, se é o caso, se cometan e das sancións que se impoñan. Non obstante, cando a sanción sexa pecuniaria e resulte posible, esta individualizarase na resolución en función do grao de participación de cada responsable.

Artigo 82. Concorrencia de sancións

Non poderán sancionarse os feitos que xa o fosen penal ou administrativamente, nos casos en que se aprecie identidade do suxeito, feito e fundamento.

Artigo 83. Medidas provisionais

1. Tras iniciarse o procedemento sancionador, o órgano administrativo competente para o resolver poderá adoptar, de oficio ou por instancia dunha parte e de forma motivada, as medidas provisionais que coide pertinentes para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso, consonte os principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade.

2. Antes da iniciación do procedemento administrativo, o órgano competente para iniciar ou instruír o procedemento, de oficio ou por instancia dunha das partes, nos casos de urxencia inaprazable e para a protección provisional dos intereses implicados, poderá adoptar de forma motivada as medidas provisionais que resulten necesarias e proporcionadas.

As medidas provisionais deberán ser confirmadas, modificadas ou redactadas no acordo de iniciación do procedemento, que deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á súa adopción, o cal poderá ser obxecto do recurso que proceda. En todo caso, esas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no devandito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca delas.

Artigo 84. Multas coercitivas

1. O órgano competente para o exercicio da potestade sancionadora procederá á imposición de multas coercitivas, que serán reiteradas por lapsos de tempo non inferiores a quince días, de as persoas infractoras non procederen á reparación do dano causado conforme o ordenado pola administración. Estas multas coercitivas serán independentes e compatibles coas que se poidan impoñer en concepto de sanción.

2. O importe de cada unha das multas coercitivas non excederá, en cada caso, os tres mil euros, sen que ademais a contía de cada unha delas poida superar o importe da sanción fixada pola infracción cometida.

3. A determinación da contía das multas coercitivas fixarase atendendo os seguintes criterios:

a) o atraso no cumprimento da obriga de reparar

b) a existencia de intencionalidade ou reiteración no incumprimento das súas obrigas

c) a natureza e a relevancia dos danos e das perdas causados.

4. No caso de falta de pagamento, as multas coercitivas serán exixibles pola vía de constrinximento.

Artigo 85. Recoñecemento da responsabilidade

1. Ao iniciarse un procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver o procedemento coa imposición da sanción que proceda.

2. Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou ben caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario, mais xustificouse a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario por parte da presunta persoa responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará o remate do procedemento, agás no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización polos danos e as perdas causados pola comisión da infracción.

3. En ambos os casos, cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará reducións de, polo menos, o vinte por cento sobre o importe da sanción proposta, que serán acumulables entre si. As citadas reducións deberán estar determinadas na notificación de iniciación do procedemento e a súa efectividade estará condicionada á desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso en vía administrativa contra a sanción.

A porcentaxe de redución prevista nesta alínea poderá ser incrementada regulamentariamente.

Artigo 86. Responsabilidade penal

Nos supostos en que as infraccións poidan ser constitutivas de delito, a administración instrutora trasladará as actuacións ao Ministerio Fiscal e suspenderá a tramitación do procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite unha resolución firme que poña fin ao procedemento ou teña lugar o sobresemento ou arquivamento das actuacións ou a devolución do expediente polo Ministerio Fiscal. A condena penal excluirá a imposición dunha sanción administrativa nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feitos e fundamentos. No caso de non se apreciar a existencia de delito, a administración poderá continuar o procedemento sancionador. Os feitos declarados probados por unha resolución penal firme vincularán o órgano administrativo.

Artigo 87. Comiso

1. Toda infracción administrativa prevista nesta lei poderá levar consigo o comiso dos medios empregados para a súa comisión ou dos produtos ou os exemplares obxecto dela.

2. O comiso como medida provisional das previstas no artigo 83 poderao efectuar tanto o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador coma o persoal con funcións inspectoras regulado nesta lei.

Cando este persoal acorde o comiso, deixarase constancia del por escrito na acta de inspección correspondente.

3. Cando o comiso teña por obxecto un animal vivo, o persoal actuante poderá proceder á súa liberación no medio natural cando considere que pode continuar con vida e sempre e cando se trate dunha especie autóctona.

Nos demais supostos, os comisos depositaranse en dependencias da Administración autonómica, sen prexuízo da posibilidade de realizar acordos de colaboración con outras administracións públicas para estes efectos. En todo caso, darase un recibo dos produtos comisados, no que se describirá o seu estado, e custodiarase ata que se acorde o seu destino.

4. O destino dos produtos comisados decidirase na resolución do procedemento sancionador, pola que se acorda a súa destrución, o alleamento ou a devolución aos seus donos en función das súas características e das circunstancias da infracción, sen prexuízo de que o órgano competente para a incoación do procedemento sancionador poida ordenar, logo da solicitude da persoa interesada, a súa devolución previa baixo a prestación da garantía que o dito órgano considere suficiente.

5. As contías económicas obtidas polo alleamento dos produtos comisados destinaranse á mellora da riqueza piscícola.

Artigo 88. Prescrición

1. As infraccións previstas nesta lei cualificadas como leves prescriben ao ano, as cualificadas como graves, aos tres anos, e as cualificadas como moi graves, aos cinco anos.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. No caso de seren as infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que rematou a conduta infractora.

Interrompe a prescrición das infraccións a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e reiniciarase o prazo de prescrición se o expediente sancionador estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á presunta persoa responsable.

2. As sancións impostas pola comisión de infraccións leves prescriben ao ano, as impostas por infraccións graves, aos tres anos, e as impostas por infraccións moi graves, aos cinco anos.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou se transcorrese o prazo para presentar un recurso contra ela.

Interrompe a prescrición das sancións a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e reiniciarase o prazo se aquel estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora. No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.

3. A obriga de reparar o dano causado regulada nesta lei prescribirá no prazo de quince anos, contados desde que a administración ditou o acto que acorde a súa imposición, independentemente da data de inicio do cómputo da prescrición da sanción, consonte o que establece a alínea 2 deste artigo. O anteriormente disposto entenderase sen prexuízo da aplicación da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental, para a reparación dos danos ambientais regulados nela.

Disposición adicional primeira. Prazos dos procedementos e sentido do silencio administrativo

1. Os procedementos previstos nesta lei e que non teñan fixado un prazo específico resolveranse no prazo máximo de dezaoito meses, contados segundo o previsto no artigo 21.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O silencio administrativo, no ámbito desta lei e para os casos en que non estean previstos expresamente os seus efectos, producirá os efectos desestimatorios da solicitude no caso de procedementos iniciados por instancia dunha parte.

Disposición adicional segunda. Competencias doutros órganos e administracións

As autorizacións e as concesións a que se refire esta lei outorgaranse, se é o caso, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos ou administracións no exercicio das súas respectivas competencias.

Disposición adicional terceira. Outorgamento da autorización de establecementos de acuicultura

O outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura corresponderá á consellaría competente en materia de acuicultura, que tramitará o correspondente procedemento consonte o previsto no capítulo II do título III do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, ou na norma que o substitúa.

Disposición adicional cuarta. Tramo internacional do río Miño

No que atinxe o tramo internacional do río Miño haberá que aterse ao disposto nos correspondentes instrumentos internacionais.

Disposición transitoria primeira. Procedementos administrativos en tramitación

1. De acordo co establecido no artigo 26 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os procedementos sancionadores que se atopen en tramitación na data de entrada en vigor desta lei continuarán a tramitarse conforme o establecido na lexislación vixente no momento en que se cometeu a infracción. As disposicións sancionadoras producirán un efecto retroactivo en canto favorezan a presunta persoa infractora ou a persoa infractora, tanto no referido á tipificación da infracción coma á sanción e aos seus prazos de prescrición, incluso verbo das sancións pendentes de cumprimento ao entrar en vigor esta lei.

2. Os restantes procedementos administrativos en tramitación na entrada en vigor desta lei tramitaranse pola normativa vixente ao se iniciar a súa tramitación.

3. Dentro do necesario respecto á normativa básica estatal, o disposto na alínea 3 do artigo 88 será aplicable ás obrigas de reparación dos danos pendentes de execución no momento da entrada en vigor desta lei que fosen impostas pola Administración autonómica en aplicación da normativa en materia de pesca continental.

Disposición transitoria segunda. Licenzas e permisos

As licenzas e os permisos de pesca expedidos con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán os seus efectos ata a fin do seu período de validez.

Disposición transitoria terceira. Desenvolvemento das escolas de río

Namentres non se desenvolva regulamentariamente o establecido no artigo 9.3, poderase prever a posta en marcha das escolas de río mediante a subscrición de convenios coa Federación Galega de Pesca e Cásting ou coas entidades colaboradoras previstas no artigo 7. Estes convenios recollerán os contidos dos programas formativos aplicables e o réxime de funcionamento destas escolas.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio aplicable aos pesos que conteñan chumbo

Os pesos que conteñan chumbo empregados na pesca nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia deberán substituírse por materiais non contaminantes cando estes estean dispoñibles no mercado. Para tal efecto, a prohibición do emprego destes pesos incluída no artigo 35.1.b) non será aplicable ata que por unha resolución ou, se procede, no desenvolvemento regulamentario desta lei se determinen os materiais análogos non contaminantes que substitúan os ditos pesos.

Disposición transitoria quinta. Órganos de asesoramento

O Comité Galego de Pesca Fluvial e os comités provinciais de pesca fluvial pasan a denominarse, respectivamente, «Consello Galego de Pesca Continental» e «consellos provinciais de pesca continental», sen que esta modificación das súas denominacións supoña ningún cambio nas funcións que teñen encomendadas.

Disposición transitoria sexta. Dispositivos de remonta para garantir as migracións periódicas de peixes

A obriga da instalación polas persoas titulares das autorizacións ou concesións de aproveitamento do dominio público hidráulico dos dispositivos de remonta ou outras alternativas que se poidan establecer para garantir as migracións periódicas dos peixes ao longo dos cursos fluviais que establece o artigo 12 só será exixible respecto das autorizacións ou das concesións que se outorguen con posterioridade á entrada en vigor desta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

2. O Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, permanecerá vixente no que non se opoña a esta lei, en canto non se aprobe a súa normativa de desenvolvemento.

3. Así mesmo, quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese un número 12 no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«12. As persoas menores de idade e as maiores de sesenta e cinco anos pola tramitación da licenza de pesca continental».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta a ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira terceira. Actualización dos importes das sancións

Mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia poderase proceder á actualización dos importes das sancións recollidas no artigo 75, que se realizará de conformidade coa normativa básica estatal en materia de desindexación.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

ANEXO I

Límites das zonas de desembocadura

1. Provincia da Coruña.

Río

Límite superior

Límite inferior

Anllóns

Canteira de Santa Mariña

Liña recta imaxinaria que une a punta Balarés coa punta Padrón

Baleo

Ponte do ferrocarril

Liña recta imaxinaria que une a punta Ladrido coa punta Descada ou Sartán

Baxoi

Ponte do ferrocarril

Liña recta imaxinaria que une a punta Bañobre coa punta dos Curbeiros de Miño

Belelle

Lugar de Subarreiros

Ponte do ferrocarril Ferrol-Pontedeume

Condomiñas

Ponte nova de Cedeira

Liña recta imaxinaria que une a punta do dique de Cedeira co cume do monte Burneira

Das Mestas

A Ponte Vella

Liña recta imaxinaria que une a punta do dique de Cedeira co cume do monte Burneira

Eume

Límite inferior do couto de Ombre

Liña recta imaxinaria que une a punta Madanela coa punta Sentroña

Forcadas

Ponte vella de Ferrerías

Liña recta imaxinaria que une a punta do dique de Cedeira co cume do monte Burneira

Grande

Límite inferior do couto de Ponte do Porto

Liña recta imaxinaria que une a punta Sandia coa punta Roda

Lambre

Límite inferior do couto de Lambre

Liña recta imaxinaria que une a punta dos Curbeiros de Miño coa punta Mauruxo

Mandeo

Ponte vella de Betanzos

Liña recta imaxinaria que une a punta dos Curbeiros de Miño coa punta Mauruxo

Mendo

Ponte nova de Betanzos

Liña recta imaxinaria que une a punta dos Curbeiros de Miño coa punta Mauruxo

Maior

Muíño de Lino

Liña recta imaxinaria que une a punta Ladrido coa punta Descada ou Sartán

Mera

Lugar de Castro-Areeira

Liña recta imaxinaria que une a punta Ladrido coa punta Descada ou Sartán

Mero

Cen metros augas abaixo da presa da Barcala

Liña recta imaxinaria que une a punta Fiaiteira co varadoiro de Oza

Sóñora

Muíños de Pedrachán

Liña recta imaxinaria que une a punta Requeixo coa punta Testal

Sor

Souto de Xancedo

Liña recta imaxinaria que une a punta do Castro coa punta do Santo

Tambre

Límite inferior do couto de Noia

Liña recta imaxinaria que une a punta Requeixo coa punta Testal

Tines

Límite inferior do couto de Outes

Liña recta imaxinaria que une a punta O Requeixo coa punta Testal

Xubia

Límite inferior do couto de Xubia

Ponte do ferrocarril Ferrol-Pontedeume

2. Provincia de Lugo.

Río

Límite superior

Límite inferior

Eo

Ponte do ferrocarril Ferrol-Xixón

Ponte dos Santos

Landro

Ponte Portachao

Liña recta imaxinaria que une a punta do peirao de Celeiro co illote A Insua

Masma

Ponte da Espiñeira na estrada nacional 462 entre os concellos de Foz e Barreiros

Liña recta imaxinaria que une a punta Prados coa punta da crebaondas de Foz

Ouro

Ponte vella de Fazouro

Ponte do ferrocarril Ferrol-Xixón

3. Provincia de Pontevedra.

Río

Límite superior

Límite inferior

Lérez

Ponte do ferrocarril Vigo-A Coruña en Monteporreiro

Liñas rectas imaxinarias que unen a punta Campelo co extremo distal do crebaondas da canle do río e este último coa punta Os Praceres

Miñor

Ponte da Xunqueira

Liña recta imaxinaria que une a punta da barra da praia Ladeira e a punta Lourido

Ulla

Ponte de Catoira

Liña recta imaxinaria que une a punta Seveira coa punta Rebordexo e a súa continuación, bordeando a illa de Cortegada, ata o faro do dique de Carril

Umia

Ponte Estacas, na estrada C-550

Liña recta imaxinaria que une a punta San Sadurniño coa punta Borrelo

Verdugo

Carballeira dos Franceses no lugar de Camboa, na marxe dereita, e O Cafexo, na marxe esquerda

Liña recta imaxinaria que une a punta Ulló coa punta Muxeira

4. Nos ríos en que non estea definida unha zona de desembocadura no mar, enténdese que esta chega ata a liña recta imaxinaria que une os puntos de intersección das dúas beiras do río coa costa nas mareas máis baixas, sen que a largura ou amplitude desta liña poida exceder en ningún caso dun quilómetro.

ANEXO II

Especies pescables

Constitúen especies pescables nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia as seguintes:

Nome científico

Nome común

Salmo salar

Salmón atlántico

Salmo trutta

Troita común-reo-troita de mar

Luciobarbus bocagei

Barbo común

Pseudochondrostoma duriense

Boga do Douro

Squalius carolitertii

Escalo

Tinca tinca

Tenca

Alosa fallax

Zamborca, sabella, lacha, tasca

Anguilla anguilla

Anguía europea

Petromyzon marinus

Lamprea mariña

Atherina boyeri

Piarda, pialla, bogón, pión, piobardo

Pomatochistus microps

Cabuxino

Platichthys flesus

Solla

Chelon labrosus

Corcón, taíña

Liza aurata

Lisa dourada, muxo de estrela

Liza ramada

Capitón, albur

Mugil cephalus

Muxe, cabezudo, corvo, limoso

Dicentrarchus labrax

Robalo, robaliza

Dicentrarchus puntactus

Robalo moteado

Cyprinus carpio

Carpa

Micropterus salmoides

Perca negra ou americana

Pacifastacus leniusculus

Cangrexo sinal

Procambarus clarkii

Cangrexo americano ou vermello